Novas

Ábrese o procedemento de licitación da pasarela do centro de saúde de San Roque

O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, anunciou a aprobación do inicio do proceso de licitación para construír a pasarela do centro de saúde de San Roque, no barrio de Fontiñas.

“Esta é unha solicitude que a veciñanza da zona levaba moito tempo realizando, e que desde a nosa chegada ao Goberno Municipal tratamos de dar a mellor solución posíbel”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “desde a área de Mobilidade estudamos as distintas alternativas para darlle solución a este obstáculo, especialmente importante na unión do Centro de Saúde coa rúa Primavera e coa rúa Peña Anda”.

Esta nova infraestrutura permitirá, segundo declarou o Tenente de Alcalde, “unir o centro de saúde e as rúas Primavera e Peña Anda cun percorrido practicamente plano”.

A solución plantexada pola área de Mobilidade consiste na creación dunha pasarela que una o comenzo da rampa que da acceso ao centro médico coa parte alta da escalinata Primavera, pasando por riba da entrada do carril do xuizo, segundo o estipulado na normativa vixentes sobre accesibilidade e permitindo o paso de vehículos pola parte inferior. A pasarela terá un gálibo de máis de 4 metros, o que permitirá a circulación de vehículos pola súa parte inferior. A lonxitude total será de 34,68 metros. A actuación sairá a licitación cun orzamento de 238.497,51€ e un prazo de execución de 4 meses.

O dispositivo de limpeza integral de barrios desprázase este xoves ao Sagrado Corazón

O plan de concentración de dispositivos municipais para abordar, dunha maneira integral, a limpeza dos barrios, chegará este xoves, día 12, ao barrio do Sagrado Corazón, logo de concluír as tarefas previstas no Castiñeiro, Casás, Abella, A Residencia e As Gándaras.

Deste xeito, nas vindeiras xornadas o operativo integrado polas empresas encargadas do aseo urbano, da conservación das zonas verdes, así como do mantemento das áreas de xogos infantís -apoiadas por brigadas municipais- trasladarase ao barrio do Sagrado Corazón, onde se realizarán traballos de roce de vías e zonas verdes municipais, varrido e baldeo de rúas, limpeza de sumidoiros e illas de reciclaxe de lixo, así como arranxo de papeleiras, bancos e resto de mobiliario urbano.

O obxectivo deste plan, que executa o tenente de alcaldesa e edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, é unificar os esforzos e os recursos municipais por contornas e mellorar, así, o acondicionamento da cidade, sen descoidar o labor ordinario que se leva a cabo diariamente.
Dende o ano 2020 o Concello de Lugo leva tramitados un total de 341 expedientes por acumulación de maleza en predios particulares, instando aos seus propietarios a corrixir esta situación; 12 deles precisamente no barrio do Sagrado Corazón. Tras rematar nesta contorna, os traballos continuarán en Galegos.

Continúa a baixar o número de casos activos por coronavirus na provincia 

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade notificou 68 novos positivos na área sanitaria de Lugo e unha nova baixada no número de casos activos, 76 menos que onte.

O número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 16.106 deles 4.579 son da área da Coruña, 1.758 da de Lugo, 1.176 da de Ourense, 1.907 da de Pontevedra, 3.967 da área de Vigo, 1.710 da de Santiago e 1.009 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 53 están en UCI, 275 en unidades de hospitalización e 15.778 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 148.914 persoas curadas, rexistrándose 2.499 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.635.801.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.685.055.

Drama e comedia, as dúas estreas de Codex Cinema esta semana

Por segunda semana consecutivo en Codex Cinema estrean dúas películas dirixidas por mulleres. Nesta ocasión as novidades serán Charlatán, de Agnieszka Holland, unha das grandes directoras do cinema europeo e unha das grandes retratistas do Holocausto, que volve cun drama íntimo nos tempos do nazismo.

E Damas de ferro, unha comedia disparatada sobre unha viaxe imposible de tres irmás da terceira idade que fuxen da xustiza.

O PP pide limpar os sumidoiros para evitar inundacións no inverno

Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo esixen ao goberno local “que aproveiten que semella que por fin chegou o bo tempo para deseñar e poñer en marcha un plan de limpeza dos sumidoiros da cidade, despois dos problemas que aparecen sistematicamente cada inverno, xa que ao estar tupidos provocan pequenas anegacións ante a imposibilidade de evacuar a auga, como sucede en diferentes puntos da cidade como Fontiñas, Avenida da Coruña, Barrio Feijoo…”

Os populares explican que durante o último inverno recibiron numerosas queixas veciñais acerca de sumidoiros atascados que non desaugaban correctamente a auga da chuvia, polo que se retomaron esas queixas agora para comprobar se o goberno local aproveitaba os meses do verán para limpar os sumidoiros e telos en boas condicións de novo para o inverno. “Lamentablemente vemos como non fan nada por solucionar este tipo de situacións que, aínda que semellen nimiedades, provocan malestar entre a veciñanza”, apuntan.

Para os populares “este plan de limpeza dos sumidoiros debería incluír, tamén, o estudo dos elementos de drenaxe suxerindo que se analice a posibilidade de modificar o tamaño, forma, ou número de unidades xa que hai zonas nas que segundo a pendente que teñan os elementos existentes poden ser pequenos ou insuficientes”.

 

 

Segue a baixada de casos activos por Coronavirus en Lugo

Un día máis volveu baixar a cifra de casos activos por Covid-19 na área sanitaria de Lugo. Onte eran 1914 os casos activos e hoxe 1834, 80 menos. En canto aos novos contaxios a cifra tamén se minora e nas últimas 24 horas foron 73.

No total de Galicia a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 16.471 deles 4.599 son da área da Coruña, 1.234 da de Ourense, 2.029 da de Pontevedra, 4.026 da área de Vigo, 1.753 da de Santiago e 996 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 54 están en UCI, 291 en unidades de hospitalización e 16.126 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 147.832 persoas curadas, rexistrándose 2.494 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.629.587.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.649.477.

Condena a penas de cárcere por traficar con droga e denuncias da Policía Local a condutores

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a penas de entre 21 e 30 meses de prisión a sete acusados de traficar con droga. O tribunal, ademais, impúxolle a un dos investigados seis meses de cárcere por cometer un delito de tenza de armas prohibidas en concurso cun delito de tenza ilícita de armas, coa concorrencia da atenuante de dilacións indebidas e medo insuperable, xa que estaba “medorento por unhas ameazas de morte”. Os maxistrados consideran acreditado que os sospeitosos “se dedicaban habitualmente á venda de haxix e cocaína a terceiras persoas, motivo polo cal se acordou xudicialmente desde outubro de 2013 a intervención sucesiva das súas comunicacións”. Así, entenden que da proba practicada “se desprende unha interrelación entre todos os acusados, sendo entre eles subministradores ou provedores entre si e, sen dúbida, todos eles se dedicaban á venda e distribución de substancias tóxicas, entre elas cocaína”.

Por outra banda, os controis de seguridade viaria levados a cabo durante a fin de semana polos axentes da Unidade de Atestados e da Unidade Territorial de Policía de Barrio, sorprenderon na Praza de Bretaña, a un condutor que manexaba un turismo despois de inxerir drogas, tendo en conta que, tras as probas regulamentarias, lanzou resultado positivo en cannabis e cocaína. Na mesma tarde tamén foron denunciados por positivo en drogas o condutor dun turismo, que  deu positivo, como o anterior, en cannabis e drogas. Un segundo, condutor dun vehículo de mobilidade persoal (patinete eléctrico), deu tamén resultado positivo en cocaína. A denuncia dos dous condutores conleva unha sanción económica e a detracción de seis puntos do permiso de conducir e ao do VMP só a sanción económica.

Asemade na noite de venres ao sábado, un condutor que circulaba co seu vehículo pola rúa Conde, foi sometido a un control de alcoholemia arroxando dito condutor un resultado de 1.16 na primeira proba e 1.18 mg/ na segunda; o que significa case quintuplicar a taxa máxima permitida, motivo polo cal se iniciaron dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria para xuízo rápido.

 

Baixan os novos positivos por covid na área sanitaria de Lugo

A área sanitaria de Lugo rexistrou nas últimas 24 horas unha baixada no número de novos contaxios, 25 menos, con respecto ao día anterior.

Tamén os casos activos reducense e baixan dos dous mil, 1914 casos activos. O Sergas informou que, na última o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 16.824 deles 4.619 son da área da Coruña, 275 da de Ourense, 2.109 da de Pontevedra, 4.098 da área de Vigo, 1.804 da de Santiago e 1.005 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 55 están en UCI, 286 en unidades de hospitalización e 16.483 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 146.699 persoas curadas, rexistrándose 2.493 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.624.160.

Seguen baixando os casos activos por Coranavirus en Lugo

Nas últimas vinte e catro horas volveuse producir unha baixada dos casos activos por Coronavirus na nosa provincia, esta vez a cifra arroxa unha redución de 99 persoas menos  do total das afectadas pola infección en comparanza cos últimos datos. Isto débese a que hai máis altas que novos contaxios, malia  isto os novos contaxios mantéñense como nos derradeiros días.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 17.289 deles 4.571 son da área da Coruña, 2.015 da de Lugo, 1.312 da de Ourense, 2.186 da de Pontevedra, 4.275 da área de Vigo, 1.919 da de Santiago e 1.011 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 55 están en UCI, 261 en unidades de hospitalización e 16.973 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 145.424 persoas curadas, rexistrándose 2.492 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.618.535.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.648.674.

A Xunta licita a explotación as estacións de autobuses de Monforte de Lemos e Sarria

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou a concesión de servizos para a xestión da explotación das estacións de autobuses de Monforte de Lemos, de Sarria que, xunto coa do Barco de Valdeorras, alcanzan un valor estimado de máis de 811.000 euros (sen IVE).

A Plataforma Contratos Públicos de Galicia vén de publicar a licitación deste contrato, ao que as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 8 de setembro.

Unha vez finalizados os contratos de concesión de servizos para a xestión da explotación do servizo público destas tres estacións de autobuses, cómpre licitar un novo contrato de explotación, que terá un prazo de 5 anos.

Estas estacións de autobuses contan con plataformas cubertas para a subida e baixada dos usuarios e zona de espera independente.

O concesionario do servizo de explotación prestará ou facilitará os servizos preparatorios e complementarios do transporte a usuarios e transportistas e proporcionará os servizos de facturación, consigna, venda de billetes e información ao viaxeiro.

O adxudicatario do contrato tamén deberá cumprir coas tarefas de conservación e mantemento das instalacións.

Actuacións de mellora

Cómpre lembrar que a Xunta,  previamente á licitación dos novos contratos de xestión da explotación destas estacións, realizou actuacións de mellora en varias destas terminais.

As actuacións realizadas foron executadas durante os anos 2019 e 2021 no marco das obras de renovación e mellora de cinco estacións de autobuses da provincia de Lugo, nas que se incluíron, ademais da de Burela, a de Ribadeo e a de Viveiro, as terminais de Monforte de Lemos e de Sarria. O investimento autonómico conxunto nestas intervencións acadou os 732.000 euros.

As obras tiñan por obxectivo proporcionarlles aos usuarios do transporte público en autobús unhas instalacións máis cómodas e eficientes e con máis información sobre horarios, servizos e liñas dispoñibles.

As intervencións incluíron reparacións puntuais e melloras nas cubertas das terminais de autobuses, coa renovación de pavimentos, principalmente nas zonas máis deterioradas, como é o caso da zona de circulación de autobuses.

Tamén se incluíron melloras nas instalacións eléctricas e na iluminación, o arranxo de falsos teitos ou dos aseos e a dotación de equipamento, como pantallas de información ou novo mobiliario para facer máis cómoda a espera de viaxeiros.

 

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com