O Concello adquire un novo camión de bombeiros e un equipo de radiocomunicacións dixital para a Policía

A Xunta de Goberno aprobou este xoves a adxudicación de dous novos equipamentos para os servizos de bombeiros e a Policía Local de Lugo por un importe total de 530.000 euros. O voceiro municipal, Miguel Fernández, explicou, por unha banda, que a subministración dun novo camión de bombeiros, un vehículo autobomba nodriza pesada para o servizo de extinción de incendios e salvamento. Na adxudicación tívose en conta unha serie de melloras ofertadas pola firma, que van, segundo explicou o concelleiro, dende o aumento de prazos de garantía e condicións para o chasis, o carrozado e o equipo de bomba do vehículo, á subministración e instalación dunha cámara de visión traseira, un posto secundario de atención remota do equipo de radio e un equipo de balizas recargables.

Por outra banda, adxudicouse a subministración dunha rede de radiocomunicacións dixitais, de voz e datos, para o operativo da Policía Local á empresa Vehículos, Equipamentos e Carrocerías Prieto-Puga SL por un importe de 190.835,29 euros. Na oferta, asegurou Miguel Fernández, valoráronse melloras como o tempo de resposta ante avarías críticas ou do sistema completo de dúas horas dende o aviso dado polo Concello ou cinco equipos portátiles completos.

Asemade, a Xunta de Goberno de hoxe aprobou a adxudicación do servizo educativo e de comedor e limpeza nas escolas infantís municipais Luis Loto Menor e María Wonenburger á Fundación de Estudos e Análises (FESAN) por un importe total de 430.000 euros: 212.207,95 euros para a primeira anualidade no caso do primeiro centro e de 217.934,01 euros para a primeira anualidade no caso do segundo. En ambos os dous casos, a proposta da adxudicataria inclúe un incremento sobre as retribucións do salario base do 2% sobe o establecido no convenio colectivo de ámbito estatal de centros de asistencia e educación infantil.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com