Novas

Buscan ao autor dun incendio intencionado no Carqueixo

A Policía Local de Lugo e a Policía Nacional investigan un lume intencionado de neumáticos rexistrado na tarde de onte no poboado do Carqueixo, en Lugo. Segundo relatan dende o corpo local, en torno ás 4 da tarde de onte patrullas da unidade territorial da policía de barrio foron enviadas ao poboado por un incendio.

Unha vez alí, os axentes puideron comprobar como varios neumáticos incendiáranse intencionadamente para, posteriormente, recuperar os discos e proceder á súa venda.Dende o corpo policial mandaron aviso aos Bombeiros que procederon á extinción do incendio. Ademáis, Urbaser procedeu á retirada dos neumáticos máis próximos á estrada de Bóveda, pola súa alta facilidade de combustión e contaminación ambiental.

Por parte dos efectivos policiais, tanto Nacional como Local, realizan investigacións para proceder á identificación do presunto autor ou autores destes feitos.

O Goberno da Deputación lamenta que o PP non condene o acto delictivo que destrozou unha estrada

Máis de 24 horas despois de ter coñecemento do destrozo intencionado da estrada provincial de Alto do Valiño por Vilaxuste a Valdeporrás, en Portomarín, o Grupo Provincial do Partido Popular garda silencio. A voceira socialista do Goberno da Deputación, Pilar García Porto, lamenta que, “diante dun feito tan grave que danou un ben público e que puxo en perigo ás persoas, o PP, que parece que tanto se preocupa polo estado das vías provinciais, non condene taxantemente este acto delictivo”.

A voceira recalcou que “calquera formación política democrática, que defende e que participa nun Estado de Dereito ten que condenar estes feitos. Pero como tantas veces, xa vemos que a defensa dos valores sociais e da democracia que fai o PP e tan só de boquilla, un paripé”.

Os socialistas lucenses lembran que a páxina web oficial do PP non tiña ningunha mención ó sucedido nin o mércores nin tampouco durante a mañá deste xoves, e que non se produciu ningún tipo de comunicado de condena. “Non quero pensar que a mensaxe implícita que manda o PP é que o vandalismo non fai falta condenalo se serve aos intereses políticos propios”, dixo García Porto, nin tampouco que “este silencio atronador” xustifique as “a algún dos seus representantes políticos na zona, que xa é casualidade que tiveran dende primeira hora da mañá de onte un equipo da televisión pública galega á súa disposición e que, en vez de condenar os feitos, mostrou a súa comprensión e mesmo se xactaba de que a Deputación tería que plantar algo nesa estrada, algo que demostra unha gravísima  irresponsabilidade. Que dirían se fose ó revés?”.

Para García Porto, “o PP da provincia de Lugo debería reflexionar e pensar se quere propoñer como liña de acción institucional o matonismo político. Isto é, cando eu considero que algo se retrasa ou non se fai como eu quero, está ben meter un tractor, un arado, e romper todo, así hai que amañalo. Se isto é o que propón o Partido Popular, deberían pensar que, con ese sen sentido, e ante o dilatado mapa de incumprimentos e atrasos da Xunta, Galicia ía ser unha escombreira en poucas semanas”.

A voceira socialista lembrou que a Deputación presentou unha denuncia ante os feitos e que esixirá responsabilidades civís e penais por uns destrozos “que custan 90.000 euros, que non son da Deputación, senón que son de todos os veciños e veciñas da provincia”. Neste sentido, avanzou que, tras botarse zahorra, os vehículos poderán transitar pola estrada de xeito provisional ata que non se completen as obras necesarias.

Xornada negra no que a Covid19 se refire con 105 positivos detectados, aumento de casos e da presión asistencial

A covid non da respiro. Unha xornada máis a provincia arroxa un dos seus peores resultados, cifras que nos transportan directamente ao pasado mes de xaneiro, en plena terceira vaga do virus. E é que nun só día os sanitarios detectaron na provincia 105 positivos novos, o que unido ás escasas altas médicas, elevan a cifra de casos activos ata os 631.

Con esta suba, comezan a rexistrarse novos ingresos, dous nas últimas horas. Así, segundo indica o SERGAS nos datos recabados ata as 6 da tarde de onte, son 3 pacientes covid ingresados en plantas de hospitalización, 2 no Hula e 1 no Hospital da Costa; e na UCI do Lucus Augusti, ingresa un novo paciente, polo que son 2 xa os ingresados en críticos do hospital lucense. 

Como diciamos, as altas son moi escasas e é que na última xornada tan só 12 pacientes recibiron a alta médica na provincia. En total, dende o inicio da pandemia, 13.016 persoas poden dicir que superaron a infección. 

Doutra banda, e malia estas malas cifras, Galicia continúa avanzando na vacinación. Nas últimas semanas, centrada especialmente nas persoas entre 30 e 39 anos de idade. En total, superan o 48% dos chamados a inmunizar desta franxa de idade con a lo menos unha dose. Segundo os datos actualizados esta mañá pola Consellería de Sanidade con rexistros ata o peche da xornada de onte, adeministráronse xa na Comunidade, preto de 3,2 millóns de doses. 

No tocante ás persoas con pauta completa, son xa o 62,91 por cento da poboación galega a inmunizar, mentres que o 72,99% xa conta con a lo menos unha dose dalgunha das vacinas.

Teatro infantil no Incio, co programa de teatro profesional ‘Aparte’

A compañía Ubú Teatro representará este sábado no Incio a obra O vixiante dos soños, un espectáculo con monicreques pensado para nenas e nenos con guión de Ana Carreira e dirección de José Campanari.

A propia Ana Carreira e Marga Portomeñe manexan as personaxes que dan vida a esta historia con monicroques: Sonólicus quere chegar á lúa desde pequeno. Busca no reflexo das pozas e dos espellos, sube ás caixas amoreadas e aos tellados, e tantos esforzos fai por conseguilo e tanto estira os brazos cara á lúa, que lle medran ata a deformidade.

O seu empeño semella unha fantasía infantil da que a nai é testemuño. Unha noite acaba de medrar e, non só acada o seu obxectivo de acompañar á lúa, senón que se converte para sempre no vixiante do sono e dos soños infantís.

A actuación será ás 19:00 horas na Sala de Usos Múltiples da Cruz do Incio. Organizada coa colaboración do Concello do Incio,  forma parte do circuíto de teatro profesional Aparte, promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo co que, desde este mes de xullo, dez compañías xiran polos concellos con montaxes para distintos públicos.

O Concello comunica aos músicos da Banda Municipal a solución á súa situación laboral

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de manter esta mañá un encontro cos músicos da Banda para comunicarlles que o procedemento xudicial que afectaba á súa situación laboral concluíu definitivamente e que a sentenza se dá, xa, por executada.

A rexedora, que acudiu á reunión acompañada pola concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, trasladoulles que, dende o primeiro momento, “a vontade do Goberno local foi rematar coa incertidume que existía sobre os seus postos de traballo, para mantelos e, se era posible, melloralos”.

“Cumprindo e acatando sempre as obrigas legais – sinalou Lara Méndez – tratamos de artellar todos aqueles mecanismos que permitiran a simultaneidade das súas funcións como docentes e músicos, co obxectivo claro de evitar o peche da Escola Municipal de Música e os prexuízos que ocasionaría á cidadanía e, en particular, aos máis de mil alumnos que son usuarios do centro na actualidade”.

Méndez admitiu que “tratar de conciliar todos estes aspectos demorou máis do desexado o procedemento” e indicou que, segundo os criterios técnicos, a solución máis garantista pasaba por vencellar a regularización e consolidación deste perosal coa aprobación dun plan de ordenación de recursos humanos.

A alcaldesa referiu que na actual Relación de Postos de Traballo, que entrou en vigor o ano pasado, figuran 20 prazas de músicos a tempo completo, que ademais das funcións ligadas estritamente á interpretación na Banda de Música asumen, tal e como se prevé no manual de funcións aprobado, as de mestres na Escola Municipal de Música.

A responsable da área de Recursos Humanos, Paula Alvarellos, explicou que esa nova ordenación do persoal operou, por tanto, unha modificación dos postos de traballo. “Por unha banda – dixo – permitiu suprimir catro prazas que se atopaban vacantes e, ao mesmo tempo, incluír as funcións docentes e/ou de apoio docente na Escola Municipal de Música, sen que, nesta ocasión, se teña producido ningunha impugnación ao respecto, senón que obtivo os preceptivos informes favorables durante a súa tramitación administrativa”.

“Unha reorganización que tiña dúas finalidades moi claras. A primeira, incrementar a tempo completo a xornada laboral dos músicos e unha segunda baseada no feito de que é, precisamente, sobre o persoal adscrito á Banda de Música onde se sostén a aposta deste Goberno por unha Escola Municipal de Música, que tan estimado servizo leva dando dende o ano 2012 á veciñanza lucense”, sostivo a edil de Gobernanza que concluíu ratificando, pois, que “a situación dos empregados públicos con praza de músicos no Concello de Lugo pode entenderse na actualidade regularizada”.

Vilalba subvenciona a compra dunha furgoneta para o centro ocupacional dentro de ‘Transporte para a integración’

O Concello de Vilalba concedeu unha subvención de 25.700 euros á ‘Fundación para a Protección de Persoas con Discapacidade Psíquica Vilalba Terra Chá’, unha achega destinada a desenvolver o proxecto ‘Transporte para a integración’ no Centro Ocupacional de Vilalba.

A principal actuación no marco deste proxecto foi a adquisición dun vehículo de oito prazas, que permitirá dar servizo de transporte aos usuarios e usuarias do centro.

A compra desta furgoneta grazas á subvención do concello suporá á Fundación un aforro estimado de 21.000 euros anuais e ademais propiciará a creación dun posto de traballo.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, acompañada das concelleiras de Servizos Sociais, Marta Rouco, e de Educación, Antía Rama, visitaron o Centro Ocupacional de Vilalba, que fai un traballo moi importante para integrar e apoiar ás persoas usuarias e as súas familias.

“Garantir o correcto funcionamento das entidades sociais de Vilalba é un dos nosos principais compromisos como goberno local; o labor que realizan é esencial para protexer tanto ás persoas con algún tipo de discapacidade, como para axudar ás súas familias”, asegura Marta Rouco, concelleira de Servizos Sociais.

Lugo amosa aos peregrinos os 100 km que lles restan para chegar a Compostela

Ediles do Concello de Lugo visitaron hoxe a praza do Camiño Primitivo onde se veñen de colocar as letras LugoKm100, unha acción que segundo o Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, “mellorará a imaxe do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo, e servirá como elemento de promoción turística de Lugo a nivel internacional”.

“Queremos que Lugo se asocie tamén ao Camiño, dunha maneira similar a como se identifica Lugo coa Muralla”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “as letras de LugoKm100 elaboráronse para converterse nun atractivo turístico que sirva para promocionar Lugo e o Camiño Primitivo nas redes sociais das persoas que se acheguen á cidade, e ao mesmo tempo dar contido á praza do Camiño Primitivo, que ata o de agora estaba baleira”.

O Tenente de Alcalde explicou que “escollemos esta ubicación xa que na praza do Camiño Primitivo, a distancia entre Lugo e Compostela é de 100 Km“, e engadiu “esta é unha das accións coas que desde o Goberno de Lugo contribuimos á celebración do Xacobeo 2021”.

 

As letras na súa parte máis alta superan os 2 metros de altura, e contan con acabados en aceiro corten, que permitirá que o aspecto da escultura evolucione co paso do tempo. Foron colocadas sobre unha estrutura granítica para adaptalas á estética da praza do Camiño Primitivo.

 

Os dous primeiros peregrinos que chegaron hoxe durante a colocación das letras sumáronse á promoción de Lugo, realizando as primeiras fotos do Lugo Km 100.

Óscar Poy: “A Deputación aínda non pagou as axudas do 2020 a algúns clubs deportivos”

A que vén de rematar foi unha gran tempada para os equipos deportivos da provincia de Lugo, que acadaron notables éxitos. Os populares na Deputación denunciaron hoxe que estes magníficos resultados logrados nos terreos de xogo non se corresponden, nin son merecentes da “falta de eficacia” da Deputación provincial á hora de aportar as axudas económicas ás entidades deportivas, de maneira que aínda non ingresaron as cantidades correspondentes ao 2020.

O deputado provincial Óscar Poy afea ao delegado de Deportes, Efrén Castro, a falta de xestión eficaz do seu departamento, que fai que algúns clubs teñan que sufrir os inconvenientes de no recibir con puntualidade os importes das subvencións.

Poy sinala: “A delegación de Deportes da Deputación non é, no conxunto do goberno provincial, unha excepción en canto ao déficit de xestión, pero a súa pouca dilixencia na tramitación dos asuntos crea notables problemas aos clubs. Iso si, o señor Castro non perde ocasión de saír na foto xunto aos deportistas, pero, realmente, son os prexudicados pola mala xestión da Deputación”.

O mesmo deputado popular: “O problema do retraso nas abonos das aportacións da Deputación ao clubs é xeneralizado. O mesmo dá que se trata da Copa Deputación de fútbol, da que os equipos aínda non recibiron as aportacións do 2020, ou das subvencións, polas que algúns seguen esperando”.

Óscar Poy manifesta: “O señor Efrén Castro ten que cambiar o paso na delegación de Deportes, moi especialmente no que atinxe ás aportacións aos clubs. Se hai aspectos da tramitación burocrática que enlentecen ou provocan retrasos, haberá que buscar a maneira de solucionar o problema; igual todo se reduce a convocar as axudas antes do que se vén facendo habitualmente. Sexa como sexa, despois dunha tempada con tantos éxitos para o deporte da provincia, aínda é moito máis chamativa a ineficacia do goberno provincial en relación co pago das axudas aos clubs. É intolerable e hai que cambiar esta situación canto antes”.

O ritmo de contaxios volve subir na provincia superándose os 500 casos activos

539 casos activos. Unha cifra que non se acadaba na provincia dende o pasado mes de febreiro e que supón un grave retroceso na situación epidemiolóxica. Así o informou o SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde de onte e que notificaba un novo gran aumento dos positivos. 

Se o luns este baremo mantíñase en cifras semellantes ás do domingo, con 37 positivos detectados, hoxe eses valores multiplícanse case por dous chegando aos 59 positivos detectados en probas diagnósticas. Haberá que ver se esta suba se consolida ou non no tempo para falar dun novo paso atrás na situación da covid na provincia. 

En canto á presión asistencial, hoxe experimentase unha importante melloría e é que redúcense á metade o número de persoas ingresadas con covid. Así, fronte ás 6 persoas que se rexistraban na xornada anterior, nos datos de onte o SERGAS cifraba en 3 as persoas que se recuperan da covid nos centros hospitalarios. Neste caso, 2 persoas atópanse en planta de hospitalización do HULA mentres que outra se recupera na UCI. Con esto, o Hospital da Costa, que ata hoxe contaba cun paciente covid ingresado en planta, queda libre de casos.

Ante esta suba a Xunta impón novas medidas restritivas para tratar de frear esta quinta vaga, que está a afectar, sobre todo, á mocidade. Así, trala reunión onte do Comité Clínico a Xunta decida dar un paso atrás na desescalada e os grupos nas terrazas volverán a estar limitados a dez persoas, unha obriga para a hostalería que tamén é unha recomendación no ámbito privado. No tocante ao ocio nocturno, todas as persoas que desexen acceder a un local deste tipo, sexa cal sexa o nivel de limitacións do seu concello, terán que presentar unha PCR negativa ou un certificado de vacinación. Esta última medida non será obrigatoria ata o vindeiro martes, polo que esta fin de semana só se pedirá en aqueles concellos en nivel medio.  

Asemade, o Comité Clínico decidiu que Sarria continúe no nivel medio de restricións. O resto da provincia, polo momento seguirá no nivel máis baixo de limitacións.

O PP propón montar casas de coworking rural en escolas abandonadas para fixar poboación

O Partido Popular propón dárlle unha segunda oportunidade ás Escolas da zona rural do municipio e, a maiores de reclamar que se reabran os sete Centros de Dinamización e que se doten con sistemas informáticos preparados para videoconferencias ou webinars, e propón crear casas de coworking en escolas abandonadas como é o caso da de Cabanas”. “Con este tipo de iniciativas pretendemos apoiar a emprendedores e teletraballadores e así fixar poboación” puntualizaba o edil do PP Manuel López.

Os populares tamén “queren que os 7 Centros de Dinamización se doten de ordenadores preparados para o uso destes novos sistemas” polo que solicitan “que se poñan novos equipos ou que se actualicen os que haxa”. O concelleiro popular Manuel López presentaba esta proposta logo de comprobar como nalgúns destes centros “hai equipos aparcados e aos que non se lles fai mantemento, como mínimo dende que pecharon as escolas da zona rural”. Tamén explicaba que “neste momento o goberno local está pagando mensualmente por manter a conexión ADSL no 60% das escolas rurais do municipio” lamentando unha vez máis “o descontrol de PSOE e BNG cos cartos públicos”.

Manuel López afirma que a situación do exterior e do interior destes edificios reflicte o pasotismo do bigoberno e a política discriminatoria cara aos veciños e veciñas do rural. Por este motivo, os populares anuncian que pedirán explicacións en Comisión sobre “o número de equipos informáticos que hai e a situación na que están os dispositivos das escolas rurais e tamén quere que cuantifiquen cando nos custa manter o ADSL das escolas que teñen wifi e que se detalle en cales hai este servizo”. “É un despropósito que estén pagando por un servizo de wifi para que logo ninguén o poda utilizar” reflexionaba o popular.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com