A presión exercida entre a cidadanía e os grupos da oposición do Concello de Lugo levou ao goberno local a verse na obriga de revisar todas as reclamacións dos recibos da auga por cobros excesivos e xa se confirmou que están a comunicar aos lucenses que devolvan os recibos que presentan cobros indebidos para poder recalcular os consumos.
O voceiro do Partido Popular no Concello, Ramón Carballo, lembrou que dende o seu grupo levan meses axudando aos lucenses a realizar as reclamacións oportunas ante os cobros indebidos.
O popular recrimina que tanto o PSOE como o BNG tiveron tempo suficiente para reaccionar, pero non o fixeron ata que se acumularon demasiadas reclamacións das que destaca que a maior parte das que se presentaron ante a comisión de queixas e suxestións foron por cobros excesivos nos recibos da auga, chegando algún mes a ser o 91% das peticións sobre esta problemática de facturas sobredimensionadas, moitas delas ademais sen resposta e fóra de prazo para dar unha solución aos veciños.
Na comisión de queixas e suxestións de hoxe tamén se abordou o resumo das queixas presentadas durante o ano 2020, un informe que deixa datos moi reveladores, como que Lara Méndez, Rubén Arroxo e Álvaro Santos son os concelleiros que máis queixas reciben por parte dos lucenses.
Explica Carballo que “queda claro cales son os concelleiros que máis problemas xeran aos lucenses e lonxe darlles solucións vemos como o que fan é complicar aínda máis a vida á cidadanía”.