" />

O Concello inicia a ampliación do abastecemento nas Saamasas que dará servizo a 16 edificacións

Os edís de Medio Ambiente, Álvaro Santos, e de Medio Rural, Miguel Fernández supervisaban estes días o inicio das obras de ampliación da rede de abastecemento nas Saamasas. Unha intervención proxectada xa durante o anterior mandato de Lara Méndez e que se incluía dentro do Plan de Barrios, cunha dotación económica de 56.444’81 euros.

“A actuación, que terá un prazo de execución de tres meses, persegue dotar á veciñanza desta zona dun servizo básico, tendo en conta que a maioría dos domicilios da contorna se surten de pozos particulares”, indicou Álvaro Santos que tamén explicou que os traballos suporán darlle continuidade ás canalizacións que xa existen nas proximidades.

“Agora mesmo, o cruzamento da ponte sobre a N-VI xa dispón desta infraestrutura, e a traída pública chega ata o aliviadoiro que executou a Confederación Hidrográfica polo que, atendendo á demanda veciñal e ao compromiso do goberno adquirido ao respecto, deron comezo os traballos que beneficiarán a 16 edificacións completando as instalacións nesta parte da capital”, abondou o concelleiro.

As tubaxes proxectadas conéctanse nun punto co abastecemento municipal existente, configurándose como unha rede ramificada. Considerándose este o procedemento máis adecuado xa que se trata de atender as necesidades dunha poboación rural, con vivendas dispersas, núcleos pequenos e un desenvolvemento da poboación practicamente lineal.

O responsable de Medio Ambiente explicou tamén que “para evitar sedimentacións dentro da rede e acumulacións onde a velocidade é baixa, inclúese nos finais de cada ramal bocas de rega ou de incendio, para facer limpezas frecuentes e eliminar os posibles restos que queden depositados e que ademais da súa función propiamente dita permitirán o baleirado e purgas da rede de distribución. Proxéctase igualmente a instalación de válvulas de comporta en distintos puntos, que permitirán o seu peche por tramos ante calquera situación anómala que se poida producir”.

Santos Ramos referiu que o material de construción das tubaxes, revestimentos, soldaduras e accesorios non transmitirán a auga substancias ou propiedades que contaminen ou empeoren a súa calidade e que, previamente á posta en funcionamento da nova rede realizarase un lavado e desinfección das canalizacións.

Dende Medio Ambiente infórmase tamén que a gabia para a instalación da tubaxe estase a executar nun dos laterais da calzada e as correspondentes ás acometidas domiciliarias realizaranse de forma perpendicular ao eixo do vial, procedendo posteriormente á reposición de pavimentos a base de regos asfálticos, para o que será preciso tamén acometer a demolición do firme da calzada, previa retirada de tapas e rexistros en superficie de servizos públicos e privados, desmonte dos elementos de iluminación pública e mobiliario urbano etc.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo