Novas

Lara Méndez insta a que Xunta e Goberno central conten cos concellos nas decisións sobre os fondos europeos

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, alertou esta mañá do risco que corren os concellos se nas decisións sobre os fondos europeos de recuperación postpandemia non se conta coas administracións locais, “que somos as que planificamos o crecemento dos nosos territorios para os vindeiros anos e as que afrontamos directamente a crise social e económica na que derivou a crise sanitaria do Covid-19, e, somos, polo tanto, as que mellor coñecemos as necesidades cidadás, por proximidade e por axilidade de xestión, para darlles respostas reais”.

Neste senso, instou a Xunta e ao Goberno central a que se escoite aos concellos. “Reclamamos que nos inclúan nas determinacións acerca dos fondos que veñen para Galicia e, polo tanto, para os concellos”, e lembrou “que xa sufrimos que a Xunta nos excluíse dos recursos millonarios extraordinarios que recibiu do Goberno central para atender á urxencia da pandemia, que afrontamos só con recursos municipais”.

Lara Méndez avanzou esta preocupación durante o debate que se desenvolveu esta mañá en Viana do Castelo no marco da Comisión Executiva extraordinaria do Eixo Atlántico, organismo que integra a máis de 40 municipios galegos e lusos e do que é vicepresidenta. Nesta comisión, alcaldes e expertos mantiveron un encontro  monográfico sobre os plans de recuperación post pandemia de España e Portugal, os dous primeiros países cuxos plans foron ratificados xa pola Comisión Europea.

Durante esta comisión, os alcaldes manifestáronse na mesma liña que a rexedora, xa que houbo unanimidade respecto aos seguintes temas:

O papel determinante que xogaron os concellos na xestión da crise, desde os servizos básicos á poboación, incluíndo servizos sociais e educativos, a subministración á poboación de alto risco, as axudas a Pemes e autónomos, ata a motivación e o mantemento do estado de ánimo colectivo nun momento extremadamente duro para o que ninguén estaba preparado.

En consecuencia, os concellos deben xogar un papel relevante na primeira liña da xestión dos fondos, incluíndo a aceptación das súas propostas sobre actuacións a financiar xa que son os mellor coñecedores das necesidades dos seus territorios e dos seus cidadáns.

Constataron que tanto o programa español como o portugués, remitidos á Comisión Europea, integran os eixos principais que a Conferencia de Alcaldes do  Eixo Atlántico identificou como prioridades para a saída da crise, en Pontevedra, o pasado ano. Desde esa óptica os alcaldes manifestaron o seu acordo cos eixos prioritarios de ambas as propostas  portuguesa e española, aínda que lamentan que en moitos casos non se concretasen nas remitidas polos concellos.

Existe unha preocupación maioritaria sobre a eficiencia e o resultado dos fondos, xa que non responde maioritariamente a iniciativas innovadoras que desde o ámbito das cidades e os cidadáns contribúan á recuperación da economía. Igualmente existe o risco de que os fondos se atribúan a obxectivos que non se corresponden coa crise e mesmo empresas que estaban en crises antes da pandemia.

Igualmente existe unha gran preocupación sobre o aproveitamento dos fondos ou a posible perda dun volume importante polas trabas burocráticas que os sistemas que se están deseñando poidan conlevar.

Por tanto considérase da maior urxencia e importancia reforzar e incrementar a participación dos concellos na xestión destes fondos, tanto na súa programación como na súa execución, para garantir a eficiencia dos mesmos para os obxectivos aos que van destinados. Esta é unha situación que se produce tanto a nivel do goberno portugués como o español e da Xunta de Galicia.

As primeiras axudas aos cines reforzan a viabilidade de 21 salas en 13 localidades

A Xunta de Galicia acaba de facer pública a adxudicación de preto de 240.000 euros ao abeiro da primeira convocatoria de subvencións á exhibición cinematográfica, da que resultaron beneficiarias 15 empresas para o desenvolvemento de proxectos en 21 salas de cine de 13 localidades. Dáselle así resposta á totalidade das propostas e contías solicitadas no marco desta nova medida, consensuada co sector, que busca contribuír á viabilidade deste tipo de espazos e reducir o impacto da crise sanitaria na súa actividade.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, mantivo hoxe un encontro cos representantes de dúas das salas beneficiarias: Xan Gómez, de Numax de Santiago de Compostela, e Luis Rivadulla, de Minicines Central da Estrada, integrantes así mesmo de Promio, a nova rede de exhibición independente a nivel estatal.

Xunto con elas, tamén figuran na resolución publicada hoxe na web da Agadic os Cines Avenida de Caldas de Reis, Cantones Cine, Cinesa Marineda e Cines Yelmo Espacio Coruña e Los Rosales da Coruña, Dúplex de Ferrol, Codex Cinema e Cines Cristal de Lugo, Cines Pontevella de Ourense, Cinexpo Vialia de Pontevedra, Cines Ribadeo, Cinesa As Cancelas de Santiago de Compostela, Cines Salesianos, Gran Vía, Praza Elíptica e Yelmo de Vigo, Cines Gran Arousa de Vilagarcía, Cines Viveiro e Cine Gesma de Xinzo de Limia.

Adaptación dixital e sanitaria
As contías outorgáronse en función do número de pantallas dos cinemas, primando ademais as salas situadas en localidades de menos de 25.000 habitantes e a proxección de filmes en versión orixinal. Serán destinadas especificamente á adaptación dixital e sanitaria dos espazos, a campañas para a captación de públicos e para a promoción do audiovisual galego, ao reforzo da programación de producións galegas e europeas e a accións especiais, como descontos ou convites, dirixidas á infancia, á xuventude e a colectivos profesionais recoñecidos polo seu labor durante a pandemia.

Esta nova vía de apoio, dotada na súa convocatoria con 350.000 euros, insírese nos obxectivos asumidos polo Goberno galego a través do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19, especialmente no que se refire á reactivación da actividade e ao mantemento do emprego. Dentro desta mesma dinámica, as salas de cinema contaron o ano pasado cun programa extraordinario de apoio por importe de 120.000 euros.

Vilalba porá á venda as seis parcelas propiedade municipal que lle corresponden na ampliación do Polígono de Entrepinares

O Concello de Vilalba porá á venda as seis parcelas que son de titularidade municipal correspondentes á ampliación do polígono empresarial de Entrepinares. As seis parcelas suman en conxunto 5.600 metros cuadrados e a fórmula elixida para a venda das mesmas será previsiblemente a subasta previa valoración dos terreos.

Para proceder á venda, o concello só está pendente da recepción dun documento por parte dunha das empresas implicadas nas obras, un trámite administrativo que espera ter solucionado en breves datas.

“Agradecemos a Entrepinares a forma de executar as obras; a ampliación é unha oportunidade para as empresas interesadas en instalarse no polígono, estamos convencidos de que haberá interese nas parcelas”, asegura Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.

Ademais destas seis parcelas, o concello encargarase doutros espazos para zonas verdes e aparcadoiro no polígono. “Con parte dos cartos que o concello reciba da venda das parcelas, faremos outras melloras no polígono, compensando a desatención por parte da Xunta”, engade Fernández.

CCOO denuncia a deficiente asistencia sanitaria desde que Ribera Salud se fixo cargo do Polusa

Comisións Obreiras (CCOO) denuncia a “deficiente asistencia sanitaria” desde que o grupo Ribera Salud asumiu o control do Hospital Polusa de Lugo. Coa chegada da actual Xerencia, “comprobamos que o seu principal obxectivo era desfacerse do persoal de enfermaría”. Malia as advertencias sindicais, reduciu este colectivo en máis da metade. Como consecuencia, estase a deteriorar a calidade asistencial das persoas usuarias, ao tempo que se sobrecarga de traballo o resto do persoal.

Para reducir o número de enfermeiros e de enfermeiras, Polusa utilizou diferentes “prácticas de presión” que provocaron a marcha de persoal indefinido, así como que profesionais contratados non quixesen renovar o seu vínculo laboral co hospital.

“A prioridade de Ribera Salud é ter un rexistro detallado das xeringas, agullas ou gasas que utilizamos, antepoñendo  esta parte administrativa á atención dos doentes”, lamenta CCOO, que apunta a que unha única enfermeira en planta —ás veces atendendo a vinte pacientes— non dea abasto. “Deste xeito, as medicacións danse a deshoras, as curas fanse cando se pode e os doentes teñen que esperar longo tempo para recibir un calmante”, incide o sindicato.

A sobrecarga dáse en todos os departamentos. Por exemplo, na Unidade do Maior só hai unha enfermeira —antes eran tres—, polo que é preciso botar man de horas extras para cubrir o servizo. Nalgúns casos, para que o traballo saia adiante encárgase unha auxiliar de enfermaría —malia que non o pode facer—, colectivo que tamén foi reducido á metade.
CCOO esixe solucións a este “desastre organizativo”, xa que a poboación atendida no Polusa “non pode pagar os pratos rotos das decisións empresariais”.

A Xunta reforza a seguridade da LU-541 entre Rábade e Vilalba co repintado da vía

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a acometer o repintado íntegro dsinalización horizontal na estrada LU-541 co fin de reforzar a seguridade ncirculación por esta vía, que conecta os concellos de Rábade e Vilalba.

delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que os traballos comezaron o pasado mércores e está previsto que queden completados esta semanaA Xunta inviste 44.300 euros para actuar nos 17,2 quilómetros da estrada, con cargo ao contrato de conservación ordinaria e vialidade invernal da zona norte da provincia.

sinalización horizontal foi renovada por completo, tanto as liñas de separación de carrís como os símbolos pintados na calzada, tales como os de ceda o paso ou as frechas de retorno.

Arias destacou que deste xeito mellóranse as condicións de visibilidade das marcas viarias para garantir unha circulación máis segura, cómoda e fluída” nesta vía autonómica.

Subliñou que LU-541 “é unha estrada con moito tránsito, pois dá servizo aos veciños de Vilalba, Begonte e Rábade”, ademais de ser “probablemente a vía máis empregada polos veciños de Vilalba nos seus desprazamentos ata a capital da provincia, xa que en Rábade conecta coa A-6“, concluíu Arias.

Persoase ebrio na Comisaría para recoller a un amigo que triplicara a taxa de alcol permitida

A Policía Local abre expediente sancionador a un home que se persoou ebrio na Comisaría para recoller a un amigo que triplicaba a taxa de alcol permitida. Os feitos ocorrían o pasado sábado 3 de xullo, en torno ás 9 da mañá, cando unha patrulla da Unidade Territorial da Policía de Barrio detectaba a circulación irregular dunha motocicleta pola rúa Saúde. Ao dar o alto ao seu condutor comproban que presenta signos de embriaguez polo que é trasladado á Unidade de Atestados onde os axentes realízanlle as probas de detección alcohólica arroxan un resultado de 0.78mg/l, o que triplica a taxa máxima permitida.

O vehículo foi inmobilizado no lugar e o condutor trasladado a Xefatura da Policía Local dende a que o condutor chama a un amigo para que o vaia recoller. Ao chegar á Comisaría no seu turismo, os axentes observan que este amigo presentaba tamén signos de embriaguez polo que é tamén sometido ás probas de detección alcohólica, nas que lanza un resultado positivo de 0.57 mg/l.

Para o primeiro condutor, a Policía Local instrúe dilixencias por un delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, mentres que o amigo enfróntase a un expediente sancionador cunha multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos no permiso de conducir, inmobilizando tamén o seu vehículo.

Ferido en Ribadeo un menor tras ser atropelado polo tren turístico

Dous nenos que circulaban coas súas bicicletas á altura de Faro de Pancha, en Ribadeo, foron alcanzados polo tren turístico e, un deles, resultou ferido. Foi un particular quen, pasados uns minutos das seis da tarde de onte, chamou ao 112 Galicia para informar do atropelo e, a partir de aí, desde o 112 Galicia pasaron o aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade.

Tamén, os xestores de emerxencias solicitaron a intervención dos Bombeiros de Barreiros, posto que, segundo o alertante, o menor podía estar atrapado. Sen embargo, no transcurso da chamada, confirmouse que o menor estaba totalmente liberado e accesible.

Unha vez no punto, os axentes da Policía Local confirmaron ao 112 Galicia o traslado do menor, polos servizos sanitarios, ao centro hospitalario de referencia.

Fin de semana negra con respecto á covid, con corenta casos máis que o xoves e o falecemento dun home no HULA

Fin de semana negra no que a covid19 se refire. A provincia de Lugo sumou unha corentena de casos novos malia que semellaba que descendía o ritmo de contaxios; un baremo que hoxe volveu atrás, chegando a niveis do mes de febreiro. Asemade, esta fin de semana hai que lamentar o falecemento dun home, de 61 anos que finaba no HULA o pasado venres.

En cifras, durante a fin de semana, a provincia rexistrou un aumento de 40 casos activos, é dicir, mentres que o xoves Lugo sumaba 224 infeccións por covid, hoxe amencía a provincia con 264. E é que os positivos mantivéronse en cifras altas toda a fin de semana, sendo o peor día onte, domingo. Así, mentres que o venres e o sábado, parecían augurar un novo descenso de casos, con 15 e 14 positivos detectados respectivamente, onte este baremo ascendía ata os 34 contaxiados, unha cifra que non se vía na provincia dende mediados do pasado mes de febreiro. 

A este importante aumento, hai que unir tamén as escasas altas médicas, que aínda que suman máis que nalgunha xornada da pasada semana, o certo é que non son suficientes para contrarrestar os contaxios. Así, dende o venres Lugo rexistrou tan só 23 altas médicas. 

Con todo, leve mellora na presión asistencial que hoxe suma 4 ingresados, 2 menos que na xornada anterior pero 1 menos que o xoves. Así, a provincia conta con 3 pacientes covid en planta de hospitalización, 2 deles no HULA e 1 no Hospital de Monforte, e a UCI do Lucus Augusti continúa cun caso covid, logo do falecemento dun home de 61 anos o pasado venres.

Este falecemento sobe a cifra de mortes causadas polo virus ata as 217 na provincia, dende o inicio da pandemia. O home non tiña patoloxías previas e contaba coas dúas doses da vacina xa administradas, o certo é que os sanitarios apuntan a un contaxio anterior á inoculación da segunda dose ou nos días inmediatamente seguintes cando a vacina todavía non tiña toda a protección.

E onte, no HULA arrancaba a vacinación dos menores de 40 anos. Unhas 4000 persoas de entre 37 e 39 anos de idade tiñan cita onte no HULA, 1.400 do mesmo treito de idades no Hospital da Mariña e outras 1.000 menores de 40 tamén no de Monforte. Con eles, xa son preto dun 70%  da poboación os galegos vacinados con a lo menos unha dose da vacina.

Catorce novos positivos por coronavirus elevan a cifra a 240 casos activos en Lugo

Nas últimas 24 horas a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade notificou 14 novos positivos na área sanitaria de Lugo. Na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.285 deles 610 son da área da Coruña, , 279 da de Ourense, 459 da de Pontevedra, 386 da área de Vigo, 223 da de Santiago e 88 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 10 están en UCI, 41 en unidades de hospitalización e 2.234 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 125.929 persoas curadas, rexistrándose 2.437 falecementos.

O  número de PCR realizadas é de 2.377.542. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 2.847.095.

Un home resulta ferido tras caer dunha escada en Vilalba

Un helicóptero medicalizado trasladou ao ferido ata o centro hospitalario de Lugo.

Ocorreu a escasos minutos da unha deste mediodía. Foi a esa hora cando o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, informaba ao 112 Galicia da saída da aeronave con base en Santiago de Compostela cara o lugar de Cabanamille, Belesar, no concello de Vilalba, para trasladar a un home que caera dunha escada.

Con estes datos, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento dos axentes da Garda Civil, da Policía Local e de Protección Civil Municipal.

Así, tras tomar terra no mesmo lugar, o ferido foi trasladado na aeronave ata o centro hospitalario.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com