O BNG pide aclarar se unha pantalla dificulta a visión dun semáforo na Ronda da Muralla

A formación afirma ter recibido avisos da cidadanía sobre a instalación situada á altura da Porta do Hospital

O BNG de Lugo solicitará información ao Goberno municipal sobre a colocación dunha pantalla na Ronda da Muralla, á altura da Porta do Hospital, ao considerar que pode obstaculizar a visión dun semáforo para parte dos vehículos que circulan pola zona.

Segundo explicou a formación, a instalación impediría observar correctamente a sinalización luminosa dende determinados puntos da vía. O grupo municipal preguntará se a súa localización cumpre a normativa e que administración ou entidade é responsable da pantalla.

O semáforo afectado regula o tránsito dos vehículos que continúan pola Ronda da Muralla ou acceden á rúa Xermán Alonso, en dirección á Fonte dos Ranchos.

O BNG asegura que recibiu varias chamadas de persoas que advertían desta circunstancia. A formación considera que o Concello debe comprobar a situación e, no caso de que a pantalla pertenza a outra administración, requirir a revisión da súa colocación. Se se trata dunha instalación municipal, reclama que se avalíe se debe ser trasladada para garantir unha visibilidade adecuada da sinalización.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com