O BNG comprométese a poñer en marcha un sistema ferroviario público que vertebre Galicia

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e a cabeza doe lista do BNG de Lugo, Olalla Rodil, denunciaron o abandono que sofre a cidade a respecto das conexións ferroviarias e a escasa actividade da súa estación. As nacionalistas subliñaron que o BNG ten o firme compromiso de impulsar un sistema ferroviario público, o Galtren que vertebre Galicia e que dea servizo de proximidade á cidadanía cun goberno de cambio galego liderado por Ana Pontón tras o 12 de xullo.

“Unha vía sen electrificar e con moitas dificultades para chegar a outras cidades: esta é a realidade ferroviaria en Lugo”, denunciou Ana Miranda na súa visita á estación, na que tamén participou o portavoz municipal Rubén Arroxo e responsables nacionalistas da comarca. No encontro, Miranda explicou a súa propia experiencia tratando de viaxar de Vigo a Lugo: “o primeiro tren do día sae ás 17.15 da tarde e chega ás 21.26, polo que tiven que vir en coche, polo que non se pode ir e vir no día. Esta é a Galicia, Galicia, Galicia que di Feijóo”.

Para Ana Miranda esta situación é “un desleixo e un agravio, sobre todo existindo fondos europeos que poderían vir para a modernización do tren”. Neste sentido lembrou a aprobación dun fondo europeo de 320 millóns de euros do Fondo Europeo de Investimento. “Os gobernos dunha e outra cor, do PP e do PSOE están deixando fondos europeos sen executar no noso pais”, criticou a portavoz do Bloque en Europa.

“Desde o BNG queremos exercer as nosas competencias, para poder ter un tren digno, de cercanías, que una e vertebre o noso país, o noso territorio, entre a costa e o interior; e cuxos traxectos teñan un prezo normal”, explicou Ana Miranda, quen sinalou que o prezo do billete entre Vigo e Lugo é de 23,50€. “De Bruxelas a París, que son 287 quilómetros, estou en hora e media”, apuntou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com