Novas

Socialistas de Antas de Ulla denuncian a falta de sanitarios no centro de saúde

Os socialistas de Antas de Ulla denunciaron hoxe a “situación de abandono que sofre a veciñanza” con respecto a atención sanitaria no centro de saúde da vila. Concretamente critican que neste verán “só hai un medico e un ATS para atender a toda a poboación, ademais temos que remarcar que nesta época do ano a poboación medra exponencialmente coa visita de turistas, así como de veciños que teñen en Antas de Ulla a súa segunda  residencia”, advirten.

Dende a Agrupación Socialista lembran ademais que o centro de saúde contaba con 3 prazas medicas, pero unha delas non se reemprazou, polo tanto durante o ano atenden dous médicos, “e agora no verán na época que máis xente nos visita só hai un medico no Concello”. Sinalan que os facultativos atenden a unha media de ata 70 pacientes ao día.

Ademais, os socialistas aluden ao anuncio do compromiso do Goberno de Feijóo coa construción dun novo centro de saúde na vila. “Dende o PSOE apoiamos a mellora das nosas dotacións e por suposto da nosa atención primaria, pero advertirmos que estas novas infraestruturas teñen que vir acompañadas de persoal e de novos efectivos para atendelas, porqué senón se dota de persoal será un caixón baleiro”, sinalan.

Por último emprazan ao Alcalde e ao Goberno do PP de Antas de Ulla a defender a sanidade pública e a atención primaria. “Merecemos unha sanidade pública con tódalas garantías, por iso dende aquí demandamos ao Concello a que defenda a atención aos nosos doentes e que demande ante a Conselleira de Sanidade máis persoal para o centro de saúde de Antas de Ulla”.

O turismo estatal elixe Lugo para as vacacións da pandemia

A cidade de Lugo achégase este 2021 ao número de turistas que visitaron a capital durante o 2019. Así o informou o Concello de Lugo que avanzou que durante os primeiros meses do ano o sector turístico comezou a súa recuperación logo da baixada causada pola pandemia da Covid.

Segundo informou a Oficina Municipal de Turismo, 7442 persoas visitaron a cidade durante os primeiros 20 días de agosto, preto das pouco máis de 10.000 que se achegaron a este servizo do Concello de Lugo durante todo o mes de agosto de 2019.

Dende o Concello explican que o número de visitantes procedentes doutros países descendeu de xeito importante, pero deixaron sitio a un aumento notable dos turistas doutras partes do Estado. Este cambio de tendencia, segundo explican dende a área de Cultura e Turismo do Concello, sitúa á cidade de Lugo como un “destino estratéxico” para o turismo en Galicia, “un dos obxectivos das campañas turísticas que puxemos en marcha estes anos”.

Entre os visitantes que se achegaron á Oficina Municipal de Turismo durante este verán destacan os procedentes de Madrid e Cataluña, seguidos de Valencia, País Vasco e Andalucía. Francia, Portugal, Reino Unido e Alemaña son os países con máis turistas estranxeiros rexistrados nas estatísticas municipais.

Sube de novo o ritmo de contaxios e os casos activos dan un paso atrás na súa melloría

O ritmo de contaxio da Covid19 na provincia volve a aumentar tras dúas xornadas en descenso durante a fin de semana. Mentres o domingo Sanidade cifraba en 78 os positivos detectados, na xornada de onte esta cifra elevábase ata os 110 casos novos.

Unha suba que se traduciu, ademáis no aumento dos casos activos, malia ao importante número de altas recibidas por enfermos covid. Así, en cifras, e segundo os datos recabados polo SERGAS ata as 18 horas de onte, os casos activos cífranse en 1292, 61 máis que na xornada anterior. Doutra banda, as altas recibidas elévanse ata as 16.944 dende o inicio da pandemia, 50 máis que na xornada anterior.

Asemade, o SERGAS informou na tarde de onte dun novo falecemento, o número 232 na provincia dende que o virus chegou. A última vítima da pandemia é unha muller de 89 anos que finaba no HULA o pasado sábado.

Pero non todo son malas novas. E é que a presión asistencial experimentou unha importante melloría na última xornada. En unidades convencionais, un total de 26 infectados por covid permanecen ingresados – 19 no HULA, 3 no Hospital da Costa e 4 no de Monforte, liberándose a cama que ata hoxe ocupaba un paciente covid no Polusa-. Doutra banda, a UCI do Hula libera dúas camas e quedan 3 pacientes covid en recuperación.

Trasladado en helicóptero un motorista logo de sufrir unha colisión contra un coche en O Incio

Un motorista foi trasladado logo de sufrir unha colisión contra un coche esta tarde, no Incio.

Foron os servizos sanitarios os que, ás cinco da tarde, alertaron ao 112 Galicia do accidente ocorrido na estrada de Samos, a altura do lugar do Val do Mao. Na mesma comunicación, o 061 informaba de que se mobilizaba para o punto o helicóptero medicalizado con base en Ourense.

Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) informouse aos Bombeiros de Sarria, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos membros de Protección Civil da localidade.

Os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061 comunicaron que o motorista tivo que ser trasladado en aeronave ata o Hospital Universitario Lucus Augusti, de Lugo.

A asociación ALCER moi presente no derby galego de baloncesto

Xa están á venda as entradas do partido de baloncesto que o vindeiro sábado, 28 de agosto, enfrontará aos equipos Obradoiro CAB e o Río Breogán no pavillón da Malata de Ferrol ás 20 horas na XXXV Copa Galicia Senior Masculina de Baloncesto.

Este partido terá un marcado carácter solidario, tendo como leitmotiv a sensibilización sobre a doazón de órganos co lema DOAR ÓRGANOS É SALVAR VIDAS. Cun aforo de 1.500 prazas permitidas, toda a recadación será destinada ao fin solidario de promoción da doazón de órganos.

Dende a asociación Alcer Coruña faise un chamamento social para encher todas esas prazas neste evento emocionante e solidario. As entradas xa se poden adquirir en ataquilla.com.

Tamén é posible colaborar con esta causa solidaria a través da Fila 0, unha fila virtual, que non dá dereito á entrada ao campo pero que permite que a colaboración coa causa e a posibilidade de entrar nun sorteo dunha camiseta do novo equipamento do xogador Henry Ellenson do Río Bregogán do Obradoiro CAB e tamén dun pack de camiseta, bufanda, peluche e máscaras da mascota do Río Breogán.

Penas “estaría ben que unha Federación Veciñal se encargue dos problemas reais da veciñanza”

O concelleiro de Infraestructuras Urbanas, Alexandre Penas, sinalou “estamos conformes coa crítica e positiva e, como organización, acreditamos nela” e engadiu “tamén creemos na participación cando se fai dun xeito constructivo e no momento en que se ten facer para que sexa efectiva”.

O edil sinalou “o que pretende describir Jesús Vázquez como participación non é máis que un ataque desmesurado contra nós dende que chegamos ao goberno, tanto no referido ás Infraestructuras como no referido ao bus”.

Alexandre Penas asegurou “dentro do movemento asociativo e veciñal lucense hai moita xente que actúa en positivo, estámolo vendo día a día na nosa acción de goberno”.

“Hai un movemento neste concello que non recibe ordes directas de ninguén e que si loita polos seus barrios e as súas parroquias, temos unha comunicación directa e imos facendo cousas” informou con edil Alexandre Penas que engadiu “así actuamos en Paradai, Fingoi, A Ponte, ás Gándaras, a Cheda, Albeiros, Galegos e outras zonas da cidade”.

Para o edil de Infraestructuras “estaría ben que unha Federación Veciñal se encargue dos problemas reais da veciñanza e non do BNG unicamente”. “O bus e as súas liñas son unha excusa para facer política e presentar resultados a final de ano, non unha preocupación real” sinalou Alexandre Penas.

O Concelleiro de Infraestructuras asegurou “desde a Federación tratarán de esquivar a reunión que lles ofreceu Arroxo cunha tentativa de manifestación contra o goberno de Lugo”. Dende as áreas dirixidas pola Tenencia de Alcaldía estableceuse contacto para realizar a reunión, entre ámbalas dúas partes, na primeira quincena de setembro.

‘Saborea a túa provincia’ chega a Vilalba para promocionar a gastronomía da provincia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, e a Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, participou este domingo no programa Saborea a túa provincia, unha iniciativa dirixida a incentivar o consumo de produtos de proximidade, que está enmarcada nas dez medidas do Plan de Impulso da Economía que lanzou a institución provincial para contribuír á recuperación da hostalería, o turismo e o comercio fronte ao impacto das restricións pola pandemia.

No concello de Vilalba, Diego López, de Pascuais Eventos, preparou un canelón recheo de capón de Vilalba trufado con espuma de San Simón e flor de allo. As xornadas gastronómicas e lúdicas da Deputación tamén contaron cun taller de cociñado para os nenos e nenas, unha charla informativa sobre o Porco Celta, animación musical, maxia e sorteos e degustación de produtos da provincia.

Galicia inicia a inmunización da mocidade de 12 e 13 anos con máis do 78% da poboación vacinada

Esta semana da comezo en Galicia a inmunización da mocidade de entre 12 e 13 anos de idade, nunha xornada, a de hoxe, na que a comunidade supera o 78% da poboación diana vacinada, en total máis de 1,9 millóns de galegos recibiron xa a súa dose, o que, por outro lado significa que o 71,25 da poboación xeral está inmunizada.

Segundo informa hoxe Sanidade, 175.927 mozos de entre 20 e 29 anos de idade xa foron inoculados na última semana, na que ademáis 69.360 rapazces de entre 15 e 19 anos e 222 nenos de entre 10 e 14, xa recibiron a lo menos  unha dose da vacina.

Doutra banda, o 78,36 por cento das persoas de entre 30 e 39 anos xa recibiron a lo menos unha dose da vacina; unha cifra que ascende ata o 95,50% da poboación no treito de maiores de 40 anos.

No total da poboación, máis de 2,1 millóns de galegos recibiron unha dose dalgunha das medicacións contra a covid, o que supón un 87,25% da poboación dianta e máis dun 79% da poboación xeral, clave para acadar a inmunidade de rabaño.

O autismo centra unha nova historia en Codex Cinema

A relación fraternal entre un pai e o seu fillo autista é o motor principal de Sempre contigo que estréase este venres 27 en Codex Cinema. Esta coprodución entre Israel e Italia presentouse na pasada Seminci de Valladolid onde gañou o premio a mellor actor para Shai Avivi, que interpreta de forma memorable a un pai que sacrifica todo polo benestar do seu fillo con autismo, tentando que leve unha vida o máis normal posible, dominada polo amor profundo que existe entre os dous.

A medio camiño entre o melodrama e o filme de aventuras, o director Nir Bergman crea unha alegación de enorme compromiso de todas as familias que teñen que sobrevivir en sociedades que dan as costas a todas as persoas que teñen trastornos de espectro autista. A sensibilidade, o amor e o encanto que move a esta película, a enorme humanidade, consegue que vexamos esta doenza non tanto como unha enfermidade ou algo a erradicar, senón un aspecto da personalidade de moitas persoas que temos que comprender e respectar.

O cineasta é recoñecido no seu país pola serie de televisión En terapia (posteriormente adaptada con gran éxito pola HBO para o público estadounidense), un produto que a partir de situacións cómicas entre médicos e pacientes conseguía facer unha aguda análise dos problemas da sociedade israelí. En Sempre contigo, Bergman volve a conseguir facer tanto un filme emocionante, conxugando risas e bágoas, ao tempo que mostrar as deficiencias da nosa sociedade e o longo camiño que nos queda por facer para a inclusión de todos os cidadáns na vida diaria dos países occidentais.

Sempre contigo será a protagonista desta nova semana de Codex Cinema xunto ao éxito de crítica e público de Annete, o filme de Leos Carax protagonizado por Adam Driver e Marion Cotillard que estreou a semana pasada en España e conseguiu grandes rexistros de asistencia. A película era unha das grandes agardadas da tempada de festivais, polo seu reparto, pola música da banda Sparks e pola enigmática figura do seu cineasta, Leos Carax. Tanto Annette como Sempre contigo estarán esta semana nas pantallas de Codex Cinema e se poden mercar as entradas para todas as sesións no portal de ReservaEntradas: https://www.reservaentradas.com/cine/lugo/codexcinema/

Continúan as denuncias do PP en relación coa tardanza na concesión das licenzas

Os ediles do PP no Concello de Lugo continúan hoxe en pé de guerra contra a tardanza, por parte do Concello de Lugo, en resolver as licenzas. Así, o explican dende o Partido Popular, nunha nota de prensa remitida aos medios na que critican duramente que o Goberno local “non aprende dos erros do pasado e lonxe de poñerse a traballar en prol da mellora da vida dos lucenses, seguen enfrascados na súa marcaxe persoal, con dimisións de concelleiros incluídas, paralizando a actividade municipal”.

O concelleiro popular Manuel López facía esta reflexión despois de avaliar os datos obtidos das licenzas aprobadas nos primeiros seis meses do ano para o ámbito urbano, uns datos que cualificou de “desastrosos” e que, na súa opinión, amosan ás claras “a falta de traballo dun equipo de goberno desgastado e superado pola realidade”.

E é que segundo explican dende o grupo popular, o Goberno local pechou o ano 2020 situando o prazo medio para a resolución dunha licenza no eido urbano en 330 días de media; namentres que no primeiro semestre de 2021 ese dato disparouse ata os 420 días de media, o que na opinión dos populares “amosa claramente que o mellor é un relevo á fronte do goberno local”.

Manuel López amosouse moi preocupado despois de analizar estes datos, xunto aos que xa fixeron públicos a semana pasada sobre o referente ás parroquias do rural, que amosan unha sintomatoloxía clara: “en Lugo temos un goberno que está a debullar un panorama desolador”. Explica o concelleiro popular que todos estes datos referentes á resolución de licenzas obtivéronse das actas das xuntas de goberno local, polo que avanza “a ver que escusa se sacan da manga agora tanto Méndez como Arroxo para tentar lavar a cara”.

Durante os primeiros seis meses do ano, no ámbito urbano, resolvéronse 111 solicitudes de licenza, das que so 20 se tramitaron dentro dos 90 días que marca a lei, é dicir, só o 18% das solicitudes de licenza resoltas durante os primeiros seis meses do ano cumpriron os prazos legais establecidos.

No informe elaborado polos populares hai datos reveladores como que, de media, ningún dos aspectos avaliados cumpre o prazo marcado na lei.

En vista dos populares, a realidade é que tanto Lara Méndez coma Rubén Arroxo están a poñer en risco numerosos postos de traballo, “xa que a construción é un dos principais motores económicos da cidade e que tendo en conta so as
licenzas avaliadas para o ámbito urbano nos primeiros seis meses do ano xeraron un volume de negocio de 18.651.266,03 €”.

Chegados a este punto, dende o Grupo Municipal Popular esixen ao goberno local unha “reacción inmediata que non se pode demorar máis” e que pasa polo reforzo do persoal de todos os departamentos que interveñen na resolución de licenzas, xa que “nos consta que todo o persoal que intervén no proceso está a dar o 110%, polo que urxe un reforzo para axudar a aliviar a carga de traballo e axilizar a resolución das peticións de licenza”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com