O Concello de Samos vén de presentar unha nova mostra que acollerá nos vindeiros días e que versará sobre a vida e obra do escritor de Paradela Manuel Rodríguez López.
A exposición, baixo o nome do artista, forma parte do Proxecto Manuel Rodríguez López, emprendida polo Colectivo Egeria, Galicia Digital e a familia do escritor co apoio do Concello de Paradela, a Deputación e a Xunta así como a Real Academia Galega.
Ademais, durante a presentación da mostra, deuse a coñecer o libro Manuel Rodríguez López, 25 anos despois, que recolle traballos de 50 personaxes destacados da cultura galega sobre a figura de Manolo Rodríguez. No acto participaron o alcalde de Samos, Julio Gallego, o alcalde de Paradela, José Manuel Mato, a viúva do escritor, Irene López, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.
A exposición
Esta exposición itinerante percorreu nos últimos 8 anos máis de 20.000 quilómetros, pasando por numerosas cidades e localidades galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid, as Universidades de Granada, Deusto e Estremadura e os Centros Galegos de Santander, Barcelona, Salamanca, León, Vitoria, Llodio, Las Palmas de Gran Canaria, Valladolid, Sevilla ou Pamplona, e chegou tamén a Portugal, concretamente ao Centro Galego de Lisboa e as Universidades do Minho (Braga) e Algarve (Faro).
Está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes en Cataluña.
Manuel Rodríguez López é tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e dá nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se acaba de presentar a XXVII edición. Máis información: www.manuelrodriguezlopez.org