Novas

A Deputación inicia as obras do estacionamento e a mellora viaria do Parque Central de Galicia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, supervisaron este xoves o inicio das obras para a creación dunha zona de estacionamento e a mellora viaria do Parque Central de Galicia, o proxecto da institución provincial para poñer en valor o centro xeográfico da comunidade autónoma, situado no lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante de Antas de Ulla.

O proxecto que arrancou hoxe conta cun orzamento de 250.000€ e ten un prazo de execución de 6 meses. Consiste en dúas actuacións. Por unha banda, acondicionarase unha zona de estacionamento, que contará con 21 prazas para coches, dúas para autobuses, ademais de prazas para motos e bicicletas, incluíndo espazos reservados para persoas con mobilidade reducida. A área terá viais, amplos espazos para poder xirar, sobre todo os buses, e nela integraranse os carballos americanos que hai polo borde da finca que linda coa estrada, o que fará sombra para resgardar os vehículos nos meses de calor.

Por outra banda, o proxecto inclúe a mellora da seguridade viaria coa adecuación do acceso e do entorno do Parque, na LU-P-0301, de Antas a Rodeiro, no tramo que vai do punto quilométrico 3,490 a 3,700. As obras consisten no ensanche da estrada ata os 6 metros co fin de dotala de dous carrís de circulación diferenciados e facilitar o acceso das persoas que usan esta estrada. Ademais de botar aglomerado neste treito, acondicionaranse itinerarios independentes do tráfico rodado cunha barreira de separación de árbores creando arcéns, e instalarase sinalización horizontal e vertical, e a correspondente iluminación.

Arboredo do Parque

O mandatario provincial tamén comprobou hoxe o desenvolvemento dos traballos de destoconado das árbores do espazo do Parque Central de Galicia, un proceso que consiste en sacar do terreo os restos de troncos que permanecen no chan unha vez realizada unha tala.

Estes labores realízanse unha vez finalizou a corta de eucaliptos onde se ubicará o futuro parque infantil, onde se plantaron especies autóctonas, como carballos e castaños. Á súa vez, tamén se fixeron as tarefas de silvicultura, que consisten na entresaca de árbores débiles e da poda das árbores que van permanecer, co obxectivo de que se conformen as copas e permitan a entrada de luz e un mellor desenvolvemento da vida natural das especies.

Nas vindeiras semanas, segundo anunciou o Presidente, faranse as actuacións de laboreo, que consisten na preparación da terra. É preciso regularizar e alisar a superficie do terreo para poder explanar os lugares nos que se levantará o edificio multiusos, se construirá a praza e se farán os viais de acceso e secundarios para desprazarse ao longo do Parque.

Seguidamente, acometeranse os labores de fresado para triturar e mesturar en profundidade os restos de maleza, raíces que afloren do arranque de cotóns, restos de poda e, sobre todo, da grosa capa de folla acumulada para poder sementar o céspede. Relevante tamén é o proceso de fertilización para lograr uns niveis óptimos de PH que posibiliten a implantación do novo céspede.

Para o Parque Central de Galicia optouse por unha fórmula pratense para a plantación do céspede baseada en especies de fácil adaptación ao terreo, que resisten ben o tránsito de persoas, que se recuperan ben despois da seca do verán e que perduran durante bastante tempo sen que se deteriore a súa calidade. Farase unha mestura de diferentes especies de gramíneas para asegurar que se reparte da maneira máis idónea e equitativa ao longo de toda a extensión, e lograr así un correcto desenvolvemento da sementeira. As especies elixidas son lolium perenne nun 50%, festuca rubra  nun 30%, poa pratensis nun 15% e agrostis capillaris, nun 5%.

A Xunta concede axudas a 13 concellos lucenses para elaborar plans de acción contra o cambio climático

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concedeu axudas a 13 concellos lucenses para que redacten Plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (Paces), unha ferramenta de carácter técnico que ten como obxectivo avanzar na loita contra o cambio climático e o quecemento global en clave local.

Así o subliñou a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, que visitou esta mañá o concello de Paradela xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o alcalde, José Manuel Mato, para dar a coñecer o resultado na provincia da última convocatoria desta liña de subvencións.

Paradela é, precisamente, un dos municipios que resultaron beneficiarios este ano, de xeito que poderá contar cunha achega autonómica de 3.000 euros para traballar no seu Paces. O resto de subvencións concedidas en Lugo serán para Castroverde, Triacastela, O Valadouro, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Ourol, Sarria, Taboada, Vilalba, O Páramo e O Saviñao.

Sagrario Pérez e Javier Arias destacaron que as 13 axudas concedidas na provincia suporán un investimento de preto de 55.000 euros e subliñaron que se atenderon o 100% da solicitudes presentadas tanto en Lugo como no conxunto de Galicia.

Así mesmo, tamén lembraron que a día de hoxe xa hai outros 36 municipios lucenses traballando na elaboración destes plans grazas aos apoios recibidos por parte da Xunta en 2020, cando se convocaron por primeira vez estas axudas.

No conxunto de Galicia e ao abeiro da convocatoria deste ano, concedéronse subvencións a 70 concellos por un importe total de 337.000 euros. Estes municipios súmanse aos 176 que xa están a traballar actualmente na elaboración do seu propio plan de xeito que, a día de hoxe, pode dicirse que preto de 250 entidades locais galegas xa están comprometidas de forma activa na loita contra o cambio climático.

Un Plan de acción consiste na elaboración dun inventario de referencia de emisións de gases de efecto invernadoiro e na avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático; polo que coa axuda da Xunta os municipios poden a sufragar os traballos de asistencia técnica para a elaboración dos mesmos.

Deste xeito, dáse cumprimento a un dos compromisos de adhesión ao Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía, integrando a loita fronte ao cambio climático como unha das variables que deben estar presentes na definición das políticas locais, tanto para reducir as emisións e mellorar a eficiencia enerxética, como para adaptarse ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o planeta.

O PP esixe ao Goberno local un plan de acción que poña fin aos vertedoiros incontrolados

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Manuel López, é moi claro e afirma que os veciños das parroquias do rural de Lugo “non poden máis e están fartos” do que el mesmo tildou de permisividade do concelleiro da zona  rural, Miguel Fernández, “respaldado por Lara Méndez e Rubén Arroxo”, xa que “ningún fai algo por solucionar os constantes ataques que se realizan nas parroquias do rural de Lugo”, onde os vertedoiros incontrolados seguen activos e medrando sen control.

Manuel López critica a “inacción” do goberno local, que “lonxe de protexer os intereses dos veciños das parroquias e o gran valor natural que hai no municipio, permiten, coa súa pasividade, estas actividades ilícitas”, que en moitos casos xeran un perigo enorme para os veciños e o entorno, xa que son focos potencias de incendios e de contaminación ao medio.

Para o concelleiro popular a principal solución pasa pola implicación do goberno local, que debe de poñer en marcha un plan de acción inmediato para limpar todas estas zonas e un aumento notable da vixilancia para evitar que estas malas prácticas se sigan a repetir no municipio lucense, xa que unicamente teñen repercusións negativas para a natureza e a actividade económica das parroquias do rural.

“A realidade é que sempre tiran os residuos nos mesmos puntos, un claro indicativo da permisividade do goberno local, que nin se preocupa por vixiar minimamente estas zonas, xa coñecidas por todos, para evitar nos vertidos”, afirmou.

Manuel López lamenta que despois de tantos anos desde o goberno local “non fixeron nada” por solucionar esta  situación, ata o punto de están a demostrar “a nula preocupación” que teñen polo rural, onde nas últimas semanas o goberno local so foi noticia “polas súas cacicadas” levando servizos a uns poucos veciños e discriminando a outros. “Se estes vertedoiros incontrolados chegan a estar preto da casa dalgún pedáneo que teñen nas parroquias estou seguro de que non tardaban nin medio día en limpar a zona”, sentenciou.

Novo paso atrás no avance da Covid con suba na presión asistencial

A suba da presión asistencial nos hospitais é sempre o reflexo de varios días consecutivos de aumento de casos activos, e do ritmo de contaxio. E así ocorre hoxe tamén.

Segundo informa o SERGAS no seu último informe, con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, Lugo suma xa 1377 casos activos, 35 máis que na xornada anterior. E malia que parece un aumento significativo, o certo é que esta suba e moito menos importante que a de días anteriores que tendían a superar os 50 casos novos diarios.

Con todo, ao descenso das altas médicas (tan só 67 na última xornada, fronte ás preto de 90 do día anterior) hai que sumar tamén o elevado número de positivos detectados, 101 nas últimas 24 horas. En total, dende o inicio da pandemia 18.712 veciños de Lugo resultaron infectados polo coronavirus, dos cales 17.098 xa poden dicir que superaron a enfermidade.

E todo isto, como diciamos tradúcese hoxe nunha xornada de aumento da presión asistencial. E é que os pacientes en plantas de hospitalización chegan de novo aos 30, unha cifra que levaba varias xornadas en descenso. Tamén a ocupación da UCI do HULA hoxe suma un novo paciente covid.

Por hospitais, o HULA rexista 24 pacientes (5 máis que onte), o Hospital da Costa mantense con 3, o mesmo número que rexistra o Hospital de Monforte que hoxe amencía cun paciente covid menos que na xornada anterior.

 

San Froilán sen casetas tras quedar deserta a licitación

O Concello de Lugo vén de informar que a licitación das casetas do polbo, típicas do San Froilán, quedou deserta ao pecharse hoxe o prazo de presentación sen presentarse ningunha empresa ao concurso público.

A edil titular da área de cultura, explicou que onte mesmo pechaba o prazo de licitación sen ningunha oferta para o concurso no rexistro municipal. Unha problemática pola que uns culpan ás condicións esixidas polo Goberno local no prego de licitación e, outros, ao medo dos hostaleiros a enfrontarse ás posibles medidas restrictivas impostas pola Xunta na loita contra a pandemia da Covid19.

O certo é que dende o  Concello aseguran que “traballamos para facilitar ao máximo as condicións dos pregos, para así permitir que os distintos negocios que quixesen optar a colocar casetas e caldeiros puidesen facelo tendo a seguridade de que só pagarían segundo a cabida que tivesen en cada momento”; malia que entenden a “incertidume” que lles pode causar aos hostaleiros ter que enfrontarse a esta situación.

A volta das casetas do polbo foi un acordo da Comisión de Festas de xullo. A titular de Cultura explicou que “de cara ao final do verán celebraremos unha nova comisión de festas para buscar o acordo da Corporación Municipal sobre o retorno do recinto feiral do San Froilán”.

Caldeiros na rúa

Doutra banda, e trala solicitude da Asociación Lugo Monumental, a área de Mobilidade e Infraestruturas, dirixida polo tenente de alcalde, permitirá aos distintos negocios presentar solicitudes para colocar caldeiros na rúa, do mesmo xeito que no ano 2020.

Para solicitar colocar un caldeiro, os negocios de hostalería terán que cubrir o impreso número 179, que se pode atopar na páxina web do concello e presentar a documentación requerida a tal efecto.

Declarada a emerxencia cinexética en 29 comarcas galegas para freas os danos do xabaril

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as catro resolucións polas que se declara a emerxencia cinexética temporal polos danos ocasionados polo xabaril nun total de 29 comarcas galegas. É a segunda ocasión na que a Xunta recorre a este instrumento, de carácter provisional e extraordinario, coa finalidade de axilizar a aplicación de medidas dirixidas ao control das poboacións desta especie naquelas zonas con maior incidencia, a través de distintas modalidades e procedementos de captura.

As circunstancias extraordinarias que se están a producir con relación ao xabaril facían necesario articular unha declaración excepcional deste tipo na procura de eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie mediante a adopción de medidas que axuden a previr no posible futuros danos. Trátase, en todo caso, dun instrumento adicional e complementario á caza regrada dentro dos terreos de réxime cinexético especial e común e tamén ás actuacións de control por danos, que seguirán a desenvolverse nos termos fixados na resolución anual pola que se regula a caza en Galicia e nos protocolos de actuación establecidos ao efecto.

Así, durante a vixencia da declaración nestas comarcas permitirase abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade. Así mesmo, nas zonas en situación de emerxencia cinexética temporal será posible abater crías e femias seguidas de crías sempre e cando haxa unha autorización especial previa da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co establecido na Lei de caza de Galicia.

Ademais, habilítanse nestas zonas unha serie de ferramentas cinexéticas que contribúan ao control das poboacións do xabaril, como a ampliación dos períodos nos que se pode exercer a actividade cinexética, en xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2021-2022 dos tecores, ou a autorización para o uso de medios auxiliares —como visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebadoiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados— que favorezan a eficacia e o óptimo aproveitamento cinexético, faciliten a identificación dos exemplares e garantan a seguridade das persoas.

De igual xeito, nas comarcas en emerxencia cinexética temporal poderase autorizar aos propietarios afectados a realizar agardas ou esperas en terreos de réxime cinexético especial, persoalmente ou mediante terceiros, con autorización do titular do aproveitamento, así como outra serie de medidas que complementen a actividade cinexética regrada e o control dos danos da especie establecidos na resolución anual.

As declaracións de emerxencia cinexética temporal nas áreas sinaladas inclúen os tecores e zonas libres onde se poderán desenvolver estas medidas extraordinarias e excepcionais. En total, a declaración abrangue 29 comarcas (7 na Coruña, 9 en Lugo, 11 en Ourense e 2 en Pontevedra) que comprenden 198 concellos (50 deles coruñeses, 53 lucenses, 87 ourensáns e 8 pontevedreses) e un 68,4% da superficie total de Galicia.

A vixencia destas declaracións estenderase desde mañá —data de entrada en vigor das catro resolucións— ata o 27 de febreiro do vindeiro ano, abranguendo así o período hábil de caza establecido para o xabaril durante a tempada 2021-2022. Con todo, poderá quedar suspendida no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación, sempre previa resolución, no momento no que se constate que desapareceron as causas que motivaron a declaración da emerxencia.

Fervedoira

O Pazo da Fervedoira é un espectacular edificio, en franca decadencia, situado moi preto de Lugo, rodeado por xermolos urbanos que aínda non se deron conectado entre si para que medre a cidade.

A evolución da vida foi reducindo a poboación dos pazos, xa porque os vellos señores fosen numericamente a menos, xa porque cada vez é máis difícil vivir nunha tal desmesura de superficie e custo.

Coñecín este pazo fugazmente cando era restaurante e ofrecía aos clientes a posibilidade de sentirse por uns momentos protagonistas dunha aventura no tempo sen despegar os pes do chan.

A gastronomía deixou logo de señorear a instalación para deixar paso ao que se adoita considerar o oficio máis antigo do mundo que, con intermediarios, clientes e traballadoras, degradaron as pedras que quixeron ser nobres. Como as degradacións siguen gradación non prevista, despois dun tempo sen uso, o pazo recibiu novos habitantes libertarios, non suxeitos a norma algunha, que tomaron posesión da vella mansión facéndoa volver á vida en aplicación dun estraño dereito de conquista.

Co paso do tempo, as desmesuras ás veces rematan por atallarse, e os conquistadores deberán abandonar o que consideraron terra de ninguén para que o tempo e os lexítimos posuidores marquen o destino daquela praza forte. Parece ser que aínda que os conquistadores teñan que render o case castelo, andan buscando outro máis grande, un novo mundo que poder conquistar e habitar.

Triste destino dun pazo, levantado para ser pacífica morada, convertido en Campo de Agramante no que nin Don Quijote ousaría presentar batalla, polas estrañas e inxustas regras de xogo.

A Xunta activa o Plan de Emerxencias de Galicia para conter un incendio nunha nave en Sarria

A Xunta de Galicia vén de activar o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA) no nivel 1, o que permite a mobilización dos medios e recursos de ámbito xeográfico local ou supralocal, para atallar un incendio industrial declarado no interior dunha nave de madeira, no concello de Sarria.

Pasadas as 18:30 horas, varias testemuñas puxeron a alerta do lume en coñecemento do 112 Galicia. Así, as persoas indicaban que se saía fume, e incluso lapas, dunha fábrica de madeira afincada no lugar de Callás, en San Fiz de Reimóndez.

Deste xeito, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) déuselle o aviso aos Bombeiros da localidade, á Garda Civil, á Policía Local e a Protección Civil. Ademais, como medida preventiva, tamén se alertou aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, a nave afectada é lindeira con outra dedicada ao aluminio e, ante a necesidade de brindar apoio nas tarefas de extinción do lume no punto, foron alertados medios forestais, os Bombeiros dos parques de Lugo e de Monforte, así como o GES de Becerreá e de Monterroso.

Nestes momentos, os medios atópanse traballando arreo na sufocación do incendio.

O dispositivo integral de limpeza de barrios desprázase este xoves a Aceña de Olga

O dispositivo integral de limpeza de barrios posto en marcha pola alcaldesa Lara Méndez desprazarase mañá, xoves, a Aceña de Olga, logo de concluír as tarefas previstas no Castiñeiro, Casás, Abella, A Residencia, as Gándaras, o Sagrado Corazón e Galegos.

O obxectivo desta iniciativa, desenvolvida pola área de Medio Ambiente, é unificar os esforzos por contornas e mellorar, así, o acondicionamento da cidade, sen descoidar os labores ordinarios. Para iso, se está a actuar de forma integral en cada barrio cun amplo operativo integrado polas empresas encargadas da limpeza urbana, do mantemento das zonas verdes e de revisión dos parques infantís, contando co apoio das brigadas municipais.

Neste senso, o dispositivo executará labores de roza de vías e predios municipais, o varrido e baldeo de rúas e bordos, a limpeza dos sumidoiros e das illas de reciclaxe de lixo, así como dos bancos e resto do mobiliario urbano para mellorar a imaxe e a estética do barrio e o confort dos seus residentes.

Cómpre subliñar que dende o 2020, o Concello de Lugo leva tramitados un total de 341 expedientes por acumulación de maleza en predios particulares, instando aos seus propietarios a corrixir esta situación.

Tras rematar nesta contorna, os traballos continuarán en Fingoi, Augas Férreas, A Milagrosa, A Cheda, o centro da cidade, Fontiñas, Castelo – A Chanca, Barrio da Estación, Barrio Feijoo, Paradai, Frigsa, San Lázaro – A Ponte, A Louzaneta, Inmediacións do HULA e Montirón – San Fiz.

A Xunta remata as obras na AG-64 entre Vilalba e Xermade

A Xunta de Galicia reabriu ao tráfico na tarde de onte a autovía AG-64 (Ferrol-Vilalba) logo de rematar as obras de reforzo do firme executadas nun tramo de 13,4 quilómetros entre a intersección coa Autovía do Cantábrico A-8, no municipio vilalbés, e o enlace de Cabreiros. Ao mesmo tempo, proseguen as obras na LU-170 entre este punto e Xermade.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, apuntou que se destinan en total 1,4 millóns de euros a ambas actuacións, que suporán a mellora de 19 quilómetros de estrada, 12 deles no concello xermadés.

No que respecta ás obras da autovía, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinou máis de 1 millón de euros á actuación, executada en dúas fases; hai uns meses completouse o arranxo da estrada en sentido Vilalba e foi preciso esperar ao verán para continuar cos carrís en sentido Ferrol, xa que as características da actuación facían necesaria a súa execución en condicións axeitadas dende o punto de vista meteorolóxico.

As obras da estrada LU-170 entre Xermade -na intersección da Pena- e Cabreiros contan cun investimento de 450.000 euros e mellorarán o firme en 5,5 quilómetros ata empatar co tramo xa rehabilitado pola Xunta hai uns anos. Coa posta en marcha destes traballos, que contan cun prazo de execución de 3 meses, habilitouse un desvío alternativo pola estrada LU-861, que estará operativo ata o vindeiro 10 de setembro.

Esta actuación ampliaría desde os 5 ata os 7 metros a plataforma da estrada, incluíndo a rehabilitación do firme, acondicionamento das interseccións coas vías públicas, mellora da sinalización horizontal e vertical, balizamento e defensas e o sistema de drenaxe.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com