" />

O Concello de Lugo ampliará o programa de acompañamento de persoas maiores ‘Acompañámoste’ para atender a menores vulnerables

O executivo de Lara Méndez, a través da concellería de Benestar, Inclusión e Maiores, reforza o programa Acompañámoste de atención ás persoas maiores que viven en soidade, que se puxo en marcha co inicio da pandemia para dar apoio a este colectivo. Este servizo, ademais, ampliarase para axudar aos menores en situación de especial vulnerabilidade. As novas liñas foron presentadas pola alcaldesa de Lugo, acompañada da edil Olga López.

Méndez lembrou que unha cuarta parte do total da poboación de Lugo, preto de 22.000 persoas, teñen máis de 65 anos. Esta situación de pandemia, convírteas no principal sector de risco, non só sanitario, senón tamén desde un punto de vista de benestar persoal e mental “xa que observamos un aumento de persoas maiores que viven nun estado e nun sentimento de soidade non desexada”. Actualmente, se contabilizan 5.000 persoas nesa situación, “pero cremos que a cifra creceu a causa da emerxencia sanitaria”, comentou a rexedora.

A alcladesa destacou a necesidade de impulsar o programa Acompañámoste “xa que a saúde psicolóxica e emocional de moitas persoas está a verse seriamente afectada e estar xunto ás persoas queridas, especialmente en situacións dolorosas volveuse difícil ou imposible en moitos casos. Existe neste colectivo medos ao esquecemento, ao desgaste mental, ao sedentarismo, a falta de asistencia e a incomunicación”. Por iso, o Concello non esperará a que estas persoas soliciten axuda, senón que sairá a detectalas a través da creación de “grupos de rúa” que, traballando man a man cos servizos sociais municipais, as farmacias, as tendas locais, realizarán unha labor carácter comunitario.

En función dos casos detectados por áreas de influencia dos centros sociais do Concello de Lugo, a edil de Benestar, Olga López, avanzou que se executará un seguimento semanal das intervencións con cada persoa incluída no programa para levar un maior control das súas necesidades. Tamén realizarán un seguimento telefónico diario e en diferentes franxas horarias, que contarán con soporte técnico para aqueles casos nos que se detectan necesidades específicas que requiran accións concretas.

Por outra banda, se desenvolverá un servizo de apoio emocional en casos de situacións de ansiedade e angustia, tendo en conta a enorme afectación do estado emocional e anímico que está a ter esta situación nas persoas de máis idade. Estas accións veranse reforzadas a través de envíos de mensaxes por SMS ou WhatsApp, que lles axuden a sentirse acompañados. Levaranse a cabo con aquelas persoas que dispoñan dos medios técnicos, e valoraranse pór a súa disposición estes medios naqueles casos que non sexa así.

A alcaldesa e a concelleira anunciaron que nesta nova etapa o Acompañámoste se amplía co fin de apoiar aos menores, aos nenos e nenas de Lugo, colectivos especialmente vulnerables, co fin de evitar que a fenda dixital lles afecte a súa aprendizaxe. “Non todos os estudantes poden acceder a Internet para seguir o curso escolar nin todos os que acceden fano en igualdade de condicións”, sostivo a acaldesa. Con este fin, a área de Benestar facilitará tanto tablets como USB de Internet para atender estas necesidades durante o curso escolar, así como apoio de reforzo ás clases sempre que sexa necesario.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo