Novas

Jazz este sábado no Ateneo con David Regueiro Quartet

O Ateneo Casino de Monforte ofrece unha nova cita musical, desta volta de jazz con David Regueiro Quartet. Será este sábado 26 ás 21:00 h no Salón de Xogos do Ateneo.

O cuarteto de jazz David Regueiro Quartet son Pablo Castaño no saxo, David Regueiro na guitarra e composición, Alfonso Calvo no contrabaixo e Segio González na batería. Interpretarán temas do seu traballo discográfico O Camiño, presentado en xaneiro deste ano da man de Fundación Vicente Risco e Xacobeo 2021.

O Camiño está formado integramente por composicións orixinais e inspírase na música tradicional sen perder a esencia jazzística dun cuarteto que explora novos camiños pola ruta da tradición.

Todas as músicas deste novo traballo foron interpretadas coa guitarra “Maruxa Vieira”, unha peza deseñada e construída especialmente para este proxecto polo luthier Carlos Sabrafén. O prezo do concerto son 3€ para socios do Ateneo e 5€ para non socios. As reservas fanse no teléfono do Ateneo (648 435 033). Haberá servizo de bar durante o concerto.

Ribadeo tínguese de cores par celebrar o Día do Orgullo LGTBIQA+

A Concellaría de Igualdade de Ribadeo organiza o 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBI, diversas actividades que terán lugar no parque de San Francisco destinadas a rapaces e rapazas de 3 a 13 anos. Haberá unha ximkana, un mural creativo, marionetas diversas, obradoiros de pulseiras creativas e flashmob. Para a xente moza e adulta está programada unha proxección no Teatro ás 20:00 horas. Ademais na Casa do Concello lucirá, desde hoxe, a bandeira LGTBI.

A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, contou que “a Concellería de Igualdade, con motivo da conmemoración o 28 de xuño do Día Internacional do Orgullo LGTBI, vai desenvolver unha serie de actos para evidenciar que Ribadeo é unha vila que acolle e que respecta a todas as persoas. Como ben di o lema que escollemos este ano, Por un Ribadeo de cores, no que cada quen será o que queira ser, sempre reivindicamos que o aspecto educativo e lúdico é unha das mellores maneiras de concienciar e de sensibilizar sobre aqueles temas como a igualdade, o respecto ás diferenzas sexuais, á identidade sexual e á diversidade e por iso organizamos unha serie de accións”.

A edil ribadense explicou que “van ser o vindeiro luns, 28 de xuño, se o tempo o permite no parque de San Francisco dende as once da mañá ata a unha e media da tarde. E as actividades van estar destinadas a nenos e nenas e rapaces e rapazas entre 3 e 13 anos. Se o tempo non o permitise trasladarémolas a Escola Municipal de Música e Danza. Van ser gratuítas, respectando os aforos e as medidas covid, como é pertinente. Vai haber unha ximkana a través do parque, buscando pistas, para facer a palabra LGTBIQ+. Imos facer tamén un mural creativo co lema Todos sumamos, integramos a todos os colectivos visibilizándonos. Imos traballar tamén marionetas divertidas, onde cada persoa, nun ambiente totalmente lúdico, pode expresar con liberdade todo o que sinte, como se sinte e traballar conceptos sobre a diversidade, pero dunha maneira distendida. Tamén faremos pulseiras creativas onde poñamos en marcha a nosa imaxinación e a través das cores da bandeira LGTBI poidan facer a súa pulseira e levala para casa”.

Mariluz Álvarez seguiu a relatar que “se rematarán as actividades cun flashmob, que á unha coreografía grupal onde o que se trata é que, a través dunha música, as persoas se vaian unindo en torno á loita pola diversidade para ir sumándonos con todos e todas bailando ao son da igualdade e da diversidade, cara ao respecto, e despois poderase gravar un vídeo que poderemos colgar nas nosas redes para gardar este momento moi especial. Todas estas actividades están deseñadas por unha compañía especializada, por monitores especializados que forman parte da compañía AmorOdio Teatro. Son totalmente de balde e simplemente por achegarse o luns 28 ao parque de San Francisco poderán desfrutar de todas e cada unha delas”.

A concelleira de Igualdade engadiu que “non nos esquecemos da xente máis moza e da xente tamén máis adulta, polo tanto o día rematará cunha sesión de cine, ás oito da tarde, con entrada de balde no Teatro, onde se proxectará o film La (des)educación de Cameron Post. Calquera persoa que o desexe a partir dos 12 anos poderá asistir. Tamén temos que dicir que para toda a nosa vila, como ven sendo habitual ao longo dos últimos anos, a Casa do Concello, a casa de todos e de todas nós, a partir de hoxe loce no seu balcón unha bandeira LGTBI porque dende o Concello de Ribadeo imos seguir reivindicando e traballando para garantir a diversidade, a liberdade e a expresión de todas aquelas persoas no que atinxe a súa orientación, a súa identidade e a súa sexualidade. Así que convidamos a todos os rapaces e rapazas a partir de tres anos en adiante a que se pasen a mañá do luns, 28 de xuño, polo parque de San Francisco para desfrutar, compartir con nós e reivindicar ese Ribadeo de core, onde cada quen sexa o que queira ser”.

O Concello de Vilalba abre de novo á circulación a rúa da Pravia, logo do derrubamento e incendio dun edificio

O Concello de Vilalba informa aos seus veciños e veciñas da apertura no día de hoxe á circulación de vehículos a rúa da Pravia, pechada desde o pasado día 7 por mor do derrubamento e incendio dun edificio.

Restablécese a circulación por un só carril, unidireccional en sentido Lugo- Mondoñedo, por motivos de seguridade. Diante dos edificios afectados polo accidente está habilitada unha pasarela para peóns.

O Concello de Vilalba demanda á cidadanía que por favor respecte as sinais e as indicacións dos axentes da policía, pedindo desculpas polas molestias e lembrando que todas as medidas teñen como obxectivo preservar a seguridade das persoas.

O pasado venres, a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández, explicaron en rolda de prensa os motivos dos cambios provisionais de tráfico na rúa da Pravia. “Prodúxose unha situación de emerxencia tras o incendio e o derrubamento do pasado día 7 e tomamos medidas de urxencia para garantir a seguridade das persoas e tamén dos inmobles”, manifestou a alcaldesa, que insistiu en que “o único importante agora mesmo é garantir a seguridade”.

O grupo de goberno tivo coñecemento a semana pasada dun informe que Espina e Delfin entregou ao anterior grupo de goberno no ano 2017, “advertindo do mal estado das tuberías de abastecemento de auga na rúa da Pravia”, apuntou Fernández, que lamentou “a irresponsabilidade do anterior goberno de non informarnos desta situación”.

Por último, o concello transmite de novo “tranquilidade e confianza aos veciños e veciñas”, afirmando que se tomarán as medidas oportunas coa única intención de previr riscos.

Pechan o local La Máquina por graves incumprimentos da normativa e xerar inseguridade na zona

A Policía Local vén de solicitar ao servizo de Negociado do Concello que abra un expediente sancionador ao local La Máquina, sito en Camiño Real, e que adopte, como medida cautelar, a suspensión da actividade e a clausura do propio establecemento.

O Inspector Xefe, Jesús Piñeiro, trasladou esta mesma semana á rexedora de Lugo a necesidade de tomar medidas contra este negocio ante a situación de inseguridade cidadá que está a ocasionar na contorna.

Dende a xefatura do Corpo sinalan que, dende hai algún tempo tanto a Policía Local como a Policía Nacional desenvolven, con excesiva asiduidade, intervencións nesta cafetería na que, de forma reiterada, se producen altercados.

Tanto é así que, no seu informe, o Inspector Xefe cuantifica en máis dunha vintena o número de actas de denuncia que se levantaron nos últimos meses por quebrantar as restricións impostas pola COVID, entre outras, por superar o límite horario, carecer de rexistro de clientes para ceas, consumir bebidas en pé, non ter inhabilitada a barra ou superar o aforo, etc; así como a existencia de até 6 atestados da Policía Nacional por sucesos graves como liortas, agresións violentas – mesmo con arma branca -, venta de drogas e obxectos roubados, e sempre promovidos ou ao abeiro da permisividade do seu propietario, principal instigador do clima de hostilidade co que se recibe ás patrullas no exercicio do seu labor.

Un escenario que Lara Méndez pretende reverter. A alcaldesa de Lugo sinalou que “o cumprimento da normativa pola que se rexen estes negocios é unha preocupación, fundamental para o Goberno, de maneira que as directrices establecidas dende o Concello foron, sempre, as de estreitar o control aos mesmos para poñer fin aos prexuízos que poidan ocasionar. Sempre dentro das competencias que nos corresponden, queremos enviar unha mensaxe, tranquilizadora para a veciñanza pero contundente para aqueles que contraveñen a lei, de que o Concello de Lugo e a Policía Local están a actuar para conxeniar o beneficio empresarial cos dereitos de todas e todos”.

Deste xeito, Méndez lembrou o peche, o pasado mes de marzo doutro local, tamén ubicado en Camiño Real e propiedade do mesmo titular, que foi suspendido de actividade por circunstancias similares.

“Episodios como estes inciden negativamente no municipio. Primeiro porque crean un clima de inseguridade, risco e medo na poboación pero tamén porque transmiten unha elevada percepción de desconfianza que compromete a calidade de vida da veciñanza e a tranquiladade na zona, danando igualmente a imaxe do sector hostaleiro ao que, en nada, representan”, abondou a alcaldesa. “Un sentimento de malestar que pretendemos reverter, instando ás autoridades competentes a pechar este negocio para poder recuperar a convivencia pacífica coa que verdadeiramente nos identificamos todas e todos os lucenses”, concluíu Lara Méndez.

Pista de pádel, parques infantís e o centro de interpretación de feiras centran a programación de investimentos de Monterroso

O equipo de goberno do Concello que conta con mayoría absoluta na Corporación someterá a Pleno a utilización de remanentes para diferentes actuacións. A proposta que conta co informe favorable de intervención someterase a Pleno o vindeiro martes día 29 de xuño.

En concreto destinarase unha partida de 50.000 euros para o museo e centro de interpretación das feiras e cumprir así co convenio xa asinado ca Consellería de Cultura na que a administración aporta 200.000 euros.

Construirase unha terceira pista de padel na que o Concello aportará 40.000 euros que se suman aos 40.000 euros xa aprobados por unha subvención da Xunta de Galicia.

Para os parques infantís tamén haberá unha partida específica de 60.000 euros co fin de ampliar a zona de xogos e mellorar os parques actuais. Os xardins municipais tamén se mellorarán cun investimento de 35.000 euros, repoñendo moviliario para mellorar o benestar dos monterrosinos e poder desfrutar dos espazos verdes do Concello.

Aportarase 15.000 euros nesta anualidade para o compromiso adquirido coa Conselleira de Infraestructuras e Vivenda para a construcción dun tanque de tormentas. Trátase dunha obra moi necesaria e na que xa se está traballando no proxecto técnico.

Tamén se mellorarán e humanizarán rúas municipais. En concreto mellorarase parte da rúa Concepción Arenal anchecendo as beirarrúas e mellorando a accesibilidade e seguridade, especialmente para o Centro de Saúde e a Gardería Municipal cambiando tamén a señalización, o cableado, así como o enfoscado do muro de bloque que hai na beirarrúa. Un tramo da rúa Rosalía de Castro tamén se mellorará modificando tanto o firme como humanizando a rúa.

A calle San Antonio e a Calle G sufrirán un importante cambio cunha aportación de máis de 50.000 euros para humanizar os espazos. Tamén se prevé o repintado da Avenida da Coruña e a mellora da accesibilidade de diversas rúas.

Trátase dunha aposta do equipo de goberno para continuar na súa línea de traballo humanizando espazos, mellorando e creando servizos, potenciando turísticamente os seus recursos e conseguindo que Monterroso continúe mellorando e avanzando no asentando de poboación, especialmente da máis nova.

Comeza o plan de roza no rural coa limpeza simultánea de Orbazai, Tirimol, Bosende e Piúgos

O responsable da área de Cohesión Territorial, Miguel Fernández, supervisou hoxe o inicio dos traballos de roza no rural.

Hoxe arrincaron os labores, de forma simultánea en catro parroquias, en concreto en Orbazai, Tirimol, Bosende e Piúgos e, a continuación, as tarefas se estenderán nas vindeiras semanas a todos os núcleos do municipio”, indicou o concelleiro.

As intervencións céntranse en acometer unha limpeza mecánica e manual da maleza polas dúas marxes da vía, alcanzando a paseos, gabias e noiros contiguos, ben en terraplén ou en desmonte e incluso as pólas das árbores ata obter un gálibo libre que permita circular con seguridade polas estradas ou camiños”, explicou Fernández ao tempo que lembrou que a altura máxima de calquera tipo de vexetación, despois da sega, non deberá superar nunca os sete centímetros. “Así mesmo, tamén se están a acondicionar os campos da festa, explanadas ou prazas que sexan públicas”.

O tenente de alcaldesa sinalou que estas actuacións se completan coas de roza de camiños e pistas forestais, “que se realiza durante todo o ano con maquinaria do Parque Móbil municipal, de maneira que non só tratamos de mellorar as comunicacións viarias e a comodidade das e dos condutores, senón que tamén contribuímos a previr incendios”.

O edil recordou que o investimento do Concello neste plan de roza alcanza os 107.064 euros “cos que temos a vontade de mellorar a calidade de vida da veciñanza que reside no rural”, concluíu.

Rego solicita a comparecencia da Ministra de Industria para abordar a intervención de Alcoa

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou hoxe a solicitude de comparecencia na Comisión de Industria da Ministra Reyes Maroto e da Presidenta da SEPI, Belén Gualda, para que expliquen a posición do Goberno sobre a situación de Alcoa San Cibrao e das plantas da Coruña e Avilés e, particularmente, sobre a negativa expresada nas últimas semanas a que a SEPI se faga cargo das plantas como paso imprescindible para garantir proxectos industriais estables que aseguren a continuidade da actividade e dos postos de traballo.

O BNG considera que a situación en que se encontran as plantas non permite esperar máis e exixe de solución decididas. No caso de San Cibrao, porque se aproxima a finalización do prazo de dous meses estabelecido para a negociación e persiste a reclamación de que calquera proceso de compra-venda pase pola SEPI. Xa no caso da Coruña porque a planta se acha baixo intervención xudicial e cunha recente sentenza de aplicación do ERE que fai perigar a continuidade da actividade da factoría.

Néstor Rego considera que, neste contexto, a resistencia do Ministerio á intervención pública “é inaceptábel e irresponsábel” e reclama dar cumprimento ás dúas resolución do Congreso -impulsadas polo BNG- que instaban o Goberno á intervención pública das plantas de aluminio.

“Vista a experiencia da Coruña e Avilés e a situación de San Cibrao, fica claro que a única garantía de que a operación de compra-venda sexa exitosa e posibilite unha saída industrial duradeira e de futuro é a compra previa por parte da SEPI como ponte. É o que están reclamando os traballadores e traballadoras. Por iso non entendemos a negativa do Goberno español expresada nas últimas semanas”, sinala Rego.

Para o deputado do BNG resulta máis rechamante esta negativa tendo en conta que hai 15 se facía pública a decisión do Ministerio de Industria de financiar con cargo a un fondo de 600 millóns de euros a construción dunha nova planta de aluminio primario en Zamora. “Non nos parece de recibo que en canto o Ministerio de Industria se resiste a cumprir os compromisos estabelecidos, incluídas as resolucións do Congreso, estea en disposición de financiar con recursos públicos unha nova planta de aluminio, promovida, por certo, por un coñecido empresario con boas relacións tanto co PSOE como co PP. Primeiro que cumpran coa Mariña e coa Galiza”, resalta Néstor Rego.

O BNG quere que tanto Reyes Maroto como Belén Gualda dean explicacións no Congreso sobre as xestións que están a realizar e a opción da intervención pública para garantir a continuidade da actividade e da totalidade dos postos de traballo nas plantas de aluminio.

Sen máscaras en exteriores e apertura do ocio nocturno a partir do 1 de xullo: así segue a desescalada

O Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo vén de comparecer ante os medios hai escasos minutos para informar das principais medidas adoptadas polo Comité Clínico que asesora ao Executivo, despois da súa última reunión, onte á tarde. 

Feijóo asegurou que estamos ante unha situación de estabilidade e “de pandemia controlada” malia que animou á cidadanía a seguir, dixo, en alerta. Así o mandatario galego avanzou que este sábado entrará en vigor unha nova normativa que regulará os aforos. Así as terrazas do nivel máis baixo de limitacións poderán ocupar o 100% das súas mesas, mentres que no interior, polo momento manterán o aforo ao 50%.

Do mesmo xeito, dende o sábado a Xunta permitirá que bares e cafeterías sirvan na barra as consumicións, ao igual que o cliente poderá facer o pedido en barra. O que todavía non permitirán será consumir. Asemade, o ocio nocturno abrirá as súas portas, a partir do vindeiro 1 de xullo.

No tocante á retirada das máscaras, o comité clínico propuxo unha retirada ordenada en exteriores; é dicir, eliminar a súa obrigatoriedade salvo cando non sexa posible manter a distancia de seguridade dun metro e medio entre persoas. Nos espazos interiores, polo momento, seguirá sendo de uso obrigado.

Durante a rolda de prensa, Feijóo referiuse nun primeiro termo á nova situación de aforos que entrará en vigor o vindeiro sábado. Deste xeito, confirmou o aumento do 50 ao 75% do aforo en lugares de culto, academias e centros de formación, congresos, ximnasios, museos, arquivos e bibliotecas, acuarios e zoológicos; ademais do incremento de 25 a 50 persoas do número máximo de asistentes a un enterro.

Nesta mesma liña, anunciou a reapertura das áreas de descanso e de lecer infantil dos centros comerciais; o aumento da capacidade máxima das prazas de pé do transporte urbano, pasando dun sexto a un terzo; o contacto físico nos establecementos de actividades deportivas e nas academias de danza; así como a reincorporación de forma presencial, desde o 5 de xullo, dos empregados da Xunta que estaban teletrabajando de maneira excepcional.

 

Descende o ritmo de contaxios pero elévase lixeiramente o número de casos activos de covid

Baixa o ritmo de contaxios de covid na provincia de Lugo, ao tempo que descende de forma máis que significativa o número de altas médicas. Esto deixa á provincia, de novo, en ascenso no número de casos activos.

Así o revela o último informe do SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde de onte e que cifra en 164 as infeccións activas, 3 máis que na xornada anterior.

E é que malia que reducíronse á metade o número de positivos, que nas últimas horas foron 8 persoas, o certo é que o freo das altas médicas rexistradas nas últimas dúas xornadas está causando esta nova suba de casos.
Así, segundo informou o SERGAS, no día de onte tan só recibiron a alta médica 4 persoas, case igual que na xornada anterior que eran 6 persoas as que se recuperaban tras dar positivo en covid.

Outro baremo que continúa igual un día máis é a presión asistencial.O Hula segue rexistrando 4 pacientes en planta de hospitalización e un na UCI. O resto de hospitais continúan hoxe sen rexistrar casos covid.

E trala reunión, onte, do Comité Clínico que asesora á Xunta nas medidas a tomar en relación coa pandemia, o Executivo Galego tomou a decisión de pasar ao Concello de Castroverde ao nivel medio de restricións logo de se detectar un gromo a pasada fin de semana. Dende a medianoite do vindeiro sábado, entrarán no municipio as novas limitacións mentres que o resto de concellos da provincia continuarán no nivel baixo de restricións. O presidente da Xunta, comparecerá hoxe para expór as medidas acordadas polo comité clínico así como as condicións para a retirada da máscara ao aire libre que o Goberno central anunciou para o vindeiro 26 de xuño.

A Rúa Quiroga Ballesteros únese á rede peonil de Lugo

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, acompañado polo resto de concelleiros e concelleiras da Tenencia de Alcaldía e persoal técnico da obra e do Concello, visitaron a rúa Quiroga Ballesteros, que se vén de unir á rede de rúas peonís de Lugo. Rubén Arroxo afirmou que “desde hoxe as veciñas e veciños contamos con máis espazo peonil no casco histórico, que xa está a ser utilizada por moitas persoas desde que se abriu o tránsito peonil”.

A rúa Quiroga Ballesteros únese aos 46.934 metros cadrados de rúas peonís da zona centro, contando as zonas peonís de dentro da muralla e o treito peonalizado da Ronda. “Con esta actuación ampliamos o espazo peonil ata chegar a completar un total de 49.584 metros cadrados de espazo para a veciñanza”, explicou Rubén Arroxo. Os espazos peonís do centro continuarán a incrementarse nos vindeiros meses, coa incorporación dos 3.660 metros cadrados do treito da Mosqueira, que está en execucion.

A actuación realizada de Quiroga Ballesteros incluíu a renovación do saneamento, as instalacións eléctricas e o alumeado público, ademais da renovación de rexistros e a instalación de novo mobiliario urbano. Ademais, ampliouse a zona de execución, mellorando tamén a estética da parte baixa de Santo Domingo, no treito de dobre curva que se atopa pegado á saída do aparcadoiro.

Desde a área de Cultura organizáronse unha serie de actividades para esta fin de semana, coincidindo coa apertura da nova praza peonil. Serán tres concertos de agrupacións locais de distintos estilos. Os concertos serán con cabida limitada e un espazo acotado, para garantir o cumprimento das recomendacións sanitarias vixentes no momento.

Os concertos comezaran o venres 25 ás 20:30 con Nebra, un grupo lucense xurdido no ano 2020 que fusiona aspectos vocais da música tradicional galega e do folk con sons propios do rock, metal e efectos de electrónica. As súas letras teñen unha temática centrada nas desigualdades sociais, no feminismo e nos problemas da saúde mental.

O sábado 26 ás 18:30 será o turno de Cine Mudo Animado, espectáculo de cine mudo de animación con música en directo da man do pianista Luís Monsalve, onde as familias poderán desfrutar dunha tarde de cine clásico para todos os públicos.

As actividades rematarán o domingo 27 ás 18:30 con Por Mi Swing, unha agrupación lucense especializada na música swing dos anos 30, 40 e 50. Baixo a etiqueta swing  engloban moitos estilos que levan asociados uns bailes sociais moi populares na primeira metade do século XX en case todo o mundo occidental como o Lindy Hop, Claqué, Balboa, Charleston, Collegiate Shag, etc. O repertorio deste grupo engloba grandes obras co swing máis clásico sen descartar novas tendencias como o Neoswing e o Electroswing.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com