O Concello de Lugo adapta os seus servizos ás restricións da Xunta: así funcionarán

Tralas novas restricións adoptadas para frear a propagación do Coronavirus, o Concello de Lugo informa que os prinicpais servizos municipais se manteñen malia a que algunhas das instalacións deban permanecer pechadas. As limitacións afectan principalmente ao eido cultural e deportivo onde foi suspendida practicamente o total da actividade.

Dende a Administración Local lémbrase á cidadanía que as dependencias da Praza Maior e do Edificio Administrativo do Seminario contiuarán abertas e que só se poderá acceder ás mesmas en horario de mañá, baixo estritos controis de acceso e aforo e logo de solicitar cita previa a través do 010 para poder acudir aos respectivos servizos.

Dende a área de Deportes, informan de que durante as vindeiras semanas todas as instalacións municipais habilitadas para a práctica deportiva na cidade quedarán pechadas ao público de maneira que a súa utilización queda restrinxida exclusivamente aos usos autorizados pola Xunta entre os que se atopan os clubs que participen en ligas federadas a nivel nacional que manteñan as competicións.

Pola súa banda, dende a área de Benestar Social, sinálase que os centros sociais continuarán pechados, como ata o de agora, para a convivencia comunitaria de maneira que seguen sen impartirse actividades grupais e/ou lúdicas. Tamén seguen pechados ao público as salas de lectura e de lecer. Porén os Centros están abertos para a atención cidadá, sempre con cita previa e preferentemente telefónica aínda que naqueles casos que sexa preciso se realizará de forma presencial.

Igualmente permanece habilitado o servizo Acompañámoste dirixido á terceira idade e aos menores en situación de vulnerabilidade a través do cal o Concello de Lugo realiza un seguimento telefónico diario e en diferentes franxas horarias, que contarán con soporte técnico para aqueles casos nos que se detectan necesidades específicas que requiran accións concretas. En canto ao Fogar do Transeúnte a área de Benestar traslada que mantén as súas prestacións e que se dará cobertura á demanda que poida xurdir.

Do mesmo xeito, a Casa da Xuventude e a Casa da Música están obrigadas a pechar ao público aínda que se mantén a atención á mocidade que se realizará de forma telefónica. As asesorías psicolóxicas e xurídicas e a atención na Casa da Muller – considerada servizo esencial – se realizan segundo o previsto e cos mecanismos xa establecidos dende o inicio da pandemia.

Zonas públicas ao aire libre

En canto ás zonas públicas da cidade, como parques e xardíns, dende a área de Medio Ambiente se traslada que todos estes espazos permanecerán abertos ao uso da cidadanía aínda que se insta á poboación a acatar as limitacións autonómicas en canto á súa utilización de maneira individualizada ou coa compañía dun único convivinte así como a manter as pautas de hixiene e a empregar tanto á máscara como solucións hidroalcohólicas desinfectantes tralo contacto co mobiliario urbano como poden ser os elementos de xogo ou os circuítos biosaudables.

Igualmente, procederán a instalarse unha ducia de cabinas sanitarias en distintos puntos da cidade, a meirande parte delas adaptadas a persoas con mobilidade reducida, dando resposta, deste xeito, a unha demanda veciñal xurdida polo peche dos locais de hostalaría. Dotacións que serán aseadas e desinfectadas, tanto interior como exteriormente, dúas veces ao día.

Así mesmo, ás persoas que deban permanecer confinadas seguen a dispoñer dun servizo especial de recollida de lixo a domicilio. Un dispositivo que ten como obxetivo frear a propagación da pandemia tanto entre a cidadanía como entre o persoal que se encarga da retirada e tratamento dos residuos. Pode solicitarse a través da Policía Local, facilitando os seus datos persoais e é totalmente gratuíta.

Toda a actividade cultural prevista no Auditorio Municipal durante os días que duren as novas restricións será reprogramada. Unha vez se autorice a reapertura das instalacións culturais, publicarase a nova data de todas as actividades afectadas. A área de Cultura continúa a aposta pola cultura segura, e nos vindeiros días avanzará programación para un Entroido con actividades telemáticas. A Escola Municipal de Música e as Escolas Infantís Municipais manterán a súa actividade, aplicando estritamente os protocolos elaborados para as distintas instalacións.

A Praza de Abastos e o Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros adaptarán o seu horario á nova limitación de apertura deste tipo de instalacións seguindo as directrices marcadas pola Xunta do mesmo xeito que o Mercado de Frigsa, que se adaptará ás directrices decretadas.

Xa para concluír, todos os servizos manterán o seu horario habitual e sinálase que o persoal municipal pode acollerse ao teletraballo, sempre e cando as dinámicas do departamento ao que pertencen o permitan e quede garantido o servizo público á veciñanza.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com