‘Lugo Cidade Verde’, define a estratexia de municipio dos próximos anos

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, lidera o Plan de Acción da Axenda Urbana Española no que se engarzarán todos os programas e proxectos relacionados co deseño e planificación estratéxica do municipio.

A Xunta de Goberno aprobaba hoxe a participación da Administración local na convocatoria do Ministerio de Transportes coa que concorre baixo a marca Lugo Cidade Verde como seña de identidade das políticas que desenvolve o executivo de Lara Méndez.

“Se trata, en definitiva, de darlle un enfoque integrador a todas as actuacións que desenvolvemos en prol de atender aos impactos do cambio climático dende os fenómenos urbanos, procurando a ordenación do territorio e o seu uso racional, revitalizando a zona rural e urbana para propiciar a súa integración, pulando pola xestión sostible dos recursos, a economía circular e o fomento da proximidade tanto no eido do consumo como da mobilidade co fin de procurar unha maior cohesión e equidade social ao tempo que favorecemos tamén a innovación dixital – sinalou Lara Méndez. O que denota o papel tan fundamental que exercemos as Institucións locais e o impacto que ten nese obxectivo o noso labor”.

“Un traballo – engadiu – para o que se tiveron en conta os Obxectivos de Densenvolmento Local, así como os indicadores de Urbanismo Ecolóxico, da Rede Española de Desenvolvemento Sostible, a Axenda Europea, Axenda Europea do Eixo Atlántico e a Axenda urbana Española, entre outros”.

A alcaldesa anunciou que o Concello, que concorrerá, ao efecto, a unha achega económica de 200.000 euros, pretende crear unha Oficina de Xestión de Proxectos que se encargará da redacción das propostas técnicas que impulse o Comité Operativo, presidido pola propia rexedora e integrado por funcionarios de carreira da Institución con acreditada experiencia ao respecto.

“Ademais, a nosa vontade é favorecer, durante todo o proceso, a participación cidadá como fixemos xa noutras ocasións, a través das iniciativas Sumando Lugo ou Muramiñe Rehabilita, polo que teremos en conta as achegas que nos trasladen os diferentes axentes sociais alén de incorporar un Consello da Mocidade para propiciar a implicación da xuventude”, avanzou Méndez quen tamén referiu a posta en marcha dun Observatorio Urbano para monitorizar os avances que experimenta a cidade.

“A implementación desta Estratexia resulta clave para lograr a necesaria transición verde, dixital e cohesionada socialmente pero sempre dende a diversidade de ámbitos e a integración”, concluíu Lara Méndez ao tempo que lembrou que o Concello de Lugo leva traballando dende o ano 2007 con esta premisa, acelerando o seu impulso a partir de 2015 coa execución de numerosas accións nas que o seu eixo central e transversal é a sustentabilidade – como foron os programas Dusi, Life Lugo + Biodinámico, Smart City e mesmo o Lugo Transforma, para a dinamización e recuperación económica trala pandemia – e que agora poderán acadar maior proxección ao abeiro das axudas europeas Next Generation.

Outros asuntos da Xunta de Goberno Local

Por outra banda, na sesión celebrada esta semana outorgáronse tres licenzas urbanísticas para proceder á rehabilitación dun edificio na Rolda da Muralla para vivenda unifamiliar (284.800 €), para executar obras de conservación nunha edificación tradicional de Lamas (10.969 €), así como para realizar unha parcelación de terreos en Nadela.

Igualmente, iniciouse o procedemento de adxudicación – en seis lotes – para o mantemento e reparación dos vehículos e maquinaria do parque móbil municipal polo prazo dun ano e cun orzamento base de licitación de 82.819 € e autorizáronse as prórrogas dos contratos do servizo de reparación de avarías na rede de abastecemento de auga e de vixilancia no Fogar do Transeúnte e no CEI – Nodus.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com