Lorenzana: “É absolutamente imprescindible que Vestas amplíe o período de negociación do ERTE”

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, solicitou hoxe a Vestas, na 4ª mesa industrial que se celebrou en Santiago, que amplíe o período de consultas do ERE ata finais de ano, como mínimo. En palabras de Lorenzana, os traballadores necesitan tempo para decidir sobre o despido colectivo, xa que, tal e como apuntou, a data de hoxe non coñecen a viabilidade da compañía. “Para decidir en condicións de boa fe nas  negociacións que están levando a cabo con respecto ao ERE teñen que coñecer o futuro da empresa”, indicou.

A titular de Emprego e Igualdade, deste xeito, considerou “absolutamente imprescindible” que se amplíe o período de negociacións para que o comité de empresa tome unha decisión “sen presión”. “Se a empresa ten intención de colaborar na fase de transición, co proceso de venda, tería que retrasar ata fin de ano o período de consultas”,  insistiu.

Novos compradores

A conselleira, así mesmo, informou na xuntanza sobre os avances dados pola Xunta na busca de posibles compradores para a fábrica de Viveiro. Ao respecto, anunciou que unha nova empresa vén de mostrar interese pola compra da factoría, polo que serían nove as firmas viables desde o punto de vista do obxecto social.

Sobre este punto, lamentou que o Estado non estea a buscar posibles compradores. Na propia xuntanza, segundo comentou Lorenzana, os representantes do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo manifestaron que están esperando a que sexa a Xunta ou a propia empresa os que localicen ás posibles compañías interesadas na adquisición. “É decepcionante que o Estado non estea buscando activamente un comprador para a empresa”, subliñou a conselleira.

Ademais dos representantes da Xunta, á cuarta mesa industrial, convocada pola Administración autonómica e celebrada hoxe, tamén acudiron representantes do Ministerio de Industria Comercio e Turismo, directivos de Vestas e representantes do comité de empresa e dos sindicatos.

O Goberno apoia a petición

Pola súa banda, o Director xeral de Industria lamentou a decisión de Vestas de non reverter a súa intención de despedir aos 115 empregados a pesar de anunciar que mantería o emprego ata fin de ano. Para o Goberno sería necesario que a empresa prolongue o período de consultas ata o 31 de decembro, como solicitaron os sindicatos. “O Goberno está a traballar, como noutras crises industriais e sen morneza algunha, na procura dunha solución definitiva que asegure o
mantemento das capacidades produtivas e o emprego nesta comarca”, lembrou o director xeral.

Galo Gutiérrez referiuse na súa intervención ao papel que está a desenvolver Invest in Spain, un organismo dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, na procura de futuros investidores que substitúa a Vestas en Viveiro. Tamén lembrou a necesidade de poñer sobre a mesa un proxecto industrial serio e fiable para poder apoiarlle con diferentes liñas de axudas ao desenvolvemento industrial e tecnolóxico.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com