" />

A CIG advirte que o 95% dos contratos temporais que fai Carrefour Lugo están en fraude de lei

A sección sindical da CIG en Carrefour Lugo denuncia que o 95% dos contratos temporais que realiza a empresa están en fraude de lei, xa que de maneira sistemática ocupa postos de carácter estrutural con traballadores e traballadoras eventuais. Con estas prácticas, Carrefour fomenta a precariedade laboral, sobre todo entre as persoas menores de 25 anos e as mulleres con cargas familiares, xa que son o colectivo ao que maioritariamente lles ofrece estes contratos.

A  través desta elevadísima rotación, Carrefour quere evitar que o persoal consolide dereitos e renuncie a reclamalos ao estar en permanente incerteza sobre a continuidade do seu emprego. A sección sindical da CIG indica que, deste xeito, “Carrefour consigue ter traballadores e traballadoras submisas porque viven sempre con medo a que non lle renoven o contrato ou non os volvan chamar no futuro”.

As delegadas e delegados da CIG elaboraron un estudo sobre a evolución da contratación entre novembro de 2019 e maio de 2021, detectando que esta fraude se dá en todas as seccións pero cunha especial incidencia na liña de caixas. Sen contar os picos de contratación polas campañas como a do nadal (que si teñen carácter causal), explican que, tomando como referencia o número de empregadas e empregados na liña de caixas nos diferentes meses, “comprobamos que, de media, debería haber 35 postos estruturais, pero a realidade é que so hai 17 persoas con contrato indefinido”.

O resto das traballadora e traballadoras teñen un contrato temporal que ademais, na maioría dos casos, nin sequera é a xornada completa senón a tempo parcial, e cunha duración, polo xeral, de 11 meses. “A precaridade que promove Carrefour é tal que nin sequera contratan a este persoal o tempo suficiente para xerar o dereito a cobrar o paro. Cando pasan estes 11 meses bótanos á rúa, e tempo despois, vólvenos contratar por outra temporada”, denuncia Jesús Antonio Carballeira, delegado da CIG.

Denuncias na Inspección de Traballo

Dende o pasado mes de abril, a central nacionalista presentou 15 denuncias na Inspección de Traballo, ás que se adheriron traballadores e traballadoras afectadas, así como as correpondentes demandas na vía xudicial. Neste senso, Carballeira pon o acento nas dificultades que se atoparon para poder explicarlle ao persoal eventual que actuacións está a realizar a CIG e como poden reclamar os seus dereitos, debido á política de persecución e medo instalada na empresa.

“É inadmisíbel que Carrefour presente unha cifras de vendas en 2020 de 10.013 millóns de euros e un aforro de custes neste mesmo ano de 3.000 millóns. Este aforro deuse en persoal, porque a pesar do incremento brutal da carga de traballo, a empresa ten menos empregadas/os”, subliña.

Xunto á elevada temporalidade e a parcialiadade dos contratos, Carballeira denuncia que o exceso de xornada e os cambios dos horarios, os descansos semanais e as vacacións  son prácticas habituais das que se aproveita Carrefour “para gañar máis e gastar menos, nun modelo de explotación laboral e precarización das traballadoras e traballadores de Lugo”.

Por iso, a sección sindical da CIG anima as compañeiras e compañeiros a denunciar estas prácticas fraudulentas e reclamar un emprego estábel e en condicións dignas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo