" />

Pechan o local La Máquina por graves incumprimentos da normativa e xerar inseguridade na zona

A Policía Local vén de solicitar ao servizo de Negociado do Concello que abra un expediente sancionador ao local La Máquina, sito en Camiño Real, e que adopte, como medida cautelar, a suspensión da actividade e a clausura do propio establecemento.

O Inspector Xefe, Jesús Piñeiro, trasladou esta mesma semana á rexedora de Lugo a necesidade de tomar medidas contra este negocio ante a situación de inseguridade cidadá que está a ocasionar na contorna.

Dende a xefatura do Corpo sinalan que, dende hai algún tempo tanto a Policía Local como a Policía Nacional desenvolven, con excesiva asiduidade, intervencións nesta cafetería na que, de forma reiterada, se producen altercados.

Tanto é así que, no seu informe, o Inspector Xefe cuantifica en máis dunha vintena o número de actas de denuncia que se levantaron nos últimos meses por quebrantar as restricións impostas pola COVID, entre outras, por superar o límite horario, carecer de rexistro de clientes para ceas, consumir bebidas en pé, non ter inhabilitada a barra ou superar o aforo, etc; así como a existencia de até 6 atestados da Policía Nacional por sucesos graves como liortas, agresións violentas – mesmo con arma branca -, venta de drogas e obxectos roubados, e sempre promovidos ou ao abeiro da permisividade do seu propietario, principal instigador do clima de hostilidade co que se recibe ás patrullas no exercicio do seu labor.

Un escenario que Lara Méndez pretende reverter. A alcaldesa de Lugo sinalou que “o cumprimento da normativa pola que se rexen estes negocios é unha preocupación, fundamental para o Goberno, de maneira que as directrices establecidas dende o Concello foron, sempre, as de estreitar o control aos mesmos para poñer fin aos prexuízos que poidan ocasionar. Sempre dentro das competencias que nos corresponden, queremos enviar unha mensaxe, tranquilizadora para a veciñanza pero contundente para aqueles que contraveñen a lei, de que o Concello de Lugo e a Policía Local están a actuar para conxeniar o beneficio empresarial cos dereitos de todas e todos”.

Deste xeito, Méndez lembrou o peche, o pasado mes de marzo doutro local, tamén ubicado en Camiño Real e propiedade do mesmo titular, que foi suspendido de actividade por circunstancias similares.

“Episodios como estes inciden negativamente no municipio. Primeiro porque crean un clima de inseguridade, risco e medo na poboación pero tamén porque transmiten unha elevada percepción de desconfianza que compromete a calidade de vida da veciñanza e a tranquiladade na zona, danando igualmente a imaxe do sector hostaleiro ao que, en nada, representan”, abondou a alcaldesa. “Un sentimento de malestar que pretendemos reverter, instando ás autoridades competentes a pechar este negocio para poder recuperar a convivencia pacífica coa que verdadeiramente nos identificamos todas e todos os lucenses”, concluíu Lara Méndez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo