O alumnado de 42 centros da provincia participan na 6ª Semana da Deputación na Escola

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, participou hoxe no IES Lois Peña Novo de Vilalba nas actividades da 6ª Semana da Deputación na Escola, unha iniciativa organizada pola institución provincial que ten como obxectivo divulgar entre o alumnado de Educación Secundaria a realidade e a diversidade ambiental da provincia de Lugo.

Con esta finalidade, a Deputación editou nesta edición do proxecto, o libro-manual titulado Polos camiños  Históricos. Das vías romanas á modernidade, que foi difundido entre os 42 centros participantes, de 24 concellos diferentes, e que chegará a preto de 7.500 alumnos.

Na súa visita, o Presidente tivo ocasión de conversar cos rapaces vilalbeses  sobre a actividade. “Queremos que os máis novos coñezan o patrimonio natural da nosa provincia dunha maneira lúdica e entretida, a través de actividades didácticas que poñen en valor o medio ambiente e a súa relación co ser humano”, subliñou José Tomé. “Está moi ben que viaxedes e coñezades outras realidades, pero tamén é moi importante que saibades a historia do lugar no que vivides e dos 67 concellos que conforman Lugo”.

O libro editado pola Deputación, Polos camiños históricos. Das vías romanas á modernidade, ten como fin achegar un mellor coñecemento da provincia á comunidade escolar. Está escrito por Xosé A. Perozo e contempla unha ampla selección de fotografías dos recursos naturais e patrimoniais cedidas polo Arquivo e Colectivo Patrimonio dos Ancares. É un caderno de ruta desde a perspectiva dunha personaxe viaxeira, que percorre os diferentes camiños que se poden facer pola provincia de Lugo.

Durante a viaxe, tómanse como referencia os vieiros históricos. Comézase polos camiños romanos, logo repásanse os Camiños de Santiago que percorren a provincia e a terceira alternativa é unha visita pola Ribeira Sacra. O obxectivo é acadar unha imaxe global de como as comunicacións históricas, dende os tempos da romanización, pasando pola época medieval ata chegar ao exemplo do turismo na Ribeira Sacra, contribuíron a formar a idea da provincia de Lugo. Introdúcense algúns espazos destacados -fotografía e texto- sobre as vilas e aldeas visitadas co obxecto de situar dun modo tanxible e visual o percorrido.

Así, ademais de ir repasando os valores naturais da provincia -especialmente os protexidos-, facendo fincapé nas augas, na biodiversidade, no valor patrimonial dos mesmos e na importancia cultural que supoñen, vaise analizando o impacto do ser humano no espazo natural, ao tempo que descobre como o medio ambiente e o territorio condicionan a propia cultura, dende os usos agrícolas ou construtivos ata a gastronomía e as crenzas populares.

A Semana da Deputación na Escola contempla unha serie de actividades para desenvolver co alumnado nos centros escolares. Os primeiros catro días, de luns a xoves, trabállase coa pegada de carteis no centro escolar, lectura nas aulas do libro-guía, realízanse actividades a partir da guía do profesorado e elabóranse murais colectivos e carteis individuais para promocionar o coñecemento da historia da provincia. Para concluír as xornadas divulgativas, o último día ten lugar a Festa Escolar da Provincia na Escola, na que se expoñen os murais realizados polo alumnado. Os centros participantes escollen os gañadores e interprétanse raps sobre a temática abordada.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com