Novas

Mantense en 191 a cifra de casos activos por coronavirus na Área de Lugo

Nas últimas horas o gromo aparecido en Sarria foi o feito máis destacable dos novos casos detectados por Covid-19 na área de Lugo aínda que parece que se estabilizou.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou na última actualización, que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.413 deles 486 son da área da Coruña, 191 da de Lugo, 163 da de Ourense, 176 da de Pontevedra, 203 da área de Vigo, 131 da de Santiago e 63 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 12 están en UCI, 30 en unidades de hospitalización e 1.371 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 125.283 persoas curadas, rexistrándose 2.435 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.347.403.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 2.600.212.

O PP cualifica de “bochornosa” a liorta  de PSOE e BNG por Quiroga Ballesteros

O Partido Popular no concello de Lugo, ven de emitir unha nota de prensa onde tilda de “infantil e vergoñento asistir ao tira puxa entre Lara Méndez e Rubén Arroxo” deste xeito resume o PP o novo capítulo da serie á que asistimos estes días os lucenses á conta da inauguración da peonalización da rúa Quiroga Ballesteros.

“Á alcaldesa o único que lle molesta é non sair na foto como promotora desta intervención urbana xa que se ve atrapada na trampa mortal da coalición á que chegou co BNG para ser alcaldesa. Mentres o vicealcalde, con boas palabras, resta importancia ao veto que lles impoñen e, cunha deslealdade pasmosa, plantase cuns gaiteiros na zona burlando esta prohibición”

O PP augura que este tipo de encontronazos se repetirán con maior intensidade nos vindeiros dous anos “este serial o único que demostra é a inestabilidade desta coalición e as loitas internas para ver quen vai ser a forza fagocitada pola outra. Aquí non priman as necesidades dos lucenses se non os réditos electorais”.

O Concello de Antas de Ulla entregou os premios dos certames infantís de Nadal e das Letras Galegas

O Concello de Antas de Ulla fixo entrega este xoves 24 de xuño, día de San Xoán, dos premios dos certames infantís de debuxo e narración convocados pola Biblioteca Pública Municipal con motivo do Nadal e das Letras Galegas.

Foron un total de 28 nenos e nenas os que resultaron premiados con material escolar, libros e un diploma.

A entrega de premios contou cos Bolechas que acompañaron ás tres mulleres que formaron o xurado, Antía Montes, Beatriz García e Andrea Santiago; e ao concelleiro de Cultura, Alberto Galego.

A presentación do acto correu a cargo de Teresa, a bibliotecaria municipal.

O Concello pon en marcha un plan de concentración de dispositivos para abordar a limpeza integral dos barrios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou esta mañá que, a partir de hoxe a área de Medio Ambiente, que dirixe Miguel Fernández, porá en marcha un plan de concentración de dispositivos municipais para abordar, dunha maneira integral, a limpeza dos barrios.

A rexedora explicou que, deste xeito, o Concello articulará un amplo operativo integrado polas empresas encargadas da limpeza urbana, do mantemento das zonas verdes e a revisión dos parques infantís – apoiados polas brigadas municipais – para unificar os esforzos por contornas e mellorar, así, o acondicionamento da cidade, sen descoidar o labor ordinario que se leva a cabo diariamente.

Un esforzo que se manterá mentres non se licita o contrato de mantemento de parques e xardíns – cuxos pregos se levarán á Xunta de Goberno, para a súa aprobación, no vindeiro mes de xullo – e non se adxudica o da limpeza viaria e recollida de lixo, “que se prevé poida outorgarse antes de que remate o verán”, avanzou a alcaldesa.

Pola súa banda, o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, indicou que, “nos vindeiros meses levaranse a cabo en cada barrio, co obxectivo de incrementar a eficacia das tarefas que abranguen, de forma simultánea e coordinada, a roza – tanto de vías como de predios municipais – o varrido mixto das rúas e bordos – para o que se mobilizará unha varredora e un peón con soprador – a limpeza dos sumidoiros e dos colectores así como dos bancos e resto do mobiliario urbano con máquinas a presión que tamén se empregarán na eliminación de graffiti, o baldeo das rúas e perfilado do céspede; desherbaranse os camiños interiores das zonas verdes e colocarase planta con flor, alén de limpar e amañar os alcorques das árbores e de podar sebes e arbustos”, incidiu Miguel Fernández.

Actuacións, todas elas, que foron planificadas dende Medio Ambiente coas empresas concesionarias dos diferentes servizos e que hoxe mesmo daban comezo no barrio do Castiñeiro.

Todos estes dispositivos permanecerán na mesma zona até durante o tempo que sexa necesario para completar os traballos – abondou o tenente de alcaldesa – e, a continuación, iranse desprazando polo resto da cidade na seguinte orde: Casás, Abella, A Residencia, As Gándaras, Sagrado Corazón, Galegos, Aceña de Olga, Fingoi, Augas Férreas, A Milagrosa, A Cheda, o centro da cidade, Fontiñas, Castelo – A Chanca, Barrio da Estación, Barrio Feijoo, Paradai, Frigsa, San Lázaro – A Ponte, A Louzaneta, Inmediacións do HULA e Montirón – San Fiz”.

A rexedora quixo facer, á súa vez, un chamamento á poboación en prol do civismo, “clave para a convivencia” – dixo – “en tanto coidar o noso entorno é unha tarefa que nos compete a todas e a todos. Por iso quero apelar á concienciación cidadá para que as e os lucenses traballemos da man preservando e mantendo os espazos públicos”.

Unha mensaxe de responsabilidade colectiva que Lara Méndez aproveitou para dar conta de que, dende o 2020, o Concello de Lugo leva tramitados un total de 341 expedientes por acumulación de maleza en predios particulares, instando aos seus propietarios a corrixir esta situación, porque “a neglixencia duns poucos non pode supoñer un prexuízo para todos”.

O procedemento se inicia coa comunicación á ou ao titular dos terreos en desleixo e continúa co trámite de audiencia polo prazo de 15 días, ben para que formulen as alegacións que estimen oportunas e presenten os documentos e xustificacións que consideren pertinentes, ben para que executen as actuacións sinaladas.

Ese escrito inicial, segundo recoñecen dende Medio Ambiente, está sendo, nalgúns casos, estímulo suficiente para que os donos actúen pero, cando non é así, o Concello está procedendo tamén á execución forzosa de forma subsidiaria e á imposición de multas coercitivas

O Goberno local afea ao Pp por instrumentalizar á cidadanía, promovendo que accedera sen permiso ao recinto pechado do Auditorio

“Absolutamente vergonzoso”. Así é como o portavoz do Goberno Local e tenente de Alcaldesa, Miguel Fernández, cualificaba hoxe o acto desenvolvido polo Grupo Municipal do Partido Popular no novo Auditorio.

“Un espazo privado e pechado que foi violentado, manipulando o valado de arame, ao que se entrou sen permiso e sen medidas de seguridade, co único obxectivo de obter réditos mediáticos e políticos, comprometendo a integridade dos alí presentes e mesmo rozando o que podería considerarse un comportamento delitivo, ao acceder á propiedade sen ningún tipo de autorización”, afirmou o concelleiro. Un aspecto que se pode comprobar tanto na imaxes difundidas polos medios de comunicación como nos vídeos que o propio partido publicou nas redes sociais.

Con esta contundencia se refería Miguel Fernández á concentración que o Pp promoveu esta semana reivindicando a apertura do novo auditorio, “unhas présas que non tivo, en cambio, nos quince anos anteriores mentres nin se adxudicaba, nin se executaba, nin se remataba a obra”.

Neste senso, o tenente de alcaldesa instou ao Pp “a empezar a traballar con seriedade, desbotando actuacións neglixentes e oportunistas como esta, que o único que evidencian é a súa falta de escrúpulos e cales son as súas prioridades: nunca o interese xeral de Lugo”.

A Deputación achega preto de 10.000€ para unha nova edición do Festival Aturuxo de Bravos

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o Alcalde de Ourol, José Luis Pajón Camba, asinaron este venres no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración para impulsar unha nova edición do Festival Aturuxo de Bravos. Esta cita, que reunirá o vindeiro 10 de xullo a grupos e artistas de referencia no panorama musical tradicional, contará cunha achega de preto de 10.000€ da institución provincial.

“Gracias a este convenio apoiamos unha cita que pon en valor a nosa cultura, que é inclusiva, porque será accesible tamén para persoas con discapacidade auditiva e que xa é todo un referente na nosa provincia”, sinalou Tomé Roca. O Presidente destacou a importancia que ten este tipo de eventos para dinamizar a vida social e económica dos concellos do rural e animou á veciñanza da provincia a participar nesta actividade musical “porque a cultura é segura e porque é o momento, con todas as precaucións debidas e con toda a prudencia, de recuperar pouco a pouco a normalidade”.

Este festival, que xa vai pola súa novena edición e que non puido celebrarse o ano pasado por mor da pandemia, contará cun intérprete de linguaxe de signos e está organizado pola Asociación Cultural Aturuxeiros.

A cita musical terá unha zona de acampada gratuíta e a organización tamén ten previsto un servizo de transporte desde a estación de autobuses de Viveiro ata a parroquia ourolesa de Bravos. A achega da Deputación de Lugo axudará ao concello de Ourol a sufragar os gastos deste evento que terá un impacto positivo no sector hostaleiro, comercial e turístico de Ourol e da contorna.

Trasladan os actos de inauguración de Quiroga Ballesteros á Praza da Soidade e o PP critica a “loita de egos”

Dende a área de alcaldía do Concello de Lugo remitían onte un comunicado aos medios onde se daba a coñecer a suspensión das actividades programadas polo BNG, tamén no Goberno local, co gallo da inauguración da rúa recén peonalizada Quiroga Ballesteros. Dende alcaldía alegaban que os actos non se poderían realizar debido a que o Concello aínda non recibira a obra. Segundo informa o Goberno local, dous informes, de Enxeñería e de Intervención, conclúen que a obra “non se pode dar por recibida” polo que non é susceptible de entrega ao uso público e, polo tanto, “imposibilita a realización de calquera tipo de acto, para non incorrer nun problema de seguridade cidadá”. 

Pola súa banda, os nacionalistas, malia que non se pronunciaron sobre esta comunicación de alcaldía, acatan a decisión e trasladan os actos á Praza da Soidade onde unha carpa xa colocada será a que acolla, entre outros, os concertos previstos.

Ante esta situación, os populares da localidade veñen de criticar a “loita de egos entre PSOE e BNG” que, din, “certifica que a dous anos das eleccións se intensifican as cambadelas entre eles para ver quen acapara máis titulares”. Deste xeito resumía o voceiro da agrupación, Ramón Carballo, esta sucesión de actos convocados polo BNG e desconvocados pola alcaldesa. O popular tilda a situación de “circo político” e advirte que a “deslealdade entre os dous partidos políticos do Goberno perxudica á cidadanía”.

Precisamente con respecto á obra que xera a polémica desde o PP lamentan que “non fosen capaces de cumprir a súa promesa inicial; non só atrasouse a execución da obra senón que renunciaron ao proxecto de cubrir Quiroga Ballesteros a pesar de que houbo un concurso de ideas e un deseño gañador”.

“É unha boa noticia que teñamos máis zonas peonís pero o resultado é moi simple, nada que ver co proxecto ambicioso que nos vendía para estar no punto de mira internacional”. De feito son rechamantes as manchas de aceite e sucidade que ten xa a rúa “máis que recentemente estreada parece que leva anos aberta e sen limpar” polo que, desde o PP, reclaman unha limpeza en profundidade.

O portavoz popular considera unha “incoherencia” que se utilicen diferentes estratexias á hora de programar actos públicos en inauguracións “dependendo de quen as presida” engadindo que “este tipo de actitudes cabrean aos lucenses e poñen en ridículo ao Concello de Lugo e os seus representantes”. Referíase así ao caso do acto que se celebrou na Praza da Milagrosa cando aínda non estaba a sinalización viaria instalada.

Carballo concluía que “moito nos temos que o que vivimos onte sexa a punta de iceberg da guerra aberta entre PSOE e BNG e que sufriremos nos próximos dous anos”.

 

Nova suba de casos activos tras un aumento moi importante dos positivos detectados

Nova xornada de suba de casos activos que vén dada tras un máis que significativo aumento dos positivos detectados e que sitúan as cifras totais a niveis de principios de mes. Remata así un período de estabilidade e haberá que ver nas vindeiras xornadas se esta suba é anecdótica ou se se mantén no tempo, o que podería significar unha volta atrás no alivio das restricións. 

En cifras, e ata as seis da tarde de onte, o SERGAS rexistraba un total de 191 casos activos, debido, sobre todo, á importante suba dos positivos detectados onte, e que chegan ás 28 persoas tras detectarse varios gromos dos que daremos conta máis adiante. 

No tocante á presión asistencial, hoxe continúa nos mesmos niveis que na xornada anterior. Así, o HULA tan só suma 3 pacientes, 2 en planta de hospitalización e 1 na UCI. 

Por último, no que a datos se refire, as altas médicas continúan rexistrando mínimos, sendo tan só 9 persoas as que, nas últimas horas, poden dicir que se recuperaron tras dar positivo en covid19. Con todo, dende o comezo da pandemia son xa 12.754 os lucenses que recibiron a alta. 

Como diciamos esta suba vén dada tras detectarse dous grandes gromos na provincia. Así, o primeiro, e no que se rexistran xa 26 positivos, foi localizado en Sarria, e está vinculado a un local de hostalería e unha comida familiar. Así, dende sanidade non descartan novos contaxios pois todavía seguen cribando contactos estreitos. A este respecto, o alcalde da localidade vén de publicar un bando instando á cidadanía a que se someta a un cribado voluntario.

Doutra banda, na capital, rexistrouse nas últimas horas un novo gromo con orixe en Mallorca. E é que 10 estudantes de dous centros educativos de Lugo resultaron positivos en PCR logo de se detectar un macro gromo de preto de 400 positivos en todo o Estado vinculado á illa. Ao parecer, os estudantes, todos de segundo de Bacharelato, realizaron unha excursión, organizada por eles mesmos e sen vinculación aos centros de ensino, á illa para celebrar o fin da Selectividade. Ademáis vincúlanse a este gromo o positivo de 2 adultos, proxenitores de dous dos estudantes infectados.  Segundo confirmou o Conselleiro de Sanidade, en Galicia hai preto de 50 casos vinculados a Mallorca e entre os que se detectaron a variante británica e a delta.

Ansia

A Lugo séntalle ben o bo tempo, e aos lucenses tamén. Cando temos un día triste, con choiva, andamos pola rúa buscando refuxio, que a choiva pode ser unha maravilla, pero ás cidades convenlles que veña racionada.

Co bo tempo, o centro vólvese peonil, con multitudes que invaden na Praza Maior as mesas dos bares panorámicos, para ver e ser vistos. E dias pasados, fixo tan bo tempo que non só nos botamos ás rúas, senón que ficamos expectantes diante do Arde Lucus, que ía medrado diante dos nosos ollos coa montaxe de pacíficos escenarios guerreiros.

Tiñamos tantas ganas de festa, que nos enchía o ollo ver como se montaba o campamento romano diante da Casa do Concello, sendo un espectáculo contemplar a lexionarios en traxe de faena facer unha cadea humana para trasladar innumerables toros de madeira para calefacción, ou a saber para que a utilizaban os romanos, creando clima festeiro para un Arde Lucus de circunstanstancias, que tiña o mérito grandísimo de demostrarnos a todos que a vida segue.

En Lugo, viñémonos arriba co aparente ocaso do Covid, vacunacións en masa, bo tempo, as vacacións do final de curso, e a todos o corpo nos pediu xolda diante da provocación festeira, porque o noso espírito é mozo, pero temos que lembrar que os mozos nas festas somos carne de cañón para ese virus empeñado en fastidiarnos a vida.

Pasou a festa, e a choiva non conseguiu, entre a prevención e as ganas de botarnos a perder; entre a prudencia e a explosión que nos pide o corpo, calmar a nosa sede de festa. Mais ben, ao contrario. Reafirmounos nas ansias de ter as festas en paz, e unhas festas plenas. En canto o tempo mellore.

O PP propón a creación dunha área de servizo para caravanas en Cervantes

O Grupo Municipal Popular de Cervantes defenderá no pleno do vindeiro mércores unha iniciativa de impulso ao turismo no municipio. Así, os populares proporán que o Concello estude a posibilidade de acondicionar unha área de servizo para caravanas co obxectivo de facilitar este servizo aos seus usuarios interesados en visitar Cervantes.

O voceiro popular, Javier Santín, explica que “o noso municipio non conta con este tipo de áreas habilitadas para as paradas técnicas de caravanas ou autocaravanas con servizos coma toma de auga, contedores do lixo e puntos de baleirado de augas, entre outros”.

O popular cre conveniente “aproveitar a inercia da revitalización do turismo en grandes espazos abertos ao aire libre e, polo tanto, do turismo na zona rural que xorde na actualidade derivada da pandemia da covid-19; tendo en conta o valor do entorno natural e paisaxístico de Cervantes e o seu potencial turístico”.

Santín explica, ademais, que “se trata dunha demanda do colectivo” que se debe atender porque “é un tipo de turismo que pode encaixar moi ben no noso territorio”.

Os populares proporán tamén na vindeira sesión plenaria que o Concello se implique coa familia afectada polo incendio dunha nave da súa explotación gandeira. Santín explica que “ante esta situación tan dramática, o Concello debe axudar, na medida do posible. Por exemplo, ofrecendo o apoio de operarios municipais para realizar tarefas de limpeza”.

Así mesmo, o voceiro popular proponlle ao goberno local habilitar unha conta bancaria para recoller doazóns totalmente voluntarias dirixidas á reconstrución da nave gandeira afectada polo incendio. “É unha medida de apoio na que o Concello pode tomar a iniciativa facilitando aos veciños que puideran estar interesados en colaborar unha conta na que depositar as súas doazóns voluntarias que se dirixirían exclusivamente a sufragar os custes derivados do incendio”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com