A senadora do Bloque Carme da Silva, presentará o vindeiro mércores 25 de febreiro unha iniciativa no Senado na que se solicita ao Goberno de España un cambio de posición respecto ao acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur. A proposta busca que o Executivo rexeite este tratado polas posibles consecuencias que, segundo a formación, podería ter para o sector agrogandeiro galego.
A moción pretende instar o Goberno a escoitar os sectores produtivos implicados e ter en conta as súas demandas ante o impacto que podería derivarse da aplicación do acordo, que foi obxecto de mobilizacións e protestas por parte de colectivos que consideran que lles resultaría prexudicial.
Segundo expón a iniciativa, tamén se solicita que o tratado sexa sometido a debate e votación nas Cortes Xerais debido á súa relevancia e ás súas posibles implicacións económicas e sociais, especialmente no ámbito agrario e gandeiro.
O Bloque fixo un chamamento ao Partido Socialista Obrero Español así como aos populares para que apoien a proposta e revisen a posición que manteñen no ámbito europeo respecto ao acordo. A iniciativa será debatida na cámara alta dentro do calendario parlamentario previsto.






