Novas

Méndez: “A recuperación económica de Lugo virá da man da sostibilidade acorde co modelo de cidade”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou esta mañá no Senado as liñas do modelo de cidade na xornada ‘As urbes españolas ante o reto da neutralidade climática’, xornada onde se intercambiaron iniciativas, dificultades, experiencias e vantaxes das novas visións sobre as infraestructuras verdes. Lugo, foi unha das 12 cidades elexidas para participar nesta reflexión sobre o futuro verde das cidades.

“Lugo leva sete anos traballando na transformación sostible da cidade, a través dun urbanismo integrador que persegue a neutralidade climática para afrontar con maior fortaleza os retos do cambio climático, com iniciativas pioneiras en Europa,  e intentando concienciar da necesidade de crear novos hábitos de vida saudables e potenciar as relacións interxeracionais”, sostivo a rexedora que engadiu que a esta transformación súmase agora o impulso da economia local a través da diversificación empresarial e industrial para atraer investimentos de alto valor social, innovador e ambiental.

A mesa na que participou a rexedora lucense estivo moderada por Ione Belarra, Ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030 de España e participaron o alcalde de Vitoria-Gasteiz, Gorka Urtaran; o alcalde de Cáceres, Luis Salaya e Milagros Tolón, vicepresidenta da FEMP.

A rexedora destacou a necesidade de seguir avanzando en actuacións nos barrios para unha nova sostibilidade, con accións como se están executando para recuperar espazos públicos para a cidadania, tales como peonalizacións de calzadas, espazos verdes, carris bicis, etc. e destacou tamén a importancia de crear novos barrios desde cero neste caso destacando o Barrio Multiecolóxico. O primeiro edificio deste barrio é o Impulso Verde “o primeiro edificio público construído con madeira de Galicia que implicará un aforro de consumo enerxético dun 74 % respecto a edificios de oficinas xa existentes, e dun 54 % respecto aos de nova construción que no tocante ao CO2, emitirá un 90 % menos que os edificios de formigón e aceiro e, ademais, absorberá 280 toneladas de emisións” apuntaba Méndez.

Respecto á recuperación económica a rexedora explicou que “desde o Concello nos ocupamos das accións extraordinarias derivadas da pandemia, situación que puxo de relevo a importancia da cooperación local para facer fronte a desafíos mundiais tales como a recuperación económica, e así naceu a estratexia Lugo Transforma, un fondo municipal de 12 millóns de euros, para atraer investimentos de alto valor social, innovador e ambiental, ca finalidade de impulsar a diversificación económica da cidade e a creación de postos de traballo que permitan á cidadania elexir Lugo como cidade para realizar o seu proxecto de vida”. Nesta mesma liña destacou a creación dunha Mesa para a Diversificación Industrial de Lugo, como reforzo da estratexia sendo “unha iniciativa ca que queremos desenvolver un espazo de diálogo e de acordo onde o Goberno local e os principais axentes económicos, institucionais, políticos e sociais da cidade deseñemos e impulsemos medidas conxuntas para asentar as bases da futura industrialización de Lugo”.

Para finalizar a rexedora destou a importancia dos novos fondos europeos que van a permitir que Lugo siga a dar pasos pasos importantes nesta transformación.

Xuventude pon en marcha preto dunha trintena de actividades gratuítas para a mocidade

O concelleiro de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto, presentou este mércores a programación de actividades que o Goberno de Lara Méndez porá en marcha para os meses de setembro a decembro destinada á mocidade lucense. En total, serán preto dunha trintena de obradoiros, masterclass, rutas e recursos aos que poderá acceder a xuventude do municipio de forma totalmente gratuíta.

Neste senso, Repetto explicou que se trata dunha programación “ampla e variada, para todos os gustos, e a través da que buscamos promover a actividade física e a formación en novas tecnoloxías entre os máis novos, así como fomentar hábitos de vida saudables e inculcar aos mozos e mozas valores como a tolerancia, a inclusión e a igualdade”.

Un concerto do MC Escandaloso Xpósito abrirá o programa de actividades este venres, 10 de setembro, a partir das 19:30 horas na Casa da Xuventude, seguindo todas as medidas de seguridade establecidas con motivo do protocolo Covid-19. “Hugo é un dos grandes rapeiros do panorama nacional, recoñecido por participar nunha das bandas pioneiras da fusión entre o rap e o jazz en España, Kase O Jazz Magnetism, e estamos seguros de que esta cita será un gran éxito”, subliñou o concelleiro.

As inscricións para este concerto, así como para o resto de actividades deberán realizarse a través do enlace: https://formulario.xuventudelugo.gal/ Por outra banda, tamén se manterán as asesorías, tanto psicolóxica, como xurídica e de orientación laboral académica, así como o servizo de prevención de drogodependencias. Ademais, haberá rutas guiadas durante todos os meses.

Programación

  • Taller de Ioga: dende o 6 de Outubro ata o 15 de Decembro
  • Taller de zumba: dende o 4 de Outubro ata o 13 de Decembro
  • Taller de baile contemporáneo: Dende o 6 de Outubro ata o 15 de Decembro
  • Taller de producción musical ABLETON-LIVE: 8,15,22,29 de Outubro e 5 de Novembro
  • Iniciación a batería: 18,19,25 de Outubro e 8,9,15,22,29 de Novembro
  • Taller de construcción de secuenciadores: 12,13,19,20 e 26 de Novembro
  • Mantemento de bicicletas 1: 23 de Outubro
  • Mantemento de bicicletas 2: 20 de Novembro
  • Tenis de mesa: Dende o 17 de Setembro
  • Memes sen gracia: memes contra a violencia: 22,23,24 de Novembro
  • Subir Historias: taller de experimentación con móbiles: 28 Outubro e 4,11 e 18 de Novembro
  • Escola de Maxia: Dende o 7 de Outubro ata o 25 de Novembro inclusive
  • Contar historias a través da fotografía: 16 de Outubro
  • Scape Room “XCAPATE. A Casa da Xuventude encantada”: 28,29,30 e 31 de Outubro
  • Show Cooking samain. POSTRES TERRORIFICOS: 28 Outubro
  • Catas sensoriales: 19 de Outubro 15 Outubro
  • Ruta nos viñedos da Ribeira Sacra: 15 Outubro
  • Taller experimental de deseño de roupa e moda circular: Dende o 28 de Setembro ata o 30 de Novembro
  • Masterclass de Nutrición: 19 de Outubro, 23 de Novembro e 14 de Decembro
  • “Coñece a escalada”: 23 de Decembro
  • Defensa personal:  Dende o 18 Outubro ata o 18 de Decembro
  • Parkour (Grupo iniciación): 16 de Outubro
  • Parkour (Grupo intermedio): 16 de Outubro
  • Danzas urbanas: tódolos sábados dende Setembro

Importante descenso de casos e positivos na provincia

A provincia de Lugo encadea varias xornadas en descenso de casos. Unha baixada que se consolida logo do importante descenso dos positivos nas últimas xornadas.

En cifras, e segundo informa o SERGAS, Lugo suma 1050 casos activos, logo de rexistrar 26 positivos en PCR. Ambos baremos moi lonxe dos resultados de hai 7 días.

O certo é que a provincia achégase á melloría pero todavía está lonxe do mes de xuño cando se acadaba unha estabilidade en cifras moi baixas cos hospitais prácticamente baleiros. Nestes intres, a presión asistencial é similar á de xornadas anteriores, con 21 pacientes en plantas de hospitalización e 4 na UCI. Por hospitais, o Lucus Augusti descende os pacientes covid ata os 14 en planta e os 4 da UCI; en Monforte 5 pacientes recupéranse en planta e no Hospital da Costa son 2 os pacientes que loitan contra o virus hospitalizados.

O PP de Vilalba lamenta “o prexuízo” para as familias de que o Goberno non poña en marcha o servizo Madrugadores

Os populares de Vilalba lamentan “o prexuízo que lles causan ás familias que o goberno local non sexa capaz de poñer en marcha o servizo Madrugadores, un recurso fundamental para a conciliación, a poucos días de iniciar o curso escolar 2021/2022”.

As familias dos nenos e nenas vilalbeses descoñecen se, finalmente, o Concello porá en marcha este recurso de apoio á conciliación da vida laboral e familiar dos pais e nais con fillos en idade escolar; despois de que o goberno local anunciara a finais de xullo que xestionaría o servizo este curso que se prestaría nos propios colexios.

“É vergoñento que as familias teñan que buscar, á última hora e ás présas, outros recursos para compaxinar o seu horario de traballo co horario dos centros escolares vilalbeses a onde acoden os seus fillos e fillas”, manifestan.

Ademais, indican dende o PP de Vilalba que “o noso Concello se atopa dende o sábado en nivel alto polo que as ludotecas están pechadas e os pais e nais que facían uso deste servizo para conciliar non poden dispoñer deste tipo de recurso”.

“Cando o Concello debe ser unha administración que favoreza a prestación de servizos aos veciños e veciñas; este goberno convérteo nunha fonte de problemas para as familias. Os vilalbeses e vilalbesas estanse acostumando á incerteza xerada pola falta de eficiencia do goberno socialista porque, lamentablemente, esta situación non é nova”, manifestan.

Os populares apuntan que “este é un goberno incompetente que ten problemas constantemente para prestar servizos no noso municipio”. É o caso da limpeza dos centros escolares ou da recollida do lixo. A estes exemplos hai que engadir tamén que “os sectores máis afectados pola crise da covid-19 continúan agardando polo plan de axudas municipal aprobado no pleno do mes xaneiro e reclamado pola oposición nun pleno extraordinario celebrado no mes de abril”.

O PP recrimina que Méndez venda como un logro o inicio dunha obra que xa tiña que estar rematada

Para os populares a visita da alcaldesa onte a Duquesa de Lugo é “unha burla aos lucenses” xa que “presumir de que vai comezar a obra desta infraestructura cando os cidadáns xa tiñan que estar usándoa non deixa de ser unha tomadura de pelo”.

Os populares cren que con este tipo de actos se retrata o auténtico perfil da alcaldesa “onde pesa máis o postureo que a súa capacidade de xestión”. Os populares conscientes da complexidade do proxecto non entenden “a neglixencia de Méndez á hora de poñer a disposición os terreos necesarios para esta obra o que provocou que a empresa contratada pola Deputación pedise a resolución do contrato polo que houbo que reiniciar o proceso o que supuxo novos retrasos”.

Os populares piden “menos triunfalismo e un mínimo de autocrítica á alcaldesa de Lugo” engadindo que “sen dúbida é unha magnífica nova que se inicien as obras do desdobramento desta vía de entrada a Lugo pero non é menos certo que esta infraestructura leva un retraso de cinco anos”.

Dende o Grupo Popular aseguran que todo o que tocan as mans dos gobernos socialistas de Lugo supoñen “eternos retrasos” e nese senso lembran outras infraestructuras que nunca chegan como a execución da rotonda de Alfonso X, ou a unión dos parques do Miño e o Rato.

A exposición itinerante “No Camiño” foi presentada no Concello de Triacastela

Foi presentada no Concello de Triacastela a mostra itinerante “NO CAMIÑO”, que co subtítulo “As imaxes que viron os peregrinos” recompila imaxes antigas dos Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo, ademais de textos literarios relacionados con eses anacos da historia do Camiño, hoxe perdidos na súa maior parte. A mostra conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, e nas vindeiras semanas percorrerá os Camiños de Santiago pola nosa provincia. No acto inaugural participaron a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, o xefe territorial da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia en Lugo, Gerardo Criado, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

No Camiño: Señores da luz, Señores da palabra
Son SEÑORES DA LUZ os que, aínda agora pero especialmente en tempos difíciles en recursos e tecnoloxía, captaban coas súas cámaras instantes de vida, deixando permanente constancia dunha presenza ou dun feito. Son SEÑORES DA PALABRA os que -en poesía ou en prosa- fabularon ou deixaron constancia de feitos acontecidos, situacións, persoas… dos mesmos lugares onde se fixeron as históricas fotos. E xa que imaxes e textos se centran nos Camiños de Santiago existentes nas terras lucenses, chamámoslle a esta acción “NO CAMIÑO”, para poñer de actualidade e en valor ese conxunto de obras que compre rescatar do esquecemento.

Con este Proxecto-Homenaxe a –coñecidos ou anónimos- históricos Señores da Luz e da Palabra, SEÑORES DOS CAMIÑOS en fin, mestres dos tempos heroicos da fotografía e da escrita, cronistas literarios e gráficos, queremos divulgar algunhas das súas fermosas imaxes, entrañables, inesquecibles, acompañadas por textos literarios que as complementan ou destacan, en singular conxunción de arte visual e literaria, ao servizo da intelixencia cómplice do espectador.

As fotografías, perfectamente localizables polo espectador e debidamente identificadas, son un valor por si mesmas e o testemuño da luz resulta complementado ou resaltado polas citas literarias, que poñen de relevo tanto os aspectos que a imaxe reflicte como outros detalles históricos ou sociais, que axudan á comprensión ou ao impacto, por completar a visión do espectador. A exposición está formada por 10 paneis impresos por ámbolos dous lados, que conteñen fotografías e os seus correspondentes textos.

Organiza esta acción o COLECTIVO CULTURAL EGERIA, coa colaboración de GaliciaDigital e do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, sendo comisario da mostra o responsable de fotografía deste histórico grupo lucense e prestixioso fotógrafo, Eduardo Rodríguez Ochoa e responsable da acción o Presidente do colectivo Egeria e do Grupo Fonmiñá, Xulio Xiz.

O PP lamenta a renuncia de Arroxo á gratuidade do transporte para menores de 18 anos, parados, xubilados

O Partido Popular lamenta que Arroxo e Méndez renuncien á gratuidade do servizo para menores de 18 anos, parados, xubilados e familias con escasos recursos. O vicevoceiro popular recrimina “a falta de empatía da esquerda de Lugo cos lucenses que están vivindo momentos difíciles” e lles recorda que “o modelo de cidade da post pandemia debe sustentarse en medidas concretas que contribúan a facer máis doada a vida de todos os veciños e veciñas”.

Ademáis critica a falta de coherencia do BNG que votou en pleno a favor da iniciativa do Grupo Popular na que reclamaba esta gratuidade para todos estes colectivos.

O PP si conseguiu que se teña en conta a necesidade de facer os trasbordos gratuítos para garantir que se pode chegar a calquera punto da cidade cun único billete. Arroxou postpuxo a toma desta decisión ata o mes de decembro co que “seguiremos atentos para que cumpra a súa palabra”.

Outra das peticións do PP que si se póra en marcha é a da creación dunha APP móbil así como a integración das liñas de transporte na popular aplicación de Google, para facilitar a mobilidade aos lucenses e turistas.

Dende as filas populares tamén reclamaron que se mellore a tramitación da tarxeta cidadá e que os veciños e veciñas poidan solicitarla non só no edificio administrativo senón tamén nos centros cívicos e de convivencia da cidade. Antonio Ameijide tamén propuxo que se habilite un sistema para que os que desexen poidan levar a tarxeta cidadá no móvil como calquera outra tarxeta de crédito.

Antonio Ameijide tamén presentou na mesa de transporte un documento cunha proposta para mellorar o 74% das rutas programadas polo goberno local. O vicevoceiro popular trasladou “unha a unha todas as eivas detectadas polo seu grupo así como as achegas que recolleron dos veciños durante estes meses”.

Noutra orde de cousas solicitou habilitar marquesinas naqueles puntos nos que hai parada e os usuarios non teñen opcións para resgardarse así como mellorar o mantemento das existentes. Por último reclamou que se fagan os axustes necesarios para evitar que se solapen os buses “hai que evitar que se repitan as imáxenes do modelo anterior con varios buses seguidos baleiros.

Vilalba e a Deputación colaborarán para crear un parque acuático na Madalena

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes coa Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, o convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 682.149,60€ ao Concello para poñer en valor e ampliar as posibilidades de ocio da recreativa da Madalena coa creación dun parque acuático.

O mandatario provincial cumpre deste xeito co compromiso adquirido coa rexedora, co Concello e cos veciños e veciñas de Vilalba de achegar o 80% do financiamento necesario para acometer este proxecto. O Concello achega o 20% restante, 170.500€, polo que o investimento total ascende a 852.687€.

O acto de sinatura do convenio celebrouse na propia área da Madalena, coa presenza da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e concelleiros e concelleiras da Corporación municipal.

O Presidente subliñou que “a Deputación fai esforzo económico para colaborar co Concello de Vilalba neste proxecto. Estamos a falar dunha cantidade que supera a partida de medio millón de euros que este concello percibe da Deputación con cargo ó Plan Único neste ano 2021. Pero Vilalba, e esta iniciativa, ben merecen este esforzo”.

José Tomé enmarcou este acordo no compromiso da institución provincial de cooperar cos concellos: “Somos o Concello dos Concellos. Un concello grande que colabora cos concellos da provincia para que poidan ofrecer mellores servizos públicos ou acometer proxectos que non poderían levar adiante en solitario. Deste xeito, favorecemos o desenvolvemento equilibrado da nosa provincia”.

O proxecto do parque acuático na área recreativa da Madalena, asegurou o Presidente, nace “co desexo de ofrecer mellores servizos públicos aos vilalbeses e vilalbesas, e á veciñanza de toda a comarca da Terra Chá, pero ademais, esta actuación pode ter un importante efecto chamada á hora de promocionar Vilalba como destino turístico e de lecer, xa que ofrece unha proposta de ocio, de calidade, familiar, e en contacto coa natureza, que é o que máis se está a valorar na saída da pandemia”.

Inician as obras de desdobramento da Duquesa de Lugo cun investimento de máis de 1M€

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación, José Tomé, supervisaron este martes o inicio das obras para o desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, no treito que vai do enlace desta vía coa Ronda Norte á glorieta 25-N. O Concello impulsou o proxecto e aportou os terreos necesarios para acometer esta actuación, mentres que a institución provincial financia e executa os traballos, adxudicados en 1.031.000€

 A rexedora explicou que “esta é unha obra moi importante para a cidade de Lugo, pero tamén para a provincia, xa que se trata dunha arteria de entrada principal á nosa cidade, e queremos que sexa tamén unha vía que facilite a distribución dos vehículos para reducir os percorridos polo centro e o casco histórico, co obxectivo de seguir implementando o noso modelo de cidade verde e sostible”.

 Neste senso, Lara Méndez subliñou que “esta actuación, ademais de mellorar os accesos, vai axudar a desconxestionar de tráfico arterias importantes da cidade como pode ser a Avenida da Coruña e, por outra banda, o desdobramento da Duquesa de Lugo poñerá en valor a súa contorna, o futuro barrio multiecolóxico que estará situado nesta zona, e as actuacións que estamos a facer dentro do LIFE Lugo + Biodinámico, tamén en colaboración coa Deputación, como o propio edificio Impulso Verde”. 

“Por outra banda, tamén suporá a súa humanización, incrementando as zonas verdes, mimetizando a paisaxe co crecemento da cidade, ao tempo que se farán actuacións de saneamento, abastecemento, iluminación, e se mellorará a conectividade, tanto para ir en vehículo, como en bicicleta, pois haberá un percorrido que conectará co carril bici que xa se está a realizar na cidade, e tamén se mellorará a comodidade dos viandantes, pois as persoas que desexen vir camiñando poderano facer de forma segura, xa que haberá beirarrúas, e todo isto se fará desde unha perspectiva de xénero”, apuntou.

137 efectivos da UME continúan traballando na extinción do incendio de Ribas de Sil

A Delegación do Goberno en Galicia informa de que a Unidade Militar de Emerxencias mantén despregados 137 efectivos e 56  vehículos para colaborar nas tarefas de extinción do incendio de Ribas de Sil.

Os medios, do Quinto Batallón de Intervención en Emerxencias (BIEM V) da UME, proceden do equipo de intervención que está activado durante o verán na Base Xeral Trasfogueiro en Pontevedra e de Baséea Conde de Gazola de León.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, desprázase de novo esta mañá á zona para supervisar o dispositivo e entrevistarse cos mandos da Unidade desprazados.

Ata o momento, o BIEM V interveu cun subgrupo con dúas seccións de intervención, un núcleo de apoio operativo con Policía Militar, Equipo de Máquinas, e unha unidade de apoio loxístico. Así mesmo  despregouse un oficial de ligazón ao Centro de Coordinación Central da Xunta en Santiago.

O Posto de Mando Avanzado estableceuse en Margaride de Lor (Quiroga-Lugo) e a Base Loxística nun polideportivo de Quiroga  (Lugo).

Nas últimas horas, a UME traballou na defensa de Interaz Urbano- Forestal na poboación de Carballo de Lor e Pozos; ataque directo  mediante uso de lume técnico en flanco oeste, evitando que as  lapas excedesen a estrada LU-933; defensa da poboación de Ou Pacio e Beirán con lume técnico e ataque directo con autobomba, e ataque directo con apoio de maquinaria na cabeza do incendio ao sur da localidade de Salcedo.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com