O BNG reafirma no Pleno da Deputación o seu rexeitamento á ponte do Malecón de Monforte

O BNG reiterou no pleno da Deputación de Lugo celebrado este martes a súa oposición á construción da ponte sobre o Malecón de Monforte e apoiou a derrogación do convenio asinado entre a institución provincial e o Concello de Monforte para financiar parte da infraestrutura.

O deputado provincial do BNG, Efrén Castro, subliñou que a posición da formación nacionalista “foi moi clara desde o principio” e lembrou que o rexeitamento ao proxecto foi defendido en todos os ámbitos institucionais nos que o BNG ten representación.

“Estamos en contra de que se constrúa esa ponte, e defendemos esa posición en todos os espazos nos que temos representación: no pleno de Monforte, no Parlamento e na Deputación de Lugo”, afirmou Castro durante a sesión plenaria.

O deputado nacionalista puxo en valor o traballo político e social desenvolvido polo BNG de Monforte para frear unha actuación que, ao seu xuízo, “prexudica gravemente o Malecón”, un dos espazos máis emblemáticos da cidade.

Neste sentido, o deputado, defendeu a necesidade de modificar o convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello de Monforte para que os fondos provinciais inicialmente destinados á construción da ponte poidan empregarse noutras actuacións de interese para o municipio.

Co voto favorable á derrogación do convenio, o BNG reafirma a súa aposta por buscar alternativas que permitan investir os recursos públicos en proxectos que respondan ás necesidades da veciñanza sen comprometer o patrimonio paisaxístico e urbano do Malecón de Monforte

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com