A Xunta licita as obras do novo edificio do Centro de Fauna no Veral

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de licitar por un orzamento base de 504.173,35 euros, IVE incluído, a construción dun novo edificio para albergar o Centro de recuperación de fauna silvestre (CRF) do Veral, en Lugo.

O obxecto da actuación, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Galicia 2014-2020, é acometer unha renovación completa das actuais instalacións ante o estado de deterioro que presentan unha parte das mesmas. A tal fin, construirase un novo centro na mesma parcela que ocupa o actual CRF cun prazo de execución previsto de nove meses.

O contrato inclúe tamén a demolición de varias edificacións; en concreto, a caseta da actual oficina e as instalacións destinadas a azoreiras e mudas. As edificacións que se van demoler están mal conservadas e non son arquitectura tradicional. En todo caso, existe tamén algún edificio en bo estado e un de recente construción que se conservarán e integrarán coas novas dependencias. Trátase da zona de especies acuáticas con estanque, unha cámara de voo que permanece illada, tres cámaras de voo mais pequenas que se reformarán para incorporalas á edificación principal e un edificio illado destinado actualmente a cociña e almacén, que se manterá como zona de baldeo.

Cómpre subliñar que as instalacións que conforman o actual CRF do Veral, no lugar do Carballido, foron construídas en diferentes momentos a medida que cambiaban e crecían as necesidades do complexo, o que explica por que, a día de hoxe, as edificacións que o compoñen presentan diferentes estados de conservación e carecen dunha boa conexión entre elas, dificultando as condicións de traballo e a organización.

Por este motivo a Consellería decidiu acometer a construción dun novo edificio que permita conectar todas as dependencias destinadas aos animais e, á vez, dote ao centro dunhas instalacións administrativas acordes coas súas necesidades. Así, o proxecto construtivo que vén de licitar estrutura o edificio principal en dous módulos; un administrativo, no que se realizará a recepción dos animais, o tratamento e a atención veterinaria; e outro para a recuperación inicial dos exemplares e os servizos de atención.

Este último distribuirase nunha cámara para mamíferos, unha cámara de voo, seis azoreiras, tres salas de mudas, tres estancias para nocturnas, un almacén, unha sala para necropsias e as tres cámaras de voo xa existentes, que se conservan parcialmente. Ademais, o futuro centro contará cun túnel de voo —unha zona libre para voar, valada en todo o seu perímetro e cuberta con malla metálica— para facilitar que as aves recuperadas poidan practicar antes de devolvelas ao medio natural. A zona de acuáticas existente conservarase e complementarase con dúas piscinas, aínda que o actual valado será modificado no lugar onde se encontra co recinto das piscinas, para darlle acceso directo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com