Novas

O Foro Feminista de Lugo recibe o Recoñecemento Meninas pola súa loita pola igualdade

O Foro Feminista de Lugo recibe o Recoñecemento Meninas pola súa loita pola igualdade segundo o fallo  publicado hoxe polo xurado, presidido polo delegado do Goberno, José  Miñones. Trátase da cuarta ocasión na que os galardóns do executivo en materia de igualdade chegan a Galicia neste caso con cinco  recoñecementos e catro mencións honoríficas.
O xurado  destaca de O Foro Feminista de Lugo a súa labor divulgativa do feminismo e as actividades que  realiza, con faladoiros que afondan no concepto de igualdade. Alí a  mención é para o policía Pablo Rodríguez, da unidade de atención á  familia e á muller (UFAM) da Policía Nacional de Viveiro.

A entrega dos Recoñecementos Meninas terá lugar a semana do 25N no  Hostal dos Reis Católicos. Completa un ambicioso programa de actos con  máis dunha trintena de actividades arredor do 25N nas catro  provincias, que xa comezaron e conclúen o 3 de decembro. É unha media  dun acto cada tres días.

O galego nos cemiterios de Galicia

O próximo dous de novembro, martes, Festividade dos Fieis Defuntos, vaise celebrar nás 13,00 h. no cemiterio de San Miguel de Paradela, capitalidade do concello, un acto en memoria dos alí enterrados, xa que grazas a eles o idioma pervive e medra entre nós.

Na entrada do cemiterio vaise descubrir unha placa “Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque Galicia segue a ter cultura e lingua de seu. Novembro, 2021”.

Promoven a colocación desta placa o Concello de Paradela e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística. No acto intervirán Xosé González Martínez, Presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística; Xesús Mato Mato, musicólogo e Fillo Predilecto de Paradela; Javier Arias Fouz, Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, e José Manuel Mato Díaz, Alcalde de Paradela. Asistirán a este acto Irene López, viuva do escritor Manuel Rodríguez López, e a familia de Manuel López López, O Lagoa.

A continuación visitarán o Panteón de Paradelenses Ilustres, único no seu xénero en Galicia, no que foi enterrado o escritor Manuel Rodríguez López, Fillo Predilecto de Paradela, ao que se lembra nunha placa en galego “polo seu destacado labor cultural como escritor, e polo amor demostrado a esta terra durante toda a súa vida”.

Visitarán asimesmo o nicho de Manuel López López, que el mesmo construíu e que, polo seu desexo foi rotulado en galego, que lembra “O canteiro que fixo este nicho, Manuel López López, (O LAGOA), finou o 2-05-2014, con 92 anos. DEP xunto coa Donvina. Fillos e netas non vos esquecen. Este acto, é a continuación – dous anos despois – do que se celebrou na Festa de Defuntos de 2019 no cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño (Paradela), por ser o único de Galicia que ten todas as súas lápidas en galego.

‘Aquela nena de Sarria’, presentada na Fonsagrada e en Abadín

O IES Fontem Albei da Fonsagrada acolleu a presentación da mostra itinerante “Aquela nena de Sarria”, un proxecto desenvolvido polo Colectivo Egeria para dar a coñecer a figura de Xela Arias, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas, e que conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, e a colaboración do Concello de Sarria e a Real Academia Galega. No acto inaugural participaron a directora do centro, Nazaret Carrín, a xefa territorial da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

Noutro senso, a Casa do Concello de Abadín acolleu o xoves a presentación da mostra itinerante “Aquela nena de Sarria”, un proxecto desenvolvido polo Colectivo Egeria para dar a coñecer a figura de Xela Arias. No acto inaugural participaron o alcalde de Abadín, José María
López Rancaño, a xefa territorial da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia en
Lugo, María José Gómez, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

Exposición “Aquela nena de Sarria”
Aínda que pola necesaria asistencia sanitaria naceu no lucense Sanatorio Pimentel, no rexistro consta como nacida en Sarria, pois seus pais eran sarriáns, e vivían na Granxa Escola fundada en Barreiros polo financeiro Antonio Fernández Lopez, da que o pai da nena, Valentín Arias, era director. Xela, ata 1965, viviu en Barreiros, e en Lugo de 1965 a 1969, acudindo a estudar ao Colexio Fingoi, tamén iniciativa do “Fillo de Antón de Marcos”, Antonio Fernández, creador deste especial Colexio do que puxo á fronte a Ricardo Carballo Calero, que o gobernou desde a súa creación en 1950 ata 1965.

A exposición, composta por doce paneis, reflicte o tempo sarrián e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co noso idioma, e o empeño en que se recoñecese XELA como o seu nome real. Complétase a mostra con poemas dirixidos a Xela por alumnos/alumnas dos Institutos sarriáns Xograr Afonso e Gregorio Fernández, por poetas de Sarria, e de compañeiras poetas galegas que seguen os camiños que Xela trazou, e ata un conxunto de “Vilariñas”, especiais micropoemas con imaxes cos que un grupo de membros da Nova Poesía Guitírica honra a Xela no seu Ano.

Abre a rúa Santiago en dobre sentido

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou que a partir da última hora da tarde de hoxe reabrirá ao tráfico a rúa Santiago no treito entre o pavillón polideportivo e a Porta de Santiago, en sentido ascendente. Alexandre Penas explicou que “debido ás obras de humanización da Ronda fíxose necesario cortar este treito para realizar unha serie de traballos na propia vía”.

O edil de Infraestruturas anunciou que “a partir da última hora da tarde volveremos abrir este percorrido, avanzando na recuperación da normalidade na circulación deste treito”.

“Os traballos de humanización da Ronda, no treito entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba están a avanzar a moi bo ritmo, e de cara á vindeira semana comezaremos a recuperar a normalidade na zona”, afirmou Alexandre Penas, que lembrou que “durante a vindeira semana reabrirase a circulación do tráfico neste treito, ao rematar xa os traballos de pavimentación do vial e a construcción da nova beirarrúa”.

O TSXG anula o acordo para modificar o parque eólico de Oribio

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolle o recurso interposto pola Asociación Sociocultural O Iribio e acorda a anulación, por ser desconforme a dereito, do acordo aprobado polo Consello da Xunta o 27 de xuño de 2019 para a modificación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico de Oribio, situado na Zona Especial de Conservación ( ZEC) Os Ancares-O Courel, en Lugo.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo deixa sen efecto o contido dese acordo e impón á Administración demandada as costas do xuízo ata un máximo de 1.500 euros. O alto tribunal galego entende que o proxecto 2007-2009, autorizado pola resolución do 31 de maio de 2007, coa Declaración de Impacto Ambiental (DIA) aprobada o 12 de agosto de 2005, está caducado, pois non se explotou nin estiveron instalados aeroxeradores. A resolución que o autorizaba indicaba que o promotor tería un prazo de 12 meses contados a partir da data de ocupación dos terreos para a posta en marcha da instalación, indican os xuíces, os cales salientan que non se pode “modificar o que non existe”.

A DIA de 2005, segundo o alto tribunal, resulta “obsoleta para amparar a avaliación ambiental do proxecto modificado de 2018, polos múltiples e variados cambios lexislativos e de catalogacións de especial protección do terreo, non podendo entenderse validada por unha prospección vía informes gobernativos”. Contra a resolución cabe presentar recurso.

Ducias de persoas acoden á inauguración da carnicería O Sabor dos Ancares na praza de Abastos

A carnicería O Sabor dos Ancares, da cooperativa A Carqueixa, inaugurouse na tarde de onte na praza de Abastos de Lugo cun concorrido acto que xuntou arredor de 100 persoas no amplo espazo do soto do mercado. Esta tenda física da Carqueixa, rexentada por Luis Estrada, opera dende este mes de outubro no posto número 25 do mercado, con grande éxito entre a veciñanza.

O acto de inauguración contou coa presenza do presidente da Cooperativa A Carqueixa, José Antonio Díaz, e o xerente da mesma, Román Sánchez. Non faltou á cita o cineasta Oliver Laxe, que a través do seu proxecto ‘Gandería Heroica’ ten difundido os manexos e xeito de vivir das persoas que integran a cooperativa a través de vídeos curtos onde se dá voz ás e aos cooperativistas.

Tamén acudiron á presentación o alcalde de Cervantes, Benigno Gómez; o presidente do CDR dos Ancares, Ramiro Martínez; o tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo; a concelleira de Participación, Cristina López; a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro; e a deputada de Medio Rural, Mónica Freire.

Unha tenda na cidade que fixa poboación no rural
Durante o acto de presentación, que arrincou ás 20h, o presidente da cooperativa, José Antonio Díaz, agradeceu a presenza e o apoio das persoas congregadas. Tanto Oliver Laxe como Ramiro Martínez puxeron en valor a contribución da Carqueixa e os seus cooperativistas ao desenvolvemento e o futuro da área dos Ancares. Pola súa banda, Cristina López agradeceu que a cooperativa escollese Lugo para a súa tenda física e parabenizounos pola súa capacidade de fixar poboación no rural.

Posteriormente, proxectouse un breve resumo do proxecto ‘Gandería Heroica’ unha fiestra aberta ao modo de vida nos Ancares e un altifalante para que os seus moradores se expresen con voz propia a través das redes sociais da Carqueixa. O acto rematou cunha degustación de produto, que foi moi ben recibida entre o público.

Guitiriz ampliará o seu centro de día ata acadar a vintena de prazas

A Deputación de Lugo achegará 50.000 euros para facer posible a ampliación do centro de día de Guitiriz, o que permitirá adaptar as instalacións para alcanzar a vintena de prazas e reducir así a lista de espera deste servizo. O Presidente, José Tomé Roca, asinou este venres no Pazo de San Marcos coa Alcaldesa da localidade chairega, Marisol Morandeira, o convenio que establece esta colaboración económica para poder acometer os traballos.

O centro de día de Guitiriz conta na actualidade con 12 prazas asistenciais para persoas maiores e as obras de ampliación permitirán engadir outros 55 metros cadrados e dar resposta asistencial a un total de 20 usuarios e usuarias. O investimento total para esta actuación e de 71.825€, dos que a Deputación achega o 70%, mentres que o Concello asume o 30% restante.

“Asinamos este convenio dentro do noso compromiso de seguir acercando e mellorando os servizos públicos ó rural, e dentro das liñas de acción prioritarias deste Goberno, como son a cooperación cos 67 concellos da provincia e os servizos sociais”, subliñou o Presidente, quen asegurou que a Deputación axuda a mellorar deste xeito unha dotación social que, ademais da súa labor asistencial, favorece a conciliación das familias, promove o arraigo da veciñanza e reforza os lazos da comunidade.

Marisol Morandeira quixo agradecer á Deputación “esta colaboración, que será esencial para dar un mellor servizo aos veciños e veciñas no Centro de Día” e destacou que “aínda que as prazas que se aumentan non solucionan a demanda actual que hai en Guitiriz, si que é unha ampliación que supón un paso moi importante, que grazas á axuda provincial supón un custo asumible para o Concello”.

O SLG traballa pola unidade de acción do sector lácteo como única vía para rachar coa actual folla de prezos

Nunha asemblea convocada onte en Lugo polo Sindicato Labrego Galego, gandeiras e gandeiros analisaron a situación crítica para o sector do leite, cun futuro no que se preven aínda máis e maiores subas nos custos de produción e o imobilismo de boa parte da industria, que se nega a reflectir esas subas no prezo pagado ás granxas. Levantou consenso a decisión de estabelecer xa uns mínimos irrenunciábeis e unha folla de rota que apresentar a outros axentes do sector, para desenvolver unha estratexia de acción unitaria e constante.

O obxectivo marcado pola asemblea é rachar coa folla de prezos en que a industria se mantén instalada e diante da que as administracións estatal e autonómica están a ser pasivas e incapaces de velar polo cumprimento da lei ou de defender a quen traballa na produción de leite.

Desde o Sindicato Labrego, representado pola súa Secretaria Xeral, Isabel Vilalba, e os responsábeis polo sector do leite, Manolo Villaverde e Ana Rodríguez, introduciuse a asemblea recollendo a situación: ademais da problemática de custos e prezos, o moi desfavorábel para a Galiza que vai ficar a PAC, mesmo en comparación con outras comunidades da rexión cantábrica cuxos gobernos negociaron cifras moito máis altas.

Representantes da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) presentes na reunión constataron a preocupación existente no sector pola continuada suba de prezos dos insumos, prevendo incrementos de ata o 30% á altura de febreiro ou marzo e dificultades no frete de barcos e noutros pontos da loxística e transporte de materias primas. Por outra banda, fixeron notar que desde a súa posición a unidade de acción vai ser chave en facilitar o apoio da AGACA ás mobilizacións do sector.

A asemblea salientou o imperativo de construir alianzas e unidade de acción, mais asentadas no acordo previo en base a mínimos irrenunciábeis e en evitar as visións curtas que poidan criar a ilusión de que unha mobilización puntual podería resover esta problemática estrutural. A Dirección do Leite do SLG comprometeuse á elaboración da súa proposta de mínimos, coa que achegar a outras entidades esa proposta dunha liña de acción unitaria e prolongada que consiga efetivamente mudar as cousas.

Igualmente, decidiuse solicitar á Consellaría a convocatoria urxente da Mesa do Leite, ou dun grupo de traballo coas distintas partes implicadas, con que a administración autonómica comece a mudar a inacción e falta de alternativas para as produtoras e produtores de leite deste país. Realizouse a entrega por rexistro da solicitude, acompañada dunha concentración diante do edificio administrativo da Xunta en Lugo.

Arias pide “axilidade” ao Concello para desbloquear as grandes actuacións da Tinería

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, pediu hoxe ao Concello de Lugo axilidade e compromiso real para desbloquear as grandes actuacións no barrio da Tinería. Tamén solicita que se conceda xa a licenza de primeira utilización, solicitada hai meses, dos inmobles situados nas rúas Tinería 15 e Recanto do Miño 13, dous edificios que, trala súa rehabilitación por parte do IGVS, suporán un total de seis vivendas para outras tantas familias, un proceso que contribuirá á dinamización social do barrio.

En resposta ao anuncio da presentación de emendas aos orzamentos da Xunta para pedir máis fondos para A Tinería, Javier Arias considera que “por moito investimento que faga a Xunta de Galicia neste barrio, o Concello non nos deixa executar as partidas xa existentes. Proba delo é a situación de parálise que se vive no Concello e que afecta á maior parte de proxectos e plans para A Tinería”.

Con respecto ás actuacións máis ambiciosas para este emblemático barrio de Lugo, o delegado territorial da Xunta cre que o Concello debe dar xa un paso adiante e amosar o seu compromiso coa Tinería. Por unha banda debe aportar xa os informes necesarios do servizo de Enxeñería para realizar as modificacións do proxecto de rehabilitación da Casa da Torre, que segue paralizado cando a adxudicación da obra se fixo o pasado mes de xaneiro.

Por outra banda, Javier Arias refírese ao Pazo de Doña Urraca, cun proxecto que na actualidade está pendente da sinatura do convenio urbanístico por parte de ámbalas dúas institucións.

Para o delegado da Xunta en Lugo é inadmisible que todos estes proxectos estean paralizados. As obras de rehabilitación e posta en valor da Casa da Torre xa están adxudicadas desde o pasado mes de xaneiro cunha inversión de 500.000 euros e para o Pazo de Doña Urraca a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, prevé un investimento de máis de 4 millóns de euros na urbanización da zona, na rehabilitación do pazo e na construción das nove vivendas de promoción pública.

Javier Arias lembra que na última entrega dunha vivenda rehabilitada polo IGVS neste barrio, fai un mes, pediu ao representante do Concello que acudiu ao acto que o Goberno municipal responda xa aos trámites pendentes. Para Arias “a Xunta de Galicia está facendo cidade nun dos barrios máis senlleiros de Lugo; as grandes posibilidades e vantaxes que estes proxectos suporán para A Tinería esixen a máxima implicación das administracións, que deben ser resolutivas. Por iso nos ofrecemos a retomar as conversas e desbloquear dunha vez por todas estas actuacións”.

O TSXG autoriza á Xunta esixir o certificado COVID-19 en cuartos compartidos dos albergues turísticos ao 100 % de capacidade

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autoriza á Xunta esixir o certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa ás persoas maiores de 12 anos para acceder aos espazos de aloxamento compartido dos albergues turísticos que amplíen a súa capacidade nestas dependencias ata un 100 %. A exhibición da documentación non será necesaria cando a ocupación dos espazos de pernocta compartidos non supere o 50 % da súa capacidade máxima nin cando todos os ocupantes realicen as etapas do Camiño de Santiago no territorio galego nun mesmo grupo burbulla ou de convivencia estable. A medida estará vixente desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación e ata as 00.00 horas do 20 de novembro.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG indica no auto que o informe achegado pola Xunta conclúe que, aínda que os indicadores epidemiolóxicos “van mellorando en Galicia”, segue existindo circulación do virus e, por tanto, risco de transmisión, “con aínda incidencias significativas en grupos de idade que poden ser usuarios deste tipo de establecementos”.

“En consecuencia, continuamos nunha situación epidemiolóxica, á vista do contido do informe, que determina un risco de transmisión do virus apreciable ata o punto de facerse necesaria a regulación de determinadas actividades para que o seu exercicio sexa compatible coa contención da súa expansión”, explica o tribunal na resolución, na que sinala que a medida afecta a un tipo de establecementos nos que comparten cuarto para durmir “persoas sen relación entre si e que poden proceder de diferentes lugares e países”, algúns deles “con coberturas vacinais menores que as de Galicia”.

Os maxistrados salientan que resulta acreditada a eficacia que a vacinación ten para evitar o risco de transmisión en ambientes como os albergues turísticos. Ademais, consideran que o pleno funcionamento da actividade neste tipo de aloxamentos “ten que ter como necesario contrapeso, en termos de risco epidemiolóxico, a existencia de barreiras eficaces, por máis que estas non sexan absolutas”.

O alto tribunal incide en que a medida só se aplica para o acceso “a determinadas instalacións onde ten lugar unha actividade de alto risco” e que existe unha tripla alternativa -certificado de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa- para acreditar “unha situación propia de risco baixo de transmisión e contaxio”. O TSXG tamén destaca que se impón “a simple exhibición da documentación, sen recollida de datos, de forma non invasiva nin degradante”. Por todo iso, autoriza á Xunta implementar a medida, que considera “proporcionada”, xa que entende que supón unha “restrición en grao mínimo de dereitos fundamentais”, fronte “á forte salvagarda que se pretende do dereito á vida e á saúde”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com