" />

Esta fin de semana Codex Cinema estrea o filme “Vortex” unha radiografía sobre a morte e a vellez

Esta semana chega a Codex o último filme do sempre polémico Gaspar Noé, trátase de Vortex, unha radiografía sobre a morte e a vellez que nace froito de varias experiencias persoais do director. A parella ancián protagonista está conformada polo director italiano Dario Argento,
prestixioso mestre do xénero de terror giallo, e Françoise Lebrun, imprescindible actriz francesa dende que comezou a súa andaina nos anos setenta. A película foi presentada no Festival de Cannes de 2021 e acadou o premio á mellor película na sección Zabaltegi Tabakalera do Festival de San Sebastián dese mesmo ano.

Vortex narra o ocaso dunha parella de anciáns. El ten problemas de corazón, ela padece Alzeheimer, xunto a eles está o seu fillo, interpretado por Alex Lutz. Asistimos ao día a día deste matrimonio e vemos como confrontan as súas enfermidades e o paso do tempo. Noé, quen sempre tivo un estilo moi visual e unha narrativa rupturista, suaviza a súa proposta neste filme. Filmado a dúas cámaras a pantalla aparece sempre dividida en dous, poñendo así o foco individual en cada personaxe para ofrecer, en palabras do propio director, “unha parella amable que desexes abrazar”.

Noé partiu de experiencias persoais para afrontar este proxecto, os seus avós, a súa nai ou mesmo a súa sogra sufriron problemas de degradación similares aos amosados no filme.
Ademais o propio director tivo un derrame cerebral en 2020 do cal recuperouse satisfactoriamente. Vortex rodouse en plena pandemia, cun guión de só dez páxinas con marxe para que os intérpretes improvisasen e incorporasen ideas segundo avanzaba unha rodaxe que durou vinte e cinco días.

Nacido en Bos Aires e afincado en Francia onde realizou a maior parte da súa obra, Gaspar Noé é un cineasta de culto, cunha traxectoria que case sempre vai da man da polémica. Súas son Carne (1991), Seul contre tous (1998), Irréversible (2002), Enter the Void (2009), Love
(2015), Climax (2018) e Lux Æterna (2019). A violencia, representada de maneira crúa e realista, é un tema tema fundamental no seu cine, o seu estilo pode pasar do frenesí á calma; cómpre suliñar recursos estilísticos como o uso de cámara en man en continuo movemento, encadramentos confusos ou pouco usuais e montaxe rápida contrapostos a travellings moi limpos, composición coidada, ritmo lento e planos de longa duración.

Poden consultar toda a programación en: www.caldiae.gal

Logo desta última fin de semana de xullo Codex pechará durante o mes de agosto por descanso. En setembro abrirá de novo e retomará a súa programación habitual, traendo a Lugo o mellor cine independente e de autor que se estrea en salas comerciais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo