Novas

Aulas Abertas favorecerá a conciliación este verán de máis de 500 familias

O executivo de Lara Méndez da inicio mañá as actividade das Aula Abertas, organizadas co fin de facilitar a conciliación este verán das familias do municipio. Así o anunciaron hoxe a concelleira de Benestar, Inclusión e Terceira idade, Olga López, e Alfonso Darriba, animador sociocultural.

A edil destacou o éxito e “a boa acollida que recibiu a convocatoria das Aulas Abertas deste ano, que beneficia a máis dos 500 nenos e nenas de Lugo que se inscribiron, de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, e ás súas familias, xa que grazas a esta iniciativa pais e nais poderán organizar mellor as súas xornadas laborais e persoais mentres as súas crianzas desfrutan de momentos de lecer e socialización de forma segura”

A concelleira explicou que se traballou na realización dun completo programa de actividades que se levarán a cabo con todas as medidas de seguridade necesarias e adaptadas aos ámbitos urbanos e rurais da cidade.

Un ano máis, darase prioridades as actividades que os nenos e nenas poden realizar nos exteriores, e algunhas das accións se levarán a cabo, en pequenos grupos, nos centros de convivencia (Fingoi, Lamas de Prado, María Balteira, Uxío Novoneyra, Milagrosa e Maruja Mallo), así como nas escolas da zona rural, en horario de 08:30 a 14:30 horas e por quincenas: do 1 ao 15 e do 16 ao 31 de xullo e do 2 ao 13 de agosto e do 16 ao 31 dese mesmo mes.

Segundo Olga López, “temos como obxectivo habilitar recursos públicos para procurar o benestar social da veciñanza de Lugo de todas as franxas de idade, sen importar onde vivan, ben sexa rural ou núcleo urbán, que favorezan a organización durante as vacacións estivais”.

Entre as actividades incluídas nestes talleres destacan os xogos cooperativos e de psicomotricidade, manualidades, etc,  recurrindo sempre que se poida, aos espazos ao aire libre da contorna e garantindo unhas condicións de sanidade e hixiene óptimas de tal xeito que se  ofrecerá unha alternativa lúdica e tamén didáctica para que as e os cativos socialicen e compartan vivencias, nun contexto seguro para eles e para as súas famílias.

Póñame un máster!

Sendo eu moi novo, só as familias con posibles ou as sacrificadas ata o límite (era o meu caso) podían permitirse que os fillos estudasen. Maxisterio foi o caso de moitos, e o meu, que estudando en centro privado, viñamos examinarnos por libre a Lugo, na procura do título que nos abrise as portas do futuro.

Pasaron os anos, e os estudos democratizáronse. E ao aumentar o número de títulos, foron sendo menos garantía de futuro. E quen aspirase a un determinado nivel, cursaba un doutorado para especializarse nunha materia determinada revalidada coa tese doutoral. E para completar a oferta educativa apareceron másteres en diversas materias, moi especializados, con rango universitario, que aspiraban a ser chave social e laboral e catapultaban aos titulares a postos de goberno e responsabilidade.

Resultou que, aínda que pode haber trampas no progreso educativo, os másteres dependen algo máis da política das universidades, e sóubose de másteres cuestionables porque o centro abrise a man na concesión, e políticos hai con problemas na súa carreira por másteres discutibles e discutidos. O caso máis recente, en Moncloa onde se veñen de borrar tres títulos da ministra Yolanda Días en Recursos Humanos, Relacións Laborais e Urbanismo, por inexistentes.

Nos anos 60, os títulos eran esenciais para acceder á cultura e á sociedade. Co tempo, soubemos que, á parte dos estudos regulados, o valor está nos coñecementos, experiencia e traballo. Pero algúns gobernantes son moi novos, con pouca experiencia para saber que pouco vale un título se o interior non responde. E que presumir dun máster inexistente, descalifica. Tempo ao tempo.

O ‘Lecer Cultural’ de Vilalba: Obradoiros, lectura e música para todas as idades

O Concello de Vilalba presenta a súa programación de verán nomeada Lecer Cultural, con actividades adaptadas ao contexto sanitario actual e dirixidas a todos os públicos, especialmente á infancia do municipio. O programa divídese en tres bloques: obradoiros, lectura e música.

Os talleres levaranse a cabo ao longo de todo o verán e incluiranse actividades de teatro, manualidades, fotografía, monicreques de cartón… Os obradoiros serán extensivos (todo o verán), intensivos de tres días ou puntuais, cunha duración dun único día. O material necesario para a actividade está xa incluído, agás no caso do de fotografía, para o que cómpre levar unha cámara dixital, un móbil, unha tablet ou un dispositivo semellante.

Estes obradoiros diríxense a menores de entre 5 e 12 anos, en función da actividade (en teatro será a partir dos 8 anos, sen límite de idade), e o seu prezo oscila entre os 2 e os 6 euros. No cartaz, detállanse os horarios e espazos das actividades.

No marco do programa Ler conta moito, a rapazada poderá gozar de actividades de balde e ata completar aforo, enfocadas á lectura este verán grazas á Biblioteca Municipal. O vindeiro venres 2 de xullo, o espectáculo de narración oral “Outra Vez!” representarase ás 17:30 na Praza da Constitución, da man da mestra e contadora Vero Rilo.

O día 17 de xullo, Rockeamos todas con Pakolas representarase ás 18:00h na Praza da Constitución. Un espectáculo familiar con protagonistas femininas, recomendado para cativos e cativas entre 3 e 10 anos, no que se dan a coñecer diferentes historias de superación da desigualdade, de loita polo respecto e a liberdade.

Por último, o 30 de xullo, Barquiño de Pau estará ás 17:30h na área recreativa da Madalena. Consiste nun teatro de obxectos e música dirixido á infancia entre 0 e 3 anos. Doutra banda, os seráns musicais encherán as rúas de Vilalba de ritmo, con seis actuacións dos grupos locais Buxos Verdes, Lusco Fusco, Charanga de Vilalba, Banda de Gaitas Mato Vizoso, AC Andrade, e Axóuxere de Roupar polo programa da Deputación Musiqueando, os venres a partir das 21:00h en xullo e agosto. O día 25 de xullo, Día de Galicia, haberá un concerto da Banda de Música de Vilalba.

Ademais, a xornada do 10 de xullo dedicarase ás actividades fluviais propostas pola Deputación de Lugo.

“A infancia de Vilalba poderá gozar dunha programación divertida este verán pero sen esquecer o lado didáctico, con actividades que mesturan o lecer coa aprendizaxe”, subliña Antía Rama, concelleira de Educación, Infancia e Mocidade.

Novo aumento de casos e contaxios covid no día de onte, tras detectar 19 positivos e rexistrarse tan só 7 altas

A xornada de onte supuxo un novo retroceso no que á Covid se refire. E é que nas últimas horas volveu aumentar o número de casos activos, e non só iso, se nón que as altas frearonse de novo e os ritmo de contaxios doblou case aos da xornada do luns. A primeira consecuencia de todo isto, a presión asistencial que volve aumentar hoxe no Hospital Lucus Augusti. 

En cifras, o SERGAS rexistraba ata as 6 da tarde de onte, un total de 206 casos activos, 13 máis que na xornada do luns. Un aumento que veu dado, como diciamos, por un freo nas altas médicas, rexistrando tan só 7 nas últimas horas e un aumento moi significativo dos positivos detectados, 19 no día de onte, 9 máis que na xornada do luns. 

Un aumento que se ve reflexado tamén na presión asistencial. Se ben o Hospital de Monforte onte quedaba libre de pacientes covid, o HULA sumou dous ingresos, rexistrando un total de 3 pacientes en unidades convencionais e 2 na UCI. 

E isto o día no que o Comité Clínico que asesora á Xunta en relación coa pandemia, reuníase para avaliar a evolución do virus nos diferentes concellos, en especial, naqueles con máis incidencia de casos logo dos gromos detectados nas últimas semanas. Na provincia de Lugo, decidiron manter no nivel alto á localidade de Sarria logo do gromo que xa suma máis dunha trintena de positivos; doutra banda, Castroverde permanecerá unha semana máis en nivel medio cunha incidencia de entre 250 e 500 casos a 14 días pero que se prevé descenda de xeito importante nas vindeiras xornadas, dado que a 7 días a incidencia xa baixa dos 75 casos por cada cen mil habitantes. 

Pola súa banda, a capital, que se mantén no nivel baixo de limitacións, continúa sumando casos, e xa son 41 os positivos detectados nos últimos 7 días. 

A este respecto, Sanidade vén de informar da corentena á que están obrigadas 5 traballadoras e 23 nenos da escola infantil da Galiña Azul de Vilalba tralo positivo en covid de dous usuarios do centro.

Doutra banda, 4 estudantes lucenses deron positivo tras unha viaxe a Gandía para celebrar o fin da Abau na que tiveron contacto con outros mozos que chegaban de Mallorca. Asemade, un contacto estreito destes mozos tamén deu positivo, o resto de contactos están á espera das correspondentes PCR e mantéñense confinados. Estes cinco positivos súmanse aos 14 que se detectaron na nosa provincia pertencentes ao macro-gromo de Mallorca, 10 estudantes que viaxaron á illa e 4 contactos estreitos.

Sanidade continúa a realizar cribados entre os estudantes de bacharelato que viaxaron en fin de curso e os seus familiares e contactos estreitos.

Mondoñedo acolle por primeira vez os espectáculos do Festival Atlántica

Por primeira vez nas súas nove edicións, o Festival Atlántica recala no concello de Mondoñedo, a onde levará dous espectáculos dos galegos Celso F. Sanmartín e Larraitz Urruzola. Todas as funcións son gratuítas, pero para asistir cómpre reservar previamente no teléfono da Oficina Municipal de Turismo (982 507 177). As actividades son posibles grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e mais o Concello de Mondoñedo.

A primeira actividade será o xoves 1 de xullo, a partir das 21:30 horas, na Ponte do Pasatempo. Alí a voz de voz de Celso F. Sanmartín debullará as historias que se agochan baixo o suxestivo título de ‘Cando viaxou unha lingua de lume nun carro de herba seca?’, un espectáculo dirixido ao público adulto. Serán 75 minutos na compaña duns dos narradores galegos máis recoñecidos, apaixonado da tradición oral e fervoroso transmisor dela.

Celso Fernández Sanmartín é un poeta e contacontos galego. É licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela e tamén promotor de FoCuCu (Foro de Cultivos Culturais). Como contacontos, caracterízase polo seu labor como recolledor e reinventor de historias e contos. O seu repertorio está composto por historias e memorias vencelladas á tradición oral galega e tamén á europea, que presenta como un verdadeiro tesouro nos seus espectáculos, cheos de coidado, sentido e paixón pola oralidade, a comunicación e a lingua.

Uns días máis tarde, o sábado 10 de xullo, os máis pequechos e as súas familias van ter a oportunidade de gozar coa ‘Festa dos monicreques’ de Larraitz Urruzola. O espectáculo será no Alfar dos Muíños e comezará a partir das 19 horas. A posta en escena desta función bebe da cultura popular, dos mecanismos e materias propias dos brinquedos tradicionais, dos cantos e da narración oral. A madeira, as teas e a herba trenzada están nos monicreques que usa neste espectáculo e onde tamén se atopan poemas de Rosalía de Castro e cancións populares.

Larraitz Urruzola é actriz e creadora de propostas escénicas para público infantil e familiar dende o ano 1989. De formación autodidacta e cun longo percorrido por varias compañías profesionais de teatro e monicreques, destaca pola súa capacidade de conexión e comunicación co público. Domina varias técnicas de manipulación de monicreques para as artes escénicas e mais para o formato audiovisual. Destaca pola versatilidade estética e pola súa variada tipoloxía da voz á hora de proxectar as súas personaxes.

Actualmente forma parte tamén da compañía Babaluva e mantén asemade entidade propia como contadora e monicrequeira con montaxes como ‘A viaxe de Rosalía’, ‘Dona Barriga Verde’ ou ‘O crebanoces’ e cunha colección de espectáculos de narración oral baixo o paraugas dos Babacontos.

As actividades de Atlántica continuarán ata o vindeiro 11 de xullo e vanse desenvolver por toda Galicia. O programa completo do festival e mais a información sobre os artistas, espectáculos e a reserva de entradas pódese consultar na web do festival. Por mor das cambiantes restricións sanitarias, cómpre consultar a web para coñecer a información máis actualizada sobre reservas e accesos aos espectáculos.

A CIG advirte que o 95% dos contratos temporais que fai Carrefour Lugo están en fraude de lei

A sección sindical da CIG en Carrefour Lugo denuncia que o 95% dos contratos temporais que realiza a empresa están en fraude de lei, xa que de maneira sistemática ocupa postos de carácter estrutural con traballadores e traballadoras eventuais. Con estas prácticas, Carrefour fomenta a precariedade laboral, sobre todo entre as persoas menores de 25 anos e as mulleres con cargas familiares, xa que son o colectivo ao que maioritariamente lles ofrece estes contratos.

A  través desta elevadísima rotación, Carrefour quere evitar que o persoal consolide dereitos e renuncie a reclamalos ao estar en permanente incerteza sobre a continuidade do seu emprego. A sección sindical da CIG indica que, deste xeito, “Carrefour consigue ter traballadores e traballadoras submisas porque viven sempre con medo a que non lle renoven o contrato ou non os volvan chamar no futuro”.

As delegadas e delegados da CIG elaboraron un estudo sobre a evolución da contratación entre novembro de 2019 e maio de 2021, detectando que esta fraude se dá en todas as seccións pero cunha especial incidencia na liña de caixas. Sen contar os picos de contratación polas campañas como a do nadal (que si teñen carácter causal), explican que, tomando como referencia o número de empregadas e empregados na liña de caixas nos diferentes meses, “comprobamos que, de media, debería haber 35 postos estruturais, pero a realidade é que so hai 17 persoas con contrato indefinido”.

O resto das traballadora e traballadoras teñen un contrato temporal que ademais, na maioría dos casos, nin sequera é a xornada completa senón a tempo parcial, e cunha duración, polo xeral, de 11 meses. “A precaridade que promove Carrefour é tal que nin sequera contratan a este persoal o tempo suficiente para xerar o dereito a cobrar o paro. Cando pasan estes 11 meses bótanos á rúa, e tempo despois, vólvenos contratar por outra temporada”, denuncia Jesús Antonio Carballeira, delegado da CIG.

Denuncias na Inspección de Traballo

Dende o pasado mes de abril, a central nacionalista presentou 15 denuncias na Inspección de Traballo, ás que se adheriron traballadores e traballadoras afectadas, así como as correpondentes demandas na vía xudicial. Neste senso, Carballeira pon o acento nas dificultades que se atoparon para poder explicarlle ao persoal eventual que actuacións está a realizar a CIG e como poden reclamar os seus dereitos, debido á política de persecución e medo instalada na empresa.

“É inadmisíbel que Carrefour presente unha cifras de vendas en 2020 de 10.013 millóns de euros e un aforro de custes neste mesmo ano de 3.000 millóns. Este aforro deuse en persoal, porque a pesar do incremento brutal da carga de traballo, a empresa ten menos empregadas/os”, subliña.

Xunto á elevada temporalidade e a parcialiadade dos contratos, Carballeira denuncia que o exceso de xornada e os cambios dos horarios, os descansos semanais e as vacacións  son prácticas habituais das que se aproveita Carrefour “para gañar máis e gastar menos, nun modelo de explotación laboral e precarización das traballadoras e traballadores de Lugo”.

Por iso, a sección sindical da CIG anima as compañeiras e compañeiros a denunciar estas prácticas fraudulentas e reclamar un emprego estábel e en condicións dignas.

A área de Desenvolvemento Local creará, cun novo obradoiro de emprego, oportunidades laborais para 16 mozas e mozos

A área de Desenvolvemento Local, que dirixe a tenente de alcaldesa Ana González Abelleira, pon en marcha un novo obradoiro de emprego co que o Goberno de Lara Méndez pretende crear oportunidades laborais para 16 rapazas e rapaces lucenses con idades comprendidas entre os 16 e os 29 anos.

A formación da mocidade é un dos obxectivos prioritarios do executivo local para a recuperación do municipio na etapa da post-pandemia, unha meta na que se está a traballar con varios plans de actuación.

A duración dos talleres, que comezarán o vindeiro mes de xullo, é de un ano, tempo no que as e os asistentes estarán retribuídos co salario mínimo interprofesional (950 euros ao mes). “Unha remuneración que converte esta iniciativa non só nunha oportunidade formativa senón tamén nunha fonte de ingresos para todas estas persoas”, subliñou a edil.

González Abelleira avazou que a Xunta de Goberno aprobará este mércores as bases para a selección do persoal, tanto estudantado como docente, que participará nos talleres.

“Baixo o nome de START IOT 5.0, este proxecto nace coa vocación de mellorar a produtividade e a eficiencia dos negocios. Queremos incentivar a utilización da información, facultando ás e aos traballadores na aplicación de datos e análises para a resolución de problemas empresarias”, abondou a responsable de Desenvolvemento Local.

A tenente de alcaldesa explicou tamén que o obradoiro, dotado cun orzamento de 390.492 euros e financiado en máis do 90% polo Fondo Social Europeo, ofrecerá dous módulos de temáticas diferenciadas con 8 prazas cada un.

“Estarán centrados no desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e na confección e publicación de páxinas web, respectivamente. Neles, abordaranse contidos como a xeración de documentos e compoñentes software que formen aplicacións informáticas en entornos distribuídos utilizando tecnoloxías web, partindo dun deseño técnico xa elaborado, realizando, ademáis, a verificación, documentación e implantación dos mesmos e aprendendo a crear e publicar páxinas web que integren textos, imaxes e outros elementos, empregando linguaxes de marca e editores apropiados, entre outros aspectos”, referiu González Abelleira.

“O obxectivo é promover a sostibilidade e a calidade no emprego ao tempo que propiciamos a integración da mocidade no mercado laboral, en particular da que non ten traballo e non está integrada nos sistemas de educación, procede de colectivos vulnerables ou corre o risco de sufrir algún tipo de exclusión, favorecendo así a continuidade dos programas académicos coa finalidade de obter os certificados de profesionalidade e mellorar a súa empregabilidade, cualificación e inserción, prevendo no posible e minimizando os períodos de desemprego, o que se constitúe como unha das prioridades deste goberno”, sinalou a edil.

Ana Abelleira indicou, así mesmo, que o proxecto conta co apoio do tecido empresarial local e que os itinerarios formativos, deseñados polos técnicos municipais do CEI – Nodus, así como a experiencia laboral que obteña o alumnado, se axustan ás necesidades trasladadas polo sector, de maneira que “agardamos acadar unha porcentaxe elevada de inserción laboral posterior”, concluíu a concelleira.

CCOO denuncia a modificación da RPT do Concello de Lugo

A sección sindical de Comisións Obreiras (CCOO) no Concello de Lugo denuncia a modificación da relación de postos de traballo (RPT) por parte do Goberno local mediante a publicación dunha “corrección de erros” no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Dado que os cambios afectan ao contido de diferentes postos —xefaturas de negociado e xefes de grupo—, é un “requisito legal imprescindible” levar a proposta á mesa xeral de negociación.

Desde CCOO lembran que a RPT está vixente desde hai un ano —acordo do Goberno local do 15 de xullo de 2020 e posteriormente do 13 de xaneiro de 2021— e que non se pode “despachar como unha simple corrección de erros” no BOP.

O sindicato entende que a modificación vén dada polo “concurso de provisión definitiva dos postos de traballo que están ocupados de forma irregular”, de aí que se publiquen os cambios cando a RPT xa leva un ano en vigor.

“Se o Concello detectou estes erros mediante os recursos que recibiu, debería modificar todos os postos que están na mesma situación, ademais de crear cincuenta postos de segunda actividade de bombeiros”, apunta a sección sindical de CCOO.

Á luz dos feitos, CCOO coida que desde o Goberno local están a actuar “de mala fe” na xestión dos recursos humanos municipais, vulnerando os principios que rexen a negociación colectiva. Por esta razón, piden a suspensión cautelar do concurso de provisión destes postos ata que se resolva a demanda.

A Deputación pide ao Estado “que lexisle para obrigar aos bancos a manter as oficinas e os servizos”

A corporación provincial aprobou por unanimidade unha proposta de goberno contra “o incremento dos abusos bancarios contra as persoas consumidoras e o deterioro dos servizos financieiros en Galicia”, promovida polo Goberno. A iniciativa demanda ao goberno do Estado “desenvolver mudanzas no ámbito da regulación do sector bancario para para frear a concentración bancaria” e “os abusos bancarios en materia de restrición de servizos, pacto de horarios para limitar os servizos de caixa e o incremento de comisións e reducións drásticas de oficinas e persoal”, ademais de instar á Xunta de Galicia a actuar en “materia de consumo” impulsando “campañas de información ás persoas consumidoras”.

O acordo tamén inclúe “expresar o apoio do Pleno da Deputación ás reivindicacións das traballadoras e traballadores da banca en defensa dos postos de traballo e do mantemento dos servizos financeiros básicos no territorio galego e dirixirse ás entidades bancarias presentes na provincia para demandar o mantemento dos servizos”.

Na súa exposición da proposta, o voceiro nacionalista Efrén Castro describiu como “a banca aproveitou o estado de alarma e a pandemia para cambiar substancialmente as comisións e condicións, precarizar a atención con horarios insostibles para realizar determinadas tramitacións ou obrigar ás persoas usuarias a utilizaren a banca electrónica”. Tamén se referiu “ao peche de oficinais bancarias que deixan sen servizos financieiros o rural”

Castro sostivo que se “os abusos bancarios empezan a ser insoportables para as persoas usuarias e para as persoas traballadoras, que ven como se precarizan as súas condicións mentras as entidades seguen repartindo beneficios”

“A solución non é financiar os bancos. A solución para que haxa oficinas e caixeiros no rural é obrigalos. O estado ten capacidade para lexislar. Polo tanto deixemos de investir diñeiro público nas entidades bancarias”, concluíu o voceiro nacionalista urxindo a actuación do goberno do Estado e afeando o “pim pam pum” de socialistas e populares atribuíndose mutuamente a responsabilidade dunha situación.

Alcoa

A formación nacionalista levou á corporación a “voz” dos traballadores e traballadoras, que esixen que a SEPI adquira a fábrica para garantizar a continuidade do emprego e da producion de aluminio na Mariña

Efrén Castro instou a socialistas e populares, “ao mando dos gobernos”, a que refrenden a súa votación a favor “intervindo a fábrica”

A moción recolle textualmente a proposta que  o comité de empresa trasladou a todos os grupos provinciais e que levou tamén, nas últimas semanas, aos plenos municipais dos concellos da Mariña.

Así, dacordo co punto de acordo da proposta,  a” Deputacíon de Lugo esixe ao Ministerio de Industria e á SEPI a intervención da fábrica de aluminio de San Cibrao nun acto único que levaría á compra e venda da factoría”, cumprindo “o mandato do Congreso dos Deputados e o Parlamento de Galiza, no que ambos aprobaron no seu día a intervención pública temporal para a posterior venda a un terceiro”

Feijóo: “Hoxe os galegos sentímonos máis orgullosos ca nunca da nosa Sanidade Pública”

O candidato á Presidencia do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou onte en Lugo que, “tras anos de mentiras dos partidos da oposición, hoxe os galegos sentímonos máis orgullosos ca nunca da nosa Sanidade pública”, engadindo que o seu partido xa está traballando para “seguir mellorándoa”.

Así, subliñou que, de cara ao futuro, avogan por unha Atención Primaria máis próxima ás necesidades dos profesionais e dos pacientes; pola necesidade de contar cunha convocatoria extraordinaria de MIR de médicos de familia e polo incremento de prazas de formación en especialidades deficitarias como Atención Primaria e Pediatría; por mellores infraestruturas e espazos máis humanizados, camiñando cara a hospitais que pensen máis na comodidade do paciente e da súa familia; por máis tecnoloxía; e por prestar maior atención á Saúde Mental.

Feijóo participou na Xunta Directiva provincial do PP de Lugo para presentar o proxecto da súa candidatura ao 17º Congreso autonómico, un cónclave de “reactivación orgánica, de actualización ideolóxica e de ilusión”. Alí manifestou que unha das aprendizaxes que deixou a pandemia foi que “en España hai unha lexislación ordinaria que non serve para situacións coma esta, por iso, ante o silencio e a desidia do Executivo central, os populares reformamos a Lei  galega, que é copiada polos socialistas nas Baleares sen que o Goberno a recorra”.

Do mesmo xeito, recordou que Galicia mellorou a súa capacidade diagnóstica e que funcionou durante a pandemia como un Hospital Único: “con total flexibilidade de espazos e recursos, cunha visión unificada entre as áreas e cunha tremenda solidariedade e coordinación entre os profesionais”, o que resultou ser un “modelo de éxito clave na xestión dos peores momentos” e útil para axilizar a atención.

Ademais, indicou que “se tomará exemplo das unidades posCovid, nas que profesionais de distintos servizos tratan integralmente a pacientes, trasladando esta experiencia a tratamentos de enfermos crónicos, oncolóxicos ou con enfermidades raras”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com