O Concello autoriza a transformación do Pazo de Velarde

A Xunta de Goberno Local vén de outorgar esta mañá a licenza para transformar o Pazo de Velarde co fin de convertelo nun centro diocesano e casa de misericordia. A solicitude, formulada pola Diócese de Lugo, para readaptar e rehabilitar parcialmente un dos edificios máis emblemáticos da Praza de Santo Domingo, foi estimada polo Concello logo de recibir, o pasado 13 de xaneiro, a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para realizar o proxecto de control arqueolóxico.

As obras, que contan cun orzamento de 1.186.055 euros, deberán executarse nun prazo de 30 meses. Este, foi un dos asuntos máis relevantes que se abordaron na sesión desta semana, na que tamén se concederon outras catro intervencións urbanísticas trasladadas dende a área de Urbanismo do goberno de Lara Méndez.

Entre as máis destacadas figura a reestructuración total dunha edificación na rúa Nova destinada a uso residencial (227.977 €), a legalización dun adosado xa existente e a creación dunha nova corte nunha explotación gandeira de vacún de leite de 127 cabezas en San Martín de Piñeiro (213.266 €) así como a reforma e ampliación do edificio auxiliar dunha estación de servizo sita na Rolda da Muralla (71.856 €) e a construción dunha vivenda unifamiliar en Mazoi (95.303 €).

Capela do Carme

Doutra banda, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou hoxe a Capela do Carme, templo no que urxe unha reparación do seu tellado xa que o seu mal estado pon en perigo a riqueza patrimonial dos séculos XVIII e XIX que atesoura no seu interior. Acompañada do presidente da Confraría da Virxe do Carme, Antonio de los Ojos, a rexedora anunciou que o Concello subvencionará con 70.000 euros o arranxo total da cuberta, actuación que conlevará, ademais, o cambio da lousa e os canlóns, o illamento exterior e a eliminación das  humidades.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com