Novas

O Concello renova o mura da avenida Anxo López Pérez

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas informou dos traballos que se están a realizar no muro do aparcadoiro municipal do Seminario, situado na avenida Anxo López Pérez. “Seguimos traballando na mellora dos espazos públicos da cidade, neste caso no aparcadoiro municipal ao que todas as tardes se achegan moitas veciñas e veciños”, explicou Alexandre Penas.

Os traballos que se están a realizar consisten na limpeza do muro e na eliminación das pintadas e herbas que estaban a crecer nel. Os traballos estanse a realizar tratando de evitar molestias á veciñanza da zona, e evitando ocupar demasiadas prazas de estacionamento a ocupar para desenvolver os traballos.

“Queremos mellorar os espazos públicos municipais con pequenas actuacións que non supoñen un grande custo para o concello e que melloran enormemente a imaxe das instalacións públicas e da cidade”, afirmou Alexandre Penas.

Marketing dixital para produtores agrícolas centra un novo curso en Ribadeo

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza os vindeiros luns 15 de novembro e xoves 18 un curso sobre marketing dixital para produtores agrícolas no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias de Ribadeo. A iniciativa constará de oito horas lectivas, en horario de 10,00 a 14,00 horas.

Con esta acción búscase mellorar a profesionalización e a competitividade das explotacións na venda de produtos agrícolas a través das redes sociais, planificando estratexias de comunicación, aprendendo a recoñecer contidos que conecten e, en definitiva, sabendo como se pode vender a través da internet.

Así, primeiramente abordarase como levar a cabo un plan de comunicación online para, de seguido, analizar as principais redes sociais de interese e as súas particularidades. Posteriormente, falarase da creación de contido nesas redes para atraer a potenciais consumidores, apuntando á importancia da redacción, do deseño e da fotografía. Por último, tratarase como vender os produtos e a experiencia de compra.

A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido seminario e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico cfearibadeo@xunta.es. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 982 828 550.

Volve a recollida de sinaturas da Plataforma Sanitaria da Mariña en apoio á sanidade pública

A Plataforma Sanitaria da Mariña anuncia que a segunda mesa informativa cara á manifestación do 14 de novembro en Compostela colocarase o próximo martes 9 de novembro na porta principal do hospital da Mariña, ás 12 horas.

O acto pretende informar a veciñas e veciños dos motivos para mobilizarse en defensa dunha sanidade pública de calidade e nomeadamente da Atención Primaria, que nestes momentos atópase nunha situación de desmantelamento completo, con falta de profesionais, sobrecarga de traballo por ter que asumir pacientes de compañeirxs que piden permisos sen cubrir, orzamentos escasos, e xornadas laborais con pacientes a atender inasumibles. Nesta mesa tamén faremos unha recollida de sinaturas para plasmar a necesidade de acometer profundas reformas do sistema e para manifestar o noso apoio á mobilización.

Lembramos que haberá autobuses gratuítos para acudir á manifestación desde a comarca. Para anotarse hai que chamar aos teléfonos 982 140 654 77 // 982581861 e 667 052 058. O último día para anotarse será o xoves 11 de novembro.

Derivacións ao HULA por falta de camas 
O colectivo sanitario tivo coñecemento de que se está a derivar pacientes da Mariña cara ao HULA por falta de camas no hospital da Mariña. Levamos moito tempo dicindo que a ampliación acometida no hospital era mui necesaria máis insuficiente , pois estamos a ver que non resolve os problemas desta comarca. Sempre aseguramos que non iba chegar para un territorio de setenta mil habitantes, máis tivo que facerse aprisa e correndo, sen escoitar nin ter en conta as necesidades, xa que ante a presión social da Mariña “ as e os representantes políticos do PP na Mariña puxeron a Feixoo nunha situación comprometida”, refiren os activistas sanitarios.

Esto é outro motivo máis para acudir masivamente á manifestación do 14de novembro, pois é a presión social , e solo ela quen fai mudar a vontade privatizadora do goberno da Xunta. Conclúe a coordinadora da plataforma, Montse Porteiro que “detrás dunha fachada mui bonita atópanse múltiples carencias e poucas o ningunha solucións aos problemas do hospital; nestes momentos de insuficiencia de medios é cando se ve quen é o que realmente está a mentir a mariñás e mariñaos.

Acordo entre a CEL e Frago & Suárez para asesorar ás empresas coas solicitudes dos Next Generation

A sede central da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu esta mañá o acto de firma dun convenio de colaboración entre esta entidade e Frago&Suarez Avogados Penalistas, a través do que se ampliarán os servizos de asesoramento da organización empresarial cos que ofrece esta entidade no ámbito dos requirimentos esixidos ás empresas para optar ás convocatorias de axudas dos fondos Next Generation EU.

Ademais do secretario da CEL, Jaime López, no acto de firma estiveron presentes Juan Antonio Frago Amada, avogado e fiscal de delitos económicos en excedencia, socio responsable da área Penal de Frago&Suarez Avogados Penalistas; Verónica Suárez e Rubén Veiga, avogada responsable da área Procesual especializada en plans de igualdade e avogado e consultor de Compliance de Frago & Suárez, respectivamente.

A CEL sinala tras a firma deste acordo o seu “interese en fomentar para os seus socios a implementación de programas de cumprimento normativo ou Compliance, plans de igualdade e outros análogos, así como a formación en todas estas materias”.

Obrigas para empresas
Máis concretamente, o convenio incide nas obrigacións requiridas ás empresas para presentarse ás convocatorias de axuda dos fondos Next Generation EU, articuladas a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

As entidades asinantes subliñan que as empresas que conten con certificación ISO 37.001 ou cun modelo de compliance robusto, entre outros requisitos, terán mellores opcións de éxito ao optar a este tipo de subvencións. Destacan, ademais, que contar con modelos de Compliance robustos supón unha ventaje competitiva na nova realidade post COVID-19.

Reabre o aseo autolimpiable do Parque de Rosalía

O Goberno de Lara Méndez, a través da área de Medio Ambiente, que dirixe Miguel Fernández informa que o aseo autolimpable, instalado no parque Rosalía de Castro, nun dos laterais do xardín na contorna da avenida García Portela, procederá á súa apertura no día de hoxe.

Segundo o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, “avanzamos cara a normalidade, e nesta liña abrimos o baño autolimpable, o máis difícil de xestionar na pandemia, que da uso á numerosa veciñanza que transita por este entorno verde, decisión que chega tras a evolución favorable da pandemia e o levantamento de restricións sanitarias por parte da Xunta de Galicia”.

O horario de apertura do mesmo será de 09:00 a 22:00 horas. Un servizo gratuíto, cun sistema plantexado para abrirse automaticamente aos 15 minutos por seguridade e para evitar calquera contratempo. Cada vez que a persoa usuaria abandone o espazo, o aseo límpase por dentro. Os xardineiros deste parque serán os encargados do seu mantemento, dispoñendo xabón e papel hixiénico no aseo.

O Concello de Lugo ten habilitados outros aseos públicos fixos na Fonte dos Ranchos, no Parque de Marcos Cela, no Parque de Frigsa, en Montirón (local social), seis no Parque do Miño e no Parque do Sagrado Corazón.

Michel Le Belhomme e Miguel Ángel Tornero ofrecerán obradoiros de imaxe na Biblioteca de Lugo

O fotógrafo francés Michel Le Belhomme e o xienense Miguel Ángel Tornero, ambos de extenso percorrido internacional, serán os protagonistas dos obradoiros de Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño, a  mostra itinerante organizada pola Xunta que transforma contedores de barco en salas de proxección coa mirada de prestixiosos artistas visuais e que, tras o seu paso pola Coruña, chega a Lugo a vindeira semana.

As sesións, dirixidas a todas as persoas interesadas na fotografía e na colaxe, terán lugar nas xornadas do xoves 11 e do venres 12 entre as 16,00 e as 20,00 horas na Biblioteca Pública da Xunta en Lugo. Nelas os artistas abordarán a súa metodoloxía fotográfica e artística e traballarán tanto co material das persoas asistentes como con outros  específicos para a actividade.

O obxectivo é crear dinámicas de creación e reflexión colectiva sobre a imaxe a través da técnica da colaxe e da intervención sobre a fotografía. Cómpre ter en conta que para asistir é preciso inscribirse previamente a través do enderezo electrónico biblio.publica.lugo@xunta.gal , indicando no asunto Obradoiro de fotografía e incluíndo o nome, idade, profesión e unha breve explicación dos motivos para participar na actividade, así como o compromiso de permanecer nela ata o final. O número de prazas está limitado a dez.

Cervo ordena a demolición dos dous “esqueletos” da zona de Galdín, en San Ciprián

O Concello de Cervo ordena a demolición dos dous bloques de vivendas sen rematar situados en Galdín, San Ciprián, a custe do interesado, que en ambos casos é a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Restructuración Bancaria S.A. (SAREB).

No caso de incumprimento da orde de demolición no prazo de tres meses, procederase, ou ben á execución  subsidiaria da mesma, ou ben á execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas.

Estas obras son dúas construcións non finalizadas, propiedade de Os Molineros e Pasillo Verde, cuxa licencia urbanística foi concedida xa no ano 2006 e debido á crise económica quedaron sen rematar.

Sinala o rexedor Alfonso Villares que “fai xa máis de catro anos que iniciamos os trámites para lograr, en primeiro lugar, a caducidade da licencia de ambas construcións, que xa se conseguiu; e en segundo lugar iniciar un expediente de reposición de legalidade urbanística, que tamén está rematado”.

Engade o rexedor que “ordenar a demolición dos dous esqueletos é xa o último paso e agardamos que o SAREB, que é a entidade propietaria e encargada do custo da demolición, cumpra e execute este requirimento”.

Manuel Rodríguez López centra a mostra que Egeria presenta en Samos

O Concello de Samos vén de presentar unha nova mostra que acollerá nos vindeiros días e que versará sobre a vida e obra do escritor de Paradela Manuel Rodríguez López.

A exposición, baixo o nome do artista, forma parte do Proxecto Manuel Rodríguez López, emprendida polo Colectivo Egeria, Galicia Digital e a familia do escritor co apoio do Concello de Paradela, a Deputación e a Xunta así como a Real Academia Galega.

Ademais, durante a presentación da mostra,  deuse a coñecer o libro Manuel Rodríguez López, 25 anos despois, que recolle traballos de 50 personaxes destacados da cultura galega sobre a figura de Manolo Rodríguez. No acto participaron o alcalde de Samos, Julio Gallego, o alcalde de Paradela, José Manuel Mato, a viúva do escritor, Irene López, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

A exposición

Esta exposición itinerante percorreu nos últimos 8 anos máis de 20.000 quilómetros,  pasando por numerosas cidades e localidades galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid, as Universidades de Granada, Deusto e Estremadura e os Centros Galegos de Santander, Barcelona, Salamanca, León, Vitoria, Llodio, Las Palmas de Gran Canaria, Valladolid, Sevilla ou Pamplona, e chegou tamén a Portugal, concretamente ao Centro Galego de Lisboa e as Universidades do Minho (Braga) e Algarve (Faro).

Está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes en Cataluña.

Manuel Rodríguez López é tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e dá nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se acaba de presentar a XXVII edición. Máis información: www.manuelrodriguezlopez.org

Lorenzana: “É absolutamente imprescindible que Vestas amplíe o período de negociación do ERTE”

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, solicitou hoxe a Vestas, na 4ª mesa industrial que se celebrou en Santiago, que amplíe o período de consultas do ERE ata finais de ano, como mínimo. En palabras de Lorenzana, os traballadores necesitan tempo para decidir sobre o despido colectivo, xa que, tal e como apuntou, a data de hoxe non coñecen a viabilidade da compañía. “Para decidir en condicións de boa fe nas  negociacións que están levando a cabo con respecto ao ERE teñen que coñecer o futuro da empresa”, indicou.

A titular de Emprego e Igualdade, deste xeito, considerou “absolutamente imprescindible” que se amplíe o período de negociacións para que o comité de empresa tome unha decisión “sen presión”. “Se a empresa ten intención de colaborar na fase de transición, co proceso de venda, tería que retrasar ata fin de ano o período de consultas”,  insistiu.

Novos compradores

A conselleira, así mesmo, informou na xuntanza sobre os avances dados pola Xunta na busca de posibles compradores para a fábrica de Viveiro. Ao respecto, anunciou que unha nova empresa vén de mostrar interese pola compra da factoría, polo que serían nove as firmas viables desde o punto de vista do obxecto social.

Sobre este punto, lamentou que o Estado non estea a buscar posibles compradores. Na propia xuntanza, segundo comentou Lorenzana, os representantes do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo manifestaron que están esperando a que sexa a Xunta ou a propia empresa os que localicen ás posibles compañías interesadas na adquisición. “É decepcionante que o Estado non estea buscando activamente un comprador para a empresa”, subliñou a conselleira.

Ademais dos representantes da Xunta, á cuarta mesa industrial, convocada pola Administración autonómica e celebrada hoxe, tamén acudiron representantes do Ministerio de Industria Comercio e Turismo, directivos de Vestas e representantes do comité de empresa e dos sindicatos.

O Goberno apoia a petición

Pola súa banda, o Director xeral de Industria lamentou a decisión de Vestas de non reverter a súa intención de despedir aos 115 empregados a pesar de anunciar que mantería o emprego ata fin de ano. Para o Goberno sería necesario que a empresa prolongue o período de consultas ata o 31 de decembro, como solicitaron os sindicatos. “O Goberno está a traballar, como noutras crises industriais e sen morneza algunha, na procura dunha solución definitiva que asegure o
mantemento das capacidades produtivas e o emprego nesta comarca”, lembrou o director xeral.

Galo Gutiérrez referiuse na súa intervención ao papel que está a desenvolver Invest in Spain, un organismo dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, na procura de futuros investidores que substitúa a Vestas en Viveiro. Tamén lembrou a necesidade de poñer sobre a mesa un proxecto industrial serio e fiable para poder apoiarlle con diferentes liñas de axudas ao desenvolvemento industrial e tecnolóxico.

O PSdeG defenderá a ubicación na Pastoriza da nova planta de residuos que a Xunta quere instalar en Riotorto

A Secretaria Provincial e Deputada Autonómica do PSdeG, Patricia Otero avanzou hoxe que defenderá unha batería de iniciativas parlamentarias coas que reclama, ao Goberno de Feijóo, emprazar a nova planta de residuos que dará servizo aos concellos de Riotorto, Meira, Pol, A Pastoriza, A Pontenova e Ribeira de Piquín, no Punto Limpo Serra de
Meira en Xuncás (A Pastoriza), que xa conta con dotacións de auga, luz e accesos.

Neste mesmo emprazamento, no concello da Pastoriza, Patricia Otero presentou esta proposta acompañada polos Alcaldes e concelleiros das vilas afectadas. No acto estiveron o Alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias Sierra; o Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde; o Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico e o Alcalde de Pol, Lino Rodriguez Ónega.

A Deputada Socialista lamentou a falta de diálogo da Xunta nun tema tan importante como a xestión dos residuos, “e onde hai 6 concellos afectados, pero lamentablemente dende o sectarismo político habitual do PP só se escoitou ao único onde goberna, é dicir o concello de Riotorto”, dixo.

Así as cousas lembra “que o pasado 27 de setembro a conselleira de Medio Ambiente anunciou que na parroquia de Aldurfe, no concello de Riotorto, ía ubicarse a nova planta de residuos. Pero unha vez anunciado este emprazamento, e trala presión dos veciños e veciñas que viron como este proxecto da planta afectaba ás súas explotacións gandeiras e incluso ás súas vivendas, a Xunta, a Conselleira e o Concello de Riotorto recuaron con esta radicación, e nestes intres están a buscar un novo emprazamento dentro do concello de Riotorto”.

“O emprazamento de Aldurfe foi un completo desatino e tamén unha improvisación por parte da Conselleira, que a día de hoxe aínda non resolveu esta situación. A veciñanza, os gandeiros, os alcaldes, os grupos políticos progresistas, as asociacións veciñais, os sindicatos agrarios foron un clamor social contra este emprazamento”,  replicou a deputada.

Opacidade e falta de transparencia

Advirte que “os alcaldes afectados neste proceso tamén amosaron o seu rexeitamento desta ubicación en Aldurfe. E diante desta situación asi como do ninguneo total por parte da Xunta, enviaron unha carta ao Goberno galego no que se queixaban da falta de transparencia e opacidade coa que Sogama, dependente da Consellería de Medio Ambiente, e o Concello de Riotorto actuaron coa nova da planta de residuos urbanos”, lembrou.

Concellos afectados

Os alcaldes da Pontenova, Meira, Pol, Pastoriza e Ribeira de Piquín explican que esta planta nese emprazamento encarecería considerablemente os custes económicos desta nova dotación, xa que o punto limpo Serra de Meira en Xuncás (A Pastoriza) xa conta con infraestrutura e non se partiría de cero como no caso de Riotorto. Ademais de que a estes concellos implicados lles afectaría negativamente o emprazamento en Riotorto por mor da distancia e dos quilómetros existentes entre os concellos.

Nas iniciativas rexistradas na Cámara Autonómica, dende o PSdeG queren coñecer cal ou cales son os motivos que xustifican que a Xunta de Galicia queira instalar a nova planta de residuos no concello de Riotorto? Se a Xunta pensa que o concello de Riotorto é o mellor emprazamento para esta nova planta de residuos que ademais tamén presta servizo aos concellos da Pastoriza, A Pontenova, Meira, Pol e Ribeira de Piquín? E por último, “porque non valora a Xunta de Galicia emprazar esta nova planta de residuos no punto limpo Serra de Meira en Xuncás (A Pastoriza) que  a conta con dotacións de auga, luz e con accesos?”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com