Novas

400 centros educativos abrirán as súas portas renovados tras este verán

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe un investimento de 30 millóns de euros este verán para levar a cabo 557 obras de mellora, en 400 centros educativos, que benefician a preto de 150.000 alumnos.

Durante unha visita esta mañá ao novo CEIP Sagrado Corazón, en Lugo, Feijóo avanzou ademais que a Xunta está licitando outras 84 actuacións por importe de 40 millóns de euros para executar en 2022, ao tempo que resaltou que a cidade da Muralla alberga, nestes momentos, a zona educativa con máis proxectos de obra previstos neste eido de toda Galicia.

Así, ademais deste novo CEIP, actualmente, están en marcha ou rematadas outras obras por valor de preto de 4 millóns de euros, como: o acondicionamento do pavillón compartido do IES Lucus Augusti e IES Ollos Grandes; a adecuación do ximnasio como talleres para ciclos de perruquería no IES Muralla Romana; a ampliación dos talleres de carpintería do CIFP Politécnico; e o novo edificio para a ampliación de ciclos e hostalería do IES Sanxillao, cuxa obra rematará neste primeiro trimestre do curso. “E para o período 2021- 2024 temos previsto investimentos por valor de 3,6 millóns de euros en noutros centros da cidade”, engadiu.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego subliñou que, ademais de todos os programas e medidas implementados, este curso conta cun protocolo covid coñecido polas familias e os centros desde o 9 de xullo.

Nesta mesa liña, recordou que a pandemia tamén nos deixou unha reflexión sobre os espazos arquitectónicos que precisa o sistema educativo, recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que suporá un investimento de 191 millóns de euros, nesta lexislatura, para adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas.


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visita o CEIP Sagrado Corazón.
Fotos David Cabezón

A Fundación CEL programa formación presencial para emprendedores de economía social

A Fundación CEL, co apoio da Rede Eusumo, programa para próximas datas “accións formativas conectadas”, unha serie de talleres prácticos dirixidos a cooperativas, entidades de economía social e emprendedores interesados neste tipo de fórmulas para iniciar o seu negocio.

A través desta formación búscase facilitar e dar a coñecer as ferramentas necesarias para garantir un bo funcionamento interno das cooperativas e entidades de economía social, analizando aspectos estratéxicos, legais, económico – financeiros, de mercadotecnia e xestión de persoas. Polo seu carácter práctico, inclúese tamén exposición de casos de éxito a fin de garantir que os asistentes coñezan de primeira man o percorrido de experiencias reais.

Máis concretamente, están programados unha xornada de difusión e catro talleres formativos que abordarán contidos como “Tendencias e oportunidades de negocio no cooperativismo 2021”, “Mercadotecnia dixital na economía social”, “Xestión comercial e vendas”, “Iniciación á xestión económico-financeira” e “Cooperativismo e comunicación efectiva”. Terán lugar os días 9, 16, 23 e 30 de setembro, así como o 7 de outubro.

Estas formacións celebraránse en formato presencial nas instalacións da Fundación CEL; o número de praza é limitado e xa está practicamente cuberto. Máis información no número de teléfono 982 28 41 50 ou na web www.fundacioncel.org.

As escolas infantís municipais abren novo curso

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, visitaron a Escola Infantil Municipal Serra de Outes, que vén de retomar a actividade co inicio do novo curso. Rivas explicou que “desde a concellería de Educación traballamos para que as familias tivesen o máis fácil posible iniciar un novo curso”, e engadiu “as distintas escolas infantís recuperaron as prazas que o curso pasado se tiveron que eliminar, dado que a situación sanitaria mellorou”.

A concellería de educación traballou para axilizar tamén a tramitación das axudas para libros de texto e material escolar, “unha axuda que ano a ano permite a moitas familias que as súas fillas e fillos conten co material necesario para a escola, e que este ano estarán tramitadas en poucas semanas, acelerando o proceso case tres meses con respecto a anos anteriores”.

Felipe Rivas lembrou que “as instalacións dependentes da concellería de Educación contan con protocolos actualizados á situación sanitaria do novo curso, sempre tendo en conta a situación sanitaria actual”.

Belén Santiago e Carmen María Fernández, as novas xefas de sección de Inspección de Actividades e Cultura

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu este luns o acto de toma de posesión de Belén Santiago Vázquez, xefa de sección da Oficina de Inspección de Actividades; Carmen María Fernández López, xefa de sección do Servizo de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua; e José Ángel Riva Cabanas, adxunto do Servizo de Arquitectura.

No acto, durante o que a rexedora lles desexou moitos éxitos nos seus cometidos, tamén participou a Concelleira de Economía e Recursos Humanos, Paula Alvarellos.

O maior éxito do cine francés chega a Codex Cinema

O filme Adeus, idiotas dominou as billeteiras do país galo antes e despois da pandemia grazas a unha comicidade baseada nos problemas da xente común fronte ao mundo tecnolóxico.

Albert Dupontel é un dos actores máis reputados de Francia. A súa carreira comezou na televisión e en espectáculos teatrais, ademais dos seus ácidos monólogos contra as inxustizas da sociedade gala. No cinema debutou xunto a grandes cineastas como Paul Vecchiali ou Jacques Rivette e desde finais dos anos 90 el mesmo comezou a dirixir comedias que non fan amigos, que sinalan de forma desatada e sarcástica os problemas do noso mundo, as diferencias sociais e os problemas económicos que fan máis inxusta a vida dos máis desfavorecidos. As películas de Dupontel reciben no seu país un gran apoio crítico e público.

Esto último ocorreu coa súa última película, Adeus, idiotas, un auténtico fenómeno en Francia,  símbolo da resistencia do cinema fronte a crise da Covid-19. O filme tivo que adiar a súa estrea, prevista para a primavera de 2020 ata finais de ano. En tan só nove días, o filme acadou case setecentos mil espectadores, un éxito sen precedentes en Francia, mais despois de semellante estrea, as salas francesas pecharon ata a primavera de 2021. A gran sorpresa foi que, unha vez regresou a exhibición cinematográfica, Adeus, idiotas continuou co seu paso triunfal e aínda hoxe segue en cartel, acumulando máis de dous millóns de espectadores.

Polo camiño, Dupontel conseguiu tamén arrasar nos Premios César (os Goya franceses) conseguindo sete galardóns, entre eles os de mellor película, mellor dirección e mellor guión. E non é para menos, xa que estamos ante un filme xenial sobre as contradicións da sociedade tecnolóxica onde unha muller decide dar un xiro radical á súa vida, abandonar as comodidades do seu status social e emprender unha viaxe desesperada para coñecer ao fillo que abandonou hai anos. Polo camiño desta road movie vivirá episodios cheos de humor que ao mesmo tempo reflicten problemas reais da sociedade europea, como os conflitos provocados polas diferencias xeracionais, as dificultades para acceder a informacións contrastadas no mundo virtual, a ecoloxía ou os cambios dos roles tradicionais de homes e mulleres. Un filme excepcional que chega finalmente a Lugo este próximo venres para continuar a encantar a espectadores.

Outra comedia chegada de Suíza estrea tamén en Codex Cinema este venres. Trátase de As miñas funcións secretas, de Micha Lewinsky, unha insólita obra humorística arredor das guerras de espionaxe antes da caída do muro de Berlín. Estamos en 1989, cando o mundo estaba ao borde de cambiar e o bloque comunista ía caer de forma sorprendente e dramática. Alí, Viktor, un policía é obrigado a infiltrarse nun grupo de teatro de Zurich para investigar posibles actividades ilegais. A relación de Viktor co carismático troupe de actores chegará a ser tan forte que as súas conviccións estarán divididas entre o seu deber cara o estado e o seu amor por Odile, unha das mulleres que ten que vixiar.

As miñas funcións secretas recupera o mundo da guerra fría, a loita de bloques entre os países aliñados cos Estados Unidos e os da Unión Soviética, nunha gran recreación histórica daquel momento, cun ton humorístico similar a Good-bye Lenin. Filme bondadoso, humano, sen perder unha mordaz mirada política a un tempo de cambio que marcou para sempre a historia de Europa, As miñas funcións secretas foi un dos maiores éxitos do cine suízo da última década.

Feijóo resalta o novo centro de saúde do Saviñao como exemplo do compromiso coas infraestruturas sanitarias

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe o novo Centro de Saúde do Saviñao como exemplo do compromiso coas infraestruturas sanitarias, cun investimento de 8 millóns de euros no sur da provincia de Lugo.

Durante unha visita as instalacións desta nova obra, Feijóo destacou outras actuacións importantes como: novos centros de saúde nos concellos de Carballedo, Sarria e Monterroso, aos que agora se une o de O Saviñao tras un investimento de 1,12 millóns de euros e aos que se sumará tamén o futuro novo centro de saúde de Antas de Ulla, cuxo proxecto está xa licitado. Por outra banda, o centro hospitalario do sur da provincia, o Hospital Público de Monforte, está a ser reformado agora mesmo nunhas obras que supoñen os primeiros 1,5 millóns de euros dun Plan Director que se desenvolverá durante os próximos anos e que acadará os 15 millóns.

Logo de recordar que nesta última década a Xunta construíu ou renovou 89 centros de saúde, cun orzamento de máis de 120 millóns, o titular do Executivo autonómico subliñou que os 3.300 veciños da comarca do Saviñao contarán cun centro con máis e mellores servizos, con 7 consultas, unha zona pediátrica con consulta de enfermaría, sala de mostras, sala de reunións e sala de estar.

Nesta liña, Feijóo reiterou o compromiso do Goberno galego de seguir transformando a Atención Primaria, a través de novas tecnoloxías e cun modelo máis proactivo e con vocación comunitaria. Con este obxectivo, destacou a posta en marcha de avances como a nova Lei de Saúde, aprobada este ano e que obriga a elaborar plans locais de saúde, coa previsión de que antes de final de ano varios servizos das sete áreas comecen a traballar de xeito máis autónomo; e de medidas como o uso de novas aplicacións informáticas para asegurar a resolución das chamadas aos centros; as axendas de calidade para mellorar a xestión en todos os centros; e os cursos de habilidades directivas para xefes de servizo e coordinadores, que se iniciarán en outubro.

 


O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visita o novo centro de saúde do Saviñao. 
Fotos David Cabezón

Aberto o período de inscrición nas Casas das Linguas para o curso 2021-2022

O Concello de Lugo vén de informar da apertura do período de inscrición nas casas das linguas para o curso 2021-22.  O período de inscricións e estenderase ata o 14 de setembro, e as listas publicaranse durante o 15 de setembro.

As persoas que desexen anotarse a algún dos cursos ofertados (galego, portugués, inglés, francés e alemán) deberán presentar a documentación necesaria: fotocopia do DI, folla de inscrición, fotografía de tamaño carné e xustificante de pago de taxas para os maiores de 14 anos, ademais da autorización familiar e fotocopia do DI do pai, nai ou titor legal no caso das menores de idade.

Entre o 16 e o 24 abrirase o proceso de matrícula, unha vez publicadas as listaxes de admisión aos cursos. As clases darán comezo o luns 27 de setembro. Pode consultarse máis información no blog das casas das linguas municipais.

187.624 nenos matriculados nas escolas de infantil, primaria e educación especial neste novo curso

O xoves 9 de setembro comezarán en Galicia as clases nos ciclos de Infantil, Primaria e Educación Especial para 187.624 alumnos, o que supón 9.180 menos ca no curso 2019/20, o inmediatamente anterior á pandemia, segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Só en centros públicos o alumnado descende en case 6.000 escolares respecto do último curso antes da pandemia.

Respecto do curso 2020/21 a diminución é de 4.832 escolares, 3.363 deles en centros públicos. Neste sentido cómpre lembrar que as cifras de matriculación poden ir mudando ao longo do curso escolar.

En calquera caso, e malia ao descenso de alumnado, a Xunta de Galicia mantén as plantillas de profesorado por riba das que había no curso 2019/20, atendendo as necesidades xeradas a partir da pandemia da covid-19. Cómpre lembrar que nestas etapas as medidas sanitarias mantéñense invariables respecto das do curso pasado, con grupos burbulla sen distancia de seguridade.

Lugo

Na provincia de Lugo, serán un total de 19.789 os alumnos que comezan as clases este mércores nalgún dos 120 centros da provincia. En concreto, entre as Escolas Infantís públicas, privadas e concertadas da provincia, contarán este ano con 6128 nenos. Nos colexios de educación privada, tanto en educación pública, como concertada ou privada, serán un total de 13.576 alumnos. Por último, 85 nenos cursarán este ano nos centros de Educación Especial da provincia.

Seguen a baixar os casos por Coronavirus en Lugo

Os novos contaxios seguen a baixar onte foron 45, con estas cifras todo parece indicar que esta nova onda xa está baixo control. Os datos de Galicia na última actualización de casos activos de coronavirus en Galicia é de 6.116 deles 1.516 son da área da Coruña, 593 da de Ourense, 371 da de Pontevedra, 909 da área de Vigo, 1.132 da de Santiago e 352 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 46 están en UCI, 151 en unidades de hospitalización e 5.919 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 171.249 persoas curadas, rexistrándose 2.582 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.764.779.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 4.168.760.

 

 

 

A Xunta incorpora seis novos centros educativos da provincia ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade ven de resolver as axudas do Plan de Mellora de Biblioteas Escolares (PLAMBE) para o curso 2021/22, ao que este ano se incorporan seis novos centros educativos da provincia.

Así o explicou o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, quen apuntou que o Goberno galego incrementou nesta convocatoria un 12,5% o orzamento desta iniciativa, que na provincia de Lugo achegará o próximo curso un total de 203.550 euros a 94 colexios e institutos para renovar fondos e mellorar mobiliario e equipamentos das súas bibliotecas. Todos os detalles da resolución poden consultarse no Diario Oficial de Galicia (DOG).

En canto á distribución por zonas, na Mariña hai 30 centros integrados no PLAMBE que reciben 60.850 euros; na Zona Sur forman parte desta medida 17 escolas que disporán de 40.700 euros para investir nas súas bibliotecas; e na comarca de Lugo son 20 que perciben 38.300 euros – 14 deles son da capital luguesa-.

Pola súa banda, a Terra Chá e Meira contan con 16 centros incorporados que suman 31.850 euros; no municipio de Sarria están integrados 4 colexios e institutos que disporán de 12.800 euros; nas comarcas da Montaña figuran cinco que ingresan 11.400 euros; e outros dous en Monterroso e Palas de Rei (7.650 euros).

Os de nova incorporación son o CEIP Virxe do Corpiño (Begonte), CEIP Rosalía de Castro (Bóveda), CEIP de Palas de Rei, CEIP do Vicedo e dous de Sarria: a Escola de Educación Infantil e o CEIP Antonio Fernández López.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com