Novas

O PP pide explicacións a Méndez por pasar un ano sen facer as correccións para aprobar o 5% do PXOM

O Partido Popular quere que a alcaldesa, ou en quen delegue, infórmelles, nun prazo dunha semana como máximo, dos motivos polos que imos acabar este 2021 sen completar o 5% do PXOM, as causas polas que non se abordou aínda a reforma do PEPRI e que explique porque seguen dilatándose a tramitación de licenzas. Os populares abordaron nunha reunión coa APEC este asunto así como as diferentes propostas que benefician a este sector en materia de política fiscal.

No trascurso deste encontro o viceportavoz popular Antonio Ameijide e os concelleiros Manuel López e Rafael Pérez Prados explicaron que lle enviaron unha carta á alcaldesa para que se reuna ela, ou a persoa na que delegue, con representantes do Grupo Popular para que lles explique cales son as prioridades do bigobierno en materia de urbanismo “queremos coñecer os prazos que baralla para resolver cuestións vitais que desbloqueen o desenvolvemento urbanístico de Lugo”.

Ameijide puntualizaba “solicitámoslle a Lara Méndez, por escrito, que antes do próximo mércores convóquenos de forma presencial para explicarnos que se fixo para resolver diferentes cuestións urbanísticas que aparentemente “parece que seguen gardadas nun caixón”. Un exemplo desta desidia en materia urbanística é o do Plan Xeral “que leva tramitándose desde hai máis de dúas décadas sen que, sorprendentemente, háxase concluído o expediente”. Os populares lembran como o Concello non emendou a día de hoxe a listaxe de deficiencias detectadas pola Xunta no 2011 e que a administración autonómica volveu reclamar no 2013, o 2016 e o 2020. O último requirimento da Xunta para completar información, con data do 13 de outubro de 2020, segue sen responderse “o concello non entregou nin un só papel para emendar os erros”.

Ameijide pídelle á alcaldesa que teña “a consideración” de informar o grupo municipal do PP cuxo apoio foi vital sacar adiante este plan urbanístico” xa que o seu socio de goberno rexeitou a súa proposta. “A señora Méndez, ou a persoa na que delegue, debería ter a deferencia e a humildade de informarnos en que punto se atopa e cal é a previsión que ten para aprobalo ao 100%. “O PP actuou con sentido da responsabilidade nun asunto relevante para o futuro da cidade e por ese motivo debería darnos conta de como se está resolvendo o 5% pendente de aprobación”.

Os populares conclúen que “o urbanismo en Lugo con Lara Méndez á fronte é sinónimo de caos e parálise” lembrando que nos case 23 anos de PSOE no goberno “pasaron 8 concelleiros responsables (Besteiro, Liñares, María Novo, Luís Álvarez, Daniel Piñeiro, Miguel Couto, Álvaro Santos e agora Paula Alvarellos) así como un super coordinador de urbanismo (interventor) e os problemas seguen sendo os mesmos ou mesmo han emperorado.

Por último, o viceportavoz Antonio Ameijide e os concelleiros Manuel López e Rafael Pérez tamén anunciaron que pedirán que se recupere a atención presencial, de forma inmediata no departamento de urbanismo co ánimo de axilizar as xestións que agora se complican e eternizan moito máis que antes do covid.

O Concello realiza probas de maniobrabilidade nas obras da ronda

Na mañá de hoxe, persoal técnico municipal e da empresa concesionaria do transporte público desprazáronse á rúa Cidade de Viveiro para realizar novas probas de maniobrabilidade do bus urbano. Desde a área de Mobilidade búscase garantir a mellora accesibilidade tanto para as persoas como para os vehículos nos novos itinerarios do centro da cidade resultantes da obra de humanización da Ronda da Muralla, na zona sur.

Desde a área de Mobilidade trabállase para garantir a maniobrabilidade de todo tipo de vehículos que circulan por estas zonas. O edil de  Infraestruturas estivo presente esta mañá nas probas realizadas cun vehículo de 15 metros de longo adicado ao transporte de pasaxeiros, xa que o paso deste tipo de vehículos por estas rúas acontecerá poucas veces ao ano.

Coas probas realizadas hoxe, a área de Mobilidade avanza na recuperación da normalidade no tráfico rodado no centro da cidade, unha vez rematen as obras de humanización do treito da rúa Santiago á Rúa Vilalba.

O Goberno compromete 558M€ para consolidar Monforte como nó de comunicacións

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, repasou hoxe os compromisos do Executivo con Monforte de Lemos, con actuacións que superan os 558 millóns de euros, para consolidar o papel deste concello como “nó de comunicacións e motor da economía da provincia de Lugo e de Galicia”.

José Miñones desprazouse á capital da comarca de Terra de Lemos acompañado da subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez. Alí foron recibidos polo alcalde de Monforte, José Tomé, con quen supervisaron o estado dos proxectos e investimentos do Estado en Monforte.

O delegado apuntou que “o Goberno responde á relevancia de Monforte cuns investimentos que están á altura do concello”. E destacou que Monforte “é agora protagonista do maior investimento do Goberno en Galicia tras finalizar a construción da Alta Velocidade” con 546 millóns de euros para a modernización do corredor ferroviario entre Ourense e Lugo. Adif executará nos próximos tres anos 71 contratos para poñer ao día a liña e conectala coa alta velocidade que pasará por Ourense. “Nestes momentos xa se atopan en execución a renovación da vía entre Monforte de Lemos e Lugo e o túnel de Oural, que suman máis de 80 millóns de euros”.

Dentro deste proxecto, José Miñones lembrou que esta semana Adif adxudicou a adecuación da estación de tren de Monforte ás novas condicións do corredor. E engadiu que son “3 millóns de euros para a renovación completa deste equipamento” aos que haberá que sumar os 6 millóns previstos para a supresión dos primeiros pasos a nivel do municipio, que configurarán un novo espazo urbano nesta área de Monforte.

Reserva da biosfera da Ribeira Sacra
José Miñones apuntou que este ano o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico destina 6,4 millóns de euros para financiar proxectos de desenvolvemento sostible nas Reservas da Biosfera, e que Monforte de Lemos poderá beneficiarse deles unha vez que a Ribeira Sacra accedeu en setembro a esta figura de protección. Este compromiso traducirase en iniciativas enfocadas cara o emprego verde e asentadas no territorio, co que se obterá tamén un efecto positivo sobre a poboación asentada neste espazo.

Investimentos en sostibilidade ambiental
O delegado apuntou que a mellora ambiental e da calidade de vida da poboación de Monforte de Lemos recibe preto de 5 millóns de euros do Goberno de España. En concreto, Monforte beneficiouse de 2,8 millóns de euros das axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica cos que está abordando a renovación da iluminación pública. Este investimento permite ao Concello substituír máis de 5.000 puntos de luz por puntos LED co que consigue un importante aforro en consumo de electricidade e, ao tempo, unha diminución das emisións á atmosfera derivadas deste consumo.

Xunto á eficiencia enerxética, o Goberno, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, está abordando co Concello a renovación do saneamento e depuración das augas. Tras a execución da primeira fase, ambas administracións abordan xa a segunda, para a que a CH Miño-Sil comprometeu 1,9 millóns de euros e a tramitación dos contratos. “Nestes momentos xa estamos a traballar para definir as necesidades e redactar o proxecto, paso previo á súa licitación”, indicou o delegado.

Os nenos de Lugo poderán “asustar” aos comerciantes do casco histórico nunha nova edición do ‘Truco ou Trato’

A pandemia fixo que a edición do 2020 do Truco ou Trato se aprazase e, despois, se suspendese por mor da situación sanitaria. Neste momento, a case normalidade que vivimos fai que recuperemos unha actividade que no 2019 foi un éxito rotundo: o Truco ou Trato.
O funcionamento non pode ser máis sinxelo: medio centenar de establecementos repartirán doces de xeito gratuíto aos nenos de Lugo que os queiran visitar, e para recollelos regalarán tamén máis de medio millar de cestas de cabaza. Cada local entregará uns poucos caramelos xa que ao ser tanto establecementos non tería sentido facelo doutro xeito e a idea é que os nenos visiten o maior número posible.

Listaxe de establecementos
Mañá xoves publicarase na web www.lugomonumental.es un plano de situación dos establecementos participantes.

Días e horarios
Xa que o día 31 cae en domingo e a maioría dos locais están pechados, farase o truco ou trato os días 29 e 30 de outubro (venres e sábado).
Os horarios serán os de cada establecemento.

¿Os nenos teñen que estar disfrazados?
Non, entregaranse os doces a todos os nenos que visiten os establecementos, se ben recomendamos que se disfracen para que se divirtan máis.

¿É necesaria inscrición?
Non. Os nenos simplemente teñen que ir aos establecementos e “ameazar” ao persoal coa clásica frase: “TRUCO OU TRATO”, e terán así os seus doces.

Galicia Baleira rexeita a consideración pexoractiva que a maxistrada marbellí fixo da “Galicia profunda”

O colectivo Galicia Baleira, membro da España Baleirada e formado pola Federación Provincial de Asociacións de Veciños de Lugo e a Federación de Asociacións de Veciños de Ourense non pode admitir as ofensas emanadas desde sede xudicial en Marbella cara a Galicia e os galegos, cando fala “da Galicia profunda” en comparación coa que di “Cosmopolita Marbella”.

O colectivo non quere entrar no fondo e termos do acto xudicial en si relacionado coa custodia do fillo dunha galega, pero “entendemos o ocorrido como sumamente grave para que tome cartas no Asunto o Ministerio de Xustiza e o Consello Xeral do Poder Xudicial xa que consideramos que os argumentos utilizados, a relación Muros-Galicia e Marbella, incumpren os Art. 14 e 19 da Constitución Española”. Ademáis, consideran tamén que a Xunta de Galicia debe de valorar estas manifestacións e esixir unha rectificación que conleve incluso a anulación da sentenza.

Os galegos que viven na Galicia Interior, “queremos mostrar o total apoio a esta nai galega na súa situación á vez que sentímonos humillados e ofendidos por manifestacións como estas que nos deben unha rectificación clara por parte da xudicatura marbellí”.

Lembran, ademais dende o colectivo que, Galicia ten a nivel público, os mesmos ou mellores servizos que esa Marbella cosmopolita, tanto a nivel social, como Médicos – Hospitalarios ou de Educación e goza dos mellores ambientes para que o neno creza nunha contorna “de alta calidade de vida, agradable e feliz”.

Palas de Rei, de interese para a inversión polo seu potencial turístico e agroalimentario

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e o Concello de Palas de Rei, organizaron hoxe un encontro con representantes dun grupo de investidores interesados na posta en marcha de proxectos empresariais nos ámbitos do sector turístico e agroalimentario.

Coa mirada posta máis especificamente no Camiño de Santiago e Ribeira Sacra, tanto polo seu potencial turístico como agroalimentario, e dirixidos a un segmento de público de alto nivel adquisitivo (interesado en turismo de luxo e produtos gourmet), achegáronse a Palas de Rei conscientes do seu potencial nestas áreas.

Os posibles investidores buscan implantarse en zonas que, como esta, ofrezan oportunidades de slow travel e slow food, atraendo a un público internacional de alto nivel adquisitivo (de Alemaña, Reino Unido ou USA) que contribúa  desestacionalizar o sector e a dar vida a comunidades máis aló de épocas de tempada alta.

Entre os negocios que xa pilotan os posibles investidores atópase o hotel de cinco estrelas Torre do Marqués, en Teruel, ou a axencia de viaxes de luxo Bon Tour, con sedes en Madrid e Barcelona.

O grupo, que tivo como anfitrión ao alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, e ao conselleiro delegado e ao secretario da CEL, Eduardo Valín e Jaime López respectivamente, visitou diferentes establecementos turísticos e empresas da zona así como un dos seus principais reclamos turísticos, o Castelo de Pambre.

Dende a CEL destacan que lograr que novos proxectos empresariais deste tipo de sitúen no interior da provincia de Lugo, supón un valor engadido para “loitar contra a España baleirada” e ofrecer alternativas de traballo e futuro á poboación local.

‘Videopoética’, de Yolanda Castaño en Lugo

O Salón Rexio do Círculo das Artes acollerá esta semana un recital dentro do programa “Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021”, co patrocinio da Xunta de Galicia.

Yolanda Castaño presenta “ Videopoética”, un recital multimedia que fai un repaso pola pioneira e dilatada traxectoria da autora neste xénero híbrido. O espectáculo combina poemas en directo, pezas de audio sobre música pregrabada, un guión condutor orixinal e a proxección de pezas videopoéticas, que van desde as precursoras (1977), ata as máis recentes (2020).

Será o vindeiro mércores 27 de outubro ás 20.00 horas no Salón Rexio. A entrada será libre, ata completar aforo.

O PP pide a BNG e PSdeG que “saquen as súas mans da insdustria de Galicia”

O portavoz de Emprego do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, demandou hoxe a socialistas e nacionalistas que “deixen de poñer paos nas rodas e saquen as súas mans da industria de Galicia porque están a afogar o futuro laboral de miles de traballadores”. Neste sentido, afirmou que “calquera debate sobre emprego que propoñan BNG e PSdeG non é máis que unha cortiña de fume para non falar da situación límite na que están situando a moitas das nosas empresas e aos seus traballadores”.

Balseiro lembrou que “o Goberno galego xa anunciou que liderará un gran pacto con todos os axentes para darlle forma á Axenda Galega de Capacidades e Necesidades Laborais, un pacto en materia de emprego  para cruzar oferta e demanda e ser capaces de adaptar a formación ás necesidades reais do mercado laboral”.

“En materia de emprego, en Galicia hai unha realidade incontestable: hoxe hai menos paro e máis afiliacións á Seguridade Social que antes da pandemia”, afirmou o portavoz popular, quen apuntou que “estas cifras non son mérito exclusivo do Goberno galego, porque debemos recoñecer o traballo colectivo que fixo posible volver á senda da recuperación, tanto daqueles sectores que foron capaces de medrar pese á pandemia, como dos que, tras verse fondamente afectados, volveron abrir os negocios”.

Así mesmo, o portavoz popular salientou que “a recuperación xeral da economía en Galicia estase a producir en maior proporción que na media nacional”. En concreto, dixo que a contratación en xeral incrementouse un 16 por cento, a contratación indefinida medra un 22 por cento e tamén aumenta un 13 por cento a contratación a tempo completo.

A Masa Crítica volve saír ás rúas este xoves

A Masa Crítica Lucense sae de novo ás rúas da cidade para promover o uso da bicicleta como medio de transporte.
Como ocorre cada mes, este último xoves de outubro, día 28, a partir das 20:30 horas, os ciclistas sairán desde a Praza Maior, para dar paseo amable en bici e promover así o uso dun vehículo cero emisións que vela tamén polo noso medio ambiente.
Dende Masa Crítica Lucense animan á cidadanía que o desexe a participar destas marchas en bici que teñen lugar cada último xoves de mes.

A nova película de Céline Sciamma chega a Codex Cinema

A francesa Petite maman e a española El sustituto son as estreas desta fin de semana.

A cineasta francesa que hai dous anos sorprendeu ao mundo con Retrato dunha muller en chamas, a historia de amor lésbico que marcou un antes e un despois na representación destas relacións no cinema, regresa agora con Petite Maman, un delicioso conto fantástico sobre unha nena que se adentra nun misterioso bosque na busca de aventuras.

Tratando os temas da perda dos seres queridos e das herdanzas xeracionais entre avoas, nais e fillas, Sciamma crea unha película ben diferente á súa anterior obra, pero que volve a falar en feminino, nesa intimidade de mulleres de distintas idades, nun reino onde os homes teñen pouco o nada que dicir. A través dunha mirada naturalista ao tempo pictórica dese bosque máxico onde calquera cousa pode pasar, o filme comeza como un drama para transformarse pouco a pouco nun conto fantástico á maneira dun Michael Ende ou Maurice Sendak. É dicir, como o viaxe iniciático dun neno cara o mundo das responsabilidades adultas.

Tamén unha viaxe difícil de crer é a que realiza o protagonista da outra estrea da semana, El sustituto. Este filme de Óscar Aibar comeza como un drama sobre a violencia estrutural á que se ten que enfrontar un policía para ir pouco a pouco conformándose como un memorable retrato da España da Transición, de todos os seus traumas e males, tanto políticos e económicos. Unha intriga tipicamente hitchcockiana leva
ao protagonista a atoparse coa corrupción política e empresarial, a través do crecemento urbanístico irresponsable e as herdanzas do fascismo.

A película está protagonizada por Ricardo Gómez, coñecido pola súa interpretación de Carlos Alcántara na serie Cuéntame como pasó durante vinte anos. Á marxe desta serie, o actor leva anos formándose unha carreira moi seria tanto en cine como en televisións, en papeis que están lonxe do rol que lle deu a coñecer. A tamén televisiva Vicky Luengo (Hospital central, Antidisturbios) acompáñao neste imprevisible filme de intriga dirixido por Óscar Aibar.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com