O Concello avanza na licitación das obras dos 7 aparcadoiros disuasorios

A alcaldesa de Lugo deu a coñecer hoxe o proxecto técnico de acondicionamento de 7 aparcadoiros disuasorios en distintos puntos da cidade que, cunha superficie total de máis de 6.000 metros cadrados, ofrecerán 203 novas prazas públicas e gratuítas. Unha vez concluída a elaboración dos pregos de contratación hoxe mesmo, a rexedora espera que esta semana a Xunta de Goberno, en sesión extraordinaria, aprobe a licitación das obras, que contan cun investimento conxunto de 350.000€ e un prazo de execución de 5  meses.

Polo tanto, a previsión da alcaldesa é que a principios do vindeiro ano os 7 novos aparcamentos públicos e gratuítos estean dispoñibles. Esta nova actuación, a terceira de gran calado que saca adiante o Goberno en tres semanas (tras as da instalación do ascensor de Fontiñas e o acondicionamento do aparcamento público enfronte do HULA), neste caso grazas á incorporación de remanentes de crédito despois da Liquidación do Orzamento 2017, responde ao “modelo de cidade e á estratexia de mobilidade que temos deseñada, con medidas complementarias e interconectadas que segundo vamos implantando cobran sentido”, explicou a rexedora, aludindo, como exemplo, ás zonas 30 con convivencia de bicicleta, as peonalizacións de Quiroga Ballesteros e A Milagrosa, a humanización da
avenida Infanta Elena… Todo co obxectivo de diminuír o uso do vehículo privado, o que contribuirá a “mellorar a calidade de vida e a comodidade dos lucenses ao reducir a contaminación, tanto ambiental como acústica”.

O proxecto dos aparcadoiros disuasorios que deu a coñecer a alcaldesa baséase nun estudo técnico previo, elaborado durante o ano pasado, sobre posibles localizacións para aparcamentos en superficie en fincas de titularidade municipal e coa cualificación urbanística de equipamento comunitario. Os criterios que se tiveron en conta foron as rúas de acceso, o número de aparcamentos públicos nos arredores, o carácter máis ou menos comercial das zonas e o número de prazas posibles en cada parcela, entre outros.

As localizacións dos 7 aparcamentos serán na rúa Alcalde Manuel Portela, en Garabolos; rúa do Buxo, en Lamas de Prado; na rúa Reverendo Xosé Fernández Núñez, no barrio da Milagrosa; na rúa Pedro González López, no centro da capital lucense, no que tamén se situará un aparcadoiro na rúa Jacinto Calvo Senador; na rúa Xosé Novo Freire, no entorno da avenida de Madrid e na rúa Paradai de Arriba.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo