" />

O TSXG autoriza esixir o pasaporte COVID-19 aos acompañantes e visitas de pacientes ingresados nos hospitais galegos

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autoriza á Xunta implementar a medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición do pasaporte COVID-19 para o acceso aos hospitais públicos e privados da comunidade das visitas e acompañantes, maiores de 12 anos, dos doentes ingresados. A medida, que terá efecto desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e ata as 00.00 horas do 4 de decembro, cumpre, segundo os maxistrados, “a función de evitar contaxios e de minimizar os riscos”.

Os xuíces argumentan no auto que é “unha evidencia científica” que a transmisión da COVID-19 entre os vacinados é “moito menor á dos non vacinados”, polo que rexeitan que a exhibición do certificado de vacinación, recuperación ou proba negativa constitúa “un sacrificio desproporcionado” para os visitantes ou acompañantes dos enfermos. Os maxistrados consideran “xustificado”, debido á situación epidemiolóxica actual da comunidade, adoptar “medidas que permitan conciliar a posibilidade de que o paciente reciba visitas e estea acompañado coa necesidade de evitar contaxios”.

A Sala destaca no auto que a medida ten como obxectivo controlar o acceso de persoas a espazos pechados dos hospitais nos que se poden agrupar “factores que aumentan o risco de transmisión do virus”, pois neles “establécense contactos próximos e prolongados entre os doentes e os seus acompañantes e as visitas, en ocasións en habitacións compartidas con outras persoas ingresadas, mesmo coa posibilidade de pasar a noite”. Ademais, indica que nesas dependencias realízanse actividades nas que é necesaria a retirada da máscara ou existe dificultade para o seu uso correcto, á vez que salienta que a Xunta trata de “garantir a seguridade sanitaria” e de “diminuír o risco de contaxio neste tipo de establecementos”.

O tribunal tamén recalca que a orde limita a exhibición da documentación aos centros onde os pacientes están hospitalizados, pois “exclúe expresamente outros espazos como consultas hospitalarias ou servizos de urxencia, xa que neles non se produce unha estancia prolongada, co consecuente risco de transmisión do virus”.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG sinala que a “redución significativa dos contaxios” que persegue a orde da Xunta “alcanza maior significado cando se trata de protexer tanto aos doentes hospitalizados, que presentan unha especial vulnerabilidade, como ao persoal que presta o servizo de asistencia sanitaria e que desenvolve o seu traballo no interior dos hospitais”. Para autorizar a medida, o TSXG tamén tivo en conta que a Consellería de Sanidade ofrece unha alternativa ás persoas que non estean vacinadas, pois se lles permitirá o acceso se aceptan voluntariamente someterse a unha proba diagnóstica realizada no hospital. Contra a resolución do alto tribunal galego cabe interpoñer recurso.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo