O Colexio Oficial de Traballo Social publica o primeiro documental sobre a situación da vivenda en Galicia

A peza A vivenda, un ben social?, é un documental do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), que contou coa subvención da Deputación da Coruña e que dirixiu a traballadora social lucense Sagrario Fernández. A parte técnica foi desenvolvida por Xosé Bocixa. A peza aborda o dereito a un fogar digno en Galicia desde a ollada do Traballo Social. Na película, de 75 minutos de duración e que pode ser vista de balde na web do Colexio de Traballo Social de Galicia, achéganse testemuñas de persoas usuarias e de profesionais dos servizos sociais, así como de académicos e políticos.

“O documental xurdiu porque tiñamos moitos problemas para dar alternativas habitacionais desde os servizos sociais. Entón, unha compañeira e mais eu fixemos un estudo das axudas que había para poder acceder a unha vivenda. Atopámonos con que as axudas nin sequera chegaban á xente, é dicir, os requisitos eran tales que precisamente as persoas con menos posibilidades eran as que máis quedaban fóra do sistema, debido a que por unhas cousas ou por outras non cumprían os requisitos. As axudas máis xeneralizadas que eran as subvencións ao aluguer non daban para satisfacer a demanda nin da metade dos solicitantes; á parte de que moitas veces os prazos para solicitalas eran mínimos”, explica Fernández.

Fernández explica que non existe “absolutamente ningunha liña” de axudas que estea aberta para alugueiro de vivenda máis aló do bono social de aluguer (axudas para cando hai desafiuzamentos, catástrofes ou violencia de xénero), pero o requisito é estar xa nunha casa de acollida, situacións que son as mínimas. Aínda por riba, a concesión pode realizarse non onde a persoa vítima ten os fillos, familia ou un modo ou desexo de vivir, senón onde o Instituto Galego da Vivenda e Solo ten casas ou pisos dispoñibles. Desde o Colexio de Traballo Social explican que “a vivenda estase convertendo no principal factor de exclusión, xa non unicamente residencial, senón social no sentido máis amplo”. Ao fío disto engaden que “as persoas destinan de media entre un 30% e un 40% do salario ao pago de vivenda: isto supón que aquelas con menos recursos empregan máis desa cantidade, máis do 50% moitas das veces. E tamén é preciso subliñar que unha pensión non contributiva rolda os 400€ ao mes, unha cifra incompatible cos prezos dos alugueiros que deixa a moitas persoas en situacións moi precarias”.

Desde a institución tamén se remiten ao Informe FOESSA sobre Exclusión y Desarrollo social en Galicia 2019 , que di que 1 de cada 5 galegos está en situación de exclusión social. “O 64,9% das persoas en exclusión atópanse afectadas por esta dimensión. No informe ponse de relevo que o elemento de maior exclusión é a vivenda: o 28,3% da poboación reside en vivendas inseguras e o 18,9% en vivendas insalubres, constatándose cada vez un aumento da feminización da pobreza”, explican.

Por outra banda sinalan que “non existen alternativas para as persoas que viven na rúa, seguimos falando de albergues e a maior parte deles son só para uns días. Cómpre falar de estabilidade, de vivenda digna, seguridade, intimidade e condicións hixiénicas axeitadas. Todo isto lévase a cabo cunha vivenda digna, pero tamén con unha intervención social e acompañamento que procuren e promovan unha axeitada inserción social”.

Desde a institución afirman que “en Galicia tocamos a unha vivenda por persoa e media e a porcentaxe de vivendas ocupadas por unha soa persoa de máis de 65 anos é do 25%”. Porén segue a “alimentarse o monstro da construción”. En definitiva, o documental pretende transmitir “a necesidade imperiosa dunha Lei de Vivenda que garanta o dereito subxectivo á vivenda, medidas que fagan mobilizar o parque de vivenda e non favorecer os grandes propietarios e especuladores, os cales atopan a porta aberta á dominación dun ben que é esencial para os galegos e galegas. Polo tanto, poderíase falar de que a carencia dun fogar digno é un modo de violencia, porque ese ben común e esencial queda sometido á explotación duns poucos e tamén a uns recursos naturais e escasos. Bótanse en falta axudas á rehabilitación e en xeral ás políticas de alugueiro”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com