O BNG reclamará no pleno da Deputación que se revisen as taxas de 60 € que o catastro está aplicando

O deputado do BNG na Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, anunciou hoxe a presentación dunha iniciativa para reclamar a revisión da taxa de regularización catastral, de maneira que se establezan bonificacións e deducións no seu importe en diversos casos. “Esta regularización, ademais do pago da taxa de 60€ por cada alta no Catastro, implicará un aumento do valor catastral do inmóbel revisado e, polo tanto, incrementará tamén a base impoñíbel de tributos como o IBI en moitos concellos da provincia”.

Ferreiro afirmou que por parte do Goberno, “para encubrir que en realidade ademais dunha actualización do Catastro tamén se pon en marcha unha ferramenta para incrementar a recadación de determinados tributos, empregouse como denominación deste proceso a expresión “amnistía catastral”, argumentando para iso que, co pago desta taxa de forma voluntaria, evítase a aplicación rigorosa da normativa catastral e evítanse multas elevadas aos titulares de inmóbeis non declarados”.

Os nacionalistas reclaman esta redución cando afecten a alteracións de entidade menor nos inmóbeis e tamén cando o mesmo suxeito pasivo sexa obxecto de diversos expedientes de regularización catastral, de forma que ingrese dunha soa vez a taxa por todos os procesos. Ferreiro explicou que se cobran 60 € por cada un dos expedentes, “así no caso de que unha mesma persoa teña modificacións na casa, na palleira e pozo cobraselles un total de 180 € e dixo que evidentemente non está adaptada á realidade do noso país xa que o propietario dun latifundio en Andalucía que faga modificacións no pazo terá que pargar unicamente os 60 €”.

“Ademais das repercusións tributarias futuras, a taxa lineal establecida, ao aplicarse por cada inmóbel obxecto do procedemento, implica unha desigualdade, respecto de regularizacións de maior entidade ou envergadura (caso, por exemplo, de ampliacións significativas de edificacións) con outras menores (pequenas obras de acondicionamento, anexos de edificacións sen valor residencial, etc). Isto agrávase no caso de fraccionamento da propiedade, característico de Galicia, onde as declaracións de regularización multiplícanse ao afectar a moitas parcelas de escasa dimensión, que aínda sumadas todas elas, apenas implican cambios relevantes dos bens inmóbeis inscritos no Catastro por un mesmo suxeito pasivo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com