Novas

Cs critica que a Banda municipal de música non actuase nas patronais

O concelleiro de Cs Juan Vidal-Pardo lamentou esta mañá que a Banda municipal de música non actuase durante as festas de San Froilán 2021. “Consideramos inadmisible que a Banda non fose incluída entre os máis de 50 concertos organizados dentro do programa de festas das patronais. A ausencia da Banda no San Froilán 2021 é un síntoma inequívoco de que o Goberno local non foi capaz de corrixir a situación marxinal que viven os traballadores da agrupación musical e evidencia unha falta de vontade política”, apuntou.

O concelleiro de Cs asegura que os feitos demostran que a xestión do Goberno local neste asunto é un rotundo fracaso. “En máis de dous anos de mandato non quixeron recuperar o talento artístico que atesoura este grupo de traballadores municipais. Unha Banda que non toca nin tan se queira nas festas patronais esboza a situación dunha agrupación errada por unha alarmantemente carencia de liderado. Non valen as escusas, trátase dunha cuestión de vontade política”, afirmou o edil da formación laranxa.

Durante a súa comparecencia, Vidal-Pardo afirmou que lle consta malestar entre os traballadores municipais pola situación de marxinalidade na que se atopan. “É lamentable que desde o bigobierno ignoren unha e outra vez as demandas deste colectivo, pero é eticamente inadmisible que ademais tenten acalar estas demandas con ameazas de vinganzas de distinto tipo. A imposibilidade de tocar é unha demostración da política de vendetta usada por Maite Ferreiro e o seu equipo”, dixo.

“A estratexia do medo utilizada polo BNG para tentar canalizar a situación da Banda demostra unha falta total de capacidade de dialogo e unha carencia de sensibilidade humana e artística sen precedentes. É unha vergoña que un municipio como o de Lugo conte cunha Banda municipal cuxo obxectivo máximo é transmitir o valor da música e divulgar o seu patrimonio cultural entre a nosa poboación e ese fin véxase confirmado pola nefasta xestión política que se está levando a cabo con este colectivo desde hacecasi unha década e de forma amnifiesta en lso últimos anos”, concluíu.

Miñones destaca o “compromiso histórico” do Goberno con Galicia nos Presupostos Xerais do Estado

O delegado do Goberno, José Miñones, destacou hoxe o compromiso histórico do Goberno con Galicia cun incremento do investimento dun 29,3% no proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado de 2022. “O  investimento do Goberno en Galicia dispárase ata os 1.074,7 millóns de euros”, defendeu en rolda de prensa, o que implica que Galicia sexa a comunidade onde máis suba o investimento en todo o Estado.

José Miñones subliñou o “impacto positivo e histórico” das contas, que conteñen “un orzamento investidor de récord” para demostrar “o compromiso real do Goberno de Pedro Sánchez con Galicia e a discriminación positiva que Galicia vai ter neste ano de recuperación”.

“O próximo ano, o investimento do Goberno en Galicia dispárase ata os 1.074,7 millóns de euros, o que supón un incremento do 29,3% con respecto ao investimento deste ano. Toda unha demostración de compromiso”, continuou. O investimento en Galicia ascende ao 8,3% do conxunto de comunidades, por encima do seu peso no PIB (5,2%) e en poboación (5,7%). Ademais, o investimento per cápita ascende a 398 euros por galego e galega, 124 euros máis que a media nacional, situada en 274 euros. “Toda unha discriminación positiva que pon a Galicia no lugar que merece”, afirmou.

O delegado do Goberno defendeu que “Galicia é un dos territorios máis beneficiados dos Orzamentos de 2022”. As contas implican máis recursos para sanidade, para educación, para dependencia e para pensións, entre outros capítulos, polo que son os orzamentos con maior gasto social da historia. “Máis investimento nas persoas para unha recuperación económica e social xusta”, proseguiu.

José Miñones detallou, ademais, que en catro anos de Goberno de Pedro Sánchez, Galicia recibiría un 27,1% máis de recursos que no últimos catro anos de Rajoy. Unhas cifras “que desmenten o discurso de confrontación da Xunta”,  dixo.

As contas tamén implican beneficios para os concellos. As entidades locais recibirán 2.050 millóns de euros  vinculados ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e 1.228 vinculados á devolución do IVE/IVE e ás liquidacións negativas de 2020.

“Galicia está máis que nunca no centro da política estatal cun Goberno que cumpre e incrementa o investimento, as transferencias e o gasto social, cunha Recuperación xusta na que non deixamos a ninguén atrás, mirando polos galegos e galegas máis necesitados, polos nosos pensionistas, novos e clase media traballadora”, concluíu.

Aprobada a Conta Xeral de 2020: Lugo ingresa 4M€ menos e suma un 15% o gasto medio por habitante

O Concello de Lugo aprobou hoxe nun Pleno Extraordinario a Conta Xeral de 2020. Un exercicio marcado pola COVID que tamén deixou a súa pegada no balance municipal.

A tenente de alcaldesa e edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, puxo de manifesto, xa ao inicio da súa intervención, que a información que recolle o documento contable achega “cifras obxectivas, non de parte, que reflicten a situación económica na que se atopa a administración” e lamentou, pola contra, “a utilización nesgada que fai deles a oposición na procura de réditos políticos sen pensar que cando os trasladan, dunha maneira terxiversada, o que fan é prexudicar a imaxe institucional do Concello, embazando o traballo do persoal municipal e poñendo en tela de xuízo os resultados acadados que, como digo, falan, en definitiva, de solvencia, de liquidez e dunha mellora dos protocolos administrativos que, a pesar das circunstancias, redundou no conxunto da poboación lucense porque incrementou a axilidade da tramitación”.

Un argumento no que a propia rexedora, Lara Méndez, abondou para poñer en evidencia a falta de escrúpulos da oposición cando recorre á mentira para tratar de disimular a súa falta de traballo, en alusión ao anuncio realizado días atrás dunha posible subida de impostos.

“Non se pode vir aquí a facer afirmacións que non están acompañadas de realidade, non lle imos subir os impostos á cidadanía, pasen polos servizos e pregunten aos técnicos, preocúpense e, sobre todo, infórmense do labor que se está facendo, dos cambios que estamos implantando para ser aínda máis dilixentes como Administración e deixen de contar mentiras”, pediu a alcaldesa.

Pola súa banda, Paula Alvarellos quixo destacar, primeiramente, que o impacto da inactividade económica e social xerada pola pandemia mermou en 4 millóns de euros a recadación municipal de 2020.

“Unha diminución de ingresos derivada, fundamentalmente, da recesión no investimento privado que ocasionou o Estado de Alarma, pola incerteza financeira que provocou, e paralizou a moitos sectores, nomeadamente á industria cultural e de ocio, entre eles a hostalaría – cun importante peso no PIB local e nacional – pero que tampouco foi alleo á construción, un dos polos de negocio máis importantes na cidade. Dito isto, o 2020 arroxou no Concello de Lugo un saldo de 80.035.861 de euros en dereitos recoñecidos, dos que forman parte tanto os impostos directos e indirectos, como as taxas e prezos públicos, as transferencias correntes e de capital ou os ingresos patrimoniais. E de todos eles, só un 13’21% quedou pendente de cobro a 31 de decembro”.

A este respecto Paula Alvarellos afeou ao portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular polo “descoñecemento manifesto que pon de relevancia e sen ningún tipo de pudor cando afirma que o Concello estimaba ingresar 149 millóns de euros, cando esa cantidade alude ao orzamento total dispoñible do Concello en 2020. Así que, por favor, fórmese e deixe de crear confusión gratuitamente”.

A concelleira nomeou, tamén, algúns dos tributos máis cuantiosos para as arcas municipais como foron o IBI (22.015.869 €) ou o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (5.803.644 €) que supoñen o 27’51% e o 7’25%, respectivamente, da cantidade total que obtén a Administración cada anualidade.

“Sen embargo, a necesidade de pechar as instalacións públicas durante varios meses e as limitacións de aforo posteriores ocasionaron, por exemplo, que os cobros de prezos públicos nas Escolas e dotacións deportivas da capital ou na Escola Municipal de Música decaesen dos 346.187 € e 67.145 € obtidos, respectivamente, en 2019 aos 192.572 € e 59.429 euros que se recadaron o pasado ano”, lembrou a edil.

“Tamén a taxa pola apertura de establecementos dá boa conta da baixa nos niveis de investimento en Lugo, onde pasamos de 161.185 € (2019) a 105.171 € (2020) e mesmo impostos como o ICIO evidencian que o volume de obras e reformas na construción tamén se resentiu xa que dunha liquidación de 1.846.923 euros en 2019 pasamos á metade, 935.330 € en 2020 (un 49’36% menos)”.

A pesar desta realidade e, “co obxectivo de dotar de liquidez ao empresariado pero tamén ás e aos contribuíntes e promotores, o Goberno de Lara Méndez habilitou unha serie de medidas que están a ter efectos sobre as arcas municipais. É o caso do adiamento do pago dalgúns dos gravames, como este do ICIO, pero tamén a exención total, por exemplo, das taxas de ocupación da vía pública por terrazas e caldeiros do polvo, ou mesmo a taxa de mercados polas que o Concello obtivo o pasado ano cero euros. Noutros casos, a cancelación de eventos culturais ou festivos implicou unha nula recadación por conceptos como a taxa por festas na rúa, a ocupación con casetas, etc…”

“Un contexto que afectou á baixa ao capítulo de ingresos pero que, en ningún caso, compromete a solvencia da Institución que, en 2020, abonou preto de 9.000 facturas a empresas e autonómos locais por importe de 53’7 millóns de euros”, subliñou Alvarellos Fondo.

Ademais, a responsable da área económica recordou que a área de Tesourería abonou no pasado exercicio económico o 96’67% das obrigas contraídas pola Institución, un concepto que aglutina o pago aos provedores pero, tamén, ás persoas beneficiarias das diferentes axudas e subvencións municipais que se convocaron, entre outras moitas partidas.

concelleira destacou a saúde económica da que goza a Administración local contribuíu a rebaixar, alén, o período medio de pago até os 8’2 días, por debaixo dun terzo do prazo legal pero o resto dos indicadores económicos que resumen as contas son tamén moi positivos, como o feito de manter a débeda financeira a cero, que a liquidez inmediata sexa do 253’45% ou a solvencia a curto prazo do 527’46%.

É dicir, en 2020 atendemos ao urxente, ao prioritario, sen descoidar as obrigas ordinarias – que nese ano alcanzaron unha maior transcendencia que en calquera outro – e sen minguar tampouco, ao contrario – o investimento público. Precisamente porque todos estes factores están relacionados. Pese a obter menos ingresos, pese a paralización que xerou a Covid, o Goberno local executou o 83% do gasto comprometido que superou os 104 millóns de euros e incrementou o gasto medio por habitante nun 15% pasando dos 795’46 euros investidos en 2019 aos 909’88 €”, resumiu, en conclusión, Paula Alvarellos.

O Concello convida á veciñanza a participar nunha andaina polo Vello Lugo Agrario

O executivo de Lara Méndez, a través da Concellería de Muller e Igualdade, celebrará o Día Mundial da Muller Rural, que se conmemora cada ano o 15 de outubro desde o 2007, cando a Organización das Nacións Unidas o estableceu co obxectivo de recoñecer á muller rural pola súa contribución no desenvolvemento rural e agrícola, a erradicación da pobreza e a mellora na seguridade alimentaria.

A rexedora de Lugo anima á veciñanza a participar na programación organizada pola área que dirixe a edil Silvia Alonso, “unha data moi importante para enxalzar o papel imprescindible das mulleres rurais no desenvolvemento social e económico de Lugo, tendo en conta que o noso rural o comprenden 54 parroquias e ocupa o 80% do noso territorio”.

O programa inclúe unha andaina pola ruta do Vello Lugo Agrario, un itinerario circular de 4,9 quilómetros, de dificultade baixa, que transcorre por unha paisaxe natural de gran beleza. Terá lugar o sábado 16 de outubro ás 11.30 horas.

O punto de encontro será ao carón da Igrexa de Santalla de Bóveda e a participación é aberta e gratuíta. Ao rematar esta ruta, na que colaboran Fademur, Federación de Asociacións de Mulleres Rurais, e a Asociación de Mulleres A Casiña de Esperante, haberá un aperitivo saudable.

O plan de Medio Rural contempla axudas de ata 6.900 euros para as comunidades de montes que desenvolvan actividades silvopastorís

A deputada de Medio Rural, Mónica Freire mantivo esta tarde en Foz un encontro con representantes de comunidades de montes veciñais en man común da comarca da Mariña para presentarlles o programa O que non arde, dirixido a contribuír á prevención dos incendios.

No encontro, que se desenvolveu no Centro Cívico de Cangas de Foz, a responsable nacionalista, acompañada por persoal técnico da área, debullou os detalles do programa, cunha liña de axudas dirixida ás comunidades de montes que desenvolvan ou poñan en marcha actividades silvopastorís nas faixas de protección fronte aos lumes.

Mónica Freire incidiu “na importancia da prevención nas políticas públicas contra os lumes forestais, un dos elementos centrais da problemática do campo galego e unha grave ameaza para calquera política de desenvolvemento rural”.

Nese sentido, explicou que “O que non arde parte desa premisa e pon a disposición das comunidades de montes recursos para poñer en marcha actividades como pastoreo que aseguran un aproveitamento produtivo dos terreos ao tempo que os manteñen libres de biomasa”.

A responsable de Medio Rural aludiu á necesidade de “contar coas comunidades de montes nesa tarefa pola superficie de terreo que xestionan e tamén pola labor pedagóxica que coas súas prácticas poden desenvolver de cara a propietarios e propietarias”

As comunidades de montes poden solicitar achegas para pastoreo con gandeiría extensiva no ámbito de influencia das faixas de xestión de biomasa e nos lateriais das vías municipais, así como para elaborar e regular plans de aproveitamento silvopastoril.amén se ofrece a posiblidade de optar a axudas destinadas á investigación da  propiedade ou á resolución de discreprancias catastrais, que repercutan na mellora organizativa e estrutural destas entidades de xestión en común da propiedade. As achegas poden chegar, en función das accións para as que se soliciten, ata os 6.900 euros.

A convocatoria está aberta a todas as comunidades cuxos montes estean inscritos no Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común. No caso de arrendamento total ou parcial do monte, ou cesión parcial do mesmo para
o seu aproveitamento individual por parte dalgúns comuneiros, para a realización dun aproveitamento de pastos por gando en extensivo, os arrendatarios e comuneiros poderán acollerse ao programa.

As solicitudes poden presentarse ata o vindeiro 28 de outubro, achegando a documentación indicada nas bases da convocatoria, dispoñible na web da Deputación de Lugo e publicadas no BOP do 29 de setembro.

‘Lugo Cidade Verde’, define a estratexia de municipio dos próximos anos

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, lidera o Plan de Acción da Axenda Urbana Española no que se engarzarán todos os programas e proxectos relacionados co deseño e planificación estratéxica do municipio.

A Xunta de Goberno aprobaba hoxe a participación da Administración local na convocatoria do Ministerio de Transportes coa que concorre baixo a marca Lugo Cidade Verde como seña de identidade das políticas que desenvolve o executivo de Lara Méndez.

“Se trata, en definitiva, de darlle un enfoque integrador a todas as actuacións que desenvolvemos en prol de atender aos impactos do cambio climático dende os fenómenos urbanos, procurando a ordenación do territorio e o seu uso racional, revitalizando a zona rural e urbana para propiciar a súa integración, pulando pola xestión sostible dos recursos, a economía circular e o fomento da proximidade tanto no eido do consumo como da mobilidade co fin de procurar unha maior cohesión e equidade social ao tempo que favorecemos tamén a innovación dixital – sinalou Lara Méndez. O que denota o papel tan fundamental que exercemos as Institucións locais e o impacto que ten nese obxectivo o noso labor”.

“Un traballo – engadiu – para o que se tiveron en conta os Obxectivos de Densenvolmento Local, así como os indicadores de Urbanismo Ecolóxico, da Rede Española de Desenvolvemento Sostible, a Axenda Europea, Axenda Europea do Eixo Atlántico e a Axenda urbana Española, entre outros”.

A alcaldesa anunciou que o Concello, que concorrerá, ao efecto, a unha achega económica de 200.000 euros, pretende crear unha Oficina de Xestión de Proxectos que se encargará da redacción das propostas técnicas que impulse o Comité Operativo, presidido pola propia rexedora e integrado por funcionarios de carreira da Institución con acreditada experiencia ao respecto.

“Ademais, a nosa vontade é favorecer, durante todo o proceso, a participación cidadá como fixemos xa noutras ocasións, a través das iniciativas Sumando Lugo ou Muramiñe Rehabilita, polo que teremos en conta as achegas que nos trasladen os diferentes axentes sociais alén de incorporar un Consello da Mocidade para propiciar a implicación da xuventude”, avanzou Méndez quen tamén referiu a posta en marcha dun Observatorio Urbano para monitorizar os avances que experimenta a cidade.

“A implementación desta Estratexia resulta clave para lograr a necesaria transición verde, dixital e cohesionada socialmente pero sempre dende a diversidade de ámbitos e a integración”, concluíu Lara Méndez ao tempo que lembrou que o Concello de Lugo leva traballando dende o ano 2007 con esta premisa, acelerando o seu impulso a partir de 2015 coa execución de numerosas accións nas que o seu eixo central e transversal é a sustentabilidade – como foron os programas Dusi, Life Lugo + Biodinámico, Smart City e mesmo o Lugo Transforma, para a dinamización e recuperación económica trala pandemia – e que agora poderán acadar maior proxección ao abeiro das axudas europeas Next Generation.

Outros asuntos da Xunta de Goberno Local

Por outra banda, na sesión celebrada esta semana outorgáronse tres licenzas urbanísticas para proceder á rehabilitación dun edificio na Rolda da Muralla para vivenda unifamiliar (284.800 €), para executar obras de conservación nunha edificación tradicional de Lamas (10.969 €), así como para realizar unha parcelación de terreos en Nadela.

Igualmente, iniciouse o procedemento de adxudicación – en seis lotes – para o mantemento e reparación dos vehículos e maquinaria do parque móbil municipal polo prazo dun ano e cun orzamento base de licitación de 82.819 € e autorizáronse as prórrogas dos contratos do servizo de reparación de avarías na rede de abastecemento de auga e de vixilancia no Fogar do Transeúnte e no CEI – Nodus.

Louzao: “O desenvolvemento do San Froilán 2021 constitúe un motivo sólido para Ferreiro dimita”

A portavoz municipal de Cs, Olga Louzao, considera que a afluencia rexistrada durante a presente edición de San Froilán constitúe un logro para o conxunto da sociedade lucense e supón tamén un motivo sólido para que Maite Ferreiro abandone o seu posto como máxima responsable de Cultura ao quedar totalmente desacreditados cada un dos seus argumentos para impedir a celebración. “É lamentable todo o ruído que se xerou ao redor desta edición das patronais por mero oportunismo político”, afirmou a concelleira da formación laranxa.

“Todos puidemos comprobar como día tras día a nosa cidade recuperou parte da súa cor. Os feitos dannos a razón. Avalan a nosa postura cando o pasado 1 de setembro esixiamos publicamente a organización dun recinto feiral en consonancia coa realidade pandémica e acorde á normativa anticovid. San Froilán 2021 puido ser un éxito total se o PSOE reaccionase antes e a organización das festas non levase a cabo tarde, mal e arrastro fiando aspectos de seguridade á pura improvisación. Podíase evitar as aglomeracións existentes cunha mellor planificación no canto de utilizar as patronais para iniciar unha guerra política entre os membros do bipartito”, sinalou.

A limpeza, o botellón e as aglomeracións, o puntos negativos
Louzao sinalou que a falta de planificación supuxo problemas evidentes a nivel organizativo. “Puidemos comprobar como en momentos determinados vivíronse episodios innecesarios que ademais supuxeron un risco desde o punto de vista sanitario. Os accesos ao recinto feiral estaban regulados con todo as aglomeracións producíronse igualmente, tanto nas inmediacións do recinto como ao redor de determinadas atraccións con moito demanda”, apuntou.

“Ademais todos puidemos comprobar polas fotos publicadas estes días como no punto exacto onde coinciden os nosos tres patrimonios da humanidade producíronse botellóns masivos que poñen en evidencia unha xestión deficiente do Goberno local e constitúen unha imaxe deplorable para a nosa cidade”, dixo.

Por outra banda a portavoz de Cs sinalou que nos últimos días o seu grupo municipal ha recibido numerosas queixas veciñais pola falta de limpeza durante o período de festas. “Trátase dun problema existente ao longo de todo o ano que quedou especialmente en evidencia durante estes días. O tema da recollida do lixo só ten unha solución. Dimensionar de forma correcta o servizo sen máis demora. É unha necesidade dos veciños e veciñas ignorada de forma reiterada por este Goberno quen ademais optou por xudicializar o concurso de adxudicación”, concluíu Louzao.

Urxen a comparecencia da Ministra de Industria para explicar as actuacións do Goberno en Alcoa

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia o rexistro da solicitude de comparecencia da Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, para explicar as actuacións do Goberno do Estado da planta da Mariña de Alcoa. A formación nacionalista mantén unha xuntanza co comité de empresa para trasladar as novas iniciativas e reclama a intervención pública, aínda que sexa temporal, para salvagardar a totalidade dos postos de traballo.

Rego traslada o apoio da formación nacionalista aos traballadores e traballadoras de Alcoa na súa loita “por manter a actividade e salvar a totalidade dos postos de traballo”. Na xuntanza co comité de empresa tamén participaron o deputado no Parlamento de Galiza, Daniel Castro, a responsábel comarcal do BNG na Mariña, Ana Ermida, e outros representantes da formación nacionalista a nivel local e comarcal como os voceiros municipais do BNG en Cervo, Burela e Viveiro.

“O Bloque Nacionalista Galego ten claro que a solución de Alcoa pasa pola intervención pública, mesmo que sexa unha intervención pública temporal da planta” lembra o deputado no Congreso. Por este motivo, Rego non entende a actitude do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo de “rexeitar nos últimos tempos a posibilidade de que fose adquirida temporalmente pola SEPI”. Posteriormente, segundo explica o deputado, a fábrica podería pasar a mans dun operador industrial “cun proxecto serio, solvente e de futuro para a planta de aluminio”.

Calquera proxecto que se presente para comprar a fábrica “ten que garantir a continuidade dos postos de traballo e, polo tanto, a actividade na Mariña”. Nese sentido, anunciou Rego, o BNG seguirá traballando para exixir ás administracións públicas que teñen competencias en materia industrial para que actúen de maneira decidida, “desde a Xunta de Galiza, que non pode pórse de perfil neste problema tan grave, até o Goberno do Estado”.

Após moitos meses desde o comezo do conflicto “existe un total silencio por parte do Goberno do Estado que nin se digna a pórse en contacto co comité de empresa. Case un ano e medio despois do anuncio da empresa de levar a cabo o ERE, seguimos no mesmo punto”. Por este motivo, Rego avanza o rexistro da solicitude de comparecencia da Ministra en Comisión “para que explique en que punto están as negociacións, a postura de Goberno e lle dea unha resposta rotunda ao comité de empresa de Alcoa e ao conxunto da cidadanía da Mariña”.

Apoio das cámaras galega e estatal

“Sabemos que o futuro de Alcoa pasa pola intervención pública, pasa por que a SEPI adquira esta planta e continuaremos reclamando para que isto suceda porque sabemos que é fundamental para o conxunto da Mariña e para o conxunto da Galiza” explica Néstor Rego. Neste punto, lembrou que existe acordos unánimes, tanto no Parlamento e Galiza como no Congreso dos deputados, para que a SEPI se fixera cargo da planta da Mariña. En concreto, “existe dúas resolucións no Parlamento e unha no Congreso que o Goberno do Estado non tivo en consideración e mesmo a Ministra ten que explicar porque retirou a SEPI do proceso” conclúe.

O director da Banda de Música de Lugo pide unha excedencia antes do seu primeiro concerto

O executivo de Lara Méndez estimará a excedencia por prestación de servizos solicitada polo director da Banda Municipal de Música de Lugo, David Fiuza, tras obter este a praza de Director da Banda de Música Municipal de Santiago, que pasará a ocupar este mes cun contrato de alta dirección durante dous anos.

O director tomara posesión do seu cargo en Lugo o pasado mes de xullo, “tempo no que desenvolveu un corto pero intenso e excelente traballo tanto na Banda como na Escola de Música”, destacou a alcaldesa Lara Méndez, que lembrou que “a excedencia é un dereito que ten como traballador”.

O músico de Vila de Cruces obtivo a praza lucense tras participar no proceso selectivo convocado pola área de Recursos Humanos, unha oposición de acceso libre na que se esixía como requisito imprescindible a titulación superior de Música ou equivalente na especialidade de dirección de Orquestra, expedido polo Conservatorio Oficial de Música.

A gran profesionalidade de David Fiuza queda de manifesto, ademais de por superar o proceso selectivo de Lugo e Santiago, este último dunha duración de dous anos en servizos especiais, en que tamén foi reclamado polo Concello de A Coruña, previo acordo con el, para a súa incorporación á Banda Municipal da cidade herculina en comisión de servizos, denegándose esta comisión, tamén por dous anos, ante o informe desfavorable emitido polo servizo de Cultura.

A área de Gobernanza, dependente da tenente de alcaldesa, Paula Alvarellos, procederá agora a chamar á segunda das persoas que aprobou o proceso selectivo de director da Banda de Música Lugo para cubrir este posto en comisión de servizos ata a volta de Fiuza.

O Goberno de Lara Méndez puxo en valor os pasos dados dende Gobernanza para consolidar tanto o futuro da Banda como o da Escola de Música, co fin de ofrecer así unha estabilidade aos propios traballadores – que actualmente xa teñen regularizada a súa situación laboral – “o que reverterá alén no futuro deste centro que tantas satisfaccións e tan bo servizo leva dado dende o ano 2012 cando se puxo en marcha”, sostivo a rexedora lucense.


Imaxe de arquivo: toma de posesión Novo Director da Banda de Música

A Deputación presenta o seu modelo de Residencias na Semana Europea das Rexións e Cidades

A Deputación de Lugo presentou este martes na 19ª Semana Europea das Rexións e Cidades o seu modelo de Centros de Atención a Maiores a través dun vídeo testemuñal que relata a filosofía coa que se traballa, escóitanse voces de usuarios e usuarias, e a visión do persoal da institución que está pegado ao día a día dos centros.

A Deputación foi seleccionada, un ano máis, para participar no maior evento anual de política rexional en Europa, un cumio que se celebra dende onte ata ao xoves baixo o lema Xuntos pola Recuperación, para participar nun taller de traballo centrado na dixitalización para apoiar un envellecemento saudable e unha mellor calidade de vida para os maiores, e a transformación dos sistemas sanitarios en Europa.

A Deputación de Lugo presenta o seu modelo dende a convicción de que é extrapolable a calquera territorio rural da Unión Europea. Antonio, Benilde, Víctor, Pura, Herminia ou Teté son algunhas das persoas usuarias da rede pública residencial da institución que relataron nesta peza audiovisual o seu modo de vida no centro no que están residindo. Contan dende a súa óptica como ven eles a residencia e detallan a realidade social que se dá nos centros nos que conviven, onde veciños e veciñas teñen agora un novo fogar no que se aposta por manter o arraigo, se seguen as tradicións e costumes de cada zona, se aposta pola gastronomía local e onde cada acción e decisión pon no centro ás persoas.

A rede asistencial da Deputación de Lugo ten o seu xermolo na cooperación cos concellos nos que se asentan os centros, un feito que enriquece a súa posta en marcha e funcionamento. Este modelo dá prioridade no acceso ás prazas á veciñanza do municipio, logo aos dos concellos limítrofes ou da comarca, e despois o proceso ábrese para lucenses en xeral.

Ademais, o ente provincial garante que todos os veciños e veciñas, independentemente da súa situación económica, poidan acceder a estas prazas, posto que os usuarios pagan en función da súa capacidade económica. Agora mesmo ten 6 residencias en marcha, en Pol, Trabada, Castroverde, A Fonsagrada, Ribadeo e Pedrafita do Cebreiro, e nos vindeiros meses prevé a apertura dos centros de Meira e Navia de Suarna.

Unha política social propia da Deputación que se presentou neste taller de traballo da Semana Europea de Rexións e Cidades, que contou cun panel institucional e técnico de alto nivel que ten como obxectivo reunir institucións, rexións e cidades europeas, e partes interesadas clave para fomentar un debate sobre os desafíos que expón o proceso de envellecemento da poboación na Unión Europea e explorar as oportunidades da transición dixital para mellorar a calidade de vida das persoas maiores e transformar os sistemas de atención sanitaria e social á luz dun enfoque orientado ao envellecemento saudable.

Xunto coa Deputación de Lugo participaron os representantes de EUREGHA (Rede Europea de Autoridades Sanitarias, Rexionais e Locais), comisarios e parlamentarios europeos, así como membros da Dirección Xeral de Apoio ás Reformas Estruturais (DG REFORM) e da Dirección Xeral de Comunicacións, Redes, Contido e Tecnoloxía (DG CNET).


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com