A Xunta de Goberno Local de Lugo aprobou este mércores a constitución da Mesa Local de Comercio, un órgano consultivo e de coordinación orientado ao impulso da actividade comercial e á protección das persoas consumidoras.
Segundo informou o Concello, a última reunión deste órgano celebrouse en novembro de 2021. A sesión constitutiva da nova etapa da Mesa está prevista para o próximo 9 de xuño e contará coa participación da Federación de Comercio, a Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, Lugo Monumental, FACUA e representantes dos grupos municipais da corporación.
No ámbito urbanístico, o executivo local deu luz verde á concesión dunha bonificación fiscal vinculada á rehabilitación integral dun inmoble situado na rúa da Cruz, no centro histórico da cidade.
A actuación permitiu a recuperación dun edificio destinado a catro vivendas e un local comercial, cumprindo os requisitos establecidos no marco do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI). O acordo contempla unha bonificación do 50% no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) e na taxa urbanística, así como a devolución de 7.831,83 euros ao promotor, aos que se engadirán os xuros correspondentes.
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local resolveu o procedemento para a concesión da explotación da cafetería situada no Miradoiro do Parque Rosalía de Castro.
Ao concurso presentáronse dúas ofertas e a concesión foi adxudicada a Aigor Romo Rodríguez por un canon mensual de 1.650 euros. Segundo os datos facilitados polo Concello, esta contía suporá uns ingresos anuais de 19.800 euros para as arcas municipais. A concesión terá unha duración inicial de dous anos e poderá ser prorrogada ata un máximo de dez.






