O Concello aclara que a Escola de Música “non vai pechar” pese a sentenza do TSXG

O Concello de Lugo emitiu esta tarde un comunicado no que aclaran que a Escola Municipal de música “non vai pechar”, pese a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que impide que os membros da Banda Municipal de música poidan dar clase na Escola Municipal. Esta mañá a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciaba que o Goberno local estuda recorrer esta sentenza que chega tras unha denuncia do sindicato C-SIF. A central sindical levou aos tribunais a modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello para que os músicos da banda puideran exercer tamén como docentes co correspondente aumento do salario.

Lara Méndez sinalou esta mañá que cabe a posibilidade de recorrer esta sentenza xa que “hai xurisprudencia ao respecto” no caso de que se motive “a excepcionalidade do caso”. “Non hai nada máis excepcional que crear un novo servizo como se creou no seu día o da Escola de Música que está moi ben valorado entre os lucenses”, subliñou Méndez. Deste xeito a rexedora pedía “tranquilidade” e prometeu que dende o Concello se seguirá apostando por este servizo.

Postura da oposición

Os concelleiros de Lugonovo solicítanlle á alcaldesa a convocatoria dunha comparecencia urxente para aclarar cal vai ser o futuro da Escola de Música. “Queremos saber as consecuencias que esta resolución xudicial terá para a institución e como vai afectar ao desenvolvemento do curso, xa iniciado”, inquire Cristina Pérez Herráiz.

Desde o BNG e ACE-Esquerda Unida reclamaron a convocatoria urxente da Xunta de Portavoces para abordar este tema. O voceiro dos nacionalistas, Rubém Arroxo destacou a necesidade de asegurar o caracter público e a continuidade da Escola e lembrou que “se trata do último servizo público polo concello de Lugo e a día de hoxe atende a preto 1.000 persoas”. Na mesma liña,  o concelleiro de Ciudadanos, Xesús Expósito, afirma que “non se pode poñer en risco un servizo moi demandado pola cidadanía”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com