O BNG-Asambleas Abertas di que o estacionamento en Lugo “vai camiño do caos”

Logo do paso dunha semana dende que rematou o sistema ORA, o BNG – Asembleas Abertas ve con preocupación a situación na que quedan as zonas de estacionamento da contorna do casco histórico.

“Estamos no mes de agosto e xa resulta difícil atopar onde estacionar, cando chegue setembro e se retome a actividade normal da cidade, isto vai ser un caos” explicaba Rubén Arroxo, quen afirma ver ao goberno municipal “cunha tranquilidade irresponsable con este tema, obviando a saturación que se poida dar cando se retome a actividade escolar e a xente regrese das vacacións. A supresión improvisada do sistema ORA converterá o mes que vén o estacionamento en misión imposible”, explica Arroxo.

Dende o grupo nacionalista volven cuestionar a fórmula na que se levou a cabo esta suspensión,  e afirman que é o momento para apostar por un novo sistema, “o cal permita estacionar de forma gratuíta durante un período limitado de tempo que podería estar nos 45 minutos. Nós xa levábamos no programa a proposta de dar un tempo limitado gratuíto, agora é o momento idóneo para executalo, permitindo así que quen vaia estacionar pouco tempo, non teña que pagar” afirmou o voceiro nacionalista.

O voceiro do BNG – Asembleas Abertas fixo fincapé en que a xestión dun sistema de control do estacionamento “non se pode deseñar nin con fins recaudatorios, nin con fins de que unha empresa veña facer negocios, senón que ten que estar pensado en que as veciñas e veciños teñan onde deixar o coche cando teñan que ir ao centro”, e a este respecto piden que se estude dende o Concello as posibilidades legais de ofrecer unha xestión directa.

Rubén Arroxo tamén quixo preguntar sobre o que vai acontecer coas persoas que traballaban no sistema ORA, e esixíu ao Concello que se teñan en conta de forma responsable. “Hai persoas que levan moitos anos aí, e unha institución pública non pode promover que da noite para a mañá queden no paro”.

Dende a organización nacionalista tamén aproveitaron para lembrar que “Lugo precisa con urxencia dun plan estratéxico de mobilidade”. Rubén Arroxo sinalou que o BNG xa está a traballar no deseño dun proxecto co fin de promover o uso da bicicleta, apostar por aparcadoiros disuasorios, avanzar na peonalización , converter novas rúas en sentido único, ou mudar os límites de velocidade entre outras cuestións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com