O carbono 14 revela Penas de Castelo como un dos castros documentados máis antigos de Galicia

A primeira campaña arqueolóxica en Penas do Castelo segue dando resultados únicos e sorprendentes. Este xacemento situado na ladeira do Río Lor na parroquia de Salcedo, A Pobra do Brollón, foi escavado o pasado verán con financiación da Xunta de Galicia e a colaboración de Concello, Asociación Veciñal e Comunidade de Montes.

Na escavación descubriuse unha monumental muralla con seis metros de ancho e ata catro de altura. Dende aquela, moito se ten especulado entre veciños e especialistas sobre a orixe deste xacemento tan peculiar.

Os seus foxos monumentais, escavados na rocha, recordaban aos de outros castros do Courel e mesmo a xacementos como o do Castrillón en Larouco. Por outra banda, a súa situación totalmente en ladeira con moi pouca superficie aproveitable no interior e sobre todo, a súa descomunal muralla e un peculiar sistema construtivo en módulos, tiña desconcertados aos especialistas.

Durante a escavación, a edafóloga Cruz Ferro tomou unhas mostras de terra “en puntos clave do momento de construción da muralla”, comenta. Tras ser analizadas por Carbono-14 no laboratorio BETA de Miami, podemos afirmar que os resultados das datacións dan século VIII–IX antes da nosa era. “A coherencia de resultados entre as tres mostras, fainos altamente fiables”, engade Ferro.

A orixinalidade do xacemento vén dada por tratarse dun castro extremadamente temperán, polo que non resulta comparable cos castros máis “clásicos” de épocas posteriores. “Isto refléxase na propia toponimia; non é casual que se lle chame castelo e non castro. Para a sociedade tradicional, isto non era un castro como pode ser o da Roda, tamén en Salcedo”, sinalan dende o equipo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com