Novas

O 75% dos deportistas que participarán nas ‘Special Olympics Galicia’ son de Lugo

O concelleiro de Deportes e Xuventude, Mauricio Repetto, presentaba este xoves no Concello de Lugo, os XXV Xogos Autonómicos de Baloncesto ‘Special Olympics Galicia’ para persoas con discapacidade intelectual, o edil destacou no encontro que “o deporte representa unha real importancia no desenvolvemento persoal e social dos individuos que o practican e un dos principais beneficios a ter en conta é aquel de índole psicolóxico, por eso é moi importante que sigamos a colaborar nestas iniciativas”.

Esta competición, que contará con preto de 75 deportistas, pertencentes a 7 asociacións de toda Galicia, dos que preto do 75% serán da provincia de Lugo. Os xogos celebraranse este sábado, 13 de novembro, no Polideportivo Municipal Casa do Deporte. A inauguración da proba terá lugar ás 11:15 horas, estando prevista a súa clausura para as 20:00 horas nas mesmas instalacións.

Sete asociacións de diferentes cidades galegas estarán representadas nesta 25ª edición, entre elas a anfitrioa de ASPNAIS, que participa con 11 atletas nas probas individuais. O colectivo PRODEME de Monforte conta co maior número de deportistas, 15 en total, mentres que  SAN VICENTE de Lugo, competirá con 12, ASPANANE de Viveiro, traerá a 8 deportistas, SAN FRANCISCO de Vigo participará con 9 e ASFAVAL e ASPANAS de O Barco e Ourense participàrán con 5 e 12 deportistas respectivamente.

Ao acto tamén asistiron o Deputado Provincial, Pablo Rivera; o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; un membro da xunta directiva de Aspnais, Ovidio Barreiro así como o deportista de Aspnais, Miguel Vázquez.

Na presentación, Mauricio Repetto agradeceu á organización deste evento “por permitirnos colaborar con estes xogos ‘Special Olympics’, que perseguen ofrecer un sistema de competición para tódalas asociacións de persoas con discapacidade intelectual que están a traballar ao longo de todo o ano nas diferentes modalidades deportivas pero que precisan dun aliciente para o adestramento e a superación diaria”.

Monforte acolle mañá a preestrea de ‘Live is Life’

O Presidente da Deputación de Lugo participará mañá xunto á Deputada de Réxime Interior, na preestrea da nova película do director lucense Dani de la Torre, Live is Life. A institución provincial colaborou coa rodaxe e produción da longametraxe cunha achega de 100.000€ dentro do seu compromiso de apoiar esta industria cultural e, ao mesmo tempo, promocionar o territorio e incentivar o turismo de calidade e sostible.

Os Cines Hollywood, de Monforte de Lemos, acollerán ás 20.00h a presentación en primicia do filme, que se estreará en 2022 nas salas nacionais. Na sesión participarán De la Torre xunto a parte do equipo artístico, como David Rodríguez e Javi Casellas, e técnico, ademais do produtor Toni Novella.

Tomé Roca destaca que “esta colaboración está enmarcada no compromiso do organismo provincial por promocionar e potenciar o noso territorio, a través dun proxecto que converte á provincia nun plató de rodaxe, sendo unha oportunidade para a proxección nacional e internacional da riqueza patrimonial e paisaxística coa que contamos”.

O mandatario provincial salientou o protagonismo da Ribeira Sacra en Live is Life: “trátase dun escaparate excepcional da provincia que atraerá a novos visitantes, impulsando o turismo lucense e os sector hostaleiro”.

O Concello manterá un encontro cos titulares de vaos de uso temporal

A área de Facenda Local do Concello de Lugo cuantificou xa o número de persoas que se puideron ver afectadas polos cambios realizados en 2020 na Ordenanza municipal no que ten que ver coa regulación do uso temporal dos vaos: 48 dun total de 4.026 que neste momento se atopan en vigor no municipio.

A concelleira da área económica convocará a vindeira semana ás persoas titulares destes permisos aos que a actualización da normativa lles supuxo un incremento da súa contía, co obxecto de manter un encontro para escoitar as súas demandas e buscar unha solución á súa situación. “Unha das directrices do Executivo Local é sempre reunirnos coa veciñanza para abordar todas aquelas cuestións que lles preocupen e tratar de conciliar as solucións”, sinalou a edil.

edil de Gobernanza incidiu en que a modificación aplicada na taxa por aproveitamentos especiais da vía pública atinguiu, fundamentalmente, á supresión das categorías fiscais das rúas, “en tanto o custo que ten para a Administración local prestar este servizo – facer o rebaixe da beirarrúa, instalar a placa, enviar o guindastre a retirar un turismo mal estacionado, etc – é o mesmo en calquera punto da cidade, xa sexa na rúa da Raíña ou na Piringalla”, sinalou como exemplo.

O PP tilda de “correctivo” a Alvarellos o anuncio da alcaldesa de compensar ás empresas afectadas pola suba dos vaos

O portavoz do Grupo Popular, Ramón Carballo, agradecía esta mañá o cambio de postura do goberno local explicando que “estamos satisfeitos porque, por fin, a alcaldesa ceda e admita o sablazo que lle deron aos comerciantes este ano coa taxa do vao”.

O popular interpreta o anuncio que fixo a alcaldesa de que “se vai compensar ás empresas afectadas como un correctivo á concelleira de economía, Paula Alvarellos, quen declarou publicamente que rexeitaba a fórmula que o PP propoñía para evitar este sobrecusto na taxa dos vaos”.

Os populares lembran que o 6 de outubro cando solicitaron a reunión da Mesa de Ordenanzas “o noso grupo xa puxo sobre a mesa a necesidade de modificar a ordenanza que regula as pasaxes comerciais”. “Ata o de agora só quedounos claro que a concelleira de economía non vai reunir a mesa de ordenanzas e que se parapeta nunha postura máis propia dun réxime ditatorial que dunha democracia. Por ese motivo e do mesmo xeito que a alcaldesa corrixe á súa concelleira, despois de montarse este batifondo, pedímoslle que interceda para que se convoque a Mesa de Ordenanzas e podamos compartir e debater as propostas que temos e que se rexistraron o pasado día 28 de outubro.

Ramón Carballo volve reiterar aos socios do bigobierno de Lugo que non se pechen en banda a escoitar as nosas achegas “xa lles advertimos de que se ía a montar batifondo cos vaos e aos feitos remitímonos, do mesmo xeito que está a suceder cos sobrecustos dos recibos do auga”. “Nós o ano pasado votamos en contra da modificación da ordenanza dos vaos e avisamos que traería consecuencias”.

O portavoz popular reproba que “PSOE e BNG estean á defensiva e que esta postura lévelles a minimizar calquera das súas meteduras de pata”. O PP insiste en que “á vista do fracaso da súa política fiscal urxe convocar a Mesa de Ordenanzas onde deberiamos alcalzar o maior número de consensos que beneficien á creación de emprego e ao tecido empresarial”.

Raquel Arias pedirá no Parlamento instar ao Goberno a realizar as obras da N-120

A deputada por Lugo no Parlamento de Galicia, Raquel Arias, pedirá en dita cámara que a Xunta inste ao Goberno do Estado a levar a cabo as obras nos carrís de adiantamento da N-120 e active a A-76. Deste xeito, a popular pretende que o Executivo estatal corrixa o “desentendemento reiterado” sobre as infraestruturas que son da súa titularidade e que afectan á Zona Sur da provincia e, por tanto, á vertebración de Lugo con Ourense, coa Meseta e incluso co norte de Portugal.

A distancia entre Monforte de Lemos e Ourense por dita nacional é de 46 quilómetros, pero a duración do traxecto é moi superior en tempo. Isto débese, explica a popular, a que entre Os Peares e a capitalidade hai unha liña continua que pode chegar a retrasar a duración da viaxe entre 20 e 25 minutos, superando así en horas de moito tráfico a hora de duración.

Os populares consideran que habilitar os carrís de adiantamento suporía evitar “a perda de competitividade e mesmo problemas demográficos, xa que a interrelación económica e laboral entre as dúas zonas é moi importante”. E é as queixas neste senso chegan tamén dos condutores de ambulancias, ao ser esta a vía que comunica a comarca de O Barco e a cidade.

Para Raquel Arias “isto non ten xustificación”. Por iso, pídelle tamén ao alcalde de Monforte de Lemos e presidente da Deputación, “e que ademais se declara amigo de Pedro Sánchez, que utilice esas influencias para que se faga dunha vez o carril da N- 120 e se retome a A-76”.

“Creo que temos que traballar xuntos. Non pode ser que menos de 40 quilómetros leven unha hora segundo o tráfico que haxa. Isto está a provocar que xente que podía vivir en Monforte elixa Ourense ou que empresas lles saia máis barato asentarse na cidade das Burgas por este motivo”, sentencia.

O Supremo ratifica a nulidade do ERE en Alcoa San Cibrao

A Sala do Social do Tribunal Supremo vén de desestimar o recurso de casación presentado por Alcoa no que alegaba contra a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de decretaba nulo o ERE que a multinacional do aluminio pretendía aplicar na fábrica de San Cibrao e que afectaría a máis de 500 traballadores da compañía.

Así, a sala do Supremo dáballe a razón ao TSXG e ratificaba a nulidade dos despedimentos nunha reunión dos maxistrados que tiña lugar o pasado mércores, 28 de outubro, para deliberar sobre o recurso que interpoñía o Grupo Alcoa Inespal contra a anulación deste Expediente de Regulación de Emprego.

Segundo o máximo tribunal, a sentenza do TSXG, recorrida pola compañía, non vulnerou o dereito á propiedade privada nin a liberdade de empresa, recoñecidos na Constitución. Así o alegaba a empresa que entendía que o tribunal galego obrigaba ao Grupo Alcoa Inespal a vender. O TS é claro, “non cabe entender” esa obriga na sentenza.

En efecto, como afirma a sentenza recorrida, “non se trata de que privemos á empresa demandada de vender ou non vender de maneira libre, senón de que, simplemente, a súa actuación nesa negociación con (unha) terceira empresa permite sospeitar a existencia dunha predeterminada decisión estratéxica que é a mesma sospeita que se nos aparece cando examinamos a negociación no plano laboral”.

Doutra banda, o Supremo di que lle chama a atención á sentenza recorrida as valoracións que o Grupo Alcoa Inespal formula no sentido de que o potencial comprador calcula mal “os custos da enerxía”, ou que non coñece en profundidade o proceso de rearranque, entendendo a Sala galega que iso será, no seu caso, “un obstáculo para a empresa compradora, pero non tanto para a empresa vendedora” e que, en todo caso, o poñer como condición sine qua non o apagado das cubas era un «claro obstáculo» para poder alcanzar un acordo final.

Para apreciar “mala fe negocial”, a sentenza recorrida cualifica de aspecto “sumamente significativo” o número de traballadores afectados polo despedimento colectivo. Unha cifra que, segundo a sentenza do TSXG, “aproxímase, sen superalo, a aquel que, segundo as normas regulatorias aplicables, permítenlle á empresa consolidar as axudas
recibidas das Administracións Públicas, sen ter que devolvelas, e á vez sen impedirlle o peche das cubas, mantendo un número de traballadores en persoal que mesmo poderían ser obxecto de despedimentos unha vez superados os prazos de garantía do bo fin das axudas recibidas pola empresa”.

O recurso de casación resentado pola multinacional viña acompañado de ata 20 motivos de casación polos que, en visión da empresa, o TSXG non actuaba correctamente ao decretar a nulidade do ERE. Alcoa, entre outras cousas, acreditaba que como non procedera a implementar o despedimento colectivo, os traballadores seguían de alta na Seguridade Social e, polo tando recibían os seus salarios.

Esta, precisamente, era unha das peticións de sindicatos na súa denuncia ante o tribunal galego. E é que na demanda pedian a reincorporación dos traballadores e o abono dos salarios deixados de percibir entre a data do despedimento e a da readminsión na empresa. Un punto estimado polo alto tribunal galego.

Con todo, o TSXG sustentaba a súa nilidade na existencia de “mala fe negocial” por parte da empresa e ordenaba a Alcoa que se abstivera de calquera actuación dirixida a parar as cubas.

Investigado un mozo de Xove por denunciar un falso roubo na súa conta bancaria

A Garda Civil imputa en calidade de investigado a un veciño de Xove (Lugo) de 19 anos de idade, como suposto autor dun delito de simulación de delito.

O presunto autor presento denuncia o pasado mes de agosto do ano 2020, declarando que autores descoñecidos realizaran movementos na súa conta bancaria, utilizando para iso unha tarxeta que ten asociada á súa conta, realizando unha compra por un importe de 550 euros.

Iníciase unha investigación policial na cal se pode constatar que o denunciante contratou un seguro de danos dun terminal móbil e o desenvolvemento dunha páxina web e os cargos efectuados correspondían a estes contratos. A persoa investigada foi posta a disposición xudicial.

Continúa o aumento de casos de Covid na provincia

A Covid que volve abrir informativos logo de comezar unha nova escalada de casos en toda Galicia, tamén na nosa provincia na que nas últimas horas aumentaba en 3 casos. Nada significativo se non fora porque na xornada anterior xa tiña aumentado noutros 9. Así, onte a cifra de casos activos na provincia chegaba ás 68 infeccións, lonxe dos números que se manexaban hai tan só unha semana. 

Asemade, esta suba comeza a ter repercusión tamén na presión asistencial, e é que o Hula que onte quedaba con 2 pacientes, hoxe rexistraba un novo ingreso. Así o Hospital lucense volve contar con 3 ingresados con covid, un deles que continúa na UCI.

No tocante ao ritmo de contaxios, Sanidade detectou 7 novos casos por PCR, que se suman tamén ás 11 probas positivas que se rexistraban o martes.

Con todo, dende o inicio da pandemia, 19735 persoas curáronse na provincia fronte ás 254 que finaban na súa loita contra a Covid.

O Concello renova 35 acometidas en Marqués de Ombreiro, retirando o fibrocemento

O Concello de Lugo vén de rematar as obras de renovación de 35 acometidas na avenida Marqués de Ombreiro da capital. Así o explicou o Goberno Local hoxe, día de finalización destas obras de substitución do fibrocemento que o executivo socialista puxo en marcha na zona logo das obras de pintado e arranxo da estrada feita durante o pasado ano polos nacionalistas, tamén no Goberno, e logo tamén das obras de realización do carril bici na zona, posto en marcha polos socialistas.

O que si, esta actuación permitiu renovar as acometidas da marxe dereita da víam substituíndo tubaxes de fibrocemento por outras de fundición, máis resistentes e duradeiras.

A rexedora explicou que “a través desta actuación modernizamos o servizo, mellorando a calidade da subministración”, nunha zona que tendía a sufrir rebentóns nas tubaxes de xeito habitual, quedando nalgunha ocasión ata unha fin de semana enteira sen suministro de auga.

Nestas obras, o Goberno local aposta por infraestruturas máis sostibles e eficientes, “en consonancia coa transformación que estamos a impulsar no municipio, para acadar unha cidade máis agradable e cómoda para os cidadáns”. 

A intervención enmárcase dentro do plan municipal para erradicar a presenza de fibrocemento nas canalizacións da cidade. Un obxectivo para o que a área de Medio Ambiente consignou 1’2 millóns de euros e que suporá a actuación sobre 250 acometidas e 4.080 metros de tubaxes en 14 rúas da cidade concentrando, fundamentalmente, os esforzos nas contornas de Fingoi, Marina Española e a Cheda. 

Os traballos inclúen, ademais da substitución das canalizacións, a renovación completa das beirarrúas, que suman 6.550 metros de pavimento, actuando, de forma integral, sobre estas vías.

Os estereotipos, tema central este venres dos Ciberfaladoiros Feministas

O ciclo de Ciberfaladoiros Feministas 2021, que organiza a Deputación de Lugo e o Foro Feminista Maruxa Mallo, inclúe este venres un novo coloquio de Yolanda Domínguez, artista visual, fotógrafa, activista e autora do libro Maldito Estereotipo.

O encontro comezará ás 17.00 horas, no salón de actos do IES Lucus Augusti de Lugo. As persoas que o desexen tamén poderán seguir en directo a conferencia a través da canle de YouTube de Nomenklaturas Gestión Cultural.

Os Faladoiros Feministas da institución provincial foron organizados para sensibilizar e avanzar na igualdade real e efectiva, loitar contra as violencias machistas e empoderar ás mulleres.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com