O BNG reclama a posta en funcionamento da residencia do Cádavo

A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, visitou o concello de Baleira acompañada de representantes do BNG nos concellos da Montaña para coñecer a situación na que se atopa o edificio da residencia e centro de día do Cádavo-Baleira. Este edificio foi rematado hai aproximadamente un ano e “aínda non se puxo en marcha por falta de dotacións e pola inacción do goberno galego”.

A vicevoceira do BNG no Parlamento Galego sinalou que “neste edificio investíronse máis de 1,3 millóns de euros e agora está baleiro, sen actividade e sen atender os servizos para os que foi previsto”. Para a posta en marcha da residencia e centro de día do Cádavo-Baleira “compre acometer a dotación do mesmo, que está valorada nuns 300.000 euros, e afrontar todo o relativo á xestión e posta en marcha con persoal e servizos necesarios”.

Olalla Rodil explicou que “neste caso vemos, unha vez máis, como o PP tivo interese en facer a obra para dar beneficio ás empresas construtoras pero agora non interesa a posta en marcha da residencia nin do centro de día”. Rodil, mantivo unha xuntanza co representantes do BNG dos concellos da zona da montaña para analizar as necesidades e posibilidades de atención á terceira idade que se dan nesta comarca.

“Queremos que o PP nos explique por que está sen abrir esta residencia nun concello onde gobernaron dende o século pasado e no que parece que non lles preocupa que un edificio permaneza pechado e deteriorándose mentres moitas persoas que o precisan carecen do servizo para o que foi construído” afirmou Rodil. A nacionalista presentará unha emenda aos orzamentos da Xunta do ano 2017 para “conseguir os 300.000 euros necesarios para dotar o edificio”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com