O Concello conxela impostos e taxas na nova Ordenanza Fiscal

A edil de Gobernanza presentou onte os principais cambios que recollerán as Ordenanzas en 2022. Estarán baseados, tal e como avanzou a rexedora con anterioridade, na conxelación dos impostos e de todas as taxas de maneira que as modificacións obedecen, na maioría dos casos “a variacións semánticas na redacción dos preceptos, xustificados na necesidade de adecualas, nalgúns deles, ao actual marco normativo ou para redundar nunha mellor comunicación dos contidos, concretando a súa definición, sen alterar – polo tanto – o seu espírito”, afirmou a tenente de alcaldesa.

Deste xeito a revisión efectuada este ano afectará, entre outras á Ordenanza Fiscal Xeral,que incorporará cambios relativos, fundamentalmente, a regular a relación entre administrado e Administración no que ten que ver coa tramitación electrónica e coa incorporación dos documentos que resultan necesarios para abordar diferentes procedementos.

Mentres que na Ordenanza Fiscal Reguladora das Taxas polo Servizo Municipal de Subministración de Auga Potable a Domicilio, “e co obxectivo de ampliar información ás e aos usuarios, se clarifican os casos polos que se rexe o consumo estimado no caso de inexistencia de lectura do contador”.

Maior alcance tivo a revisión efectuada á Ordenanza Fiscal Reguladora das Taxas pola Prestación do Servizo de Mercadona que – segundo explicou a concelleira – “a principal novidade é que pasa a contemplarse a utilización das instalacións para a realización de actividades culturais, sociais, deportivas, etc así como as súas tarifas correspondentes”.

A edil de Gobernanza referiu igualmente que, con vistas ao vindeiro curso escolar 2022 – 2023, a Ordenanza Fiscal Reguladora das Taxas pola Prestación de Servizos nas Escolas Infantís contemplará a gratuidade da escolarización para segundos fillos e sucesivos

A responsable da área económica destacou, por outra parte, a modificación das Ordenanzas Fiscais Reguladoras das Taxas por Aproveitamentos Especiais da Vía Pública e con Entradas de Vehículos e Reservas da Vía Pública, ou o que é o mesmo, os vaos, e as terrazas.

Se ben no primeiro caso só foi preciso mudar a redacción da Disposición Transitoria que regula a exención temporal da taxa por ocupación da vía por terrazas de hostalaría para que poida estar vixente tamén neste 2022, para a segunda o que fixemos foi contemplar novos importes para as pasaxes comerciais limitadas, con horario laboral de 08:00 a 20:00 horas, agás domingos e festivos, segundo un novo estudo de custos que se elaborou tendo en conta as reivindicacións que nos trasladou a cidadanía”.

A edil destacou que, deste xeito, as tarifas dos vaos comerciais con ese horario limitado, diminuirán practicamente á metade, sendo a medida de aplicación inmediata trala súa aprobación o que repercutirá xa no padrón que se elabore no mes de outubro, previo á emisión dos recibos. 

A tenente de alcaldesa avanzou tamén outros dos cambios abordados este ano que suporán unha nova redacción para a Ordenanza Fiscal Reguladora da Taxa polo Aproveitamento Especial do Dominio Público Local por Instalacións de Transporte de Enerxía Eléctrica, Gas, Auga e Hidrocarburosasí como a adaptación á actual doutrina xurídica que, con relación á Ordenanza Fiscal Reguladora do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica, reitera que non cabe equiparación automática entre a incapacidade permanente total e a minusvalía do 33% de discapacidade, grao co que se obtén a exención da tributación por este imposto. Inclúese ademais a documentación esixida para acreditar tal condición.

Finalmente, a edil salientou “o impulso que suporá para a simplificación administrativa – en tanto favorece a tramitación telemática – e para a liquidez das arcas municipais a aplicación da Sentenza do Tribunal Constitucional e do Real Decreto 26/2021 de 5 de marzo pola que pasará a regularse a Ordenanza Fiscal Reguladora do Imposto Sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana, dando a posibilidade aos contribuíntes de escoller a fórmula de cálculo que consideren máis axeitada e proceder á súa autoliquidación”.

Logo de ser onte visado pola Xunta de Goberno, o proxecto de modificación deberá elevarse ao Pleno para a súa aprobación inicial e, a continuación, someterse a exposición pública durante 30 días para que as persoas interesadas poidan presentar as alegacións que estimen oportunas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com