O voceiro municipal do BNG – AA, Rubén Arroxo, informou hoxe de que o Concello de Lugo non deu resposta a dous requirimentos da Confederación Hidrográfica. A Confederación reclamáballe, ao concello, un informe sobre as alegacións presentadas, no período de información pública, ao proxecto de Zona Pública de Baño presentado polo BNG-AA para a zona de As Saamasas. Arroxo sinalou que “o segundo dos requirimentos enviados dende a Confederación Hidrográfica entrou por rexistro no concello o pasado 17 de marzo e a día de hoxe non se deu resposta”.
Arroxo manifestou a súa sopresa xa que “dende o goberno municipal estáselle esixindo axilidade á Confederación mentres que non se está dando resposta ás reiteradas peticións de informe que se fixeron dende a Hidrográfica sobre a exposición pública do proxecto de zona de baño presentado polo BNG”.
Asemade, Arroxo afirmou que ao seu partido lle gustaría que o goberno municipal actuase “coa mesma dilixencia que lle esixe á Confederación e que non prive a Lugo da zona de baño”.
A Confederación Hidrográfica remitiu dous requirimentos ao Concello de Lugo para que informase sobre a existencia de alegacións á proposta do BNG para a creación dunha zona pública de baño na zona de As Saamasas. O primeiro dos escritos foi remitido pola Hidrográfica o 5 de decembro e, ante a falta de resposta do Concello de Lugo, a Confederación remitiu un segundo requirimento o pasado 17 de marzo.
Arroxo asegurou que o PSOE “nega os informes requiridos pola Hidrográfica e bloquea a zona de Baño proposta polo BNG” e lamentou a actitude do goberno socialista.
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil requeriu, a medidados de decembro de 2016, a exposición pública do proxecto presentado polo BNG-AA para que, quen o considerase, presentara as alegacións pertinentes. Unha vez superados os 30 días do período de exposición pública, o Concello de Lugo debería emitir un informe, dirixido á Hidrográfica, certificando se houbo reclamacións, ou non, durante o plazo fixado.