O Concello aborda a modificación de 9 Ordenanzas para adaptalas ao actual marco normativo

O Concello de Lugo vén de anunciar un novo proxecto de revisión de nove ordenanzas municipais que abordarán a modificación de outros tantos gravames para seren adaptados ao actual marco normativo. “Son pequenos cambios semánticos na redacción dos preceptos das distintas Ordenanzas Fiscais, xustificados na necesidade de evitar interpretacións forzadas ou erróneas das mesmas que se foron constatando durante a súa aplicación, sen que esas modificacións supoñan ningunha alteración cualitativa xa que manterán inalterado o seu espírito e contido”. Deste xeito é como a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, resumía este proxecto.

Entre as novidades, en 2020 non será preciso pagar a Plusvalía sempre que se certifique que na transacción non houbo ganancias. Así, o goberno local adecúa esta ordenanza fiscal ás novas incorporadas no Imposto de Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana, como consecuencia da sentenza ditada polo Contencionso Administrativo do TSXG. “É dicir, a partir de agora xa non será necesario abonar estas cantidades para despois solicitar a súa devolución no caso de non existir beneficios na operación, como se viña facendo ata o de agora”, segundo Alvarellos.

“No que ten que ver coa prestación de Servizos nas Escolas Infantís municipais, realízase unha actualización normativa e outros pequenos cambios sobre como acreditar o importe dos ingresos familiares, como solicitar descontos por estar matriculados varios fillos ou como xustificar as ausencias do alumnado e os períodos vacacionais”, explicou a edil.

Do mesmo xeito, o Concello anuncia a inclusión das cerimonias de benvida cidadá e acollemento civil entre os actos que contempla a Ordenanza por Expedición de Documentos Administrativos “que se ben non varía o seu importe, si inclúe dentro dos actos que contempla, a realización de vodas de prata e ouro, e de cerimonias de acollemento civil; novos servizos que se axustan ás novas demandas sociais e ás que hai que darlle  unha correlación fiscal”.

Por outra banda, nesta revisión, a primeira do mandato, procedeuse a expresar con maior claridade os distintos supostos de ocupación da vía pública, dentro da taxa que aborda o seu aproveitamento, “un texto no que foi necesario, asemade, derrogar un pequeno apartado relativo ao Solo, Subsolo e Voo para dar cumprimento a unha sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número de 2 de Lugo en relación ao uso de redes compartidas”, abondou a responsable da área económica.

Paula Alvarellos advertiu doutras novidades, como é a introdución dunha bonificación do 75% no imposto da Rodaxe para os vehículos menos contaminantes, dentro da estratexia de acadar unha cidade máis sostible e doutra do 95% no IBI para as actividades económicas agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario.

“Do mesmo xeito buscouse unha mellor coordinación entre dúas Ordenanzas vencelladas de por sí como son as Taxas pola Prestación de Servizos Urbanísticos e o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras, co obxectivo de harmonizalas, establecendo námbalas dúas unha rebaixa do 50% para actuacións de rehabilitación integral de viviendas no ámbito do PEPRI e do 40% no dos ARI e esixindo, no caso das edificacións no rural, a súa inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia”, subliñou a edil quen igualmente anunciou algunhas transformacións na Ordenanza Fiscal Xeral na que agora se contemplará o establecemento dun tope mínimo para a derivación de débedas atendendo a criterios de eficiencia así como a posibilidade de pagamento dos tributos mediante diferentes modalidades nas que se inclúen os sistemas electrónicos co fin de evitar que os contribuíntes teñan que realizar estas operacións obrigatoriamente de forma presencial nas entidades bancarias.

Logo de ser hoxe visado pola Xunta de Goberno, o proxecto de modificación deberá elevarse ao Pleno para a súa aprobación inicial e, a continuación, someterse a exposición pública durante 30 días para que os interesados poidan presentar as alegacións que estimen oportunas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo