Novas

A CHMS investirá máis de 3,2M€ en mellorar o saneamento e a EDAR de Vilalba

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, rubricaron hoxe o Protocolo de colaboración a través do que se adquire o compromiso para o financiamento, execución e entrega das distintas actuacións que mellorarán o abastecemento e o saneamento do concello.

O investimento necesario para as actuacións do organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico en Villaba estímase en 3.250.000 euros.

“Un compromiso moi importante do CHMS con Vilalba, que nos permitirá avanzar coa mirada posta en solucionar un problema recurrente que afecta, por un lado, ao noso medio natural, e por outro, a moitas familias de Vilalba, dotando tamén de mellores infraestruturas ao rural grazas aos compromisos que hoxe adquirimos xunto coa Confederación Hidrográfica”, explica Elba Veleiro.

Pola súa parte, José Antonio Quiroga apuntou que “con estas actuacións solucionaremos a problemática antiga e recurrente de verquidos que sufre o río Madalena”.

Vilalba conta cunha rede de saneamento que leva as súas augas residuais á estación de depuración de augas residuais (EDAR) de Os Pasos, a cal recibe un caudal en tempo de choivas, que supera a capacidade de tratamento da mesma e que provoca numerosas verteduras residuais sen tratar ao río Madalena.

Para solucionalo, procederase á construción dun tanque de tormentas e outras actuacións de mellora do pretratamiento na propia EDAR.

Por outra banda, o polígono industrial de Vilalba está conectado á EDAR municipal, na súa gran maioría, e o resto á EDAR do polígono, o que provoca verteduras puntuais sen tratar ao medio acuático; por iso, é necesario conectar exclusivamente as verteduras industriais a esta última, evitando que recolla vertidos de pluviais que puidesen xerar alivios en tempo de choiva.

En terceiro lugar, en O Campo de Cristo, xunto á estrada N-634, existe unha pequena poboación, situada en Camiño de Santiago, conectada a unha fosa séptica non operativa, cun colector en mal estado; a opción máis viable é a reposición do citado colector dotándoo, ademais, dunha pequena depuradora.

Por outra banda, as ETAP de San Simón e As Cañotas contan cun sistema de depuración con filtros de area que, cando son lavados, xeran efluentes de auga con certa carga contaminante que é vertida a leito público; para liquidalo, sería necesario dotar a estas instalacións de decantadores lamelares que depuren as verteduras antes da súa saída ao cauce.

Desafio Volta Lugo Desafio Volta Lugo

Muras, terceira e emocionante etapa da 19ª Volta Ciclista a Galicia

“Unha etapa de media montaña, unha etapa para min trampa, podería decir”, afirma Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo. Mañá sábado 18 de setembro sae e remata no concello do Xistral lucense unha das catro desta edición da competición, que comezou onte en Ponteareas. Por diante da casa de Álvaro Pino, o ciclista galego que conquistou en 1986 a Volta a España.

“O primeiro día sae un líder que manterase seguramente na etapa de hoxe en Ponteareas, porque é unha etapa para ver como están as forzas e os equipos. Pero en Muras vai ser difícil que o líder manteña o maillot amarillo. Coido que vai cambiar”, continúa Muñiz. “A de Muras é unha etapa esixente onde pode pasar de todo. Ou o líder sae reforzado ou muda o maillot, que case seguro será o que pase mañá”.

Con inicio e saída ás 14:00 horas na Praza de Galeguidade a etapa pasa tamén por Ferreira do Valadouro, Mondoñedo e Vilaba para volver a rematar diante do concello murense. Os retos están nos altos da Xerra do Xistral como o da Gañidoira. “Falamos dunha porcentaxe importante de pendente e de varios portos de segunda categoría que poden marcar as diferencias, como As Lobeiras, San Vicente e O Viveró”.

Unha homenaxe a Guillermo Sande Covelo. O seleccionador da Federación Galega de Ciclismo, ademais de Director das Voltas Ciclistas a Galicia, falecía o pasado xaneiro dun infarto. Aos 55 anos e cando estaba coa selección galega no Campionato de España de Ciclocrós. Un tremendo e inesperado mazazo que deixou en parte orfa a unha federación que levaba 25 anos traballando con él. “Dúas das etapas desta Volta, e esta de Muras é unha delas, están deseñadas por él”, lembra o actual seleccionador, “en colaboración co alcalde, Manuel Requeijo ,e o tenente de alcalde Mario Rouco. Queremos facerlle con esta Volta, que remata na Serra da Capelada de Cariño -etapa que tamén deseñou e que é espectacular-, unha merecida homenaxe”.

O ano pasado, por razóns sanitarias, non se puido pudo celebrar a Volta Ciclista galega. Así que as ganas eran moitas. “Ademais poñemos en valor un hábito tan saudable como a práctica deportiva e máis esta, que ensalza a riqueza da paisaxe, da cultura e da gastronomía. Este ano temos unha Volta cun percorrido precioso”.

Adxudicado por 155.400 euros o contrato que actualice o proxecto da Rolda Leste

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 155.400 euros o contrato para actualizar o proxecto que completará a Ronda Leste de Lugo.

Así o anunciou o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, quen lembrou que se estima un prazo de execución de 20 meses para as distintas fases, incluído o período de información pública, presentación de alegacións, informes preceptivos doutras administracións e redacción final do proxecto construtivo.

O contrato inclúe a realización dun estudo inicial das necesidades de actualización, tanto normativas como de trazado. Dacordo coa programación prevista, a empresa adxudicataria -a Ute Temha S.L.-Noega Ingenieros S.L.- terá o documento inicial para sometelo a información pública en sete meses.

Deste xeito, o Goberno galego avanza para materializar esta actuación, que permitirá completar os 2,8 km entre a estrada autonómica LU-530 e a N-VI e poder pechar o cinto de circunvalación de Lugo. Estímase que o novo treito terá unha intensidade media diaria de máis de 16.000 vehículos ao día.

futura infraestrutura restará tráfico das rúas da cidade, mellorará a mobilidade e favorecerá especialmente a accesibilidade cara ao hospital Lucus Augusti. A Rolda Leste ten un treito en servizo de 2,41 quilómetros, entre a N-640 e a LU-530, cunha intensidade de tráfico entre 6.000 e 8.400 vehículos ao día.


Imaxe de Arquivo: Técnicos da Xunta presentan aos veciños o trazado da Rolda Leste

A Asociación Si, hai saída condena o crime machista cometido en A Coruña

Desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero queremos expresar a nosa rotunda condena ante o que semella ser un novo crime machista cometido en A Coruña, por mor do cal Mónica Marcos Piñeiro tería sido asasinada, presuntamente, pola súa parella, con antecedentes por dous casos anteriores de violencia machista, e, naturalmente, facer chegar todo o noso apoio e agarimo a todos os seus seres queridos, e, de xeito moi especial, aos seus fillos.

Así mesmo, desde Si, hai saída, desexamos, unha vez mais, recordar a toda a cidadanía, as Institucións, e, en xeral, a todos cantos teñen competencias neste eido, que as concentracións, os minutos de silencio, nin salvan vidas, nin son, evidentemente, un recurso disuasorio para aqueles desalmados que son quen de matar a sangue fría, polo que de nada serven se non se traballa dunha vez por todas, de xeito real, en tarefas de prevención.

Como, do mesmo xeito, de pouco ou nada serven cantas campañas se poidan facer se falla a base.

Existe, obviamente, un problema educacional, no que o machismo está firmemente arraigado, que xoga un papel fundamental na sustentación da violencia de xénero, pero precisamente por isto, porque está firmemente arraigado, erradicalo non é traballo nin doado, nin de un día, polo que, mentres esta loita se leva a cabo, a prevención é fundamental, como tamén o é a implicación de todos e cada un de nos.

Por suposto, e que ninguén nos entenda mal, desde Si, hai saída apoiamos e compartimos cantas campañas se fagan, que son, sen dúbida ningunha, necesarias e moi positivas, pero agora mesmo é evidente, ante a escalada implacable da violencia machista que estamos a sufrir, que, por si soas, non abondan, e que é urxente que se leven a cabo medidas reais e efectivas, como tamén entendemos que é importante que, dunha vez por todas, se nos escoite a cantos traballamos directamente coas vítimas, vivindo o seu día a día, o seu medo, a súa desesperación, e non soamente a aqueles colectivos que interesen pólitica ou socialmente.

Non pedimos nada a cambio.

Sinxelamente, que se nos escoite e que se teña en conta o que as propias vítimas, as que damos voz, nos transmiten, e isto o facemos extensivo tanto a Institucións, como aos medios de comunicación, e a sociedade en xeral.

Debería ser esta, entendemos, unha loita conxunta, e non de intereses, como, por desgraza, en demasiadas ocasións semella ser.

E en canto as Institucións, pregaríamos, e con todo o respecto e humildade o dicimos, que nos permitan recordarlles que, mentres a loita contra a violencia de xénero se siga levando a cabo practicamente tan so desde os despachos, de pouco ou nada servirá.

O traballo de campo, o contacto coa realidade, é fundamental.

Non podemos, por outra banda, deixar de pregar que se impida, dunha vez por todas, a utilización da violencia de xénero como ferramenta política, ou a cada vez maior e mais deleznable banalización que dela se está a facer, que a está a reducir, en moitos casos, a categoría de lamentable espectáculo, co tremendo dano que isto está a provocar.

De novo, por desgraza, unha vez mais, nos vemos na necesidade de recordar algo que semella non sempre se ten presente: Estamos a falar de vidas.


Asociación Si, hai saída

Convocan unha concentración para recuperar facultativos nos centros de saúde

O Bloque Nacionalista Galego en Castro de Rei convoca unha concentración para a reactivación dos centros de saúde do concello e a recuperación do seu persoal facultativo. Será este sábado, 18 de setembro, ás 12:00 horas diante do centro de saúde da localidade de Castro Ribeiras de Lea.

A concelleira e voceira do BNG en Castro de Rei, Digna Lagarón, explicou que ”é indencente contar cun só facultativo para as máis de 5000 veciñas e veciños, cómpre a reactivación inmediata do centro de saúde de Castro de Rei, o cal leva pechado ano e medio, e a recuperación de persoal nos dous centros que temos”.

Neste sentido, a nacionalista destacou que a falta de facultativos nos dous centros de saúde está “acarreando problemas graves na saúde das persoas, como a falta de medicamentos ou, simplemente, a observación dun facultativo para calquera doencia” declarou Digna Lagarón.

Por isto, o BNG anima a participar á veciñanza de Castro de Rei este sábado nesta concentración na que “ ten que se nos escoitar, xa que a Xunta de Galiza nin o goberno municipal está a facer nada para solucionar esta situación, por isto animamos ás veciñas e veciños a participar para que se cumpra un servizo sanitario digno” subliñou a súa voceira.

Lara Méndez destaca a calidade e o prestixio do Máster oficial en Dirección de Proxectos do Campus de Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asistiu hoxe ao acto de inicio da 14ª edición do Máster oficial en Dirección de Proxectos, no que participan 23 alumnos de seis nacionalidades: España, Arxentina, China, Perú, Italia e Venezuela, que proceden de quince universidades.

A rexedora felicitou ao Campus de Lugo pola organización deste Máster e agradeceu o labor do equipo docente e a súa gran valía. Sinalou que a dirección de proxectos “é totalmente transversal hoxe en día, non só no ámbito da enxeñería civil”, e incidiu en que a calidade deste Máster sitúa a Lugo no panorama internacional, “o que é  importantísimo para a Universidade pero tamén para o desenvolvemento da nosa cidade” apuntou.

Lara Méndez deu unha cálida benvida aos novos alumnos ao tempo que os convidou a coñecer a cidade desde o punto de vista patrimonial, gastronómico e de ocio, “ou mesmo aproveitade estes días e gozade da celebración do Caudal Fest. E se despois deste Máster queredes voltar a Lugo, os acolleremos cos brazos abertos”, comentou

Carlos Amiama, coordinador do Máster, lembrou o apoio de Lara Méndez cando era vicepresidenta da Deputación, “que foi fundamental para que puidese ter continuidade”. Desde entón, pasaron máis de 300 directores de proxectos. Póla súa banda, o Director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Tomás Cuesta, explicou que é un máster con gran prestixio en Europa e moi recoñecido polas empresas, e agradeceu a implicación desinteresada dos profesores que imparten as clases.

O acto celebrouse na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Á mesma acudiron a vicerreitora do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o Coordinador do Máster, Carlos Amiama Ares; o Director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Tomás Cuesta García, e a Deputada Provincial, Pilar García Porto.

O Máster de Dirección de Proxectos, da unha resposta a unha demanda crecente de profesionais tanto desde o ámbito particular, como da Administración e a empresa. Pretende proporcionar aos estudantes unha formación técnica e metodolóxica avanzada e de calidade nos aspectos teóricos e prácticos que son de aplicación no ámbito da dirección de proxectos e por tanto axudar a posta ao día de profesionais neste ámbito, así como tamén potenciar a súa especialización.

Paco Nogueiras actuará o sábado en Navia de Suarna dentro do Verán Infantil da Deputación

A  programación para público infantil da Vicepresidencia da Deputación de Lugo vai chegando ao seu fin co remate do período estival. Nesta ocasión, o espectáculo musical Extra! De Paco Nogueiras estará o sábado 18 de setembro en Navia de Suarna.

A actuación, organizada coa colaboración da Asociación de Veciños Irmandade Naviega, dará comezo ás 17.00 horas na Praza do municipio, con entrada libre ata completar a capacidade habilitada segundo as normas de prevención fronte á Covid.

Trátase dunha proposta musical baseada no libro-cd do mesmo título, editado por Kalandraka Editora, que pretende achegar ás nenas e nenos ao mundo da prensa escrita e ao xornalismo.  No espectáculo, as noticias cántanse e báilanse, coa participación do público.

O músico e actor Paco Nogueiras explica que Extra! é un “espectáculo concibido en época de pandemia, adaptado a realidade que nos tocou
vivir, e pensado para que os nenos e nenas poidan interactuar e desfrutar desde as súas cadeiras”.

A actuación forma parte da programación “Verán Infantil”, que ofertaron ao longo do verán distintas propostas escénicas e musicais para a
cativada de distintas localidades da provincia.  Ademais de Paco Nogueiras, forman parte do ciclo os espectáculos Rockeando con Ramona
Órbita de Paco Cerdeira “Pakolas”,  A Gramola Gominola, os concertos do grupo Cozorellos Salvaxes, os pasarrúas de Guateque Roll e as funcións  de clown, malabares e globoflexia de Punkdemia.  En total, programáronse 18 actuacións, en colaboración con distintas asociacións culturais e de veciños.

Tomé lidera a lista de delegados ao Congreso Federal do PSdeG na Provincia de Lugo

O Presidente do PSdeG na provincia de Lugo, Presidente da Deputación e Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, deu a coñecer esta mañá as persoas que conforman a delegación lucense que representará ao partido no Congreso Federal que se celebrará en Valencia
entre os días 15 e 17 de outubro para revalidar a Pedro Sánchez como Secretario Xeral dos socialistas.

José Tomé fixo pública a lista no día de hoxe, despois de que a súa candidatura fose a única proclamada na provincia e unha vez recollidos e presentados os avais necesarios.

O presidente provincial dos socialistas lidera unha lista de 12 delegados, 6 homes e 6 mulleres, “unha lista paritaria, en cremalleira, que é representativa do Partido Socialista na provincia, tanto no plano institucional, como orgánico”, subliñou Tomé Roca.

“Esta delegación é un bo retrato do que representa a día de hoxe o socialismo na provincia de Lugo, un partido que ten unha gran presencia e forza no territorio, que goberna na Deputación, e que goberna ou cogoberna en 31 concellos, que aglutinan a máis de 211.000 habitantes, o 65% da poboación. Un partido que, tanto dende responsabilidades de xestión, como tamén dende a oposición, traballa para mellorar a vida dos veciños e veciñas, para que teñan mellores servizos públicos e para xerar actividade económica e emprego”.

A lista

1.- José Tomé Roca, Presidente provincial do PSdeG, Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte
2.- Lara Méndez López, Alcaldesa de Lugo
3.- Francisco Cajoto Caserío, Alcalde de Foz
4.- Patricia Otero Rodríguez, Secretaria provincial do PSdeG de Lugo e Deputada Autonómica
5.- José Antonio Quiroga Díaz, Secretario de Organización do PSdeG e Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil
6.- Pilar García Porto, Voceira socialista do Goberno da Deputación, Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, e Voceira do PSdeG no Concello de Antas de Ulla
7.- Xosé María Arias Fernández, Alcalde de Castroverde e Deputado provincial de Cooperación e Asistencia aos Concellos
8.- María Loureiro García, Alcaldesa de Viveiro e Deputada provincial de Muller e Igualdade
9.- José Luis Raposo Magdalena, Alcalde de Pedrafita do Cebreiro e Deputado provincial de Medio Ambiente
10.- Marisol Morandeira Morandeira, Alcaldesa de Guitiriz
11.-. Iván Castro Díaz, Voceiro do PSdeG no Concello de Paradela
12.- Ana Prieto Nieto, Deputada do PSdeG no Congreso dos Deputados

Suplentes:
1.- Pablo Rivera Capón, primeiro tenente de Alcalde do Concello de Láncara e Deputado provincial de Promoción Económica e Social
2.- Silvia Rodríguez Díaz, Voceira do PSdeG no Concello de Portomarín
3.- Eduardo Vidal Baamonde, militante do PSdeG no concello de Vilalba

O PP atribúe a xudicialización dos procedementos de persoal no Concello de Lugo á nefasta xestión do PSOE

O voceiro do Grupo Popular Ramón Carballo considera que a reacción do goberno local de levar á fiscalía “unha posible filtración nuns exames da policía local” evidencia os problemas de xestión de persoal deste concello. “O feito de que este asunto esté baixo a lupa dos tribunais non nos colle por sorpresa xa que nos últimos tempos son moitos os casos que acaban xudicializándose e os responsables municipais intentan lavarse as mans”.

O popular lembra como “o primeiro golpe de efecto que fixo a alcaldesa en materia de persoal para foi o cese fulminante da xefa de persoal a quen intentou culpar de todos os despropósitos no ámbito do persoal” matizando como “a xuiza que levou o caso considerou que os motivos alegados polo goberno local para apartar a esta funcionaria do seu cargo só eran valoración subxectivas".

O Galician Freaky Film Festival chega a Lugo

Despois de catro edicións ofrecendo aos viguese o mellor do cinema internacional de terror, serie B e ciencia ficción, o Galician Freaky Film Festival sairá do seu feudo no sur de Galicia para levar o seu espírito underground a terras lucences. O desembarco será posible grazas ao apadriñamento do Grotesque Film Festival, un certame co que comparte o caracter gamberro e as ganas de sorprender e de tratar con sorna calquera tema; e o realizador Brian Rodríguez Cortiñas, que oficiará o acto de presentación.

A partir das 22h do sábado 18, nos Cinemas Codex, proxectarase o palmarés da edición 2020 do GFFF, así como algunhas das obras favoritas do público. En total serán 10 curtametraxes chegadas de todos os recunchos do mundo, como a curta de terror polaca Bad Hair; a multipremiada e bizarra animación inglesa Slug Life; ou a comedia de humor negro El Tratamiento, de Álvaro Carmona.

A festa continuará co concerto de Javier Miranda que estará presentando o seu novo disco, Strange Imperfection. Un traballo no que o músico lucense afonda na faceta máis electrónica da súa música, incorporando caixas de ritmos, pero sen perder de vista influencias determinantes coma o rock progresivo dos setenta, o space-rock e a música ambient. Para finalizar a festa, a partir das 01h, Aullidos de Látex farase cargo da selección musical.

A entradas para o evento xa están á venda na tiqueteira do GFFF a un prezo de 5 euros.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com