Novas

Continúa a subir o número de positivos por Covid na área sanitaria de Lugo

Un día máis xube o número de positivos por coronavirus na área sanitaria de Lugo, con 46 novos infectados que elevan a cifra de casos activos na provincia a 447, dos que oito están hospitalizados, tres deles en coidados intensivos.

Segundo os datos facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, nas últimas horas, o total de novos positivos en Galicia redúcese un pouco respecto a onte, pero sube a presión hospitalaria con oito máis que onte. O total de casos activos é de 4.561 deles 883 son da área da Coruña, 447 da de Lugo, 823 da de Ourense, 786 da de Pontevedra, 960 da área de Vigo, 484 da de Santiago e 178 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 11 están en UCI, 56 en unidades de hospitalización e 4.494 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 126.642 persoas curadas, rexistrándose 2.439 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.415.188.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.055.575.

Presidente Deputación

A Deputación impulsa o turismo dos Ancares e Terras de Burón coa edición dunha guía de experiencias

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na Fonsagrada, no salón de actos dos Chaos, na presentación da campaña turística Déixate Marabillar! Ven a Ancares Terras de Burón, organizada por este Xeodestino. A iniciativa inclúe unha guía de experiencias, que imprimiu a institución provincial, na que se recompila a oferta de recursos de turismo e hostalería dos 10 concellos deste territorio: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Ribeira de Piquín.

No acto celebrado onte pola maña estiveron presentes o Alcalde da Fonsagrada, Carlos López López; e o Alcalde de Navia de Suarna e presidente do Xeodestino Ancares Terras de Burón, José Fernández Fernández; ademais dos deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera
Capón, e representantes dos concellos de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Ribeira de Piquín; e profesionais do turismo e da hostalería da contorna.
A guía, da que a Deputación imprimiu uns 300 exemplares, estará a disposición da veciñanza e dos visitantes no local do GDR, nas casas dos concellos e na oficina de turismo da Fonsagrada.

O vindeiro luns comezan os traballos de limpeza no barrio da Residencia

Dende este luns o dispositivo integral de limpeza habilitado pola área de Medio Ambiente desprazarase ao barrio da Residencia.
Así, nas vindeiras xornadas os efectivos das empresas encargadas do aseo urbano, o mantemento das zonas verdes e a revisión dos parques infantís – apoiados polas briga- das municipais – unificarán os seus esforzos nesta contorna para mellorar o seu acondi- cionamento, sen descoidar o labor ordinario que levan a cabo diariamente.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de área, Miguel Fernández, explicou que “o opera- tivo encargarase – de forma simultánea e coordinada – da roza de vías e predios municipais, da limpeza dos sumidoiros e dos colectores así como dos bancos e resto do mobiliario urbano con máquinas a presión que tamén se empregarán na eliminación de graffiti, do baldeo das rúas e perfilado do céspede; desherbaranse os camiños interiores das zonas verdes e colocarase planta con flor, alén de limpar e amañar os alcorques das árbores e de podar sebes e arbustos”, afirmou.

Logo de que os traballos conclúan neste punto da capital, o dispositivo continuará polas Gándaras, Sagrado Corazón e Galegos.

A área sanitaria de Lugo supera os 400 casos activos por coronavirus

Nova subida no número de positivos por Covid-19 na área sanitaria de Lugo con 55 máis nas últimas 24 horas, que elevan a cifra de casos activos a 414.

Os novos positivos tamén volven a subir en Galicia con 655 novos contaxios e que sitúan a cifran de casos activos en 4.168; deles 821 son da área da Coruña, 414 da de Lugo, 726 da de Ourense, 741 da de Pontevedra, 871 da área de Vigo, 432 da de Santiago e 163 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 12 están en UCI, 47 en unidades de hospitalización e 4.109 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 126.516 persoas curadas, rexistrándose 2.439 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 2.409.140.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.023.258.

O edil de Medio Ambiente fai un chamamento ao civismo e pídelle á cidadanía respecto aos espazos públicos

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, facía esta mañá un chamamento ao civismo instando á veciñanza, especialmente á mocidade, a compatibilizar o seu “ocio e creatividade” co respecto aos espazos públicos.

O edil relatou que esta mañá o Parque Rosalía de Castro – recén pintado e acondicionado – amenceu cheo de grafitti que danaron a fonte, o mirador, a balaustrada e diferentes muros do recinto “ocasionando importantes danos no mobiliario e nos elementos construtivos e ocasionando un custo ás arcas municipais que agora deberemos sufragar entre todas e todos para reverter o deterioro que supoñen este tipo de condutas máis que reprochables”.

O responsable de Medio Ambiente aproveitou para afear “o comportamento vandálico de quen atopa divertido estragar o patrimonio de todas e todos, nunha contorna emblemática da capital á que, precisamente, cómpre protexer e poñer en valor e non arruinar” e insistiu en “apelar á concienciación cidadá para evitar que no futuro se repitan situacións como a acontecida hoxe”.

Miguel Fernández referiu que xa se deu orde aos servizos de limpeza para que procedan á eliminación destas pintadas e anunciou que, a pesar de que a vixilancia e control da Policía Local nesta contorna se intensificou nos últimos meses cunha función disuasoriaagora se incrementará aínda máis.

O tenente de alcaldesa lamentou que “os ataques ao Parque de Rosalía de Castro son tan reiterados que mesmo están a comprometer o resultado dos traballos de recuperación que o goberno de Lara Méndez está a desenvolver neste espazo para conmemorar o centenario da súa construción”.

Novo aumento de positivos que eleva a cifra de casos activos por riba dos 390

A covid19 continúa imparable a súa escalada na provincia de Lugo, nunha xornada na que un novo aumento de positivos detectados achega os casos aos 400 a un ritmo máis propio da terceira vaga.

En cifras, e segundo os datos ofrecidos polo SERGAs e recollidos ata as 6 da tarde de onte, Lugo suma 395 casos activos, logo de se detectar, nunha sola xornada 61 positivos novos.

En canto á presión asistencial a provincia continúa arroxando os mesmos datos que na xornada anterior. O Hula continúa con 3 pacientes en plantas de hospitalización e un na UCI; mentres que o Hospital da Costa continúa cun só paciente covid ingresado.

Pola súa banda, as altas médicas continúan sen ser suficientes para contrarrestar o elevado número de positivos detectados. Así, dende o inicio da pandemia, na provincia se rexistraron 12.918 altas.

A Xunta licita as obras do novo edificio do Centro de Fauna no Veral

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de licitar por un orzamento base de 504.173,35 euros, IVE incluído, a construción dun novo edificio para albergar o Centro de recuperación de fauna silvestre (CRF) do Veral, en Lugo.

O obxecto da actuación, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Galicia 2014-2020, é acometer unha renovación completa das actuais instalacións ante o estado de deterioro que presentan unha parte das mesmas. A tal fin, construirase un novo centro na mesma parcela que ocupa o actual CRF cun prazo de execución previsto de nove meses.

O contrato inclúe tamén a demolición de varias edificacións; en concreto, a caseta da actual oficina e as instalacións destinadas a azoreiras e mudas. As edificacións que se van demoler están mal conservadas e non son arquitectura tradicional. En todo caso, existe tamén algún edificio en bo estado e un de recente construción que se conservarán e integrarán coas novas dependencias. Trátase da zona de especies acuáticas con estanque, unha cámara de voo que permanece illada, tres cámaras de voo mais pequenas que se reformarán para incorporalas á edificación principal e un edificio illado destinado actualmente a cociña e almacén, que se manterá como zona de baldeo.

Cómpre subliñar que as instalacións que conforman o actual CRF do Veral, no lugar do Carballido, foron construídas en diferentes momentos a medida que cambiaban e crecían as necesidades do complexo, o que explica por que, a día de hoxe, as edificacións que o compoñen presentan diferentes estados de conservación e carecen dunha boa conexión entre elas, dificultando as condicións de traballo e a organización.

Por este motivo a Consellería decidiu acometer a construción dun novo edificio que permita conectar todas as dependencias destinadas aos animais e, á vez, dote ao centro dunhas instalacións administrativas acordes coas súas necesidades. Así, o proxecto construtivo que vén de licitar estrutura o edificio principal en dous módulos; un administrativo, no que se realizará a recepción dos animais, o tratamento e a atención veterinaria; e outro para a recuperación inicial dos exemplares e os servizos de atención.

Este último distribuirase nunha cámara para mamíferos, unha cámara de voo, seis azoreiras, tres salas de mudas, tres estancias para nocturnas, un almacén, unha sala para necropsias e as tres cámaras de voo xa existentes, que se conservan parcialmente. Ademais, o futuro centro contará cun túnel de voo —unha zona libre para voar, valada en todo o seu perímetro e cuberta con malla metálica— para facilitar que as aves recuperadas poidan practicar antes de devolvelas ao medio natural. A zona de acuáticas existente conservarase e complementarase con dúas piscinas, aínda que o actual valado será modificado no lugar onde se encontra co recinto das piscinas, para darlle acceso directo.

14,00 h.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, clausurará o III Congreso Internacional Aeronáutico e Espacial (CIAG). No auditorio Neira Vilas do edificio CINC (Monte Gaiás, s/n). foto xoán crespo 27/06/2019

A Xunta inclúe axudas para a internacionalización das empresas galegas do sector aeroespacial

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avanzou que, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia 2025, a Xunta inclúe axudas para a internacionalización das empresas galegas vinculadas a este sector industrial. Anunciou este novo compromiso do Goberno galego durante a visita desta mañá ao aeródromo de Rozas, na que presenciou as demostracións aéreas que se celebraron dentro da programación de Unvex’21, o maior evento de vehículos aéreos non tripulados en España que por primeira vez se celebra en Galicia.

Conde tamén lembrou que será ao longo deste mes de xullo cando se faga pública a licitación para os novos socios estratéxicos e tecnolóxicos que queiran participar no Polo Aeroespacial, cun orzamento inicial de 40M€ a través dos que se prevé asinar entre catro e oitos acordos de asociación. Entre as novidades destaca o obxectivo de atraer outros fondos públicos para o desenvolvemento de proxectos de I+D e que se porá o foco na xeración de pegada industrial para que as pemes poidan incorporarse ás cadeas de valor das grandes empresas tractoras.

Ademais, no marco do Polo Aeroespacial 2025, introduciranse mecanismos para facilitar o desenvolvemento industrial e a comercialización internacional de produtos e tecnoloxías desenvolvidas polo sector aeroespacial de Galicia. Así, crearase un marco de axudas para a internacionalización das empresas galegas deste ámbito que incluirán financiamento para exportacións, misións comerciais, atracción de investimento e creación de novos mercados.

“A Xunta vai seguir traballando para que o aeronáutico siga sendo un sector de oportunidades e tamén para atraer fondos europeos vinculados aos Next Generation para que Galicia siga sendo un referente neste eido e se sitúe á vangarda”, explicou o vicepresidente económico.

Conde puxo en valor os resultados obtidos no Polo Aeroespacial de Galicia desde a súa posta en marcha, grazas á colaboración público-privada e a través dun instrumento como a compra pública innovadora. Así, neste período mobilizáronse 164M€, executáronse 59 proxectos de I+D, participaron 50 empresas e centros galegos de I+D e obtivéronse 655 resultados dos que 62 están no mercado. Ademais, o Polo estase consolidando como parque industrial e tecnolóxico e proximamente contará cun entorno de simulación grazas á colaboración do Centro para el desarrollo Tecnológico e Industrial (CDTI).

Ribeira Sacra Catamarán

Reservadas xa o 85% das prazas dispoñibles nos catamaráns da Ribeira Sacra

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo informou este venres de que, a día de hoxe, está cuberto practicamente o 85% das prazas dispoñibles para facer as rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra. “Pensamos que son cifras moi importantes nunha tempada que consideramos clave para a recuperación dos sectores máis afectados pola pandemia, como son a hostalería, o turismo e o comercio”, subliñou a socialista.

As dúas rutas que o organismo provincial ofrece polos leitos dos ríos Miño e Sil xa rexistraron máis de 10.000 viaxeiros -máis de 8.000 persoas segundo os rexistros do embarcadoiro de Ponte do Sil e por riba dos 2.000 no de Belesar- dende que arrancou a presente tempada no mes de marzo e, segundo explicou a Deputada de Turismo, na actualidade está practicamente todo completo para os meses de verán, “o que dá boa conta do retorno económico que ten esta oferta turística, sobre todo no sector servizos”, porque tal e como valorou a Deputada provincial, “os catamaráns contribúen de maneira directa a dinamizar a economía da Ribeira Sacra, en tanto que xeran un efecto multiplicador en termos de pernoitas e de consumo”.

A Deputada explicou que “desde que comezou este mes de xullo cambiou totalmente o perfil do visitante. Se antes era maioritariamente galego, agora é sobre todo de fóra de Galicia. Nun 80% son viaxeiros do resto de España, pero aínda temos pouca representación de turista
internacional”.

A voceira provincial comentou que “outra boa nova deste mes é que o servizo de catamaráns da Deputación de Lugo recuperou as viaxes en grupo. Reservas de 30 ou 40 persoas que completan dunha vez a metade das prazas dunha das embarcacións”.

O PP preguntará no Senado por que a CHMS pon impedimentos ao Club Fluvial de Lugo

Os senadores lucenses, José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Varela, preguntarán no Senado por que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil pon impedimentos ao Club Fluvial de Lugo cando en 2019 non detectou ningunha incompatibilidade. Deste xeito, os populares pedirán ao Executivo que explique se o obxectivo desta decisión é apropiarse de 5 metros que están a ser empregados por 17.000 usuarios para construír unha praia fluvial nese lugar en vez de acondicionar outra zona en desuso.

A iniciativa do Grupo do PP xurde unha vez que o organismo estatal anunciou a retirada do permiso concedido á entidade lucense para usar o espazo pegado á cunca do Miño, que implicaría que unhas pistas de tenis, un muro e unha piscina municipal, e que se utilizan dende hai 50 anos, quedasen fóra da lei, causando, sinalan, “un enorme prexuízo aos usuarios”.

Os senadores decidiron levar este asunto á Cámara Alta porque “non podemos esquecer que o de Lugo é o terceiro club deportivo de Galicia polo seu número se socios” e esta decisión, apuntan, “esquece completamente a súa función social e o servizo que vén ofrecendo durante tantos anos aos lucenses”.

Sospeitas dos populares
E é que o cambio proposto pola Confederación fai pensar aos populares que se pode estar usando ao Fluvial “como paraugas político”. “Todo apunta a que é un intento de desviar a atención sobre a promesa “longamente incumprida” por parte do PSOE e o BNG de dotar a Lugo dunha praia fluvial pois, como se deduce da intervención do presidente, a Confederación non atopou nin un só escollo para non renovar a concesión. Tampouco aportou ningunha alternativa ás instalacións”, advirten.

Os populares agardan así que dende o Goberno “se nos resposte claramente ao preguntamos”, pois o Club xa expresou a súa vontade de corrixir calquera deficiencia que puidera motivar a renovación da concesión para os vindeiros 20 anos.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com