Novas

A Xunta reducirá os aforos da hostalería para controlar a transmisión da covid 19

A Xunta de Galicia está á espera da resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e seguindo o seu criterio, os certificados deixan de ser esixibles para o control da transmisión nos interiores da hostalería e do lecer nocturno en función do nivel do concello.

Na súa ausencia, a Xunta está a preparar unha serie de medidas alternativas para seguir tratando de manter o control da transmisión, que implican unha revisión dos aforos, previamente ampliados grazas ao uso do certificado.

Ditas normas consistirían no axuste de aforo no interior da hostalería do nivel máximo, pasando do 30 % con certificado ao seu peche. No caso do nivel alto pasaría dun aforo do 50 % con certificado ao 30 % sen certificado. No caso do lecer nocturno, o aforo no interior dos niveis medio e medio baixo modificaríanse do 50 % con certificado ao 30 % sen certificado. Estas medidas serán revisadas polo comité clínico na súa reunión do próximo mércores e axustadas, de ser o caso, para optimizar o control da transmisión.

Estas novas medidas entrarían en vigos ás 0.00 horas do martes, no caso de que o TSXG non ratificase o luns as medidas remitidas onte.

Continúa a baixar o número de casos activos por Covid na provincia

O número de casos activos por coronavirus na área sanitaria de Lugo continúa a baixar e xa son 52 persoas menos que onte. O número de novos positivos tamén baixa con respecto a onte que subira lixeiramente e foron 74 os novos contaxiados.

No resto de Galicia tamén descende o número de contaxios, por debaixo do millar, e a presión hospitalaria segundo os datos facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. O número total de casos activos de coronavirus en Galicia é de 14.675 deles 4.459 son da área da Coruña, 1.533 da de Lugo, 964 da de Ourense, 1.640 da de Pontevedra, 3.649 da área de Vigo, 1.485 da de Santiago e 945 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 57 están en UCI, 252 en unidades de hospitalización e 14.366 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 152.637 persoas curadas, rexistrándose 2.512 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.655.616.

Continua a baixar o número de casos de Covid aínda que repunta o número de novos positivos

Os casos activos por coronavirus volven a descender na provincia nas últimas horas e xa son 91 menos que onte; en total na área sanitaria de Lugo hai 1.585 casos activos por Covid. En canto ao número de novos positivos rexistrase un aumento con respecto a días pasados e o Sergas notifica que hai 89 novos infectados.

En Galicia o número de casos activos de coronavirus é de 15.156 deles 4.495 son da área da Coruña, 1.585 da de Lugo, 1.029 da de Ourense, 1.809 da de Pontevedra, 3.715 da área de Vigo, 1.555 da de Santiago e 968 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 55 están en UCI, 269 en unidades de hospitalización e 14.832 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 151.443 persoas curadas, rexistrándose 2.508 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.649.904.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.735.298.

25 persoas denunciadas por incumprir as medidas Covid

No marco dos controis diarios levados a cabo polos axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio, durante o xoves día 12, confeccionáronse 25 denuncias por diversos incumprimentos das medidas de prevención establecidas con motivo do Covid-19, entre eles por non facer uso da máscara obrigatoria sen manter a distancia de seguridade interpersoal; consumir bebidas alcohólicas na vía pública  ou acharse en compañía doutras persoas non conviventes na franxa comprendida entre a 1’00 e as 6’00 horas.

Algunha das intervencións levou a cabo no Parque Rosalía de Castro, o cal se atopa pechado entre as 00’00 e as 6’00 horas, facendo os infractores caso omiso á sinalización que así o indica. Un dos infractores tamén foi trasladado a dependencias policiais, xa que estaba requirido para realizar trámites relacionados con citación por estranxeiría.

Asemade, axentes desta Policía prestaron auxilio a unha persoa que atoparon tendida sobre a beirarrúa da rúa San Roque, cun golpe na cabeza e sangrando por unha cella. O home manifestou non lembrar o sucedido, aínda que se podía marear, xa que se atopaba a tratamento médico con  tranquilizantes. Requiriuse a presenza de servizos sanitarios, que prestaron a oportuna asistencia médica ao lesionado.

Filtros seguridade viaria

No marco dos filtros de seguridade viaria realizados diariamente, os axentes de Policía de Barrio, en colaboración coa Unidade de Atestados, sorprenderon a un condutor que manexaba un turismo polas Gándaras e lanzou un resultado de 0.71 e 0.70 mg/ L nas probas de alcoholemia ás que foi sometido, motivo polo cal se instrúen dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria para xuízo rápido.

Tamén se realizaron probas de alcoholemia ao condutor dun VMP (patinete eléctrico) que circulaba pola rúa San Roque, lanzando resultado positivo de 0.35 e 0.31 mg/ L, motivo polo cal foi denunciado administrativamente.

Finalmente levaron a cabo as probas de drogas a outro condutor que circulaba pola rúa  Virxe dá  Soidade (requirimento de axentes de Policía Nacional), lanzando resultado positivo na inxesta de  THC (cánnabis),  benzodiazepina e  metaanfetamina.

 

O TSXG declara que a obriga de presentar o certificado COVID-19 en locais carece de vixencia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou que a obriga de presentar un certificado COVID-19 para acceder ao interior de establecementos hostaleiros e locais de lecer nocturno carece de vixencia porque non foi autorizada xudicialmente. Os maxistrados explican en dous autos notificados hoxe que a Xunta só enviou ao TSXG para someter a autorización a orde do 21 de xullo, na que se establecían medidas de prevención fronte ao virus, entre elas limitacións nas reunións, pero non a orde do 22 de xullo, que contiña o requirimento de presentar o certificado COVID-19 en establecementos de hostalería e restauración.

“Este anómalo proceder por parte da Xunta induciu a confusión”, indican os maxistrados, que explican que na resolución emitida a semana pasada na que denegaron a medida cautelarísima solicitada pola Asociación de Empresarios Lugo Monumental para que se suspendese, sen escoitar as razóns da Xunta, a obriga de presentar o certificado “non se fixo ningunha mención ás razóns que se expoñen nestes autos ao dar por sentado que as medidas a cuxa suspensión se instaba foran sometidas á previa autorización do TSXG”.

Nese auto, datado o 6 de agosto, os xuíces non avalaron o requirimento imposto polo Goberno galego, senón que, dado que a tramitación das medidas cautelarísimas supón que non se dea traslado do recurso á Xunta, o tribunal acordou, co obxectivo “de non furtar á administración a posibilidade de facer alegacións”, que se continuase a tramitación do procedemento como unha peza ordinaria de medidas cautelares. É dicir, unha vez que o Goberno galego tivese posibilidade de xustificar a adopción da medida fronte ao recurso interposto polos hostaleiros, o TSXG tomaría unha decisión sobre a súa procedencia.

Nos dous autos notificados hoxe, nos que a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo suspende o requirimento de presentar o certificado COVID-19, denega as medidas cautelarísimas para que se anulase esa obriga solicitadas pola Asociación Liberum e por titulares de establecementos de hostalería, restauración e lecer nocturno de Santiago de Compostela, pois a medida á que instan suspender xa carece de vixencia en Galicia ao non ter sido autorizada polo TSXG. Contra os autos non cabe presentar recurso.

Unha muller sufre unha saída de vía con varias voltas de campá en O Vicedo

Unha muller foi auxiliada polos equipos de emerxencia para saír do coche que manexaba e co cal sufriu unha saída de vía, no Vicedo.

Pasadas as doce do mediodía, o 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa particular que informaba dun vehículo que acababa de dar varias voltas de campá na estrada comarcal LU-862, arredor do punto quilométrico 77, en San Román.

Unha vez recollidos os datos, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) alertaron ao persoal sanitario, aos Bombeiros de Viveiro, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil da localidade.

Xa desde o lugar, os Bombeiros confirmáronlle ao 112 que a persoa non estaba atrapada no interior do turismo pero que tiveron que prestarlle axuda para saír do mesmo. Finalmente, a muller foi trasladada polos servizos sanitarios de urxencia.

Un home veciño de Triacastela perde a vida nun accidente en Xinzo

A pasada noite, un home, veciño de Triacastela sufrir un atropelo no concello ourensán de Xinzo.

Os feitos ocorreron no punto quilométrico 198 da estrada N-525 e foi pasadas as 22:30 horas cando unha testemuña contactou co 112 Galicia para notificar o sinistro. Así mesmo, a persoa indicaba que o vehículo implicado continuara a marcha.

De inmediato, os operadores do CIAE-112 Galicia informaron aos servizos sanitarios, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Xinzo e a Protección Civil do municipio.

Unha vez chegados ao punto, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061 só puideron confirmarlle ao 112 o falecemento do peón, polo que nada puideron facer por salvarlle a vida.

Desde o 112 Galicia tamén se lle facilitaron os datos ao Centro de Xestión de Tráfico e ao persoal de mantemento da vía.

Os casos activos por Covid na área sanitaria de Lugo continúan en descenso

Un día máis continúa a baixar o número de casos activos por coronavirus na área sanitaria de Lugo con 82 menos que no día de onte. Nas últimas 24 horas o Sergas notificou 66 novos positivos na provincia, dous menos que os notificados o día anterior e mantense a tendencia a baixa durante toda a semana. O número de hospitalizados tamén disminúe con respecto a días anteriores e son 41 as persoas hospitalizadas na provincia, sete delas en UCI.

En canto a Galicia a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 15.546 deles 4.504 son da área da Coruña, 1.676 da de Lugo, 1.120 da de Ourense, 1.825 da de Pontevedra, 3.810 da área de Vigo, 1.614 da de Santiago e 997 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 51 están en UCI, 266 en unidades de hospitalización e 15.229 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 150.236 persoas curadas, rexistrándose 2.504 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.642.811.

España limita ao norte…

Cando era neno, e o mapa era o único xeito de contemplar España, a imaxe que os rapaces percibíamos era a de que o territorio español comprendía a totalidade da península Ibérica, tendo que ir logo encaixando a realidade de que ao oeste tiñamos ao veciño Portugal, nos Pirineos o Principado de Andorra e -o máis difícil- ao sur, o inglés Peñón de Gibraltar.

España limitaba ao norte co Mar Cantábrico e os Pirineos, que nos separaban de Francia. Agora, non sei, porque se escoitamos as predicións meteorolóxicas das cadeas xeneralistas resulta que en España leva mes e medio reinando un permanente bo tempo con elevadas temperaturas, anunciando como boa noticia cando os rigores climáticos se atenúan.

Despois do comentario xeral, como se non fósemos España, contan que Galicia rexistra unha nubosidade permanente con baixas temperaturas, polo que cando España suspira porque se templen os rigores, na aparentemente non España laiamos polo esquivo sol para que nos quente os ánimos.

Eses mesmos medios lonxanos (canto máis oficiais, peor) adoitan pronunciar os nomes cataláns con todos os “t” precisos mentres teñen tremendas dificultades co “x”, atravesándoselles os nomes en galego, nomeadamente Ourense e Sanxenxo.

Non quero pensar que forme parte dun plan para arredar as nacionalidades periféricas porque con Cataluña e Euskadi hai un trato exquisito, mentres Galicia segue quedando lonxe, climática e lingüisticamente. Pero non temos présa, e sabemos que nalgún momento, mesmo cando outros lugares intenten desmarcarse, eses medios xeneralistas entenderán que este pais, alomenos oficialmente, segue a ser parte de España.

 

A policía investiga presuntos maltratos animais a seis cans

Os axentes de Policía de Barrio finalizaron unha actuación iniciada nos últimos días do mes de xullo, sobre unha situación de presuntos malos tratos animais respecto a seis cans que se achaban nun domicilio de Santa María de Bóveda.

O día 31 de xullo, mediante o Servizo de  Lacería, procedeuse ao traslado á Protectora de Animais dun dos cans, un cruzamento de  mastín, que se atopaba atado, con escasa marxe de movemento e aparente estado de desnutrición; quedando no lugar outros cinco cans máis: un cruzamento de  pitbull con  american  bull, un  pitbull terrier, un cruzamento de  american  bull con  standford e dous  pincher. Despois de realizar todas as investigacións e comprobacións necesarias, tanto no referente á titularidade dos animais, como á súa identificación e estado, os policías confeccionaron as seguintes actas:

4 denuncias por outras tantas infraccións á Lei de Réxime Xurídico de Tenencia de Animais Potencialmente Perigosos, dous delas por non cumprir a obrigación de identificalos debidamente con  microchip, nin inscribilos tanto no Rexistro de Animais de Compañía como nos Animais Potencialmente Perigosos; e outras dúas por non concertar o seu titular o seguro obrigatorio de responsabilidade civil.

 2 denuncias máis por infracción á Lei de Protección e Benestar de Animais de Compañía de Galicia, por non identificar debidamente aos outros dous cans.

O cruzamento de  mastín, inicialmente retirado para asegurar o mantemento da súa saúde, recibiu os coidados debidos nas instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Plantas, informando os servizos veterinarios que, aínda que se atopaba nun estado de delgadez bastante notorio, iso non se podía entender como un estado de desnutrición.

 

Ábrese o procedemento de licitación da pasarela do centro de saúde de San Roque

O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, anunciou a aprobación do inicio do proceso de licitación para construír a pasarela do centro de saúde de San Roque, no barrio de Fontiñas.

“Esta é unha solicitude que a veciñanza da zona levaba moito tempo realizando, e que desde a nosa chegada ao Goberno Municipal tratamos de dar a mellor solución posíbel”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “desde a área de Mobilidade estudamos as distintas alternativas para darlle solución a este obstáculo, especialmente importante na unión do Centro de Saúde coa rúa Primavera e coa rúa Peña Anda”.

Esta nova infraestrutura permitirá, segundo declarou o Tenente de Alcalde, “unir o centro de saúde e as rúas Primavera e Peña Anda cun percorrido practicamente plano”.

A solución plantexada pola área de Mobilidade consiste na creación dunha pasarela que una o comenzo da rampa que da acceso ao centro médico coa parte alta da escalinata Primavera, pasando por riba da entrada do carril do xuizo, segundo o estipulado na normativa vixentes sobre accesibilidade e permitindo o paso de vehículos pola parte inferior. A pasarela terá un gálibo de máis de 4 metros, o que permitirá a circulación de vehículos pola súa parte inferior. A lonxitude total será de 34,68 metros. A actuación sairá a licitación cun orzamento de 238.497,51€ e un prazo de execución de 4 meses.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com