Novas

O PP urxe unha actuación na contorna da Catedral para acabar coa “imaxe de abandono”

Os veciños e comerciantes do entorno da Catedral de Lugo, un dos Patrimonios da Humanidade cos que conta o municipio, non poden máis e piden unha intervención inmediata por parte do Concello de Lugo para por fin ás molestias que sofren cada fin de semana como consecuencia dos actos incívicos que se suceden nesta zona.

Así o relata o PP logo de que residentes da zona puxéranse en contacto co seu Grupo Municipal, polo que os edís populares mantiveron varias xuntanzas cos veciños e comerciantes para comprobar o sentir na zona, tralas que aseguran que “urxen medidas por parte do goberno local para acabar con estas malas prácticas e mellorar a imaxe do entorno”.

Entre os actos incívicos que denuncian veciños e comerciantes están os actos vandálicos (como a rotura de portas, cristais ou intentos de roubo en negocios), ouriñar na vía pública, ou os controvertidos botellóns, que aumentaron en número nesta zona nas últimas semanas, sen que por parte do Concello se realizase unha actuación decidida para poñer fin a esta actividade. “Pode que unha maior presenza policial na zona axude a disuadir aos incívicos de rematar con esta condutas que o único que fan e danar a imaxe da cidade e provocar malestar entre os veciños”, apuntan.

Para os populares é preciso rematar con este tipo de condutas que o único que provocan é xerar malestar entre os veciños e dar unha sensación de abandono na zona, xa que tamén afirman os veciños que “a limpeza é moi mellorable xa que ao día seguinte do botellón non se limpa ata media mañá, sendo, en moitos casos, os propios comerciantes os que teñan que limpar as entradas dos seus negocios”.

Tamén piden os concelleiros populares un arranxo do firme en todo o entorno da catedral, xa que hai moitos puntos nos que as baldosas están rotas, afundidas ou soltas, polo que provocan tropezóns e caídas, sen esquecer “o estado de abandono e tristura que se transmite” nunha zona na que conflúen os tres Patrimonios da Humanidade cos que conta a cidade: a Catedral, a Muralla e o Camiño de Santiago.

Para os veciños e comerciantes tamén é moi importante que o goberno local busque solucións para a falta de alumeado que hai na zona, xa que se trata de rúas con pouca luz. Explican os concelleiros populares que os veciños xa tentaron en varias ocasións que o Concello de Lugo mellorase o alumeado público na zona, pero sempre se atoparon con escusas que impedían esta actuación, sempre aludindo a problemas con Patrimonio.

Pese a iso, o goberno local ten os medios suficientes como para atopar alternativas para mellorar o alumeado público e así alumear correctamente estas rúas e mellorar a seguridade. Tanto veciños como comerciantes critican que dende o goberno local levan anos “esquecendo” este punto da cidade, moi frecuentado por lucenses e por turistas, xa que se trata da zona na que conflúen tres Patrimonios da Humanidade, criticando que “nin sequera lles colocan algún tipo de alumeado ou ornamentación cando chega o Nadal ou nas celebracións patronais da cidade”. Por iso, ao igual que sucede con alumeado público, piden que, dentro das posibilidade existentes, tamén se lles dea visibilidade.

A gandeiría industrial provoca despoboamento rural

Ecoloxistas en Acción presenta o Informe Gandeiría industrial e despoboamento nun momento no que o abandono do mundo rural e a expansión da gandeiría industrial son obxecto de debate público e atención política. O informe é o resultado da análise da relación entre ambos fenómenos e as conclusións son demoledoras: a gandeiría industrial non só non frea o despoboamento senón que impulsa o abandono rural. O discurso da industria cárnica e das administracións públicas que apoian este modelo gandeiro demóstrase falaz.

En Galicia, hai un censo porcino moi importante con entre 300.000 e 400.000 porcos en cada unha das provincias galegas, salvo Lugo que ten algo menos. Algunhas das zonas con alta densidade porcina intensiva están próximas a núcleos urbanos importantes o que impediu que estes municipios entraran no Informe, como foi o caso de Maceda con 42.988 porcos, Sandiás con 18.049 porcos ou Xinzo de Limia con 29.072 porcos, todos eles na provincia de Ourense. Ou outros municipios con carga porcina alta pero que teñen unha poboación superior a 5.000 habitantes, como en Pontevedra os casos de Lalín con 70.843 porcos e Silleda con 78.697 porcos.

Nas comparativas, por tanto, a gandería industrial está a frear ou impedir o desenvolvemento doutros sectores económicos no mundo rural, limitando así as posibilidades de emprego e vida digna da poboación. Das catro provincias analizadas en Galicia, os municipios con maior censo porcino no 2020 foron, en Pontevedra, Rodeiro con 96.173; en Ourense, Sarreaus na Limia con 30.668; Palas de Rei, en Lugo, con 26.211, e 17.651, de Santiso A Coruña.

Ante esta realidade Ecoloxistas en Acción, xunto coas plataformas veciñais como Auga Limpa XA!, e outras organizacións agrupadas ao redor da Coordinadora Stop Gandería Industrial, esixe unha moratoria inmediata ao desenvolvemento de novas explotacións de gandería industrial ou a ampliación das xa existentes.

Daniel González, coordinador da campaña Stop Gandería Industrial de Ecoloxistas en Acción declara: “Os resultados desta investigación revelan a urxencia por desactivar o discurso político e empresarial de que a gandería industrial poida soster un mundo rural vivo. En cambio, para afrontar o reto demográfico e a emerxencia climática, necesitamos canto antes políticas encamiñadas a favorecer o desenvolvemento rural agroecolóxico, incluíndo a gandería extensiva vinculada ao territorio e respectuosa, tanto coa natureza como coa vida e a economía dos pobos”.

Grande pesar polo pasamento do artista Paco Pestana

A nova da morte de Paco Pestana deixou un regueiro de  abraio  no mundo da cultura galega polo inesperado da noticia e o baleiro que deixa na nosa cultura. Coa desaparición de Pestana vaise un dos  creadores multidisciplinares galegos máis sobranceiros cunha traxectoria artística e vital  inigualable. Sempre na súa bicicleta, nada facía presaxiar este fatal desenlace.

Pestana un dos máis destacados escultores da súa xeración conseguiu, cunha obra iconoclasta e rompedora, ocupar un lugar de relevancia dentro dos nosos artistas plásticos.

Ademais da escultura e a pintura cultivou outras artes en especial a literaria, na que a poesía destacaba de xeito notorio.

Nado no concello de Castroverde, hai uns días fora homenaxeado polo consistorio co nomeamento de Fillo predilecto deste Concello.

En paz estea Paco Pestana, que xa forma parte desa Alba de Gloria dos bos e xenerosos.

Lugo e Ferrol reafirman o seu irmandamento e defenden o municipalismo como clave da recuperación postpandemia

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu este sábado ao rexedor da cidade departa-mental, Ángel Mato, con motivo da conmemoración do Día do Ferrol, no marco dos fes-texos de San Froilán.

A xornada comezou cunha recepción oficial na Casa do Concello á que tamén acudiu o portavoz do Executivo ferrolán, Julián Reina.

O acto, que comezou cun minuto de silencio en memoria do policía local José Gómez Peña e de Valeriano Martínez, foi organizado dende a máis estrita sobriedade, en sinal de respecto polos pasamentos. Méndez dedicou as súas primeiras palabras a trasladarlle o pésame da Corporación á familia e compañeiros do axente e do conselleiro e desculpou a ausencia no evento do Partido Popular que mantén o loito oficial por este último.

Durante a recepción, a alcaldesa lembrou o inicio do irmandamento formal entre as dúas localidades hai dúas décadas, “oficializando un vínculo moito máis antigo que xa a historia dos nosos pobos testemuña como vilas de orixe loitadora, actualmente representadas co Castelo, no voso caso, e coa Muralla, no de Lugo, como símbolos identitarios que nos permiten recordar o pasado e os lazos que nos unen e que, sen dúbida, son a icona da afouteza e valentía das nosas xentes que tanto e tan ben o levan demostrado neste último ano e medio tan complexo que vivimos”, destacou Lara Méndez.

A rexedora aludiu, tamén, durante a súa intervención á defensa do municipalismo como clave da recuperación na etapa da postpandemia e reivindicou máis e mellores servizos, comunicacións e infraestruturas para “que as cidades poidamos seguir avanzando e resolvendo as necesidades e dificultades da veciñanza. Sempre no camiño do entendemento, engadiu, e coa colaboración institucional como ferramenta imprescindible”, afirmou.

Para finalizar o encontro, os mandatarios locais realizaron un intercambio de agasallos. Lara Méndez entregou a Ferrol unha acuarela da Praza do Ferrol, do autor Manuel López Guitar. E Ángel Mato a Lugo unha placa de metacrilato, tamaño folio, con imaxes de edificios do arquitecto Rodolfo Ucha, ao que a cidade de Ferrol dedicou este ano 2021.

Jairo Fernández Espín, gañador do Volante Deputación promovido pola Vicepresidencia

Jairo Fernández Espín foi o vencedor do premio Volante Deputación, que se disputou ao longo da fin de semana no circuíto da Pastoriza e no que se puxo en xogo unha praza para competir na vindeiro Rally San Froilán, do 22 ao 24 de outubro.

Jairo Fernández Espín, de Pedrafita do Cebreiro, foi o primeiro en cruzar a liña de meta na proba final (1.50.244), por diante de Pablo López Blanco (1.52.289), David García González (1.55.954) e Julio Díez Ramos (2.06.932), que completaron o cadro de finalistas tras dúas xornadas de intensa actividade no circuíto pastoricense.

As persoas participantes na proba, organizada por PTC Escuela co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello da Pastoriza, recibiron formación en condución deportiva e tiveron a oportunidade de iniciarse na competición automobilística coas probas cronometradas que se realizaron durante a fin de semana.

O gañador poderá seguir perfeccionando a súa destreza ao volante nos próximos días, nos que recibirá formación específica para competir de forma gratuíta no Rally San Froilán, aos mandos dun Dacia Sandero Cup con asistencia do equipo Trs Racing Team.


Imaxe: Elva Carrera, tenente de alcalde da Pastoriza, xunto aos tres primeiros clasificados e membros de  Ptc Escuela.

O TSXG autoriza esixir o pasaporte COVID-19 nos albergues turísticos que amplíen aforo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia autorizou á Xunta esixir a presentación do certificado COVID-19 para acceder aos albergues turísticos que conten cun aforo do 75 % nos espazos de aloxamento compartido. A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo entende que a medida preventiva de seguridade sanitaria está xustificada, tal e como indica a Orde do 6 de outubro que a contén, “polo tempo de estancia en lugares pechados e compartidos con outras persoas que non teñen por que formar parte da mesma unidade de convivencia”. Ademais, destaca que, tal e como indican os expertos nos informes achegados, se trata de espazos nos que se poden “agrupar factores que aumentan o risco de transmisión” da COVID-19.

Os maxistrados sinalan que a Xunta explica na Orde que nos albergues comparten cuarto para durmir “persoas sen relación entre si e que poden proceder de diferentes lugares e países”, con diferentes taxas de vacinación, polo que considera preciso “establecer medidas adicionais de salvagarda da saúde para poder aumentar o aforo e con iso aliviar ao sector, nun momento no que se vai a ir cara a relaxación de aforo e aforo completo noutros sectores”. Ademais, salientan que se establecen dous niveis, “de maneira que ningún albergue turístico se verá obrigado a aplicar a medida da que se solicita a autorización xudicial, pois só se verán obrigados aqueles albergues turísticos que se queiran ver favorecidos por unha ampliación da capacidade ao 75 % das prazas nos espazos de aloxamento compartido”.

“Non se pode falar dun sacrificio desproporcionado cando a exhibición do certificado se esixe para o desenvolvemento dunha actividade de aloxamento onde a entrada ou o acceso ao establecemento é voluntaria para calquera persoa e onde a medida cumpre unha función que non só é a de evitar contaxios, senón tamén minimizar os riscos”, recalca o tribunal, á vez que indica que, como argumentou o Tribunal Supremo na súa sentenza do pasado 14 de setembro, o que se pretende con este tipo de medidas é “evitar ou limitar a transmisión da infección, truncar a propagación da COVID-19 e interromper a cadea de contaxios”, pois é “unha evidencia científica que a transmisión da COVID-19 entre os vacinados é moito menor á dos non vacinados”. Os maxistrados, polo tanto, consideran que a medida é idónea porque permite uns niveis maiores de ocupación garantindo a seguridade sanitaria.

O TSXG asegura que o feito de que a implantación da medida non se limite por territorios ou zonas xeográficas e se aplique a toda Galicia non impide considerala “proporcionada, necesaria e idónea”. Ademais, recalca que non consta outra “medida alternativa e menos gravosa para garantir a seguridade sanitaria neste tipo de establecementos na situación de emerxencia sanitaria na que aínda nos atopamos”. Contra a resolución cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

O lado máis escuro da industria pornográfica en Codex Cinema

A estrea de esta semana, Pleasure, de Ninja Thyberg é un contundente retrato do perverso mundo do cine para adultos.

A cineasta sueca Ninja Thyberg pasou case unha década infiltrada na industria pornográfica americana para documentarse de cara a produción dun filme sobre unha rapaza, Jessica, que pretende acadar a fama a base de explotar o seu corpo. Pleasure é o incontrolable descenso aos infernos dunha muller que se destrúe a si mesma aceptando todas as violencias e chantaxes dunha maquinaria indecente. Un filme sen censuras, sen medias tintas, que mira cara a cara a todos os excesos dun mundo hipertrofiado e machista. A cineasta contou coa complicidade de intérpretes e técnicos da industria para rodar un filme o máis realista posible desde o que facer a denuncia máis forte posible.

Inquietante e excesiva, Pleasure é unha viaxe hipnótica que retrata a industria pornográfica como algo atractivo e profesional na superficie, pero que esconde o seu lado escuro: a violación do corpo e da identidade das persoas, a sexualidade e a identidade como meros obxectos de intercambio nun mundo movido polos intereses económicos. Ao final, o filme de Ninja Thyberg parte da pornografía para facer una crítica a toda unha sociedade onde a intimidade se converteu nun obxecto de consumo de miles de usuarios. Jessica, transformada na pornstar Bella Cherry, debátese entre eliminar por completo a súa verdadeira personalidade ou manter o pouco de auténtico que queda dela, tras ser exposta a agresividade e á volatilidade do mundo da pornografía, que cada vez reclama comportamentos máis extremos.

Moitas foron as películas que trataron os excesos da industria do cine para adultos, pero poucas coa contundencia e a profundidade de Pleasure, onde precisamente o pracer mestúrase de forma directa coa violencia e a explotación dos homes e mulleres que viven presos da adicción ao sexo. Ninja Thyberg fai a súa primeira longametraxe despois dunha carreira no formato curto onde sempre exploraba os límites da sexualidade e a intimidade cando estas se proxectan na esfera pública. Despois de ser seleccionada para o festival de Cannes de 2020, que non se celebrou por culpa da pandemia, a película tivo a súa presentación oficial no festival de Sundance de 2021, un dos certames estadounidenses máis importantes, onde foi celebrada como unha das inmersións máis intelixentes e honestas na industria pornográficas.

Despois de estrear Benedetta, de Paul Verhoeven e Titane, de Julia Ducournau, Codex Cinema continúa a mostrar filmes que exploran os límites da representación do sexo e dos cambios que se produciron na nosa percepción dos xéneros nos últimos anos. En Pleasure a feminidade se transforma nun produto de consumo da sociedade patriarcal. Filmes sen concesións que van máis aló do escandaloso e provocador para converterse en profundas reflexións sobre os prexuízos sociais que nos invaden.

Continúa o descenso de casos activos e suben os novos contaxios por Coronavirus en Lugo

Un día máis volveron baixar os casos activos por Coronavirus naárea de Lugo. Manteñense activos 81 onte eran 85, non así os novos contaxios que subiron de tres a cinco 5 nas última 24 horas

Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 534 deles 156 son da área da Coruña, 87 da de Ourense, 38 da de Pontevedra, 105 da área de Vigo, 62 da de Santiago e 5 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 10 están en UCI, 34 en unidades de hospitalización e 490 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 179.413 persoas curadas, rexistrándose 2.641 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.857.786 e o número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 4.403.001.

 “A Caixa de Música” levará a Cervo diversos concertos de bandas e grupos de música clásica

O Concello de Cervo, a través da delegación de Cultura, presenta o programa “A Caixa de música”, un ciclo de concertos de música clásica e de bandas que se desenvolverán  en diferentes puntos do Concello nos vindeiros meses.

O programa terá a súa apertura este vindeiro martes na Praza do Souto co concerto da  “A Caixa de Música” levará a Cervo diversos concertos de bandas e grupos de música clásica ás 13:00H. A Caixa de música pretende ser un programa dirixido a toda a familia polo que os concertos serán en fins de semana ou festivos á hora do mediodía.

Segundo a Concelleira de Cultura Dolores García Caramés “é un xeito de complementar o diverso abano de oferta musical que durante todo o ano levamos a cabo no noso Concello e deste xeito tamén achegamos á nosa veciñanza estilos de música para todos os gustos”. García Caramés subliñou que “trátase dun programa que pretende dinamizar a programación cultural de aquí a final de ano e que completa o programa de concertos que xa foi presentado no día de onte, “O son do nordeste” o que propiciará que actúen  en Cervo grupos de música de diferentes estilos nos vindeiros meses.

Continua a baixada de casos por Covid-19 na área de Lugo

Sete casos activos menos que onte por Coronavirus, deixa a cifra  na área sanitaria de Lugo en 85 persoas infectadas. Tamén baixan os novos contaxios, nas últimas 24 horas, só se detectaron 3 novos casos.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 554 deles 152 son da área da Coruña,  95 da de Ourense, 43 da de Pontevedra, 110 da área de Vigo, 61 da de Santiago e 8 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 9 están en UCI, 31 en unidades de hospitalización e 514 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 179.365 persoas curadas, rexistrándose 2.640 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.855.867 e o número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 4.401.919.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com