Novas

Medio Ambiente leva este martes ás Gándaras o plan integral de limpeza barrio a barrio

O plan de concentración de dispositivos municipais de limpeza, posto en marcha polo concello, chegará este vindeiro martes, día 20 de xullo, ao barrio das Gándaras, logo de concluír as tarefas previstas no Castiñeiro, Casás, Abella e Residencia.

O obxectivo desta iniciativa, desenvolvida pola área de Medio Ambiente, é unificar os esforzos por contornas e mellorar, así, o acondicionamento da cidade, sen descoidar os labores ordinarios. Para iso, se está a actuar de forma integral en cada barrio cun amplo operativo integrado polas empresas encargadas da limpeza urbana, do mantemento das zonas verdes e de revisión dos parques infantís, contando co apoio das brigadas municipais.

Miguel Fernández, indicou que “este martes o dispositivo se desprazará até as Gándaras para executar a roza de vías e predios municipais, o varrido e baldeo de rúas e bordos, a limpeza dos sumidoiros e das illas de reciclaxe de lixo, así como dos bancos e resto do mobiliario urbano para o que se empregarán máquinas a presión que servirán igualmente para proceder á retirada das pintadas e grafitis na zona”.

O edil de Medio Ambiente sinalou, igualmente, que dos 341 expedientes tramitados polo Concello por acumulación de maleza en predios particulares, 14 deles atópanse neste punto da capital e quixo aproveitar para facer un chamamento á cidadanía en prol da conservación das dotacións públicas. “Empregalas tamén quere dicir respectalas e coidalas, para que perduren no tempo e estean a disposición da veciñanza nunhas condicións que conviden ao seu uso e que permitan exercelo, ademais, de forma segura para todas e todos”, concluíu Miguel Fernández.

 

 

Galicia contará con 1.055 millóns de euros para desenvolvemento rural

Galicia percibirá un total de 1.055,26 millóns de euros recollidos no Plan Estratéxico para a aplicación da nova Política Agraria Común destinados a financiar as intervencións de desenvolvemento rural no territorio no período 2021-2027, segundo ven de declarar o Delegado do Goberno en Galicia.

Miñones sinalou que a nova PAC será “máis xusta, máis social e máis sostible” co obxectivo principal de que os agricultores e gandeiros poidan facer fronte ao desafío do cambio climático e do medio ambiente, mantendo a rendibilidade das súas explotacións nun escenario de certeza ata 2027.

.Para facilitar a substitución xeracional destinaranse máis de 140 millóns de euros anuais, que equivale ao 3% do orzamento das axudas directas (primeiro piar). Delas, polo menos o 2% irá á axuda complementaria á renda para novos agricultores (40 anos ou menos) e o outro 1% procede das medidas de desenvolvemento rural para a instalación de novos agricultores.

A nova PAC terá un marcado enfoque ambiental, xa que máis do 40% do seu orzamento, 47.724 millóns de euros para para o período 2021-2027 no caso de España, destinaranse ao desenvolvemento dunha agricultura e gandería máis respectuosas co clima e o medio ambiente, facendo un uso sostible dos recursos naturais.

Neste punto, os ecoesquemas son unha das grandes novidades desta PAC e implican a realización dunha serie de procedementos voluntarios remunerados que contribúan favorablemente ao clima e ao medio ambiente como, por exemplo, prácticas para aumentar o contido en carbono orgánico dos chans, o mantemento dos pastos ou as rotacións de cultivo con especies mellorantes.

José Miñones destacou, ademais, que “o pago redistributivo contribuirá a lograr unha PAC máis xusta e máis social, beneficiando especialmente ás explotacións medianas e pequenas de España, en xeral, e de Galicia, en particular”.

Así, o delegado do Goberno sinalou que “estamos ante unha nova PAC na que destaca o equilibrio entre a sostibilidade de agricultores e gandeiros e o coidado medioambiental”.

 

A Xustiza recoñece a relación laboral de 105 falsos autónomos de Frigolouro en Lugo

O Xulgado do Social n.º 1 de Lugo acaba de ditar unha sentenza que recoñece a relación laboral de 105 falsos autónomos que prestaban servizos para Frigolouro en Lugo. Segundo CC.OO “trátase dunha nova vitoria dos servizos xurídicos de CCOO, que hai máis de tres anos iniciou unha intensa campaña contra a figura dos falsos autónomos no sector cárnico. Grazas a ela logrouse regularizar a situación de centos de traballadores e traballadoras en todo o Estado, tamén en Galicia”.

“Estes falsos autónomos prestaban o seu servizo como «socios cooperativistas» de Servicarne para a empresa Frigolouro, pero en instalacións adscritas a Novafrigsa. As dúas últimas empresas pertencen ao Grupo Coren, mentres que a primeira perdeu en 2019 a condición de cooperativa grazas á acción sindical e xurídica de CCOO”. Subliñan de a central sindical.

Na demanda aparecen como promotores tanto a Tesouraría da Seguridade Social como a Federación de Industria de CCOO, asistida polo letrado Enrique Lillo, avogado dos servizos xurídicos confederais desta organización.

Ao longo de 45 páxinas, a sentenza baséase no labor sindical e xurídico realizado por CCOO nos últimos anos e declara probada a relación laboral entre os falsos autónomos e o Grupo Coren. De feito, a propia Coren xa os asumiu no seu cadro de persoal no 2019.

Fraude millonaria

A sentenza abre a porta a unha reclamación económica contra Servicarne e Coren polas cotas de autónomos indebidamente pagadas nos últimos catro anos, así como polas cotizacións que deixou de percibir a Seguridade Social —motivo este polo que a Tesouraría Xeral foi parte demandante.

Segundo CCOO-Industria, “a fraude polo uso dos falsos autónomos no sector cárnico é «millonaria». No caso que ocupa esta sentenza, só as cotas de autónomos que as empresas deberían devolver aos 105 ex cooperativistas «poderían supoñer millón de medio de euros», e bastante máis as cotizacións que haberá que aboar á Seguridade Social, «que se incrementarán cun recargo do 20 %», apuntan desde o sindicato”.

Estender os efectos ao Porriño

A sección sindical de CCOO en Frigolouro no Porriño (Pontevedra) piden tamén que se faga xustiza coas súas reivindicacións, moi similares ás que motivaron a denuncia de Lugo. Lembran que se trata «do mesmo modo de traballo, a mesma cooperativa, os mesmos procedementos e incluso o mesmo director de recursos humanos, que tivo que prestar declaración no xuízo de Lugo».

Anulada polos tribunais a licitación do servizo de axuda no fogar de Castroverde

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia anula a licitación do servizo de axuda no fogar de Castroverde. Así se especifica na resolución emitida por este órgano e que obriga ao Concello a iniciar de novo o procedemento de contratación.

Concretamente, esta resolución prodúcese logo do recurso interposto pola empresa Protección Geriátrica 2005 S.L contra a adxudicación da contratación do servizo de atención a domicilio. Detállase na mesma que se estima dito recurso, así como o seu carácter definitivo na vía administrativa, polo que contra ela só cabe apelar á Sala do contencioso-administrativo do Tribuna Superior de Xustiza de Galicia.

.Advertencias do PP

A oposición liderada polo PP  nunha nota de prensa  denunciaba que “o servizo de axuda no fogar en Castroverde non é a primeira vez que se ve inmersa en problemas de continuidade. En maio, o voceiro pedíalle ao alcalde que garantise o servizo de axuda a domicilio para que este se desenvolvese con todas as garantías que esixe este tipo de asistencia tan necesaria para as persoas maiores ou que contan como mobilidade reducida. O popular dirixíase así ao rexedor socialista, unha vez coñecido que a empresa adxudicataria remata o contrato o 31 de xullo e as traballadoras, que presentan irregularidades nos seus pagos, seguen descoñecendo que vai pasar co seu futuro, pois incluso poden verse afectadas por ERE”.

Foto de arquivo do Alcalde de Castroverde  e Presidente da Deputación.

 

Lugo estrea skatepark para a práctica de modalidades urbanas

O Concello de Lugo amplía as súas instalacións deportivas coa apertura esta tarde dun skatepark que permitirá a práctica dos deportes urbanos de acción máis demandados, especialmente pola xente máis nova, e que está ubicado entre a rúa Veiga Grande e a avenida Fabio Paulo Máximo, ao carón entre outras dependencias deportivas municipais.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do concelleiro de Deportes, Mauricio Repetto, procedeu a apertura desta área, “que integra diversos elementos que permitirán o seu uso tanto para debutantes como para usuarios avanzados xa que dispón de distintas superficies, plataformas e liñas de fluidez”. “Pensamos especialmente na mocidade, aínda que sabemos que estes deportes non teñen idade, porque non só é unha forma de manterse en forma, senón unha boa maneira de canalizar as enerxías de xeito saudable”, sostivo.

“O noso obxectivo foi dinamizar este espazo público para usuarios de deportes urbanos como o skateboard, o roller ou o BMX, dotando á cidade dunha instalación de primeira orde para a súa práctica divertida, pero tamén segura e responsable”, sostivo Lara Méndez.

Para animar a apertura, a área de Deportes programou unha sesión de baile da Escola de Danza Gravity e de música, amenizada por Salvador Ruído e os seus conectores, tres Dj locais. As piruetas nas novas instalacións fixéronse así ao son de música experimental así como de jazz, funk, punk rock e hip hop.

A Xunta contribúe coa quinta edición do 17º Ribeira Sacra Festival a través de fest Galicia e o Xacobeo

O 17º Ribeira Sacra Festival presentou hoxe en Santiago de Compostela a programación da súa quinta edición, que arranca mañá venres cun concerto sorpresa a bordo do catamarán Ponte do Sil. O evento, que se celebrará durante toda a fin de semana en diferentes localizacións da Ribeira Sacra, volve contar co apoio da Xunta de Galicia para o desenvolvemento dunha ampla oferta que conxuga os concertos con propostas gastronómicas e actividades relacionadas co seu contorno natural e patrimonial.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou no acto celebrado esta mañá na Tafona, restaurante compostelán cunha Estrela Michelin. Nel tamén interveu a súa chef, Lucía Freitas, encargada da proposta gastronómica do encontro, así como Carlos A. Montilla, director do festival, e representantes do diferentes concellos e marcas patrocinadoras.

Calidade e sustentabilidade
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade subliñou a singularidade da proposta do Ribeira Sacra Festival, ademais do espectacular enclave no que se leva a cabo, na liña dos principios que promove FEST Galicia, a marca creada pola Xunta para a promoción de Galicia como destino musical baixo criterios de calidade e sustentabilidade social e medioambiental.

Esta iniciativa é unha das dúas principais vías de apoio do Goberno galego aos festivais profesionais de música, para os que se conta cun orzamento de 840.000 euros en 2021. De feito, FEST Galicia reforzouse cun investimento de 500.000 euros, un 25% máis que en 2020. Este ano retomouse, ademais, a convocatoria específica de subvencións a festivais de música, suspendida ante a imposibilidade de levar a cabo os eventos nos seus formatos habituais. Esta liña de axudas, actualmente en proceso de tramitación, distribuirá outros 340.000 euros entre os encontros beneficiarios.

Como festival adherido a FEST Galicia, o Ribeira Sacra conta co patrocinio da Xunta para o escenario Xacobeo 21-22, que se instalará nas Bodegas Regina Viarum de Sober e acollerá as actuacións de Silvana Estrada, Depedro e Ángel Carmona DJ mañá venres e de The Excitements, The Gift e Bronquio o sábado, ademais da Zona Gastro e actividades como unha cata a cegas. O evento conta tamén co apoio de Galicia Calidade na organización do showcooking que terá lugar o domingo.

O PP reúnese cos hostaleiros afectados polos botellóns na zona de viños do casco histórico

O Grupo Popular súmanse á preocupación dos negocios que hai no casco histórico de Lugo logo dos altercados e das concentracións de persoas celebrando botellóns que se repiten nas últimas semanas reclamando “a Méndez e Arroxo que tomen as decisións que están na súa man para garantir a seguridade e para salvagardar a imaxe de Lugo”.

O voceiro do PP explicó que é preciso poñer en práctica un Plan Antibotellón Municipal para dar unha solución inmediata a problemática
que se está a vivir. Ramón Carballo avanzaba estas propostas nun momento onde o centro de Lugo vive unha colección de altercados “o que
está xerando unha sensación de inseguridade entre a poboación en xeral”.

A primeira medida proposta polos populares é conseguir unha coordinación exquisita das forzas e corpos de segurida de de diferentes administración e, por iso, solicitamos hai unha semana que se reúna a xunta local de seguridade. De momento a alcaldesa non respondeu a esta petición que o único que supón é facer un mínimo oco na súa axenda “mágoa que postpoña a seguridade polas fotos de actos propagandisticos”.

A segunda medida pasaría pola instalación de cámaras de videovixilancia na zona centro de Lugo así como noutros puntos onde se estime oportuno co ánimo de “maximizar a prevención, mellorar a seguridade das persoas e minimizar as consecuencias das agresións ao patrimonio”.

O popular cre que, cun sistema de videovixilancia, se proporcionaría máis seguridade ao entorno do recinto amurallado e isto beneficiaría ao pequeño comercio que, nestes tempos, está asfixiado pola situación sanitaria que vivimos matizando que “para o comercio local a confianza é o factor fundamental da súa existencia e para iso é necesario un entorno seguro”.

Carballo puntualizaba que as novas tecnoloxías son unha ferramenta moi importante para garantir a seguridade nunca dobre vertente, por un lado na vertente disuasoria e, por outro, como axuda para poder esclarecer a posteri aqueles delitos que se cometan e que sin a presenza de cámaras quedarían impunes dado que non se podería acreditar a súa autoría.

A terceira medida é unha vella demanda do Partido Popular e trátase de redactar unha normativa que regule, entre outras cuestións, o botellón. A ordenanza de convivencia debe ser un documento “razonable e consensuado cos grupos políticos e coa sociedade” remarcou Carballo.

“O que non é de recibo é que a alcaldesa, que respaldou impulsar este documento, agora, esté atada ao ultimátum que lle deu o BNG baixo a
ameaza de non apoiala políticamente. “Vende a seguridade dos cidadáns e o seu benestar por un puñado de votos”, lamentou.

Benestar fomenta o apego polo rural coas Aulas Abertas nas parroquias onde este verán conviven preto dun cento de crianzas

Recuperar as antigas escolas unitarias e os centros de convivencia das parroquias e enchelas novamente de vida, poñéndoas ao servizo das e dos residentes nos núcleos.

Pero tamén facilitar a conciliación familiar e ser unha opción segura nun momento complexo no que a incertidume sobre a evolución da pandemia coarta a escolla das nais e pais á hora de buscar un entretemento e ocupación para os máis pequenos da casa nas súas vacacións.

Estes son os dous obxectivos fundamentais das Aulas Abertas. A iniciativa coa que o Executivo de Lara Méndez, dende a área de Benestar, pretende fomentar o apego polo rural e o arraigamento nos núcleos sendo a querenza pola orixe un factor clave que propicie o asentamento de poboación.

“Agora que o proceso de vacinación está moi avanzado, que se acadaron certas cotas de contención da covid e que se permite a reapertura dos centros de convivencia pensamos en empregalos para obter unha dobre finalidade. Primeiramente dar un servizo moi estimado á cidadanía, que é o de poder compaxinar as obrigas laborais co tempo de lecer que os nenos e nenas teñen nesta época, aportando unha alternativa segura de entretemento que favoreza a socialización entre iguais e nunha contorna protexida. Mais tamén aproveitar estas xornadas para a aprendizaxe, a promoción de valores de coidado á natureza e de sentimento de pertenza a un lugar que, co paso dos anos, será unha fonte de bos recordos e fermosas vivencias. Esto sen esquecer que a utilización das instalacións posibilita tamén unha mellor conservación das mesmas, adquirindo un protagonismo para a veciñanza que incita ao coidado colectivo”, sinalou a concelleira.

Olga López Racamonde, que esta mañá visitou algunhas destas antigas escolas unitarias para comprobar in situ o funcionamento das Aulas Abertas, indicou alén que, en total, máis de medio milleiro de familias lucenses solicitaron este servizo, que se presta, así mesmo, nos centros socioculturais da capital, “incrementando a oferta pública de dinamización infantil no municipio, tan necesaria nun período prolongado de lecer como son os meses estivais” e recordou que a concellería de Benestar, Inclusión e Maiores promove tamén outras actividades para a terceira idade en prol do coidado da saúde e para evitar o seu illamento social.

“Forma parte da estratexia 8 – 80… Un dos principais eixos das nosas políticas sociais: velar pola calidade de vida de toda a poboación, en todas as franxas de idade pero especialmente polos máis febles ou vulnerables da cadea como son os menores e maiores de 65 anos”, sostivo Racamonde.

A edil afirmou que, nestes momentos, preto dun milleiro de persoas participan xa no programa Lugo Móvese cos Maiores. Unha proposta que combina accións de exercicio físico, para traballar que non perdan axilidade, con outras de tipo cultural como son os roteiros guiados e coas que se fai fincapé na necesidade, logo deste último ano tan duro de reclusión, de saír e compartir experiencias con outros coetáneos, de trabar amizade, de ter gañas e interese por facer plans e de non perder esa motivación que resulta un motor fundamental para combater a exclusión, outra das nosas prioridades de actuación”, concluíu Olga López que quixo aproveitar tamén para convidar á cidadanía a interesarse por esta programación que continuará operativa durante todo o verán.

O PP agradece a celeridade de Vías e Obras para reparar a estrada danada e insiste na creación dun plan de estradas

O grupo provincial do PP visitou esta mañá o tramo da LU-P- 4902 que, no día de onte, amencía con considerables danos na calzada. O portavoz, Javier Castiñeira, expresou o agradecemento dos populares pola “axilidade do servizo de Vías e Obras para reparar o tramo desta estrada, que no día de onte foi danada, non sabemos se foi por causas accidentais ou algo provocado; dende logo, se é algo provocado, a máxima repulsa do grupo provincial do Partido Popular”.

Castiñeira espera que, unha vez en marcha a reparación no punto no que se produciron os danos, continúe ata completar todo o tramo en mal estado da citada vía. Os populares demandan novamente ao goberno provincial o deseño e execución dun plan de estradas, para o que se ofrecen a colaborar.

Javier Castiñeira sinala: “No PP levamos meses denunciando o malestar de moitas asociacións de veciños, de alcaldes e concelleiros polo deficiente estado das estradas provinciais, pero a forma de expresar a protesta debe ser, como fai o PP, nos plenos da Deputación e nos medios de comunicación, sempre tratando de ir en positivo”.

Unha vez máis, os populares piden “ao goberno da Deputación que faga un plan de estradas”. Castiñeira di: “Así o solicitamos hai meses e foi rexeitado polos votos en contra do PSOE e do BNG. Agora o equipo de goberno debe cambiar o chip, porque non podemos seguir coas estradas provinciais nas malas condicións nas que se atopan moitas delas; ten que ser un plan ambicioso, a longo prazo e co obxectivo de conseguir o arranxo o antes posibles das calzadas en mal estado”.

Castiñeira declara: “Pedimos que o presidente da Deputación adopte a decisión de cambiar ao delegado de Vías e Obras, que é o propio señor Tomé; necesítase un delegado a tempo completo, serio e formal, que tome isto como piden os veciños e que trate de ter as vías en bo estado e para iso moi necesario establecer un plan. O PP vai estar disposto, dende o primeiro momento, a reunirse co goberno e buscar cal é cantidade necesaria e a mellor forma de poder deseñalo e executalo canto antes”.

Vilalba saca a licitación as obras de renovación da estrada 065-001, entre o colexio de Román e a LU-P-6504

O Concello de Vilalba sacou a licitación esta semana as obras de rexeneración e sinalización da vía de titularidade municipal 065_001, no tramo que comunica o colexio de Román coa estrada provincial LU-P-6504, situada entre as parroquias de Román e Árbol. Os traballos contan cun orzamento de 122.000 euros.

A estrada municipal obxecto da actuación parte dende o núcleo urbán de Vilalba e discorre en dirección Oeste-Este, atravesando as parroquias de Sancovade, Goiriz, Román e Árbol ata rematar na vía de titularidade provincial LU-P-6504.

O seu trazado completo supera os 11 quilómetros de lonxitude, enlazando diversos núcleos de poboación das parroquias polas que discorre e facilitando a circulación dos veciños en dirección a Vilalba, o que a converte nunha das principais estradas locais de todo o municipio.

A superficie de rodadura do vial atópase pavimentada con firme aglomerado dende o punto de comezo, no núcleo urbán de Vilalba, ata o entronque coa vía 065_005, en Seivane, xunto á zona de acceso ó CEIP Terra Chá, na parroquia de Román. É unha pavimentación recente, polo bo estado do firme de rodadura en toda a superficie deste tramo.

Dende ese punto e ata o entronque coa vía provincial LU-P-6504 a pavimentación actual mostra sinais evidentes de desgaste. Este deterioro é debido ó paso do tempo, ás condicións meteorológicas da zona e ó intenso uso ó que se ve sometido pola gran densidade de tráfico lixeiro e pesado que soporta.

Para a mellora e mantemento deste tramo proponse con esta nova licitación a limpeza de noiros, regularización da superficie e a execución dunha nova capa de firme de rodadura a base de aglomerado en quente de cinco centímetros de espesor. Tamén se deberá proceder á súa sinalización horizontal e vertical.

“A execución desta obra rematará a mellora dunha das principais vías de titularidade municipal de todo o Concello de Vilalba”, explica o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com